Olga Rodríguez
(2015) | |
Nome orixinal | (es) Olga Rodríguez Francisco |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 19 de decembro de 1975 (49 anos) León, España |
Educación | Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, escritora |
Participou en | |
18 de decembro de 2014 | Merecemos otro Madrid... ¡Y vamos a conseguirlo! (en) |
Familia | |
Parella | Juan Diego Botto |
Olga Rodríguez Francisco, nada en León o 19 de decembro de 1975, é xornalista, investigadora e escritora española especializada en información internacional, Oriente Medio e dereitos humanos. Desenvolveu a súa carreira na Cadena SER, Cuatro, CNN+ e en elDiario.es, medio do que é cofundadora.
Cubriu os conflitos máis importantes das primeiras dúas décadas do século XXI en Oriente Medio e o norte de África, labor polo que recibiu varios premios de prestixio. Tamén traballou en Estados Unidos en diferentes etapas. É autora de varios libros.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e Especialista Universitaria en Contenciosos de Oriente Próximo na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), cubriu algúns dos acontecementos informativos máis importantes de ámbito internacional do século XXI.
Destacan os seus traballos sobre as revoltas árabes desde Exipto en 2011, por ter acceso a movementos sociais e activistas cos que xa mantivera encontros desde 2004 e dos que escribira en varios libros; as súas crónicas desde Iraq durante a invasión e ocupación en 2003; as súas reportaxes desde os territorios palestinos, Afganistán ou Siria. A súa cobertura desde hai anos da crise dos refuxiados afgáns, iraquís ou sirios. As súas análises sobre os acontecementos na rexión. As súas investigacións e reportaxes sobre a impunidade en México. Ou as súas crónicas sobre a situación económica e social en España, cos afectados da crise como protagonistas.
Desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na Cadena SER, en Cuatro e en CNN+, así como colaboracións con El País, diario Público, Periodismo Humano e Radio Nacional de España. É cofundadora e copropietaria de ElDiario.es, un dos xornais en liña máis lidos en España. Escribiu varios ensaios relacionados con Oriente Medio. En ElDiario.es traballou como adxunta ao director e como xefa da sección Desalambre, especializada en dereitos humanos. Ten unha columna de opinión semanal en ElDiario.es e tamén escribe reportaxes, crónicas e análises de política internacional. Destaca polo seu xornalismo comprometido cos Dereitos Humanos e denunciando as súas violacións, tanto en Oriente Medio como en España e outros países, o que lle valeu varios premios de prestixio. Tamén son recoñecidas as súas análises sobre a realidade política, económica e social de Oriente Medio.
Traballou como xornalista en Afganistán, Estados Unidos, Exipto, Iraq, Israel, Xordania, Kosovo, Líbano, México, Siria, Territorios Palestinos Ocupados e o Iemen, entre outros países. Foi reporteira en Bagdad durante toda a invasión de Iraq de 2003, desde onde achegou as súas crónicas radiofónicas diarias para a Cadena SER, nas que relatou os de bombardeos, a caída de Saddam Husayn, o caos xeneralizado ante a ausencia de mando, os saqueos, o incendio da Biblioteca de Bagdad, o desmembramento da sociedade iraquí e a ineficacia e impasibilidade do Exército estadounidense.
Estivo aloxada no Hotel Palestina de Bagdad, desde onde presenciou o ataque estadounidense ao devandito hotel que acabou coa vida do cámara español José Couso e do xornalista ucraíno Taras Protsyuk. Desde entón, xunto con outros compañeiros de profesión, traballou activamente en busca dunha investigación independente en torno ao asasinato de Couso. Como testemuña directa do ocorrido, declarou en dúas ocasións na Audiencia Nacional, xunto cos xornalistas Jon Sistiaga e Carlos Hernández.
Cubriu conflitos en Líbano, Afganistán, Iraq, Territorios Ocupados Palestinos, Israel ou Iemen. A través de historias de persoas que coñeceu na rexión, e cuxa biografía contén a Historia da zona, escribiu o libro «El hombre mojado no teme la lluvia. Voces de Oriente Medio» (Debate, 2009), que cultivou grandes críticas e que acumula varias edicións. En 2011 cubriu as revoltas árabes centrada con base en Exipto, e tras iso escribiu o libro «Yo muero hoy. Las revueltas en el mundo árabe» (Debate, 2012).
Dous textos dos seu libros Aquí Bagdad. Crónica de una guerra (2004) e El hombre mojado no teme la lluvia forman parte da obra de teatro Shock II, de Andrés Lima, onde a actriz María Morales interpreta a propia Olga Rodríguez reproducindo o ataque estadounidense ao hotel dos xornalistas en Bagdad en 2003 e a actriz Alba Flores encarna a Minal, filla de Yamila, arrestada e torturada no cárcere de Abu Ghraib, historia relatada por Olga Rodríguez en El hombre mojado no teme la lluvia.
Ademais, é coguionista do filme "En los márgenes", dirixido por Juan Diego Botto e protagonizado por Luís Tosar e Penélope Cruz, no que se aborda a precariedade e o drama dos desafiuzamentos.
Participa en talleres e conferencias organizadas por universidades, colectivos sociais e diversas institucións sobre Xornalismo, Dereitos Humanos e Oriente Medio.
Seguiu o drama dos refuxiados en diversos países: Iraq, Siria, Turquía, Líbano, Xordania, e tamén Grecia, Macedonia do Norte, Serbia ou Hungría. Leva desde 2004 documentando e informando de historias de refuxiados iraquís, sirios, afgáns ou palestinos. En España cubriu os movementos sociais e políticos e moderou diversos debates públicos.
É integrante da Asociación de Xornalistas de Madrid e da Xunta directiva de UNRWA España (Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos).
É parella do actor Juan Diego Botto, con quen ten unha filla.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Foi galardoada co Premio Periodista Enfocada Lupa en 2016, concedido á xornalista máis votada por case 9.000 participantes tres finalistas, polo seu compromiso co xornalismo e os dereitos humanos.
Premio Periodismo y Derechos Humanos Asociación Pro Derechos Humanos de España en 2015 e Premio Enfoque de Periodismo (2014) polo seu xornalismo comprometido na defensa dos dereitos humanos e na denuncia da súa violación, Premio Pluma de la Paz (2006) polo seu traballo informativo desde Iraq, Premio Club Internacional de la Prensa al Mejor Trabajo Informativo (2006) polas súas reportaxes de televisión desde Gaza e Ciudad Juárez. Premio Ortega e Gasset colectivo (2003) e Premio Turia á Mellor Contribución de Medios (2003) polas súas crónicas desde Iraq.
En 2018, Rodríguez recibiu o Premio Honoris Causa Pimentel Fonseca en Italia pola súa defensa dos dereitos humanos.[1] En abril de 2019, Rodríguez foi galardoada co premio á Liberdade de Expresión na XII edición dos Premios da Asociación Cultural “Avuelapluma”, do semanario cacereño Avuelapluma na súa “aposta pola cultura e a liberdade de expresión”.[2]
Obra
[editar | editar a fonte]- Aquí Bagdad. Crónica de una guerra (Editorial Velecío, 2004).[3][4][3]
- José Couso, la mirada incómoda (2004), como coautora.[5]
- El hombre mojado no teme la lluvia. Voces de Oriente Medio (Editorial Debate, 2009).
- Yo muero hoy. Las revueltas en el mundo árabe (Editorial Debate, 2012).
- Karama. Las revueltas árabes (Editorial EnDebate, dixital)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "La periodista Olga Rodríguez, premiada en Italia por su defensa de los derechos humanos". eldiario.es (en castelán). Consultado o 13 de setembro de 2018.
- ↑ eldiarioes. "La periodista de eldiario.es Olga Rodríguez, premio a la libertad de expresión" (en castelán). Consultado o 1 de maio de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 fotografias, copyright Opinar y cada uno de los autores de articulos o. "OPINAR. Periódico electrónico de OPI. Leticia Alonso: Aquí Bagdad: Olga Rodríguez relata su experiencia en la guerra de Irak". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 13 de setembro de 2018.
- ↑ País, Ediciones El (22 de abril de 2004). "Olga Rodríguez subraya el papel de los periodistas en las guerras". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 13 de setembro de 2018.
- ↑ ELPAIS.com (14 de maio de 2008). "Cuatro periodistas testigos de la muerte de Couso tildan de "inaceptable" el uso de su testimonio por la Audiencia". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 13 de setembro de 2018.