Saltar ao contido

Moacir Barbosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMoacir Barbosa

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento27 de marzo de 1921 Editar o valor en Wikidata
Campinas, Brasil Editar o valor en Wikidata
Morte7 de abril de 2000 Editar o valor en Wikidata (79 anos)
Praia Grande, Brasil (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
Altura1,74 m.
Peso71 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1940 Editar o valor en Wikidata - 1962 Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaBrasil Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoPorteiro
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1945–1955 Club de Regatas Vasco da Gama
1956–1956 cesión Bonsucesso Futebol Clube
1957–1957 Santa Cruz Futebol Clube
1958–1960 Club de Regatas Vasco da Gama
1962–1962 Campo Grande Atlético Clube
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1949–1953   Brasil 17(0)
Participou en
1953Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1953 (pt) Traducir
1950Mundial de Fútbol Brasil 1950
1949Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1949 (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

FIFA: 46218 Editar o valor en Wikidata

Moacir Barbosa, nado en Campinas o 27 de marzo de 1921 e finado en Praia Grande, São Paulo, o 7 de abril de 2000, foi un futbolista brasileiro que xogaba como porteiro. Xogador histórico do Vasco da Gama, militou nese club durante boa parte dos seus 22 anos de carreira. Considerado un dos mellores porteiros do mundo nas décadas de 1940 e 1950 e un dos mellores porteiros brasileiros de tódolos tempos, era coñecido por non usar luvas. Barbosa é lembrado principalmente pola inesperada derrota do Brasil ante o Uruguai no partido decisivo da Mundial de 1950, no chamado Maracanazo. Foi o porteiro titular naquel encontro e foi culpado da derrota, feito que marcou o resto da súa vida.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu o 27 de marzo de 1921 en Campinas, no estado brasileiro de São Paulo, sendo fillo de Emydio Barbosa e Isaura Ferreira Barbosa, e aos 14 anos, trala morte de seu pai e de dous irmáns, mudouse coa súa familia para o barrio Liberdade da cidade de São Paulo.[1][2] Comezou a xogar ao fútbol nas rúas e na súa adolescencia militou no Almirante Tamandaré, equipo dirixido polo seu cuñado José Santiago. Empezou como dianteiro ata que ante a ausencia do gardameta nun partido, colocouse el na portería, posición que xa non abandonaría ata o final da súa carreira.[1] Xogou tamén no equipo do Laboratorio Paulista de Bioloxía, no que traballaba.[1]

Debut como profesional no Ypiranga

[editar | editar a fonte]

Con 18 anos recibiu unha oferta do Ypiranga, o seu primeiro club profesional. Alí recibiu un salario mensual de 250.000 réis e contou coa protección como defensas dos irmáns Luis Sapólio e Sapolinho.[3] Xogou no club paulista ata os 23 anos.

Vasco da Gama (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1945 foi contratado polo Vasco da Gama, por recomendación do defensa Domingos da Guia.[1] O club do Río de Xaneiro levaba case unha década sen conquistar o Campionato Carioca, pero trala chegada de Barbosa e, pouco despois, do técnico Flávio Costa, o equipo converteuse nun dos mellores do continente.[3]

Proclamouse campión carioca na súa primeira tempada e tamén en 1947, mentres que en 1948 conquistou o Campionato Suramericano de Campións, considerado o precursor da Copa Libertadores. Fíxoo despois de manter a portería a cero no partido decisivo ante o River Plate de Di Stéfano durante o tempo regulamentario e a prórroga.[3] Militou no Vasco ata 1955 e gañou outros tres Campionatos Cariocas, en 1949, 1950 e 1952.

Santa Cruz e Bonsucesso

[editar | editar a fonte]

Deixou o Vasco da Gama en 1955, pasando ao Santa Cruz de Recife, e máis tarde xogou tamén no Bonsucesso.[1]

Vasco da Gama (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En 1958 regresou ás filas do Vasco da Gama, onde xogou ata 1960, acadando os 485 partidos coa camiseta do club. Gañou un sexto Campionato Carioca e sumou un total de 15 títulos durante as súas dúas etapas no equipo, converténdose no futbolista con máis trofeos da historia do club. Ocupa ademais o terceiro posto entre os futbolistas con máis vitorias, sendo só superado por Roberto Dinamite e Sabará.[1]

Campo Grande

[editar | editar a fonte]

Puxo fin á súa carreira en 1962, aos 41 anos de idade, despois de xogar unha última tempada no Campo Grande do Río de Xaneiro.[1]

Selección brasileira

[editar | editar a fonte]

Copa América de 1949

[editar | editar a fonte]

Foi 20 veces internacional coa selección brasileira, coa que gañou a Copa América en 1949, sendo titular en tódolos partidos do campionato, incluída a final contra Paraguai na que o Brasil logrou un histórico 7-0.[4]

Maracanazo e consecuencias

[editar | editar a fonte]

Con todo, a súa carreira quedou marcada polo acontecido durante o Mundial de 1950. Celebrado no seu propio país, o Brasil chegou ao partido decisivo contra o Uruguai, disputado no estadio do Maracanã, precisando só dun empate para se proclamar campión. Friaça adiantou o equipo brasileiro na segunda parte, pero Schiaffino colocou o empate e no minuto 79 Alcides Ghiggia culminou a remontada despois de canear ao defensa brasileiro Bigode e de superar cun disparo a Barbosa, que estaba fóra de posición esperando que Ghiggia centrase o balón. Aquel día converteuse no máis triste da historia do fútbol brasileiro e o partido pasou a ser coñecido como o Maracanazo.

Barbosa foi culpado pola derrota, e sufriu as súas consecuencias durante o resto da súa vida, dado que o partido pasou a formar parte do folclore brasileiro. Trala súa retirada traballou no propio estadio do Maracanã, e en 1963 foi obsequiado cos vellos postes cadrados de madeira da portería onde recibiu os célebres goles. Utilizounos como leña para facer churrasco na súa casa.[5][6]

En 1993 o Brasil xogábase o pase ao Mundial de 1994 ante o Uruguai e Barbosa foi enviado pola BBC para se entrevistar co gardameta da selección, Taffarel, pero o seleccionador Carlos Alberto Parreira impediulle acercarse aos futbolistas, argumentando a posible mala sorte que podería traer.[7] Barbosa declarou pouco despois: "A pena máxima de prisión no Brasil é de 30 anos, pero eu levo 43 pagando por un crime que nin sequera cometín."[8][2]

Morreu o 7 de abril de 2000, aos 79 anos, dun ataque cardíaco.[9]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou en 1940 con Clotilde, matrimonio que durou ata a morte dela en 1997.[2]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Foi elixido pola IFFHS como o terceiro mellor porteiro brasileiro do século XX, só por detrás de Gilmar e Emerson Leão, e como o 11º mellor porteiro suramericano do século.[10] En 2021 o centro de adestramento do Vasco da Gama foi renomeado co nome de Moacir Barbosa, despois de que o club levase a cabo unha votación entre os seus seareiros.[11]

[editar | editar a fonte]

Barbosa desempeña un papel importante na novela de ciencia ficción Brasyl de Ian McDonald. É tamén o tema principal da novela A última salvación de Moacyr Barbosa, de Darwin Pastorin.

En 1988 estreouse a curtametraxe Barbosa,[12] na que un home interpretado por Antônio Fagundes viaxa no tempo para tentar evitar o gol de Ghiggia.[13]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Vasco da Gama
Santa Cruz
Selección brasileira
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Barbosa: 100 anos do Rei dos Goleiros" (en portugués). 27 de marzo de 2021. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2023. Consultado o 18 de maio de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Barbosa, 100 anos: A trajetória do goleiro que foi ídolo do Vasco" (en portugués). 24 de marzo de 2021. Consultado o 18 de maio de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Guilherme 2014.
  4. "Southamerican Championship 1949". rsssf.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2009. Consultado o 18 de maio de 2022. 
  5. Fernández Moores, Ezequiel (18 de abril de 2021). "La triste historia de Barbosa, arquero del Maracanazo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2022. Consultado o 18 de maio de 2022. 
  6. Muylaert, Roberto (2019). Barbosa: Um gol silencia o Brasil (en portugués). SESI-SP Editora. ISBN 978-85-50410-53-1. 
  7. "Descaso de Parreira e da CBF com Barbosa em 1993 repercute entre torcedores do Vasco em rede social" (en portugués). 24 de xuño de 2020. Consultado o 19 de maio de 2022. 
  8. "Top 10 World Cup Goalkeeping Blunders". goal.com (en inglés). Consultado o 19 de maio de 2022. 
  9. "Moacir Barbosa". The Guardian (en inglés). 13 de abril de 2000. Consultado o 19 de maio de 2022. 
  10. "South America - Keeper of the Century". rsssf.com (en inglés). Consultado o 19 de maio de 2022. 
  11. "A torcida decidiu: CT do Vasco passa a se chamar Moacyr Barbosa" (en portugués). 3 de agosto de 2021. Consultado o 19 de maio de 2022. 
  12. "Barbosa". Internet Movie Database (en inglés). Consultado o 19 de maio de 2022. 
  13. "BARBOSA (Barbosa)". casacinepoa.com.br (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2021. Consultado o 19 de maio de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]