Saltar ao contido

Media coroa do Centenario de Nova Zelandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Media coroa do Centenario
de Nova Zelandia
[1]






A/: Busto sen coroa de Xurxo VI cara á esquerda, con lenda arredor. Marca de gravador baixo o busto: HP.

Lendas: GEORGE VI KING EMPEROR

R/: Muller maorí en pé cos brazos estendidos, con roupa tradicional. Atrás, a un lado arquitectura tradicional e ao outro moderna, cun Sol radiante encima. Lenda arredor e datas abaixo

Lendas: NEW ZEALAND CENTENNIAL / HALF CROWN / 1840 1940.

A media coroa do Centenario de Nova Zelandia é unha moeda de prata de media coroa neozelandesa emitida en 1940 con carácter conmemorativo, cando se cumpría o centenario do Tratado de Waitangi, considerado adoito como o documento constitucional fundacional do país.

O artista neozelandés Leonard Cornwell Mitchell gañou un concurso convocado polo Goberno en 1938 para o deseño do reverso desta moeda, así como do penique e do medio penique, emitidos igualmente en 1940. O seu deseño para a media coroa amosa unha muller maorí rodeada de arquitectura tradicional maorí á súa dereita e unha paisaxe urbana moderna á súa esquerda, cun Sol nacente detrás da súa cabeza. Pola súa banda, o anverso é común a toda a serie de moedas da libra neozelandesa emitidas a nome de Xurxo VI a partir de 1936, creado polo artista inglés Thomas Humphrey Piaget.

Do mesmo xeito que a moeda de media coroa neozelandesa estándar, tiña un diámetro de 32 mm e un peso de 14,14 gramos, e foi cuñada pola Royal Mint de Londres nunha aliaxe de prata cunha pureza de 500 milésimas. De xeito diferente á coroa de Waitangi de 1935 —a primeira emisión conmemorativa de Nova Zelandia—, emitiuse cunha ampla tiraxe de 100.800 exemplares e púxose en circulación directamente ao seu valor nominal. Aínda así, a popularidade da moeda fixo que a maioría dos exemplares abandonase axiña a circulación e pasase ás mans dos coleccionistas numismáticos.

Antecedentes e contexto

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Media coroa neozelandesa.
Artigo principal: Coroa de Waitangi.

Nova Zelandia adoptou a libra neozelandesa como moeda nacional en 1933, e dentro dese sistema a moeda de media coroa era a de curso legal superior entre as emitidas con carácter circulante. Todas as moedas da serie estaban caracterizadas pola representación do monarca reinante nos seus anversos e un deseño único e característico, que incorporaba iconografía local, no reverso. O reverso da media coroa estándar, non conmemorativa, presenta o escudo de armas de Nova Zelandia rodeado de tallas de madeira tradicionais maorís.[2][3][4]

Inicialmente previuse que a primeira moeda conmemorativa do país, a coroa de Waitangi, fose emitida xa en 1933, formando parte do conxunto de moedas cos valores faciais inferiores do novo sistema monetario,[3] mais os atrasos provocados sobre todo polas múltiples revisións do seu deseño adiaron o seu lanzamento ata 1935, nunha cantidade extremadamente limitada, xa que soamente se cuñaron 1.128 exemplares desta moeda, que ademais non se puxeron en circulación, senón que se venderon directamente a coleccionistas a un prezo superior ao seu valor nominal, durante os derradeiros anos da Gran Depresión, polo que finalmente resultou unha moeda moi impopular entre os coleccionistas.[5]

Non estaba claro se a coroa de Waitangi estaba destinada principalmente a conmemorar o Tratado de Waitangi de 1840 ou simplemente tiña a intención de completar as series moedas emitidas cun acabamento especial —proof—, para o coleccionismo.[5] O tratado, asinado en 1840 entre varios xefes maorís e o representante británico William Hobson, afirmou a soberanía da Coroa británica sobre Nova Zelandia, que anteriormente tivera un control político pouco claro sobre as illas logo da a anterior Declaración de Independencia.[6] O tratado converteríase nun documento constitucional para Nova Zelandia e para a relación entre maorís e pakehā, aínda que ficou sumido na controversia por mor da súa escasa aplicabilidade e polas diferenzas entre as copias do documento en inglés e en maorí.[7]

Os atrasos e as dificultades da coroa de Waitangi alentaron a planificación a máis longo prazo da emisión de futuras moedas conmemorativas en Nova Zelandia.[8] En agosto de 1936, a Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia comezou a procurar a creación de novas moedas conmemorativas que se emitirían con motivo do centenario do Tratado de Waitangi, considerado cada vez máis como un centenario para o propio país. O numismático Allan Sutherland, en representación da Sociedade Numismática, propuxo a creación dunha moeda de media coroa conmemorativa, que se poría en circulación ao seu valor nominal.[9] O Comité Histórico Nacional designado polo Goberno amosouse receptivo á proposta e colaborou coa Sociedade para acadar un deseño acaído da emisión conmemorativa. Outras propostas de moedas conmemorativas de valores faciais inferiores, como o florín, foron rexeitadas en favor da media coroa, por ter un tamaño meirande. Igualmente, considerouse desaconsellable unha nova emisión de moedas conmemorativas dunha coroa, logo da errada experiencia anterior coa coroa de Waitangi.[10]

Cartel da Exposición do Centenario de Nova Zelandia (1939-1940), deseñado por L. C. Mitchell, cunha imaxe da nativa moi similar á do deseño da moeda.[11]

A finais de agosto de 1938, celebrouse un concurso para o deseño do reverso da media coroa conmemorativa, e tamén para as moedas dun penique e de medio penique. As bases recollían un premio nominal de 30 libras para o gañador do deseño de media coroa, coa única premisa de que o deseño proposto respondese á temática xeral do centenario e que incluíse o texto NEW ZEALAND CENTENNIAL: 1840-1940 HALF-CROWN ("Centenario de Nova Zelandia. 1840-1940. Media coroa").[12] Do mesmo xeito que o resto das moedas neozelandesas daquel momento, a media coroa conmemorativa presentaría o clásico anverso co busto de Xurxo VI deseñado por Humphrey Paget.[13] Os artistas candidatos tiñan ata finais de setembro de 1938 para presentaren os seus deseños mediante esbozos a escala. O ministro de Finanzas, Walter Nash, nomeou unha comisión de selección para revisar os traballos presentados, composta por varios ministros de finanzas e por membros da Sociedade Numismática. Invitouse a participar no concurso a uns vinte artistas neozelandeses —e sábese que polo menos cinco deles presentaron deseños—, xunto cos deseñadores británicos da Royal Mint Percy Metcalfe e George Kruger Gray, aos que se lles concedeu permiso para participar por mor do seu traballo noutras emisións anteriores de moedas neozelandesas.[12]

Entre as propostas presentadas por artistas locais, o profesor de arte e deseñador de selos Harry Linley Richardson presentou un deseño que presentaba un "mozo viril", subindo un outeiro baixo un Sol brillante, en tanto que portaba unha pancarta adornada e co texto NEW ZEALAND CENTENNIAL ("Centenario de Nova Zelandia").[14] A presentación do escultor Francis Shurrock amosaba un colono de principios do século XIX, con sombreiro de copa, apertando a man dun aviador. A proposta de James Berry combinou a Casa do Tratado co obelisco que preside o lugar da aterraxe de James Cook.[15] Pola súa banda, os deseñadores da Royal Mint Metcalfe e Kruger Gray presentaron ao concurso conxuntos completos de deseños para as tres moedas. Malia diferiren moito nas súas propostas para as moedas de medio penique e dun penique, os seus esbozos para a media coroa eran moi similares: ambos presentaban un mapa de Nova Zelandia, aínda que Metcalfe incorporou ademais as estrelas da Cruz do Sur.[16]

Finalmente, os deseños do neozelandés Leonard Cornwell Mitchell foron os seleccionados para as tres moedas.[17][18] o seu deseño da media coroa presentaba unha muller maorí vestida de piupiu, en pé cos brazos estendidos, cun sol nacente detrás da súa cabeza, flanqueada por unha representación da arquitectura tradicional maorí á súa dereita, que incluía un wharepuni —casa de reunións— e un puhara —posto de vixilancia—, xunto cunha árbore endémica neozelandesa (Cordyline australis), en tanto que á súa esquerda hai unha paisaxe urbana moderna.[1][19][20]

Produción e tiraxe

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1939, o Alto Comisionado aprobou cambios menores no deseño para se adaptar á súa transferencia aos cuños e a moeda puidese entrar en produción.[20] O día 22 de decembro de 1939 o Goberno publicou a promulgación pola que se ordenaba a cuñaxe da moeda, segundo os deseños aprobados.[21]

Esta versión da moeda de media coroa conmemorativa do centenario tiña as mesmas dimensións que a versión ordinaria da media coroa, con 32 mm de diámetro e un peso de 14,14 gramos. Cuñouse nunha aliaxe de prata cunha pureza de 500 milésimas, e cun canto estriado.[22][23] A tiraxe total foi de 100.800 exemplares, nos que se inclúe unha cantidade imprecisa de moedas cun acabamento especial —proof— para os coleccionistas.[1][24] Coñécense ademais tres exemplares dun prototipo de estoxo de madeira que contén toda a serie de moedas neozelandesas de 1940, onde está presente tamén a media coroa conmemorativa, aínda que finalmente o Goberno rexeitou a posibilidade de emitir producir comercialmente estes xogos.[25]

Por mor da súa popularidade, unha gran parte dos exemplares postos en circulación foron gardados pola poboación como recordo e polos coleccionistas, de tal xeito que en 1941 a moeda xa desaparecera case por completo da circulación.[26]

  1. 1,0 1,1 1,2 "½ Crown - George VI Centennial issue". Numista.com
  2. Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand. R. E. Owen, Wellington.
  3. 3,0 3,1 Stocker, M. (2010). Páxina 182.
  4. Stocker, M. (2005). Páxina 155.
  5. 5,0 5,1 Stocker, M. (2010). Páxinas 185-188.
  6. King, M. (2003). Penguin History of New Zealand. Auckland: Penguin Books. Páxinas 151-167. ISBN 9781742288260
  7. "Te Tiriti o Waitangi – Treaty of Waitangi". New Zealand Ministry of Justice (justice.govt.nz).
  8. Stocker, M. (2010). Páxinas 187-188.
  9. Stocker, M. (2011). Páxina 205.
  10. Stocker, M. (2011). Páxinas 206-207.
  11. "Mitchell, Leonard Cornwall], 1901-1971 :New Zealand Centennial Exhibition Wellington, Nov. 1939 - May 1940". National Library Wellington (natlib.govt.nz).
  12. 12,0 12,1 Stocker, M. (2011). Páxinas 207-208.
  13. "Humphrey Paget". The Royal Mint Museum (Royalmintmuseum.org.uk).
  14. Stocker, M. (2011). Páxina 208.
  15. Stocker, M. (2011). Páxinas 208-210.
  16. Stocker, M. (2011). Páxinas 210-211.
  17. "The Centennial half-crown, penny, and halfpenny, which are to be issued to complete the series of distinctive New Zealand coins". En Evening Post. 4 de xullo de 1939. Páxina 7.
  18. Stocker, M. (2011). Páxina 204.
  19. Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint. 1939. Páxinas 5-6.
  20. 20,0 20,1 Stocker, M. (2011). Páxinas 216-218.
  21. "Coinage Proclamation 1939. Part 2". En Gazette. Vol. III. Páxina 3.585. 22 de decembro de 1939.
  22. Familton, R. J.; McLintock, A. H. (1966). "Coinage". En An Encyclopaedia of New Zealand. R. E. Owen, Wellington.
  23. "Proof Coin - 1/2 Crown, New Zealand, 1940". Museums Victoria Collections.
  24. Čuhaj, G. S. (2015). Páxina 1.633.
  25. Bicknell, P. L. (2021).
  26. Stocker, M. (2011). Páxina 221.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]