O avión de Cangas
O avión de Cangas | |
---|---|
Autor/a | Darío Xohán Cabana |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Novela, literatura infantil |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | 1992 |
Formato | tapa branda |
Páxinas | 62 |
ISBN | ISBN 978-84-7507-641-6 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O avión de Cangas é un conto de literatura infantil de Darío Xohán Cabana, publicado en 1992 por Edicións Xerais de Galicia. Foi finalista do Premio Merlín de 1991.
Trama
[editar | editar a fonte]Belarmino é un pequeno avión de seis prazas que cobre a ruta entre Cangas e Vigo, cruzando a ría de Vigo desde a praia de Rodeira até a explanada do Club Náutico. Unha noite unha turbulencia do aire fai que rompa unha á. Para arranxarlla chegan John Balan e Pepiño da Cagula, o Ferreiro de Tirán. O primeiro lanza unha corda até o avión, que estaba parado no aire, e o segundo rubiu por ela até soldarlle a á.
O Ferreiro, que fora funambulista de circo, intenta convencer a Belarmino de que deixe de facer a ruta, pois xa vai maior e un día pode ter un accidente. Balan, pola súa banda, conta as súas aventuras nos Estados Unidos de América, e explica que Marlon Brando é de Cuspedriños, e que Burt Lancaster, Henry Fonda, Buffalo Bill, Kirk Douglas e John Wayne son galegos. Ao cabo, o Ferreiro e Belarmino marchan para tomar fotos do cruceiro do Hío, mais desde o aire miran a Balan perseguido polos irmáns Dalton. Rescátano e regresan a Cangas para comer antes da viaxe da tarde.
Porén, pola tarde non vén cliente ningún, e descobren que o presidente da compañía de barcos que fai a mesma ruta está a difundir un libelo difamatorio para restarlle clientes a Belarmino. Ao pouco, os Dalton van onde eles para propoñerlles un negocio: montar un servizo postal entre Vigo e Ferrol, con paradas en Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña á ida e Noia e Vilagarcía de Arousa á volta.
Os sete montan a empresa e vailles ben. Un día Belarmino anda de paseo preto das illas Cíes e atopa o director da naviera de barcos a piques de naufragar, e rescátao. Este, agradecido, retráctase das palabras que dixera en contra do avión, e publica outro libelo laudatorio, amais dunha nota de agradecemento no Faro de Vigo. Despois van entrevistalo Manuel Rivas e Xurxo Lobato. Despois fanlle unha homenaxe na ría de Vigo. Pouco despois Belarmino xubílase.
Narración
[editar | editar a fonte]Hai un narrador omnisciente en terceira persoa. Hai moitas referencias xeográficas, e a obra está ambientada nunha ucronía en que hai unha república galega, con capital en Santiago de Compostela. Os títulos dos capítulos son rimados, e certas pasaxes do relato teñen elementos poéticos.
Amais do propio texto, ao final inclúese unha autopresentación do autor. Nela explica que ten medo a voar, e que a obra foi escrita cando vivía en Cangas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mejía Ruiz, Carmen; García Piqueras, Isabel (xullo, agosto, setembro 1999). "Aproximación á obra narrativa de Darío Xohán Cabana" (PDF). Grial (Galaxia) (127). ISSN 0017-4181. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de novembro de 2021. Consultado o 22 de novembro de 2021.