Neotragus batesi
Neotragus batesi | |||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||||||
Neotragus batesi de Winton, | |||||||||||||||||||||||||||||||||
Neotragus batesi é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos,[2][3] cuxa clasificación é discutida na actualidade. É un pequeno antílope que vive nas selvas húmidas da África central e oriental.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1903 polo zoólogo e coleccionista de animais británico William Edward de Winton, na revista Proc. Zool. Soc. Lond., 1903 (1): 192.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Para a etimoloxía do xénero, véxase Neotragus.
O nome esprecífico, batesi, é en honor do naturalista e explorador británico Henry Walter Bates.[Cómpre referencia]
Nomes comúns
[editar | editar a fonte]Na maior parte dos idiomas europeos coñécese cos nomes de antílope anano de Bates ou neotrago de Bates (coas modificacións propias de cada lingua).
Subespecies
[editar | editar a fonte]A maioría dos autores non recoñecen en Neotragus batesi subespecies.[1][2][3][4][5]
Porén, algúns recoñecen dúas, baseándose en variacións na coloracióin da pelaxe do tronco e das patas:[6]
- Neotragus batesi batesi no oeste, e
- Neotragus batesi harrisoni no nordeste da República Democrática do Congo e no sueste de Uganda.
Pero estas variacións no foron confirmadas por evidencias xenéticas, polo que só poden atribuírse á separación existente entre ambas as subpoboacións (véxase máis abaixo "distribución").
A controvertida taxonomía dos neotraguinos
[editar | editar a fonte]Segundo Eva V. Bärmann, da Universidade de Cambridge, e o seu colega Tim Schikora, do Centro de Investigación da Biodiversidade e o Clima de Frankfurt, a pesar de que as especies de antílopes ananos se reuniron comunmente na tribo dos neotraguinos debido á súa aparencia morfolóxica xeral, as análises filoxenéticas demostraron que non todos están estreitamente relacionados, polo que suxeriron restrinxir o nome de Neotragini ao xénero tipo Neotragus. No seu estudo utilizaron secuencias do citocromo b mitocondrial e medicións lineais do cranio para investigar máis a fondo a similitude das tres especies de Neotragus. Estas análises apoian a estreita relación de Neotragus moschatus e Neotragus batesi. Porén, Neotragus pygmaeus, a especie tipo —que nunca antes se incluira nas análises filoxenéticas— non está estreitamente relacionada. Segundo estes autores, podería compartir un antepasado común máis recente con outro "antílope anano", o Oreotragus oreotragus, e cos duiqueros do taxon Cephalophini. Polo tanto, suxeriron resucitar o xénero Nesotragus Von Dueben, 1846 para incluír nel a Neotragus moschatus e Neotragus batesi, deixando a Neotragus pygmaeus como a única especie do xénero.[7]
Catacterísticas
[editar | editar a fonte]Aparencia xeral
[editar | editar a fonte]É un antílope moi pequeno, o segundo máis pequeno detrás do antílope real ou antílope anano (Neotragus pygmaeus), ao que só supera nuns poucos centímetros de longo (de 5 a 10). Moi similar a este, de corpo delicado e compacto, sen cristas no curuto da cabeza, e lombo arredondado. Só os machos presentan cornos, que son rectos, pequenos, con aneis e rematados en punta. As orellas son máis ben curtas. O fociño está espido. Os pezuños interiores son estreitos e apuntados. Presenta glándulas preorbitais e nos pezuños, e carece de glándulas inguinais. As diferenzas, ademais do tamaño, consisten, á parte dalgún pequenos detalles anatómicos, en que a cor da cola é parda escura uniforme, en que presenta de aneis na base dos cornos, que son totalmente lisos no real, e nos pezuños laterais, que non son normalmente visíbeis. Tamén se pode confundir con outros "antílopes ananos", como os duiqueros, que son algo máis grandes, a forma xeral do corpo é diferente, non presentan un perfil recto na cabeza, e si en cambio cristas entre os pequenos cornos.[8]
A coloración xeral da súa pelaxe é parda escura brillante no lombo e máis clara nos flancos. A garganta e o ventre son brancos, tinxidos ás veces de amarelada apagada. A cola é uniformemente apardazada.[6][8]
Os cornos, presentes só nos machos, como quedou dito, son moi pequenos (de 2,5 a 4 cm), robustos e anelados na base, lisos nas partes superiores, inclinados cara a atrás e rematados en agudas puntas.[8]
Dimensións
[editar | editar a fonte]A lonxitude da cabeza e tronco oscila entre os 50 e os 55 cm, a cola mide de 5 a 8 cm, a altura na cernella é duns 30 cm, e o peso rolda entre os 4 e os 5 kg.[8][9] Os machos son bastante máis grandes e pesados que as femias.[6]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]O hábitat típico de Neotragus batesi son as densas selvas húmidas das terras baixas da África central,onde encontra agocho nas matogueiras densas. Pero tamén habita en plantacións, bosques secundarios, áreas despexadas e zonas ao redor dos asentamentos humanos.
A súa área de distribución divídese tres poboacións separadas: ao norte, encóntrase nunha pequena zona do sueste de Nixeria; en África occidental, na conca baixa do Congo, esténdese por unha ampla área do sur do Camerún, en toda a Guinea Ecuatorial e o Gabón e unha pequena zona do sueste da República Centroafricana e porcións máis amplas do norte e o sur da República do Congo e, na África central ocupa o unha ampla parte do nordeste da República Democrática do Congo e unha pequena do oeste de Uganda.[1]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Os antílopes ananos de Bates comn follas e abrochos dos arbustos, cogomelos, pastan e prados e comen tamén outras plantas herbáceas. E tamén plantas cultivadas, polo que son animais pouco pulares entre os agricultores que, moitas veces, os cazan con trampas cerca dos seus campos agrícolas.[6]
Costumes
[editar | editar a fonte]Os machos son territoriais, marcando o seu territorio coa secrecióno das súa glándulas preorbitaís; a extensión típica do seu territorio é de 2 a 4 hectáreas. As femias son mái sociais entre si e, ás veces, viven en grupos pequenos. Cando se asustan, foxen emitindo unha especie de ladrido.[6]
Reprodución
[editar | editar a fonte]A maioría dos antílopes ananos aparéanse nas estacións secas serodias e nas temperás húmidas. O período de xestación é de 180 días. As femias paren unha soa cria, que pesa ao nacer entre 1,6 e 2,4 kg.[6]
Status
[editar | editar a fonte]Seguindo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza a especie non está en perigo, aínda que se enfronta á perda do seu hábitat, porque, en xeral, é capaz de adaptarse aos bosques secundarios, plantacións, bordos de camiños e xardíns dos poboados. Porén, a expansión da poboación humana ten un efecto negativo na poboación futura deste pequeno antílope. Aínda que non se caza comercialmente, os agricultores cázano en cantidcades limitadas para aproveitar a súa carne, que usan como alimento. Por iso estra entidade cualifica o seu status como LC (pouco preocupante).[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Neotragus batesi na Lista vermella da IUCN.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Neotragus batesi en MSW.
- ↑ 3,0 3,1 Neotragus batesi de Winton, 1903 no ITIS, na que non se recoñecen subespecies,
- ↑ Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, pp. 262-263.
- ↑ Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 47-48.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Feer, F. (2013): "Neotragus batesi Bates's Pygmy Antelope", en: Kingdon, J.; Happold, D.; Butynski, T.; Hoffmann, M.; Happold, M. and Kalina, J. (2013): Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids. London, UK: Bloomsbury Publishing. ISBN 978-1-4081-2257-0.
- ↑ Eva V. Bärmann and Tim Schikora (2014): "The polyphyly of Neotragus – Results from genetic and morphometric analyses". Mammalian Biology 79 (4): 283-286.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 265.
- ↑ Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 48.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Neotragus batesi |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Neotragus batesi |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Groves, C. & Grubb, P. (2011): Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
- Groves, C. P. et al. (2011): "Family Bovidae (Hollow-horned rumiants)". In: Wilson, D. E. & Mittermeier, R. A. eds (2011): Handbook of the Mammals of the World. Volume II. Hoofed Mammals. Barcelona: Lynx edicions. ISBN 978-84-96553-77-4.
- Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
- Kingdon, J.; Happold, D.; Butynski, T.; Hoffmann, M.; Happold, M. and Kalina, J. (2013): Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids. Londres, UK: Bloomsbury Publishing. ISBN 978-1-4081-2257-0.
- VV.AA. (1986): Natura. Enciclopedia de los animales. Tomo II. Los primates. Los ungulados. Barcelona: Ediciones Orbis, S.A. ISBN 84-7634-752-9.
- Wilson, D. E., & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.