Saltar ao contido

Moeda de 20 dólares de 1933

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
20 dólares de 1933 [1]
A/: a Liberdade en pé, camiñando, cun facho e unha póla de oliveira. Detrás raios e ao fondo á esquerda o Capitolio. 46 estrelas arredor. Data. Marcas de ceca e de gravador.

Lenda: LIBERTY / 1933.

R/: aguia voando cara á esquerda, sobre os raios dun Sol que está no exergo.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / TWENTY DOLLARS / IN GOD WE TRUST

A moeda de 20 dólares de 1933 (coñecida tamén como dobre aguia de 1933) é a moeda de ouro de 20 dólares Saint-Gaudens emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada pola Ceca de Filadelfia no derradeiro ano da súa serie, 1933, en plena Gran Depresión. Trátase dunha moeda mítica da numismática estadounidense, por mor da súa rareza, xa que, malia a súa tiraxe inicial de 445.500 pezas, ningunha delas saíu á circulación e ordenouse a súa refundición, da que só sobreviviron uns poucos exemplares.[2]

Aínda que a orde de refundición das pezas cuñadas prevía que se conservasen unicamente dous exemplares, sábese que outros 20 foron rescatadas da fundición con ánimo de fraude e chegaron clandestinamente ás mans de coleccionistas. Nove destas moedas foron recuperadas posteriormente e destruídas, o que a converte nunha das moedas máis raras do mundo, con só 13 exemplares coñecidos, dos cales só un é de propiedade privada, o coñecido como espécime Farouk ou espécime Weitzman.[3] Dise que o Servizo Secreto dos Estados Unidos investiga informes sobre a hipotética existencia doutros espécimes, xa que a súa posesión en mans privadas sería ilegal.[4]

As dúas moedas recuperadas oficialmente da fundición pasaron a formar parte da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos; as dez recuperadas consérvanse no Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos de Fort Knox, e a única moeda legalmente en mans privadas vendeuse en 2002 ao coleccionista privado Stuart Weitzman,[5] —que permaneceu no anonimato naquel momento— por 7,59 millóns de dólares, o segundo prezo máis alto pagado nunha poxa por unha moeda estadounidense naquel momento.[6] A moeda vendeuse novamente a un comprador anónimo nunha poxa en xuño de 2021 por 18,9 millóns de dólares, o que a converteu na moeda máis cara xamais vendida,[7] tal e como consta no Guinness World Records.[8]

Da tiraxe total inicial, unha pequena cantidade de pezas fora enviada tamén á Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, e finalmente estas pezas acabaron sendo tamén destruídas e refundidas, logo do proceso de análise ao que foron sometidas.[1]

Produción e refundición

[editar | editar a fonte]
Orde executiva 6102, emitida por Franklin D. Roosevelt en 1933 durante a Gran Depresión, pola que se esixía á poboación a entrega do ouro que posuíse.

En 1933, nun intento de pór fin á crise bancaria xeral da década de 1930, o presidente estadounidense Franklin D. Roosevelt promulgou a Orde executiva 6102, entre cuxas disposicións estaban as seguintes:[9][10]

Sección 2. Todas as persoas están obrigadas a entregar, como máximo o 1 de maio de 1933, a un banco da Reserva Federal ou a unha sucursal ou axencia desta, ou a calquera banco membro do Sistema da Reserva Federal, todas as moedas de ouro, lingotes de ouro e certificados de ouro da súa propiedade ou que cheguen á súa propiedade ata o 28 de abril de 1933 incluído, coas excepción seguintes:
— (a) A cantidade de ouro que poida ser necesaria para o uso lexítimo e habitual na industria, profesión ou arte, dentro dun prazo razoable, incluído o ouro antes da súa refinación e as reservas de ouro en cantidades razoables para as necesidades comerciais habituais dos propietarios que extraen e refinan o dito ouro.
— (b) Moedas de ouro e certificados de ouro nunha cantidade que non exceda en total os 100,00 dólares pertencentes a unha soa persoa, e moedas de ouro que teñan un valor especial recoñecido para os coleccionistas de moedas raras e pouco habituais.
— (c) Moedas e lingotes de ouro asignados ou mantidos en fideicomiso para un Goberno estranxeiro recoñecido ou un banco central estranxeiro, ou o Banco de Pagamentos Internacionais.
— (d) Moedas e lingotes de ouro autorizados para outras transaccións apropiadas (que non impliquen atesouramento), incluídas as moedas e os lingotes de ouro importados para a súa reexportación ou mantidos á espera de que se tramiten as solicitudes de licenza de exportación.

Ademais, o Congreso aprobou a Lei da Reserva de ouro en 1934, que prohibía a circulación e a posesión privada de moedas de ouro estadounidenses de curso legal ordinario, coa exención das moedas de colección. Esta lei declaraba que as moedas de ouro xa non tiñan curso legal nos Estados Unidos, e a xente tiña que trocar obrigatoriamente as súas moedas de ouro por outras formas de moeda. As moedas de 20 dólares de ouro de 1933 cuñáronse despois desta orde executiva, mais como xa non tiñan curso legal, do mesmo xeito que o resto das moedas de ouro cuñadas ese ano, fundíronse a finais de 1934, algunhas delas logo da pertinente análise pola Comisión de Ensaios. Así e todo, determinouse conservar dous espécimes dos cuñados, que a Casa da Moeda dos Estados Unidos doou para a Colección Numismática Nacional, unha das cales se exhibe no Museo Nacional de Historia Americana dentro da súa exposición The Value of Money ("O valor do diñeiro").[11]

Exemplar da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, exposto no Museo Nacional de Historia Americana, de Washington.[12]

Así as cousas, estes deberían ser os dous únicos exemplares existentes da dobre aguia de 1933. No entanto, sen o coñecemento da Casa da Moeda, algún membro do seu persoal —presumiblemente o caixeiro— subtraeu algún dos exemplares antes de seren fundidos e estes chegaron ás mans de coleccionistas a través do xoieiro de Filadelfia Israel Switt.[13] As moedas espertaron axiña o seu interese no ámbito do coleccionismo numismático e foron obxecto de transacción entre os coleccionistas durante varios anos, ata que o Servizo Secreto foi informado da súa existencia. O asunto chegou tamén a coñecemento dos responsables da Casa da Moeda cando un xornalista contactou con ela no marco dunha investigación que estaba a realizar sobre a historia das moedas que vira nunha poxa numismática da compañía Stack's Bowers. A raíz disto, o Servizo Secreto iniciou unha investigación oficial sobre o asunto en marzo de 1944. Antes da investigación, un comerciante de Texas vendeulle un dos exemplares a un comprador estranxeiro, e saíu dos Estados Unidos o 29 de febreiro de 1944.[1]

Durante o primeiro ano da investigación, sete moedas foron incautadas polo Servizo Secreto ou entregadas voluntariamente, e posteriormente foron destruídas na Casa da Moeda. Un oitavo exemplar foi recuperado o ano seguinte e correu a mesma sorte. En 1945, a investigación identificou o presunto ladrón e o seu cómplice, Switt, que admitiu ter vendido as nove moedas localizadas, aínda que asegurou que non lembraba como as obtivera. O Departamento de Xustiza intentou procesalos, mais o delito xa prescribira. Unha novena moeda foi entregada polo coleccionista Louis E. Eliasberg e destruída en 1952.[14]

De xeito diferente a esta dobre aguia, a aguia ou moeda de 10 dólares Indian Head de 1933 cuñouse antes da orde de retirada de Roosevelt, polo que é legal a súa posesión por particulares. Mesmo así, calcúlase que non deben existir máis de 40 exemplares da moeda de 10 dólares, xa que o resto foron fundidos, polo que o seu grao de rareza é tamén excepcional.[15][16]

O espécime Farouk

[editar | editar a fonte]

1944: Exportación e posterior desaparición

[editar | editar a fonte]
O rei Farouk de Exipto en 1946.

O único exemplar que saíra do país fora adquirida polo rei Farouk de Exipto, que era un voraz coleccionista de multitude de obxectos, entre eles ovos imperiais de Fabergé, frascos antigos de Aspirina, calcapapeis, selos de correos e tamén moedas raras, das que tiña unha colección de máis de 8.500 exemplares.[17][18] En 1944, Farouk adquiriu o seu espécime da dobre aguia de 1933 e, en estrito cumprimento da lei, os seus ministros solicitáronlle ao Departamento do Tesouro dos Estados Unidos unha licenza de exportación para a moeda. Por erro, poucos días antes de que se descubrise o roubo na Casa da Moeda, concedéuselle a licenza. O Departamento do Tesouro intentou traballar por vía diplomática para solicitar a Exipto a devolución da moeda, mais a segunda guerra mundial atrasou as súas xestións durante varios anos. En 1952, o rei Farouk foi deposto nun golpe de Estado, e moitas das súas posesións foron postas á venda posteriormente en poxa pública a cargo da compañía Stack's Bowers, entre elas a moeda de 20 dólares Saint-Gaudens de 1933.[19] O Goberno dos Estados Unidos solicitou a devolución da moeda, e o Goberno exipcio declarou que accedería á petición, aínda que a peza desapareceu e non se viu novamente en Exipto.[20][21]

1996: Reaparición

[editar | editar a fonte]

En 1996, o espécime que fora de Farouk reapareceu logo de máis de catro décadas de escuridade, cando o comerciante de moedas británico Stephen Fenton foi detido por axentes do Servizo Secreto dos Estados Unidos durante unha operación encuberta no hotel Waldorf-Astoria de nova York.[22] Aínda que nun principio lles asegurou aos investigadores que adquirira a moeda no mostrador da súa tenda, máis tarde modificou a súa versión e, baixo xuramento, insistiu en que a súa dobre aguia de 1933 procedía da colección do rei Farouk, aínda que isto non puido verificarse. Posteriormente retiráronse os cargos penais contra Fenton, que defendeu a súa propiedade da moeda ante un tribunal civil. O caso non se resolveu ata 2001, cando se acordou que a propiedade da moeda debería reverterse ao Goberno dos Estados Unidos, quen despois podería vendela legalmente en poxa á persoa que fixese a oferta máis alta.[23] O Tesouro dos Estados Unidos emitiu un documento ad hoc para "emitir e monetizar" a moeda, converténdoa así formalmente nunha moeda de ouro de curso legal nos Estados Unidos.[19]

Cando se incautou a moeda, trasladouse a un lugar que se cría seguro: as cámaras acoirazadas do Tesouro do World Trade Center, de Nova York.[24] Ao se alcanzar o acordo xudicial en xullo de 2001, só dous meses antes da destrución do edificio nos atentados do 11 de setembro, a moeda trasladouse a Fort Knox para a súa custodia.[25]

A venda de 2002

[editar | editar a fonte]

O 30 de xullo de 2002, o Tesouro vendeulle a un ofertante anónimo o ex-espécime Farouk nunha poxa levada a cabo novamente por Stacks Bowers, en nova York, que non levou máis que nove minutos. O seu prezo acadou os 6,6 millóns de dólares, mais unha prima do 15 por cento e os 20 dólares adicionais necesarios para cumprir o formalismo de "monetizar" o valor nominal da moeda e convertela así en moeda de curso legal. Isto elevou o prezo final da venda a 7.590.020,00 dólares, case o dobre do récord anterior acadado pola venda dunha moeda.[19][26] A metade do prezo da puxa debía entregarse ao Tesouro dos Estados Unidos, mais os 20 dólares da monetización da moeda, en tanto que Stephen Fenton tiña dereito á outra metade, consonte os termos da resolución xudicial do ano anterior.

A venda de 2021

[editar | editar a fonte]

O comprador de 2002 permaneceu no anonimato durante case dúas décadas, ata marzo de 2021, cando se revelou nun artigo de The New York Times que se trataba do coleccionista Stuart Weitzman. A decisión de Weitzman de revelarse como propietario da moeda desde 2002 coincidiu coa súa decisión de vendela, nunha poxa pública programada para o mes de xuño pola compañía Sotheby's.[5][27] A moeda foi catalogada como "Lote 1" na poxa de Sotheby's do 8 de xuño de 2021,[28] e vendeuse ese día por 18.872.250 dólares.[7][29][30][31]

Descubrimento de dez novos exemplares

[editar | editar a fonte]

Descuberta e aspectos legais

[editar | editar a fonte]

En agosto de 2005, a Casa de Moeda dos Estados Unidos anunciou a recuperación doutras dez moedas de ouro da dobre aguia de 1933 roubadas á familia do xoieiro de Filadelfia Israel Switt, o comerciante de moedas que fora identificado polo Servizo Secreto como unha das pólas do roubo, que xa admitira ter vendido os primeiros nove espécimes recuperadas medio século antes. En setembro de 2004, a suposta propietaria das moedas, Joan Switt Langbord, entregou voluntariamente as dez pezas ao Servizo Secreto, e en xullo de 2005 a US Mint, en colaboración co Instituto Smithsoniano, autenticou as moedas.[32]

Consonte diversos testemuños, Israel Switt tiña moitos contactos e amigos na Ceca de Filadelfia e, ao parecer, tivera acceso a persoas encargadas de varias fases do proceso de cuñaxe das moedas.[3] Unha fonte secundaria informou de que o Servizo Secreto descubriu que só existía un home con acceso ás moedas naquel momento, George McCann, quen xa cumpriu condena en prisión por unha fraude similar en 1940. Switt puido obter as dobres aguias de 1933 roubadas a través dunha relación co caixeiro xefe da ceca.[33] Unha teoría é que McCann cambiou as moedas de 20 dólares con data do ano anterior polos exemplares de 1933 antes de que estes se fundisen, evitando así que as listaxes de inventario e os libros de contabilidade se visen alterados.[34]

Algúns expertos en numismática argumentaron, pola contra, que é posible que Switt obtivese legalmente os seus exemplares de 1933 ao cambiar ouro en bruto por moedas. Aínda que os rexistros da Casa da Moeda amosan claramente que non se chegaron a pór á disposición da poboación as dobres aguias de 1933, é probable que houbese tres semanas en marzo de 1933 nas que se poderían ter obtido legalmente estas moedas. A Casa da Moeda comezou a cuñar estas moedas de 20 dólares o 15 de marzo, e a orde executiva de Roosevelt de prohibilas non se finalizou ata o 5 de abril. O 6 de marzo de 1933, o secretario do Tesouro ordenoulle ao director da Casa da Moeda, Robert John Grant, pagar ouro só baixo licenza emitida polo secretario, e os estados diarios do caixeiro da US Mint non reflicten que se pagase ningunha dobre aguia de 1933.[33]

Ata principios da década de 1970 —cando o presidente Richard ixon sacou os Estados Unidos do padrón ouro e o presidente Gerald Ford asinou a lei pola que volveu ser legal que a poboación posuíse ouro—, calquera moeda de 20 dólares de 1933 recuperada debía ser fundida. En consecuencia, en tanto que os exemplares recuperadas antes de 1974 foron fundidos, calquera novo espécime recuperado a partir desa data podería librarase de tal destino. Actualmente, coa excepción da que se vendeu o 30 de xullo de 2002, as moedas de 20 dólares de 1933 non poden ser posesión legal de ningún cidadán privado, xa que legalmente nunca se emitiron nin se puxeron en circulación e, por tanto, seguen a ser propiedade do Goberno dos Estados Unidos.[35]

Proceso xudicial

[editar | editar a fonte]

O 28 de outubro de 2010, o xuíz do Tribunal de Distrito dos Estados Unidos Legrome D. Davis emitiu unha decisión de 20 páxinas en relación coas reclamacións das moedas por parte dos descendentes de Israel Switt, o que conduciu a un xuízo en xullo de 2011 que tivo unha duración de dez días,[36] tras o que o xurado fallou por unanimidade a favor do Goberno dos Estados Unidos en relación coa propiedade dos dez novos exemplares da moeda. O tribunal concluíu que as probas circunstanciais demostraban que Israel Switt obtivera ilegalmente as moedas propiedade do Goberno dos Estados Unidos e que, por tanto, seguían a ser de propiedade gobernamental.[37] A decisión foi confirmada o 29 de agosto de 2012 e a familia anunciou a súa decisión de apelar.[38]

Os 10 exemplares da moeda custódianse no Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos de Fort Knox, en Kentucky.

Os dez exemplares da dobre aguia de 1933, almacenados no Depósito de Metais Preciosos de Fort Knox, en Kentucky. foron amosados aos membros do xurado en Filadelfia durante o xuízo de xullo de 2011, e logo foron devoltos a Fort Knox, onde terían que permanecer ata que se tomase unha decisión con respecto á súa disposición.[39] En abril de 2015, un tribunal federal de apelacións dos Estados Unidos ordenou a devolución das moedas á familia Switt-Langbord porque a incautación orixinal dos activos se levara a cabo de xeito incorrecto, xa que o Goberno non presentara unha demanda xudicial de confiscación civil dentro dos 90 días da reclamación dos activos incautados pola familia. [40] Esta orde foi revogada o 28 de xullo de 2015, e en outubro de 2015 celebrouse unha sesión en banc con 13 xuíces do Tribunal de Apelacións do Terceiro Circuíto, que escoitaron os argumentos orais na apelación en curso. O 1 de agosto de 2016, os xuíces revogaron a sentenza anterior e declararon que as moedas eran propiedade do Goberno dos Estados Unidos.[41] Os Switt-Langbord apelaron ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos, que o 17 de abril de 2017 rexeitou a revisión do caso.[42]

O secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Steven Mnuchin, e o líder da maioría do Senado, Mitch McConnell, visitaron o 21 de agosto de 2017 o Depósito de Metais Preciosos de Fort Knox e alí puideron ver os dez exemplares da moeda de 20 dólares de 1933. No documento publicado tras a súa visita —en virtude da Lei de Liberdade de Información— faise referencia ás moedas como "dez (10) moedas de ouro 'Dobre aguia de 1933' devoltas recentemente para a custodia da Casa da Moeda".[43]

[editar | editar a fonte]

O prezo récord acadado pola moeda cando en 2002 o Tesouro a vendeu en poxa pública tivo moita repercusión na prensa do moneto e fixo que se convertese nunha moeda moi coñecida, ata o punto de se converter en motivo de varias novelas, como The Kills (2004), de Linda Fairstein, cunha historia baseada no espécime Farouk,[44] ou The Double Eagle (2006), de James Twining, esta última cunha trama policial ficticia a partir dun roubo de varios exemplares da moeda en Fort Knox.[45]

En 2007, Tilman Remme dirixiu un documental de 53 minutos de duración producido para Fulcrum TV por Laura Jones, centrado nas vicisitudes acaecidas ao longo da historia en relación coa dobre aguia de 1933, co título de Hunt for the Double Eagle,[46] e que conta tamén cunha versión en francés titulada A la recherche de la pièce perdue.[47]

En marzo de 2012, un exemplar da moeda de 20 dólares de 1933 foi presentada ao público europeo nunha xira que percorreo diversas capitais: Londres, Dublin, Bruxelas, Praga, Varsovia, Oslo e Helsinqui.[48] En Bruxelas foi presentada na Biblioteca Real de Bélxica o 9 de marzo de 2012.[49]

  1. 1,0 1,1 1,2 "1933 Saint Gaudens Double Eagle". Saingaudensdoubleeagle.com
  2. McMorrow-Hernandez, J. (2022). "The Majestic 1933 Saint-Gaudens Double Eagle". Professional Coin Grading Services. 7 de febreiro.
  3. 3,0 3,1 "The One That Got Away: In June, the Only 1933 Double Eagle That Can Be Owned Will Be Sold". Numismatic Guaranty Company (Ngccoin.com). 4 de maio de 2021.
  4. "1933 Double Eagle coin on display at Goldsmiths' Hall". En BBC. 2 de marzo de 2012.
  5. 5,0 5,1 Barron, J. (2021). "He Owns World Famous Stamps and a Prized Coin. Now He's Selling". En The New York Times. 10 de marzo.
  6. "Stack's Bowers Galleries Sets World Record With Sale Of 1794 Silver Dollar For $10,016,875". Prnewswirwecom. 25 de xaneiro de 2013.
  7. 7,0 7,1 Pedraza, J. A. (2021). "Subastado por 18,9 millones de dólares el Double Eagle de 1933 de Augustus Saint-Gaudens[Ligazón morta]". En Crónica Numismática.
  8. "Most expensive coin sold at auction". Guinnessworldrecords.es
  9. Texto da Orde executiva 6102. American Presidency Project (Presidency.ucsb.edu).
  10. Sepanek, E. (2022). "A Dangerous Precedent: Executive Order 6102". En Scottsdale Bullion & Coin. 2 de agosto de 2022.
  11. "The Value of Money". National Museum of American History.
  12. "20 Dollars, United States, 1933". National Museum of American History.
  13. Gilkes, P. (2018). "10 1933 gold double eagles safe from fed destruction". En Coin World. 18 de maio de 2018.
  14. "Louis E. Eliasberg Sr.". SouthgateCoins.com
  15. "1933 Indian Head Eagle". Indianheadeagle.com
  16. "1933 $10 (Regular Strike)". Professional Coin Grading Service (PCGS.com).
  17. "King Farouk: The Royal Time-Keeper". ThePemberleyGrouip.com. 1 de marzo de 2018.
  18. "The most famous coin collector in history". Rare Coins Investments (Rarecoins.co.za).
  19. 19,0 19,1 19,2 "1933 Saint-Gaudens Double Eagle". Stacksbowers.com
  20. "The Case of the Missing Double Eagle Coins". Porzio. Bromberg & Newman (Pbnlaw.com). 22 de xuño de 2015.
  21. "The Farouck 1933 Double Eagle". En The E-Sylum. Vol. 24. Nº 21. 23 de maio de 2021.
  22. Donovan, K. (2006). "Buried Treasure. Sometimes a family fortune gets tangled in the sweep of history". Trusts & Estates. 26 de decembro.
  23. Worden, L. (2006). "1933 Double 'Legal'. Barry Berke: The Saints' Biggest Advocate". En COINage. Xaneiro. Páxinas 46-48.
  24. "Farouk-Fenton 1933 Double Eagle Sets New World Record Price!". Goldrushgallery.com
  25. Eric Brothers (2018). "The 1933 Double Eagle: America’s Most Notorious Coin". En Coin Week. 10 de maio de 2018.
  26. Collins, G. (2002). "$20 coin fetches $7.6 million at auction". En Chicago Tribune. 31 de xullo.
  27. Gilkes, Paul. (2021). "Only legal 1933 Saint-Gaudens gold $20 double eagle in June auction". En Coin World. 12 de marzo.
  28. "The 1933 Double Eagle". Sotheby's. 8 de xuño de 2021.
  29. McGreevy, N. (2021). "The World’s Most Valuable Coin Sells at Auction for $18.9 Million". En Smithsonian Magazine. 11 de xuño.
  30. Holand, O. (2021). "Rare ‘Double Eagle’ gold coin sells for a record $18.9M". En CNN Style. 8 de xuño de 2021.
  31. "The 1933 Double Eagle Gem Brilliant Uncirculated". Professional Coin Grading Service (PCGS.com).
  32. "United States Mint Recovers 10 Famed Double Eagles". United States Mint. 11 de agosto de 2005.
  33. 33,0 33,1 Tripp, D. E. (2002). "Double Eagle Trouble". En ANS Magazine. American Numismatic Society. Vol. 1. Nº 2. Páxinas 11-16.
  34. Dale, M. C. (2009). "U.S. Mint must seek Court OK to keep rare 1933 coins". En The Bulletin for August 2009. North York Coin Club. Agosto de 2009. Páxina 8.
  35. "The United States Government to sell the famed 1933 double eagle, the most valuable gold coin in the world". United States Mint. 7 de febreiro de 2002.
  36. Ganz, D. (2010). "Court trial likely in case of seized 1933 double eagles". En The E-Sylum. Vol. 13. Nº 46. 14 de novembro.
  37. Loftus, P. (2011). "Family Loses Coins Worth Millions in Dispute With U.S.". En The Wall Street Journal. 21 de xullo.
  38. Loftus, P. (2012). "Rare Gold Coins Belong to Mint, Judge Decides". En The Wall Street Journal. 9 de setembro.
  39. Roach, S. (2011). "1933 double eagle trial: At long last, a conclusion". En Coin World. 21 de xullo.
  40. Jones, A. (2015). "Court Orders U.S. Mint to Return Famed Coins to Family". En The Wall Street Journal. 17 de abril.
  41. "Langbord v. United States Dep't of the Treasury, No. 12-4574 (3d Cir. 2016)". Law.justia.com
  42. Guarino, B. (2016). "'A high-stakes dispute over ten pieces of gold': Court reclaims priceless Double Eagle coins for U.S. government". En The Washington Post. 2 de agosto.
  43. "Knox production". Cdn.cnn.com.
  44. Fairstein, L. (2004). The Kills. Little Brown. ISBN 978-0-7515-4284-4
  45. Twining, J. (2006). The Double Eagle. Harper Torch. ISBN 978-0060762209
  46. Hunt for the Double Eagle (2007). IMDb.com
  47. Ver a versión en francés: aquí.
  48. Gullbekk, S. H. (2012). "One coin, Four time zones, Seven cities, 10.000 visitors, 100 million households: The Double Eagle 1933 Touring Europe, Oslo 2012, 56 pp.". Academia.edu
  49. "La Double Eagle 1933, la pièce la plus chère du monde, visible à Bruxelles". RTBF.be. 9 de marzo de 2012.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]