Nuna
Nuna | |
---|---|
[ editar datos en Wikidata ] |
Nuna (tamén coñecido como Nuon Solar Team) é un equipo da Universidade de Tecnoloxía de Delft (TU Delft), nos Países Baixos, constituído por alumnos da propia universidade, que deseña e constrúe unha serie de vehículos movidos con enerxía solar cos que venceu o Desafío Solar Mundial (World Solar Challenge), en Australia, nas convocatorias de 2001 (Nuna 1), 2003 (Nuna 2), 2005 (Nuna 3), 2007 (Nuna4), 2013 (Nuna7) e 2015 (Nuna8).
O equipo Nuna é un dos que compoñen o coñecido como Dream Team da TU Delft, xunto con DARE, Forze e DUT Racing.[1]
As células solares
[editar | editar a fonte]As células solares están feitas de tres capas de arseniato de galio (GaAs). A luz solar que penetra pola capa superior utilízase nas capas inferiores, do que resulta unha eficiencia por riba do 26 %. O teito completo dos vehículos está cuberto con estas células solares, só coa excepción da cabina do piloto.
A eficiencia é óptima cando o Sol proxecta os seus raios perpendicularmente nas células. Cando isto non se dá, a produción redúcese aproximadamente o coseno do ángulo coa perpendicular. Para solucionar no posible esta mingua de rendemento no caso de que as carreiras se celebren en épocas do ano en que o Sol estea máis baixo, en función da estación do ano e do hemisferio da Terra en que teñan lugar, colócanse nos laterais tantas células como sexa posible, mesmo sobre as tapas das rodas.
Deseño
[editar | editar a fonte]Criterios do deseño
[editar | editar a fonte]Para ter unha gran posibilidade de vencer, o coche debe:
- Máxima captación posible de enerxía solar.
- Mínimo uso da enerxía captada:
- Eficiencia da transferencia eléctrica para as rodas.
- Redución da fricción, tanto a do aire como a das rodas en contacto co solo, na que ten moito que ver o peso do vehículo.
Aerodinámica
[editar | editar a fonte]O arrastre aerodinámico é unha parte importante da resistencia total, onde incide tanto a superficie frontal como a liña da corrente do aire. Calquera desvío da liña ideal desta corrente causará turbulencia, a cal consumirá enerxía que, xa que logo, non se poderá aproveitar para o desprazamento. A esta liña ideal da corrente chégase inicialmente a través de simulacións informáticas, na fase de deseño, seguidas por probas en modelos a escala en túneles de vento e, finalmente, por medio de probas no coche xa a tamaño natural, tamén en túnel de vento.
A partir dos datos meteorolóxicos da zona onde se vaia realizar cada competición, pódese concluír a presenza de ventos laterias de intensidade forte. Para estes casos, as tapas das rodas do Nuna desde a súa vesrión 3 foron deseñadas de tal xeito que o vento lateral teña un efecto propulsor.
Motor
[editar | editar a fonte]O motor vai directamente encaixado no tren traseiro para reducir perdas debidas á transmisión mecánica entre o motor e as rodas (como ocorre nun coche normal, con caixa de cambios e cardán). Trátase dunha versión mellorada dun motor de 1993 construído na Universidade de Ciencias Aplicadas de Berna, en Suíza. As melloras radican na redución do peso nun 30 % (10 kg), o aumento do 50 % na potencia (por riba dos 2.400 W) e un par motor un 45 % máis elevado. A eficiencia do motor tamén se mellorou, ata chegar a superar o 98 %, aumentando en función da velocidade, como se aprecia na gráfica que se xunta.
Os vehículos
[editar | editar a fonte]Series de Nuna (2005-2015)
[editar | editar a fonte]- Nuna 3 (2005). Foi o mellor coche da World Solar Chalenge de 2005, en Australia. Acadaba os 130 km/h. Logrou a vitoria percorrendo os 3.021 quilómetros entre Darwin e Adelaida nun tempo récord de 29 horas e 11 minutos, co que acadou un récord do campionato.
- Nuna 4 (2007). Os principais cambios con respecto ao Nuna 3 foron un volante en lugar de pancas, un asento vertical en lugar do piloto deitado e un panel solar máis pequeno, de 6 m² (en comparación cos 9 m² anteriores). Estes cambios foron motivados pola variación das regras por motivos de seguridade. O Nuna 4 gañou tamén a competición en 2007.[2]
- Nuna 5 (2009). O principal cambio con respecto ao seu predecesor foi o descenso do peso da batería desde os 30 kg aos 25 kg. Houbo tamén outros cambios motivados pola regulamentación, como a prohibición de circular con pneumáticos usados e lisos, ou a posición máis ergueita do piloto. Este vehículo acabou segundo na competición.[3]
- Nuna 6 (2011). Consonte a nova normativa do World Solar Chalenge, as células solares primitivas cambiáronse por outras de silicio monocristalino e diminuíuse o peso da batería. Para mellorar o seu rendemento, reduciuse tamén o peso do vehídulo e a súa resistencia aerodinámica.
- Nuna 7 (2013). Por primeira vez o Nuna incorporou catro rodas, en lugar das tres que o caracterizaban, e ademais deixou de ser simétrico, ao levar a cabina do piloto no seu lado dereito. O Nuna 7 gañou o Bridgestone World Solar Challenge de 2013.[4]
- Nuna 8 (2015). A versión 8 deste vehículo volveu suporlle ao equipo a vitoria no Desafío Solar Mundial, con 3.022 quilómetros en 33 horas e 26 segundos. Pesa 30 quilos menos que o seu antecesor e reduciu o rozamento aerodinámico nun 9 %.[5]
Vehículos da competencia
[editar | editar a fonte]O vehículo vencedor do Desafío Solar Norteamericano, da Universidade de Míchigan (EEUU) é un dos máis importantes competidores. Outros opoñentes de nivel foron tamén os deseñados e fabricados polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e pola Universidade Ashiya, no Xapón, así como outros competidores europeos, como o holandés da Universidade de Twente e o belga da cidade de Lovaina.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Páxina do Nuon Solar Team da web da TU Delft Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.. (En inglés e neerlandés)
- ↑ Resultados da World Solar Challenge 2007. (En inglés)
- ↑ Resultados da World Solar Challenge 2009 Arquivado 15 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. (En inglés)
- ↑ Resultados da World Solar Challenge 2013 Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. (En inglés)
- ↑ Resultados da World Solar Challenge 2015 Arquivado 27 de maio de 2016 en Wayback Machine.. (En inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Universidade de Tecnoloxía de Delft
- Delft Aerospace Rocket Engineering
- Forze Hydrogen Electric Racing Team Delft
- DUT Racing
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial do equipo Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine.. (En neerlandés e inglés)
- Sitio web do World Solar Challenge Arquivado 21 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.. (En inglés)
- Sitio web da Universidade de Tecnoloxía de Delft. (En inglés)