Saltar ao contido

Nicolasa Añón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaNicolasa Añón
Biografía
Nacemento(es) Nicolasa Añón Paz Editar o valor en Wikidata
28 de febreiro de 1810 Editar o valor en Wikidata
Boel, España Editar o valor en Wikidata
Morte1 de novembro de 1887 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
Boel, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoetisa, escritora Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsFrancisco Añón
Tomás Añón Paz Editar o valor en Wikidata

BNE: XX5423546 BUSC: anon-paz-nicolasa-1810-1887

Nicolasa Añón Paz, nada en Boel (na parroquia de San Pedro de Outes, concello de Outes), o 28 de febreiro de 1810 e finada no mesmo lugar o 1 de novembro de 1887, foi unha campesiña e poeta galega. Foi a irmá máis vella do poeta e xornalista galego Francisco Añón, precursor do rexurdimento cultural galego do século XIX.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Portada do libro manuscrito cos versos de Nicolasa Añón.

Estos versos mal compostos
son de Nicolasa Añón
que non tivo máis principios
que os que tivo o ligon.
Por Nicolasa Añón de
Paz, vecina del lugar
de Boel parroquia de
San Pedro de Outes.

—Última folla do manuscrito.[1]
A ruína da casa natal de Nicolasa pode apreciarse na fachada que dá á horta.[2]

Naceu no seo dunha familia de labregos acomodados e dedicouse toda a vida ó traballo no campo e ás tarefas domésticas.

Casou o 23 de xuño de 1829 con Pedro Buján Coiradas, de Pazos (Santa María de Entíns), tamén de Outes, e tivo tres fillos: Jesús, Eduardo e José.

Nicolasa era analfabeta, cousa habitual entre os campesiños e as mulleres do tempo, pero en 1885, con 75 anos de idade, ditou ó mestre Jacobo Lema Fernández un feixe de poesías que hoxe constitúen a única mostra da súa poesía; o manuscrito resultante estivo parcialmente inédito ata 2014.[3] Jacobo Lema era natural de Olveira (Dumbría), de onde era párroco o fillo de Nicolasa, Jesús.

O texto está formado por catro poemas en castelán e dous máis en galego, de certa extensión e de temática relixiosa; só un dos poemas, en galego, é que se aparta desta temática e recolle a visita que fixera o rei Afonso XII a Santiago de Compostela.

En 1886, o xornalista noiés Lisardo Rodríguez Barreiro foi coñecela a Boel e recolleu na reportaxe dúas poesías que Nicolasa lle recitou: unha era a dedicada a Afonso XII e outra inédita, dedicada á morte do seu irmán Francisco Añón.[4]

Señor, non lle valen nada, porqu’eu maxinos así coma quen non quer a cousa, mentras debullo n’o millo ou acomerando as vacas

O 1 de novembro de 1887 faleceu a consecuencia dunha pulmonía, na mesma casa onde nacera, e da que só quedan as ruínas e unha placa que só lembra o poeta Francisco Añón.

O periodista e escritor español Manuel Ossorio y Bernard dedicoulle unha entrada na súa obra Apuntes para un diccionario de escritoras españolas del siglo XIX, publicado en cinco capítulos na revista cultural La España Moderna, entre setembro de 1889 e maio de 1990.[4]

Ninguén volve mencionar a Nicolasa ata 1963, cando Ricardo Carballo Calero publica a súa Historia da literatura galega contemporánea e contempla a súa obra "ao agarimo da sombra do seu irmán".[5] Xesús Alonso Montero dálle unha entrada na Gran Enciclopedia Galega que, na edición de 2003, di que nacera "entre 1806 e 1810" e que da súa obra só se conservan "dúas composicións, en estrofas octosilábicas, que posúen toda a gracia e espontaneidade da poesía popular".[6] Lémbrese que o manuscrito de Jacobo Lema non se fixo público ata o ano 2014,[7] despois de que o escritor Ramón Blanco Fernández o atopase casualmente en outubro de 2012 cando presentaba na Serra de Outes un libro seu sobre Francisco Añón.

Posteriormente, tamén foi reivindicada por Xosefina López de Serantes, Carmen Blanco[8] e Aurora Marco.[9]

  1. Remate do libro de Nicolasa. 1885
  2. Álbum de mulleres Consello da Cultura Galega.
  3. "Nicolasa Añón, a do verso apagado". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2024-05-30. 
  4. 4,0 4,1 Rolland, Eduardo (2021-02-28). "Nicolasa Añón, a poeta galega que non sabía ler nin escribir". GCiencia. Consultado o 2024-05-30. 
  5. Carballo, R. (1975) [1963]. Historia da Literatura Galega Contemporánea. Galaxia. pp. 85–86; 551; 790. ISBN 84-7154-227-7. 
  6. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8. 
  7. Poesías de Nicolasa Añón, Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes, 2014.
  8. Blanco García, Carmen (1991). Literatura galega da muller. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. 
  9. Marco López, Aurora (1993). As precursoras. A Coruña: La Voz de Galicia. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]