Mirounga angustirostris
Mirounga angustirostris | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho, femia e cría | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Distribución de M. angustirostris (azul escuro: principais colonias reprodutoras; azul claro: individuos machos non reprodutores)
|
Mirounga angustirostris é unha especie de pinnípede fócido, o elefante mariño do hemisferio norte (existe outro no hemisferio sur denominado Mirounga leonina).[2] Son de gran tamaño e o macho ten unha probóscide, que utiliza para facer ruídos ruxintes extraordinariamente altos, especialmente durante as competicións de apareamento. O dimorfismo sexual en tamaño é grande: os machos pesan unhas 3,6 veces máis que as femias. En correspondencia con isto, o sistema de apareamento é moi políxino; un macho con éxito pode deixar preñadas unhas 50 femias nunha estación.
Descrición
[editar | editar a fonte]O enorme macho desta especie pesa normalment de 1 500 a 2 300 kg e mide de 4 a 5 m, aínda que algúns machos poden pesar ata 3 700 kg.[3] As femias son moito menores e pesan de 400 a 900 kg ou un terzo ou menos da masa do macho, e miden de 2,5 a 3,6 m.[4] Os machos da especie de elefantes mariños do sur son aínda máis grandes de media.[5] Os elefantes mariños do norte viven uns 9 anos.[6] Despois da muda, xeralmente teñen unha pelame de prateada a gris escura que se difumina ata ter cor amarela acastañada ou parda. Os machos adultos non teñen pelo no pescozo e o peito ten manchas rosas, brancas e marróns claras. As crías son principalmente negras ao nacer.
Teñen ollos grandes, redondos e negros. A anchura dos ollos e a alta concentración de pigmentos para luz de lonxitude de onda curta suxiren que para eles a vista xoga un importante papel na captura das presas.[7] Como todas as focas, os elefantes mariños teñen as extremidades posteriores transformadas formando a cola e a aleta da cola. Cada "pé" ten cinco dedas longas palmadas, coas que se propulsan na auga. Aínda que as patas posteriores transformadas non son moi apropiadas para desprazarse por terra, utilízanas para apoiar e impulsar o seu corpo. Poden así moverse relativamente rápido en curtas distancias, para volver á auga, interceptar unha femia ou perseguir un macho rival.
Igual que noutras focas, a circulación do sangue dos elefantes mariños está adaptada ao frío por medio dun sistema de intercambio de calor contracorrente, e unha mestura de pequenas veas con sangue frío rodea as arterias con sangue quente capturando a calor nas extremidades posteriores.[8]
Unha característica única da especie é que desenvolveu a capacidade de almacenar eritrocitos no bazo. Nun estudo de 2004 no que se usou imaxes por resonancia magnética para observar os cambios fisiolóxicos nos bazos de cinco crías desta foca durante mergullos simulados. En 3 minutos, os bazos contraíanse como media a unha quinta parte do seu tamaño orixinal, o que indica unha contracción simpática do bazo relacionada co mergullo. Ademais, observouse un retardo entre a contracción do bazo e o incremento do hematócrito no sangue circulante atribuído ao seo hepático. Esta estrutura chea de fluído expándese inicialmente debido á rápida chegada de eritrocitos desde o bazo e lentamente libera os eritrocitos ao sistema circulatorio por medio dun esfínter muscular da vea cava na parte cranial do diafragma. Esta capacidade de introducir lentamente eritrocitos no torrente sanguíneo é probable que impida efectos daniños causados por un rápido incremento do hematócrito.[9]
Área de distribución e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Este elefante mariño vive na parte leste do océano Pacífico desde Baixa California cara ao norte. Pasa a maior parte do seu tempo no mar e normalmente só volve a terra para dar a luz, reproducirse e mudar a pel. Estas actividades ocorren en colonias reprodutoas que están localizadas en illas oceánicas ou praias continentais remotas. A maioría destas colonias están en California e norte de Baixa California, desde Point Reyes National Seashore, California a Illa Natividad, México.[10] Existen colonias reprodutoras significativas nas Illas do Canal de California, Reserva do Estado de Año Nuevo, Faro de Piedras Blancas, Parque estatal de Morro Bay e as illas Farallón nos Estados Unidos,[11] e Illa Guadalupe, Illa Benito do Leste e Illa Cedros en México.[11] Nas últimas décadas a área de reprodución estendeuse cara ao norte. En 1976 atopouse a primeira cría en Point Reyes e estableceuse unha colonia reprodutora alí en 1981.[12] Desde mediados da década de 1990 observouse certa actividade reprodutora en Castle Rock no norte de California e na illa Shell na costa de Oregón,[13] e en xaneiro de 2009 rexistráronse os primeiros nacementos na Columbia Británica en Race Rocks.[14] A poboación reprodutora en California está agora illada demograficamente da de Baixa California.[11]
O elefante mariño do hemisferio norte mostra un extremo dimorfismo sexual no seu comportamento alimenticio. Cando os machos abandonan as colonias, migran ao norte aos seus terreos de alimentación ao longo da plataforma continental desde o estado de Washington ao oeste das Aleutianas en Alasca.[15][16] O macho aliméntase maiormente de organismos bentónicos do fondo oceánico.[15] Cando as femias abandonan as colonias, diríxense cara ao norte ou oeste ao mar aberto, e aliméntanse nunha grande área do noroeste do Pacífico.[15] Rexistráronse exemplares mesmo en Hawai.[15] As femias comen principalmente organismos mariños na columna de auga.[15]
É posible que aparezan elefantes mariños errantes en zonas tropicais como as illas Marianas.[17] Descoñécense datos históricos da presenza residencial ou ocasional no norte do Pacífico. Houbo dous rexistros de exemplares errantes que visitaron as costas do Xapón; un macho en Niijima en 1989[18] e unha foca nova nas praias de Hasama, Tateyama en 2001[19] Unha femia de 2,5 metros atopouse na praia Sanze, Tsuruoka, Yamagata en outubro de 2017, o que é o primeiro rexistro no mar do Xapón.[20] Observáronse algúns individuos nas costas do nodeste de Asia. Certos exemplares estableceron sitios de descanso nas illas do Comandante a inicios da década de 2000; pero, debido ás interaccións agresivas cos leóns mariños Eumetopias jubatus, non se espera que se produza unha colonización a longo prazo.[21][22]
O comportamento de mergullo está relacionado co modo de alimentación e é distinto nos dosu sexos. As femias aliméntanse no mar aberto, mentres que os machos o fan na plataforma continental.[15] Os machos adoitan mergullarse directamente ata o leito do océano e permanecen no fondo alimentándose de presas bentónicas.[15] As femias cazan presas peláxicas en mar aberto, e mergúllanse máis profundamente (ata os 1 700 m, pero como media a uns 500 m) e permanecen baixo a auga durante máis tempo que os machos,[15][23] pero teñen rutas de mergullo máis abruptas (con subidas e baixadas).[15] Os elefantes mariños do norte comen unha gran variedade de presas, incluíndo peixes mesopeláxicos como mictófidos, luras de augas profundas, pescadas do Pacífico da especie Merluccius productus, crustáceos peláxicos, tiburóns, raias e peixes rato.[16][24][25] Unha presa común é a lura Octopoteuthis deletron, e un estudo atopou esta especie nos estómagos do 58% dos individuos mostreados na costa de California.[26] En 2013 documentouse o caso dunha femia á que se lle colocou unha cámara, que chegou a 894 m de profundidade, onde comía os mixíns do Pacífico da especie Eptatretus stoutii, sorbéndoos do fondo do océano.[27] Os elefantes mariños non beben, xa que obteñen auga dos alimentos e do metabolismo das graxas.
Cando cazan nas escuras profundidades do mar, parecen localizar as presas polo menos en parte pola vista, xa que a bioluminescencia dalgunhas das súas presas facilitan a súa captura. Os elefantes mariños non teñen un sistema de ecolocalización como o dos cetáceos, pero crese que as súas vibrisas sensibles ás vibracións xogan un importante papel na súa busca de comida.
Os elefantes mariños do norte son presas das candorcas e o tiburón branco. Ambos os dous comen máis probablemente crías e raramente machos grandes, pero poden cazar focas de todas as idades. O tiburón, cando caza adultos, normalmente fai unha emboscada á foca, dálle unha trabada e agarda a que perda sangue e se debilite para acabar de matala.[28]
Comportamento social e reprodución
[editar | editar a fonte]Os elefants mariños do hemisferio norte volven os seus lugares de reprodución terrestres en decembro e xaneiro, e os primeiros en chegar son os machos. Os machos arrástranse a praias illadas ou protexidas, xeralmente en illas ou sitios do continente moi arredados da presenza humana. É moi importante que estas áreas de praia lles ofrezan protección das tormentas invernais e da intensa acción dos grandes vagallóns.[29] Os machos loitan entre eles pola supremacía para determinar cales serán os poucos afortunados que consigan ter un harén.[30][31]
Despois de que os machos chegan a unha praia, arriban as femias para dar a luz os fillos concibidos o ano anterior. As femias fan xaxún durante cinco semanas e aleitan a súa única cría durante catro semanas; nos últimos días da lactación, as femias chegan ao estro e volven aparearse.[32] Nesta sociedade políxina, un macho de alto rango pode ter na zona de praia que domina un harén de 30 a 100 femias, dependendo do tamaño e forza do animal. Os machos que non poden establecer haréns esperan na periferia, e intentan montar as femias próximas a esa zona.[30] Os machos dominantes interrompen violentamente as copulacións dos machos de menor rango sempre que as observan.[30] Os machos dominantes poden montar as femias sen interferencia, mais é frecuente que suspendan esa actividade para perseguir e acosar un rival.[30] Aínda que as loitas non son normalmente a morte, son brutais e a miúdo con abundante derramamento de sangue e feridas; porén, en moitos casos, cando os dous rivais son moi desiguais, os machos máis novos e débiles son simplemente expulsados e deben retirarse, a miúdo ás dunas da parte alta da praia. Durante toda a súa vida, un macho con éxito neste mester pode doadamente enxendrar unhas 500 crías. A maioría das copulacións nunha colonia reprodutora fanas só un pequeno número de machos e o resto pode ser que nunca chegue a aparearse cunha femia.[31] Durante as liortas entre machos ás veces as crías son esmagadas por estes na confusión do combate.[29][31]
Despois da súa chegada á praia, os machos non comen durante tres meses, e as femias durante cinco semanas que dura o aleitamento das crías e o apareamento. O período de xestación é duns 11 meses. Ás veces, unha femia pode volverse moi agresiva despois de parir e defende a súa cría doutras femias.[33] Estas agresións son máís comúns nas praias ateigadas de animais.[33] Aínda que a maioría das femias aleitan só a súa cría e rexeitan as crías alleas, algunhas chegan a aceptar as alleas.[29][32] Unha cría orfa ou perdida pode tentar atopar outra femia para alimentarse e algunhas conseguen ser adoptadas, como se comprobou na illa Año Nuevo.[29][32] As crías aliméntanse durante unhas catro semanas e despois son desleitadas abruptamente antes de ser abandonadas pola nai, que marcha ao mar, onde permanece algúns días. Unha vez soas, as crías desleitadas xúntanse formando grupos e permanecen en terra durante 12 semanas máis, e mentres tanto aprenden a nadar na ondada da praia e finalmente nadan máis lonxe na procura de alimento. Así, empeza a súa longa viaxe polo mar.
Os elefantes mariños comunícanse de varias maneiras. Os machos ameázanse con bufidos, uns sons causados ao expulsaren o aire polas súas probóscides, e cun son alto comparable ao que fai un motor diésel.[34] As crías vocalizan cando están estresadas ou incitan as súas nais para que lles deixen aleitarse. As femias fan unha chamada de atracción non vibrante para responder ás crías, e unha chamada vibrante áspera cando están ameazadas por outras femias, machos ou crías alleas.[34] Os elefantes mariños producen tamén sons de baixa frecuencia, transmitidos polo airte ou polo substrato. Estes sons axudan a manter a xerarquía social en ambientes ruidosos ou ateigados e reducen o consumo de enerxía cando están de xaxún.[34]
Historia e status
[editar | editar a fonte]A caza do elefante mariño do norte empezou no século XIX e foi moi intensa, case ata levalo á súa extinción a finais dese século,[1] por ser un animal moi aprezado pola súa graxa, e a súa poboación chegou a ser de só 20-40 individuos.[1] En 1874, Charles Melville Scammon escribiu na súa obra Marine Mammals of the Northwestern Coast of America (Mamíferos mariños da costa noroeste de América) que un macho de 5,5 m de longo cazado na illa Santa Bárbara produciu 795 L de aceite.[35] Pensábase que a especie estaba xa extinguida en 1884 ata que unha expedición do Smithsonian descubriu unha poboación restante de oito individuos na illa Guadalupe en 1892, e inmediatamente matou seis dos oito para prover as súas coleccións.[36] Malia todo, os elefantes mariños conseguiron sobrevivir na illa Guadalupe de México, e foron finalmente protexidos polo goberno mexicano en 1922. Desde comezos do século XX están protexidos tamén polas leis estadounidenses. Seguidamente a protección nos Estados Unidos foi reforzada coa aprobación da Lei de Protección de Mamíferos Mariños de 1972 e polas leis de California e a cantidade de animais aumentou ata máis de 100 000.[37]
Non obstante, as matanzas do século XIX orixinaron na especie un pescozo de botella xenético, que a fai máis susceptible ás doenzas, cambios ambientais e contaminación.[38][39] Este pescozo de botella causou unha forte perda de diversidade xenética e un incremento da homocigose na poboación sobrevivente e tamén unha diminución da cantidade de haplogrupos.[40]
En California, a poboación continua a crecer a un ritmo dun 6% ao ano, e os animais están establecendo novas colonias; agora probablemente están limitados principalmente pola dispoñibilidade de espazos para arrastrarse a terra. A súa reprodución estaba probablemente restrinxida a illas, antes de que os grandes carnívoros (por exemplo osos grizzly) fosen exterminados e deixasen de achegarse ás costas.[41] Poden verse afectados negativamente polo fenómeno climático de El Niño e as malas condicións climáticas resultantes. Por exemplo, El Niño de 1997–98 se cre que causou a perda dun 80% das crías desa tempada.
As poboacións nos sitios de reprodución de California incrementáronse durante o século XX e agora probablemente son maiores que as anteriores ao século XIX, polo que o status da especie clasifícase como "pouco preocupante".[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 {{{assessors}}} (2008). "Mirounga angustirostris". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 28 de xaneiro de 2009.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Elefante mariño. (ver elefante mariño en Frases e expresións)
- ↑ Beer, Encyclopedia of North American Mammals: An Essential Guide to Mammals of North America. Thunder Bay Press (2004), ISBN 978-1-59223-191-1.
- ↑ ://www.mnh.si.edu/mna/image_info.cfm?species_id=184 Mirounga angustirostris. Northern Elephant Seal] Scammon en 1984 informou dun individuo de 7 m. Smithonian National Museum of Natural History
- ↑ Novak RM (1999). Walker's Mammals of the World. (6th ed.). Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.
- ↑ "Elephant Seals | National Geographic". 10 de maio de 2011. Consultado o 7 de outubro de 2018.
- ↑ Visual Pigment Sensitivity in Three Deep Diving Mrine Mammals Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Marine Mammal Science, 18(1):275-281 (xaneiro de 2002) 0 2002 by the Society for Marine Mammalogy
- ↑ "Adaptations to a Way of Life". p. Friends of the Elephant Seal. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2019. Consultado o 17 de maio de 2019.
Seals control internal temperatures and reduce heat loss by what is called "countercurrent heat-exchange." As an example, the arteries carrying warm blood to the tail fins are meshed with the veins carrying cold blood from the tail. Inside this mesh, heat is transferred from the arteries to the veins, moving heat to the returning blood rather than losing it to the ocean. (As focas controlan as temperaturas internas e reducen a perda de calor polo que se denomina "intercambio de calor contracorrente". Como exemplo, as arterias que levan sangue quente ás aletas da cola están mesturadas con veas que traen sangue frío desde a cola. Dentro desta rede, a calor transfírese desde as arterias ás veas, movendo a calor ao sangue que retorna en vez de perdela no océano.)
- ↑ Thornton SJ, Hochachka PW (2004). "Oxygen and the diving seal" (PDF). Undersea & Hyperbaric Medicine 31 (1): 81–95. PMID 15233163. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xullo de 2019. Consultado o 16 de maio de 2019.
- ↑ Stewart BS, Yochem PK, Huber HR, DeLong RL, Jameson RJ, Sydeman WJ, Allen SG, Le Boeuf BJ (1994). "History and present status of the Northern elephant seal population". En Le Boeuf BJ, Laws RM. Elephant Seals: Population Ecology, Behavior, and Physiology. Berkeley, CA: University of California Press. pp. 29–48. ISBN 978-0520083646.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 U.S. Pacific Marine Mammal Stock Assessments: 2007 (NMFS-SWFSC-414). (PDF). Consultado o 15 de setembro de 2011.
- ↑ Allen SG, Peaslee SC, Huber HR (1989). "Colonization by Northern Elephant Seals of the Point Reyes Peninsula, California". Marine Mammal Science 5 (3): :298–302. doi:10.1111/j.1748-7692.1989.tb00342.x.
- ↑ Hodder J, Brown RF, Cziesla C (1998). "The northern elephant seal in Oregon: A pupping range extension and onshore occurrence". Marine Mammal Science 14 (4): 873–881. doi:10.1111/j.1748-7692.1998.tb00772.x.
- ↑ Elephant Seal birth of baby ninene Arquivado 04 de marzo de 2018 en Wayback Machine.. Racerocks.com. Consultado o 15 de setembro de 2011.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 15,7 15,8 Le Boeuf B, Crocker D, Costa D, Blackwell S, Webb P (2000). "Foraging ecology of northern elephant seals". Ecological Monographs 70 (3): 353–382. JSTOR 2657207. doi:10.1890/0012-9615(2000)070[0353:feones]2.0.co;2.
- ↑ 16,0 16,1 Condit R, Le Boeuf BJ (1984). "Feeding Habits and Feeding Grounds of the Northern Elephant Seal". J. Mammal. 65 (2): 281–290. JSTOR 1381167. doi:10.2307/1381167.
- ↑ "Marine Protected Species of the Mariana Islands" (PDF). National Marine Fisheries Service. xaneiro de 2015.
- ↑ "Whale appearance!". Niijima.jp. 4 de marzo de 2011. (referencia que presenta unha visita dunha baleaa Eubalaena japonica en 2011)
- ↑ "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2014. Consultado o 2014-05-13.. consultada o 14-05-2015 (onde se observou outra balea en 2000).
- ↑ Kahoku Shimpō (2017). "Goron kinta elephant seal on the beach protected for the first time on the Japan Sea side" (en Japanese). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2018. Consultado o 16 de maio de 2019.
- ↑ Kuznetsov V.B. (2004). "Fluctuations of dolphins’ abundance in northern and northeastern parts of the Black Sea according to polling data (1995–2003)". Marine Mammals of the Holarctic. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de agosto de 2020. Consultado o 16 de maio de 2019.
- ↑ "North Sea Elephant Mirounga angustirostris Gill, 1866". FGBU State Nature Biosphere Reserve (en Russian).
- ↑ Robinson PW, Costa DP, Crocker DE, Gallo-Reynoso JP, Champagne CD, Fowler MA, Goetsch C, Goetz KT, Hassrick JL, Hückstädt LA, Kuhn CE, Maresh JL, Maxwell SM, McDonald BI, Peterson SH, Simmons SE, Teutschel NM, Villegas-Amtmann S, Yoda K (2012-05-15). "Foraging behavior and success of a mesopelagic predator in the northeast Pacific Ocean: insights from a data-rich species, the northern elephant seal". PLOS ONE 7 (5): e36728. Bibcode:2012PLoSO...736728R. PMC 3352920. PMID 22615801. doi:10.1371/journal.pone.0036728.
- ↑ Goetsch C, Conners MG, Budge SM, Mitani Y, Walker WA, Bromaghin JF, Simmons SE, Reichmuth CJ, Costa DP (2018). "Energy-rich mesopelagic fishes revealed as a critical prey resource for a deep-diving predator using Quantitative Fatty Acid Signature Analysis". Frontiers in Marine Science 5: 430. doi:10.3389/fmars.2018.00430.
- ↑ Morejohn GV, Beltz DM (1970). "Contents of the stomach of an elephant seal". Journal of Mammalogy 51 (1): 173–174. JSTOR 1378554. doi:10.2307/1378554.
- ↑ Le Beouf BJ, Laws LM (1994). Elephant Seals: Population ecology, behavior, and physiology. University of California Press. pp. 213–214. ISBN 978-0-520-08364-6.
- ↑ Outdoor Arquivado 28 de febreiro de 2013 en Wayback Machine.. GrindTV. Consultado o 18 de marzo de 2018.
- ↑ White Sharks – Carcharodon carcharias. Pelagic Shark Research Foundation.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 Riedman ML, Le Boeuf BJ (1982). "Mother-pup separation and adoption in northern elephant seals". Behav. Ecol. Sociobiol. 11 (3): 203–213. JSTOR 4599535. doi:10.1007/BF00300063.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 Leboeuf BJ (1972). "Sexual behavior in the Northern Elephant seal Mirounga angustirostris". Behaviour 41 (1): 1–26. JSTOR 4533425. PMID 5062032. doi:10.1163/156853972X00167.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 Le Boeuf BJ (1974). "Male-male competition and reproductive success in elephant seals". Am. Zool. 14: 163–176. doi:10.1093/icb/14.1.163.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 Le Boeuf BJ, Whiting RJ, Gantt RF (1972). "Perinatal behavior of northern elephant seal females and their young". Behaviour 43 (1): 121–56. JSTOR 4533472. PMID 4656181. doi:10.1163/156853973x00508.
- ↑ 33,0 33,1 Christenson TE, Le Boeuf BJ (1978). "Aggression in the Female Northern Elephant Seal, Mirounga angustirostris". Behaviour 64 (1/2): 158–172. JSTOR 4533866. doi:10.1163/156853978X00495.
- ↑ 34,0 34,1 34,2 Steward BS, Huber HR (1993). "Mirounga angustirostris" (PDF). Mammalian Species 449 (449): 1–10. JSTOR 3504174. doi:10.2307/3504174. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de marzo de 2014. Consultado o 16 de maio de 2019.
- ↑ Scammon CM (2007). The marine mammals of the northwestern coast of North America: together with an account of the American whale-fishery. Heyday Books. p. 132. ISBN 978-1-59714-061-4. Consultado o 5 de setembro de 2011.
- ↑ Busch BC (1987). The War Against the Seals: A History of the North American Seal Fishery. McGill-Queen's Press. p. 187. ISBN 978-0-7735-0610-7.
- ↑ The Marine Mammal Center Northern elephant seal
- ↑ Hoelzel AR, Fleischer R, Campagna C, Le Boeuf BJ, Alvord G (2002). "Impact of a population bottleneck on symmetry and genetic diversity in the northern elephant seal". Journal of Evolutionary Biology 15 (4): 567–575. doi:10.1046/j.1420-9101.2002.00419.x.
- ↑ Weber DS, Stewart BS, Garza JC & Lehman N (outubro de 2000). "An empirical genetic assessment of the severity of the northern elephant seal population bottleneck". Current Biology 10 (20): 1287–90. PMID 11069110. doi:10.1016/S0960-9822(00)00759-4.
- ↑ Frankham R, Ballou JD, Briscoe DA, McInness KH (2013). Introduction to Conservation Genetics (2nd ed.). Cambridge Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-87847-0.
- ↑ Le Boeuf, Burney J.; Kaza, Stephanie, eds. (1981). "Ch. 7 "Mammals"". The Natural History of Ano Nuevo. Boxwood Press. ISBN 978-0910286770.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mirounga angustirostris |