Moncho López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de xullo de 1969 (55 anos) Ferrol, España |
Actividade | |
Ocupación | adestrador de baloncesto, baloncestista |
Deporte | baloncesto |
Ramón López Suárez, coñecido popularmente como Moncho López, nado en Narón o 10 de xullo de 1969, é un adestrador profesional de baloncesto galego. Dende 2024 adestra o COB, na LEB Ouro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Despois de comezar con 17 anos á fronte do equipo do Colexio Santiago Apóstolo pasou ao Clesa Ferrol e ao Siglo XXI de Lugo. Con menos de 30 anos adestrou o CB Gijón, logrando ascender á ACB na tempada 1998/99, de onde pasou a traballar para a Federación Española. Como adestrador da selección B española, conseguiu a medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de 2001. De aí pasou a ser axudante de Javier Imbroda no banco da selección de baloncesto de España, e cando este deixou o cargo para dirixir o Real Madrid logo do Mundobasket 2002, substituíuno á fronte do equipo (outubro de 2002). Así conseguiu a medalla de prata no Campionato Europeo de Baloncesto de 2003, logo de perder na final fronte a Lituania.[1]
En maio de 2004, tres meses antes dos Xogos Olímpicos de Atenas dimitiu do posto para dirixir o equipo do Leite Río Breogán de Lugo na ACB,[2] onde permaneceu ata 2006. En marzo de 2007 foi contratado como adestrador do equipo andaluz do Caja San Fernando ata o remate desa tempada. Ao ano seguinte, en febreiro de 2008, foi fichado como novo adestrador da selección portuguesa de baloncesto.[3]
En 2009 converteuse tamén no adestrador do FC Porto, traballo que compaxinou co da selección ata setembro de 2010, cando a Federación Portuguesa, molesta con esta situación, rescindiu o seu contrato como seleccionador.[4] Co FC Porto gañou a Copa e a Copa da Liga na tempada 2009/10 e a liga e o Trofeo António Pratas na 2010/11. Tras a seguinte campaña, na que o Porto gañou a Supercopa, a Copa e a Copa da Liga, e perdeu a final da liga contra o Benfica, o club decidiu disolver o equipo de baloncesto por controversias coa Federación.[5] Moncho quedou ao cargo das categorías inferiores e do Dragon Force, un novo equipo con xogadores xuvenís co que ascendeu no seu primeiro ano á Proliga (segunda división). Na súa primeira tempada na Proliga (2013/14) o Dragon Force acabou campión tras derrotar na final ao Illiabum e gañou unha praza na máxima categoría,[6] pero o club decidiu continuar un ano máis no segundo nivel. Repetiu título ao ano seguinte gañando todos os seus partidos e vencendo na final dos playoffs ao Eléctrico FC. En 2015 Moncho adestrou tamén a selección angolana, coa que gañou a medalla de prata no Afrobasket de 2015. [5][7]
Co Dragon Force xa na primeira división, e renomeado de novo a FC Porto, conseguiu meter o equipo na final dos playoffs, onde derrotou ao Benfica e gañou o 12º título de liga para o club portuense.[8] Gañou tamén a Copa da Liga dese ano e na tempada 2018/19 unha nova Copa e unha Supercopa. Na tempada 2020/21 gañou o seu último título co club portugués, a Copa da Liga, e ao remate da seguinte campaña deixou o posto. A continuación instalouse no Xapón, onde adestrou o Rizing Zephyr Fukuoka.[9]
En xuño de 2024 foi anunciado como novo adestrador do COB de Ourense, na LEB Ouro.[9]
Equipos
[editar | editar a fonte]- 2000-2002: Gijón Baloncesto
- 2002-2003: Selección de baloncesto de España
- 2005-2006: Leite Río Breogán
- 2006-2007: Caja San Fernando
- 2008-2010: Selección de baloncesto de Portugal
- 2009-2022: FC Porto
- 2015: Selección de baloncesto de Angola
- 2022-2024: Rizing Zephyr Fukuoka
- 2024-: COB
Palmarés
[editar | editar a fonte]Clubs
[editar | editar a fonte]FC Porto
[editar | editar a fonte]- Liga Portuguesa (2): 2010/11, 2015/16
- Copa de Portugal (3): 2009/10, 2011/12, 2018/19
- Supercopa de Portugal (2): 2011, 2019
- Copa da Liga de Portugal (4): 2009/10, 2011/12, 2015/16, 2020/21.
- Trofeo António Pratas (1): 2010/11
Dragon Force
[editar | editar a fonte]- Ligapro (2): 2013/14, 2014/15
Seleccións nacionais
[editar | editar a fonte]España
[editar | editar a fonte]- Medalla de prata no Campionato europeo de baloncesto de 2003 en Suecia.
Angola
[editar | editar a fonte]- Medalla de prata no Afrobasket de 2015 en Tunisia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fernández, J.M. (16 de xaneiro de 2017). "Moncho López: «Moriré con las botas puestas»" (en castelán). Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ "Moncho López planta por sorpresa a la selección". El Mundo (en castelán). 12 de maio de 2004. Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ "Moncho López, entrenador de la Selección de Portugal" (en castelán). 12 de febreiro de 2008. Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ "Moncho López deja de entrenar a la selección portuguesa". Marca (en castelán). 17 de setembro de 2010. Consultado o 8 de novembro de 2020.
- ↑ 5,0 5,1 "Moncho López dibuja 11 años en el Oporto a través de 11 momentos". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de marzo de 2019. Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ "O técnico galego Moncho López rubrica o ascenso de Dragon Force á LPB". 1 de abril de 2014. Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2020. Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ "Un galego, seleccionador angolano". Galicia Confidencial. 11 de febreiro de 2015. Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ "El Porto de Moncho López campeón en Portugal" (en castelán). Consultado o 9 de novembro de 2020.
- ↑ 9,0 9,1 "Moncho López será o adestrador principal do Club Ourense Baloncesto para as dúas próximas tempadas". 22 de xuño de 2024. Consultado o 4 de xullo de 2024.