Saltar ao contido

Muqarnas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Muqarnas no iwan (portada) da mesquita do Shah en Isfahán, Irán
Arco con muqarnas no miradoiro de Lindaraja, na Alhambra de Granada.

As muqarnas (en árabe: مقرنص; en persa: مقرنس) son unha forma de ornamento arquitectónico en forma de bóveda que se pode describir como a «subdivisión xeométrica dunha trompa angular, cúpula ou ménsula, nun elevado número de bóvedas en miniatura, que forman unha especie de estrutura celular».

Utilízanse en cúpulas e principalmente en semicúpulas nas entradas e ábsidas, especialmente na arquitectura tradicional islámica e persa.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Tamén se lles chama ás veces "bóvedas de favo de mel", debido á súa semellanza con estas estruturas, e cando algúns dos elementos se proxectan cara abaixo pódense denominar "bóvedas de estalactitas".

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A etimoloxía de muqarnas é algo vaga. O seu uso máis antigo en árabe data do século XII.[1] A súa orixe pode derivar da palabra grega korōnis, que significa "cornixa" ou "moldura ornamental".[2] Tamén se especula que poida provir da palabra árabe qarnasi, que significa "traballo intricado". Nişanyan afirma que está relacionada co arameo קרנסא, que significa "martelar".[3]

O termo en castelán mocárabe provén do árabe muqarbaṣ, que tamén se usaba para denominar as muqarnas nas rexións occidentais do mundo islámico.[4][5]

Muqarnas pintadas na Capela Palatina en Palermo (c. 1140), encargada por Roxelio II de Sicilia.

A súa orixe pode ser o termo grego κρηπίѕ, krēpís (cimentos, base). Tamén pode estar relacionada co árabe mukrab (firme, atado).[6]

As muqarnas xurdiron aproximadamente a mediados do século X no nordeste de Irán e case simultaneamente, aínda que aparentemente independentemente, no norte de África. Algúns dos exemplos máis destacados pódense ver na Alhambra de Granada, no Palacio Abásida de Bagdad, Iraq, e no mausoleo do sultán mameluco Qaitbay no Cairo, Exipto. Fóra do mundo islámico tamén hai exemplos do uso das muqarnas, como na arquitectura armenia,[7] na decoración dos grandes tellados rectangulares de madeira da Capela Palatina, construída no século XII en Palermo, Sicilia e noutros edificios importantes do período normando en Sicilia (véxase o Palermo árabe-normando e as catedrais de Cefalú e Monreale).[8][9]

Forma, función e materiais

[editar | editar a fonte]

Normalmente, as muqarnas, de forma cóncava e mirando cara abaixo, aplícanse na parte inferior de cúpulas, pendentes, cornixas, trompas angulares, arcos e bóvedas. Non teñen un papel estrutural significativo; non sempre están escavados nos bloques estruturais da cúpula, podendo suspenderse dun teito estrutural só como superficies puramente decorativas.

Poden ser de ladrillo, pedra, estuco ou madeira e cubertas con cerámica ou xeso. As células individuais ás veces chámanse alvéolos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Archnet". www.archnet.org. Consultado o 2024-12-22. 
  2. Jonathan M. Bloom (1988). "The Introduction of the Muqarnas into Egypt". Muqarnas (en inglés) 5. pp. 21–28. JSTOR 1523107. doi:10.2307/1523107. 
  3. "mukarnas". Nişanyan Sözlük (en turco). Consultado o 2024-12-22. 
  4. Antonio Fernández-Puertas. Muḳarbaṣ 7. pp. 500–501. 
  5. Gülru Necipoğlu (1996). The Topkapi Scroll: Geometry and Ornament in Islamic Architecture (en inglés). Getty Publications. pp. 359 (ver nota 7). ISBN 978-0-89236-335-3. No occidente islámico, o termo muqarbas tamén se usaba para describir as formacións de muqarnas. 
  6. "Archnet". www.archnet.org. Consultado o 2024-12-22. 
  7. Telli, Hale (2022). An Overview of Muqarnas in Armenian Architecture in the Context of Cultural Interaction (en inglés). IGI Global Scientific Publishing. pp. 269–295. ISBN 978-1-7998-9438-4. 
  8. Massaiu, Maurizio. "The Stone Muqarnas Vaults of Norman Sicily and their Syrian Counterparts. Transmission of Building Techniques" (en inglés). 
  9. Pierre Aubé (2006). Les Empires normands d’Orient. París: Perrin. (en francés) p. 344. ISBN 978-2-262-02297-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]