Saltar ao contido

Vixía de Herbeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Monte Herbeira»)
Modelo:Xeografía físicaVixía de Herbeira
Imaxe
Tipocordilleira Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaCariño, España e Cedeira, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 44°N 8°O / 44, -8
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Características
Altitude621 m Editar o valor en Wikidata
Os cantís da Enseada de Cortes (Santo André de Teixido), preto de Vixía Herbeira.

Vixía Herbeira é un punto da costa galega, o punto máis alto da serra da Capelada, onde se achan os cantís cunha maior cota sobre o nivel do mar da Europa continental, con 613 metros sobre o mesmo, e o cuarto de maior altura de Europa (incluíndo as illas), tralos de Hornelen (860 m), Cabo Enniberg (754 m) e Croaghaun (668 m). Outros de altura semellante son Preikestolen (604 m), Slieve League (601 m) e Cabo Girão (580 m). Os cantís de Herbeira teñen un 80% de pendente.

Situación

[editar | editar a fonte]

Atópanse no concello de Cedeira (provincia da Coruña), na estrada que une a vila de Cariño coa de Santo André de Teixido e Cedeira. Moi preto de Herbeira está o cabo Ortegal onde fican as rochas máis antigas da Península Ibérica e as cuartas do mundo.[1]

No alto do beiril hai un vértice xeodésico e unha garita de vixilancia, a garita de Herbeira, edificada no século XVIII xunto con outras que existen na costa cantábrica galega ata Ribadeo e que vixiaban a costa da chegada de ingleses e de piratas normandos[2]. A paisaxe está ateigada de rochas que sobresaen entre unha mesta matogueira de uces e toxos na que pace gando vacún e cabalar.

Dende o alto do cantil divísase unha panorámica do océano, da costa, e das puntas Tarroiba e Robaliceira, polo que se está a converter nun dos lugares máis turísticos do país. Na parte posterior instalouse unha central eólica para aproveitar a forza do vento na zona.

Garita de Herbeira

[editar | editar a fonte]
Garita de Herbeira.

A garita de Herbeira é unha vella caseta no mesmo beiril do cantil, tipo alpendre, construída orixinariamente no século XVIII. O caseto actual data de 1805, e foi deseñado polos enxeñeiros da coroa de entón e construído polos veciños da comarca. Formaba parte dunha serie de construcións dedicadas á vixilancia costeira e marítima ao longo da costa, e que acollerían un pequeno destacamento militar.

A garita arrodéase dun pequeno valado de pedra. Os muros son de cachotaría de pedra de gra, cunha planta é rectangular duns 15 m². Conta con catro ocos, a porta e tres xaneliñas. Ten tamén unha cheminea. A cuberta soluciónase coa mesma pedra formando unha bóveda. No ano 2003 a garita e a súa contorna foron restauradas.

  1. "Ortegal era el centro de la Tierra", El País, 3 de setembro de 2008.
  2. Leal Bóveda, Xosé María (2018). "Os postos de vixilancia litoral na Galicia cantábrica dos séculos XVI-XIX. Fortes, fachos e trozos. Corsarios, piratas e armadas.". Revista Terras do Ortegal (Ortigueira-A Coruña) 5: 79–106. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]