Muhsin Hendricks
Biografía | |
---|---|
Nacemento | xuño de 1967 ![]() Cidade do Cabo, Suráfrica ![]() |
Morte | 15 de febreiro de 2025 ![]() Bethelsdorp (Suráfrica) ![]() |
Relixión | Islam ![]() |
Actividade | |
Ocupación | Imán, activista LGBT ![]() |
![]() ![]() |
Mushin Hendricks, nado na Cidade do Cabo en xuño de 1967 e finado en Bethelsdorp o 15 de febreiro de 2025, foi un imán, erudito islámico e activista LGBT surafricano. Estivo involucrado en diversos movementos en favor das persoas musulmás do colectivo LGBT, defendendo unha maior aceptación das mesmas dentro do islam. Foi o primeiro imán abertamente homosexual do mundo tras saír do armario en 1996. Hendricks foi asasinado nun tiroteo a comezos de 2025, no que podería tratarse dun crime de odio.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hendricks naceu na Cidade do Cabo en xuño de 1967,[2][3] no seo dunha familia musulmá tradicional.[4] O seu avó foi un clérigo musulmán.[3] Hendricks licenciouse pola Universidade de Estudos Islámicos de Paquistán.[5] Segundo o propio Hendricks, os seus antepasados "procedían tanto de Indonesia como da India, e foron levados a Cidade do Cabo como prisioneiros políticos e escravos polos colonos holandeses".[6]
Hendricks casou cunha muller en 1991, coa que tivo varios fillos até o seu divorcio en 1996; nese mesmo ano, saíu do armario.[3][7] Posteriormente, viviu nun celeiro durante tres meses, permanecendo en xaxún e meditando sobre a súa fe seguindo a fórmula do Salat al-Istikharah.[3] Cando saíu do armario, Hendricks estaba a traballar como imán, ensinando nunha mesquita e nunha madrasa próxima,[5] de onde foi despedido pola súa orientación sexual. Malia o apoio do seu pai, a súa nai rexeitouno inicialmente. Porén, ambos reconciliáronse e mantiveron unha boa relación até a morte dela.[7]
En 1996, Hendricks fundou o Inner Circle, unha rede de apoio e axuda para musulmáns LGBT na procura de reconciliar as súas crenzas e tradicións co seu modo de vida.[5] Unha das razóns para a súa creación era foi a exclusión dos musulmáns LGBT das pregarias do venres.[8] A partir de 1998, Hendricks comezou a impartir oracións, consello e cerimonias de matrimonio a persoas LGBT.[7] O Inner Circle mudou máis tarde o seu nome a Fundación Al-Fitrah.[9]
Segundo a interpretación de Hendricks, e contra a tradición imperante no islam, non existe unha condena da homosexualidade no Corán.[7][10] El lía a historia de Sodoma e Gomorra como unha repulsa da violación, non da homosexualidade.[11] O Consello Xurídico Musulmán condenou a Hendricks en 2007, emitindo tamén unha fatwa contra todas as persoas gays.[7] Esta postura, que conta co apoio da meirande parte das organizacións musulmás de Suráfrica, foi criticada por non recoñecer a diversidade sexual e de xénero das sociedades musulmás precoloniais.
En 2011, fundou Masjidul Ghurbaah, unha mesquita pertencente á Fundación Al-Ghurbaah.[7] En 2019, viaxou a Kenya para promover os dereitos do colectivo LGBT.[7] En 2022, iniciou unha serie de cursos para persoas de diversas relixións dentro da Global Interfaith Network.[7]
Durante a pandemia de Covid-19, comezou a subir vídeos na plataforma TikTok con mensaxes positivos sobre o amor.[7] Contra o 2022, creou vídeos sobre as persoas musulmás LGBT en hindi e urdú.[7]
Hendricks apareceu no documental A Jihad for Love (2007);[11] en 2022, estreouse un documental alemán sobre a súa figura, The Radical.
Hendricks foi tiroteado o 15 de febreiro de 2025 na localidade de Bethelsdorp (Suráfrica) tras oficiar unha voda entre mulleres lesbianas.[1] Faleceu a causa das feridas. A data de 16 de febreiro de 2025, a motivación do asasinato e a identidade dos perpetradores aínda está a ser investigada.[1] A Asociación Internacional de Lesbianas, Gays, Bisexuais, Trans e Intersexuais (ILGA) condenou o acto e solicitou que se considerase un potencial crime de odio.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Guardian staff and agencies 2025.
- ↑ Malik 2019.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Sengar 2017.
- ↑ Boh 2016.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Eveleigh 2023.
- ↑ Mroué 2020.
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Fullerton 2022.
- ↑ Krondorfer 2011, p. 496.
- ↑ Lazareva 2019.
- ↑ Hendricks 2010.
- ↑ 11,0 11,1 Spence 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Boh, Elvis (2016). "South Africa's openly gay Imam comfortable with role". African News (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Eveleigh, Robin (2023). "Meet the gay imam changing attitudes from within". Positive News (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Fullerton, Jamie (2022). "‘I’m hoping there will be more queer imams’". The Guardian (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Guardian staff and agencies (2025). "Muhsin Hendricks, world’s ‘first openly gay imam’, shot dead in South Africa". The Guardian (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Hendricks, Muhsin (2010). "Islamic texts: a source for acceptance of queer individuals into mainstream Muslim society" (PDF). The Equal Rights Review (en inglés) 5 (1): 31–51.
- Krondorfer, Björn (2011). "Diversity of Sexuality in Islam: Interview with Imam Muhsin Hendricks". CrossCurrents (en inglés) 61 (4): 496–501. ISSN 0011-1953. JSTOR 24461906.
- Lazareva, Inna (2019). "'Space to coexist': Inside South Africa's LGBT-friendly mosque". Reuters (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Malik, Sarah (2019). "Meet the gay imam who started South Africa's first LGBTIQ friendly mosque". SBS (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Mroué, Mire (2020). "Q&A: Imam Muhsin Hendricks". Islamia Queeristi (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Sengar, Shweta (2017). "A Gay Imam With Hindu Partner Runs An LGBT-Friendly Mosque In South Africa. This Is His Story". India Times (en inglés). Consultado o 18/02/2025.
- Spence, Rebecca (2008). "Trembling Before Allah". The Forward (en inglés). Consultado o 18/02/2025.