Movella de bico branco
Gavia adamsii | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Individuo con plumaxe reprodutiva | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Gavia adamsii (Gray,GR, 1859) | |||||||||||||||
Zona de cría en amarelo.
Zona de invernada en laranxa
| |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Colymbus adamsii |
A movella[2][3] de bico branco ou mobella de bico branco[4][5] (Gavia adamsii) é unha especie de ave gaviforme da familia Gaviidae que habita no Holártico. É unha ave acuática migratoria que cría no norte de Eurasia e norte de Norteamérica, e pasa o inverno nas costas do Pacífico norte e Escandinavia.
Descrición
[editar | editar a fonte]As movellas son aves acuáticas que adoitan ter un tamaño maior que o dun pato, con plumaxes nas partes superiores con padróns de cor negra con pintas brancas, e as inferiores brancas, aínda que algúns dos seus membros teñen a cabeza e o pescozo grises. As movellas nadan co corpo semimergullado e teñen a cola curta. Teñen as patas curtas e situadas moi atrás e con dedas palmadas, o que as converte en grandes mergulladores, pero fainos torpes en terra. Os seus bicos son rectos e bicudos.
A movella de bico branco en verán posúe unha plumaxe negra nas partes superiores cun denso debuxo de pintas brancas a modo de dameiro, mentres que as súas partes inferiores son brancas, e rodeando o seu pescozo presenta unha banda de finas liñas brancas e negras, a modo de colar incompleto por detrás. Caracterízase polo seu bico lixeiramente curvado cara a arriba e de tonalidade branca ou amarelada, que o diferencia do resto de movellas. Mide uns 80 cm de longo e 130 cm de envergadura alar. En inverno as súas partes superiores vólvense de cor cincenta e a súa gorxa e pescozo vólvense brancos como o resto das partes inferiores.
Taxonomía e etimoloxía
[editar | editar a fonte]A movella de bico branco é unha das cinco especies do xénero Gavia, o único xénero da familia Gaviidae e a orde Gaviiformes.[6] A movella de bico branco foi descrita cientificamente polo zoólogo inglés George Robert Gray en 1859,[6] co nome de Colymbus adamsii. Durante moito tempo estivo clasificada, como o resto da súa familia, xunto aos mergullóns na orde Colymbiformes. Cando se invalidou o xénero Colymbus e se separaron os colimbos dos mergullóns en dúas ordes distintas, Gaviiformes e Podicipediformes respectivamente, os seus integrantes trasladáronse ao xénero Gavia, proposto por Johann Reinhold Forster en 1788. Non se recoñecen subespecies da movella de bico branco malia a súa ampla distribución.[7] Está estreitamente emparentada coa movella grande.
O nome do xénero, Gavia, é un termo latino que designaba unha ave mariña non identificada,[8] mentres que o seu nome específico, adamsii significa 'de Adams', en honra do médico naval e naturalista inglés Edward Adams,[9] que en varias viaxes polo ártico debuxou e recolectou exemplares desta especie e moitas outras.[10]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]A movella de bico branco é unha especie que cría principalmente nas costas do Ártico, chegando ata o paralelo 78° N, e pasa o inverno nas augas costeiras do Pacífico norte e do noroeste de Noruega.[11] A súa zona de cría rexístrase en Rusia, Canadá e Estados Unidos.[1] Aínda que pasa o inverno principalmente ao norte do paralelo 50° N, a súa área de invernada esténdese cara ao sur ata o paralelo 35° N nas costas do Xapón,[11] e observouse como divagante en máis de 20 países,[1] incluídos algúns tan ao sur como México e España.[12][1]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Alimentación
[editar | editar a fonte]Aliméntase principalmente de peixes, aínda que tamén come crustáceos, moluscos e anélidos. Atrapa as súas presas mergullándose.[11]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Como os demais colimbos forma parellas duradeiras. Aínda que prefire as charcas e lagos de auga doce da tundra, a movella de bico branco tamén cría nos ríos, estuarios e costas baixas do ártico. En xeral evita as zonas forestais. A época de cría adoita empezar en xuño, aínda que depende da época na que se produza o desxeo primaveral. Como os demais membros da súa familia esta movella aniña preto da beira da auga. A cópula ten lugar en terra, sen un cortexo complexo. A femia adoita poñer dous ovos. Durante a época de cría a parella defende un territorio grande dos intrusos, aínda que máis adiante poden unirse a outros individuos nos puntos de boa pesca.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2012). "Gavia adamsii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.4 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 18 de febreiro de 2011.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para movella.
- ↑ Dicionario Digalego movella Arquivado 20 de agosto de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ Conde Teira, Miguel Ángel (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa.
- ↑ "mobella de bico amarelo". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024.
- ↑ 6,0 6,1 Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Gaviiformes
- ↑ Frank Gill e David Donsker. Loons, penguins, petrels. IOC World Bird List versión 5.4.
- ↑ Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 171. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Johnsgard, Paul A. (1987). "Diving Birds of North America: Appendices". University of Nebraska, Lincoln. p. 265. Consultado o 6 de marzo de 2010.
- ↑ Holloway, Joel Ellis (2003). Dictionary of birds of the United States: Scientific and Common Names. Portland, OR, USA: Timber Press. p. 99. ISBN 0-88192-600-0.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Carboneras 1992, p. 172
- ↑ Howell, Steve N.G.; Webb, Sophie (1995). A Guide to the Birds of Mexico and Northern Central America. Oxford University Press. p. 93. ISBN 0-19-854012-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carboneras, Carles (1992). "Family Gaviidae (Divers)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 162–172. ISBN 84-87334-10-5.
- Hume, Rob (2002). Guía de campo de las aves de España y Europa. Ediciones Omega. ISBN 84-282-1317-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Movella de bico branco |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Movella de bico branco |