Saltar ao contido

Palavra Comum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nome Palavra Comum
Tipo Revista de humanidades
Ano 2014
Provincia A Coruña
Dirección Alfredo Ferreiro Salgueiro e Tiago Alves Costa
Curadores Estela Pan Vásquez (vídeo/ensaio), Xesús González Gómez (teatro), Lito Caramés (crítica de arte), Marcos Ferreiro (fotografía)
Colaboradores Carlos Quiroga, Samuel F. Pimenta, Michele Yakini, Xesús González Gómez, Maria do Vigo, José António Lozano, Uxía Pedreira, Hirondina Joshua, Iolanda Aldrei, Xosé Lois García, Ramiro Torres, Anton Patiño, João Rasteiro, Marília Lopes, Márcio-André de Sousa Haz, Xavier Alcalá, Amadeu Baptista, Mauricio Gomes, Fausta Cardoso Pereira.
Seccións Entrevistas, Letras (Crónicas, Filosofía, Historia literaria, Narrativa, Poesía, Teatro, Tradución), Artes (Crítica de arte, Cine, Deseño, Fotografía, Ilustración, Pintura, Danza), Antropoloxía, Arquitectura, Patrimonio e Política.
Sitios web

Palavra Comum é unha revista cultural dixital fundada en 2014, editada na Coruña e cuxo obxectivo consiste en pór en contacto a cultura galega co mundo cultural lusófono.

Colaboran nela creadores procedentes de Galiza, de Portugal, do Brasil e incluso de Mozambique; as súas achegas, relacionadas con todos os formatos de cultura actuais, inclúen temas sobre literatura, fotografía e pintura, mais tamén arquitectura e antropoloxía.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A páxina principal da revista organiza os contidos nas seccións "Entrevistas", "Letras" e "Artes". Cada unha contén diferentes tipos de publicacións: por unha banda, na sección "Letras" inclúe crónicas, textos de filosofía e de historia literaria, mais tamén narrativa, teatro e algunhas traducións; Artes inclúe novidades e crítica de cine, deseño, fotografía, ilustración, pintura e danza. Alén disto, Palavra Comum ten realizado máis de 200 entrevistas a persoas vinculadas con estes eidos, entre as cales se encontran algúns dos colaboradores coa publicación.

Dirección

[editar | editar a fonte]

Foi fundada en 2014 por Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo e Ramiro Torres (os dous primeiros xa coincidiran en Amigos de Azertyuiop). O xornal Sermos Galiza cubriu a fundación cun artigo publicado o 20 de xaneiro en que nomeaba o conxunto de colaboradores e mais o equipo de dirección e resumía a orientación da revista, sen mudanzas até o momento. Con todo, o equipo directivo si mudou desde a fundación de Palavra Comum; actualmente está integrado por Tiago Alves Costa e Alfredo Ferreiro.

Temática e contidos

[editar | editar a fonte]

As seccións que máis publicacións conteñen até o momento son Crónicas, Narrativa, Poesía, Tradución e Fotografía. Alén de realizar crítica literaria e de cubrir as novidades artísticas do contexto lusófono (a revista ten máis de 200 publicacións sobre narrativa e máis de 500 de poesía, numerosos artigos relacionadas coa fotografía e coa pintura e outros que entran no eido do cinema), Palavra Comum ten publicado máis de 200 entrevistas aos artistas de cuxos traballos fala e un número semellante de traducións, entre as cales salientan as de autores franceses do XIX como Baudelaire, Zola, Stendhal ou Mallarmé.

A través das súas publicacións, xa sexan artigos propios, entrevistas ou traducións, a revista trata temas de actualidade como o feminismo, os conflitos lingüísticos (non unicamente do galego e do portugués, mais tamén de linguas como o occitano) e outros conflitos políticos como os fascismos (na sección “Traducións”, por exemplo, recóllense textos ao servizo deste conflito e fálase de persoas que participaron ou que tiveron algún tipo de contacto con el). Tamén hai publicacións relacionadas co eido da filosofía.

Por outra banda, Palavra Comum dá conta da produción artística e cultural actual dentro da lusofonía. Na sección de “Artes” hai publicacións que recollen exposicións de pintura e fotografía, estreas de películas, en forma, por exemplo, de crónicas ou de recensións. As seccións de Crónicas, Teatro, Narrativa e Poesía recollen parte da produción literaria máis recente (especialmente poemas e obras teatrais), elaboran críticas, realizan entrevistas e fan promoción de eventos de tipo artístico e cultural (premios e certames literarios, encontros, representación de obras teatrais etc.).

Obxectivos

[editar | editar a fonte]

Sermos Galiza publicou un artigo sobre a fundación desta publicación en 2014 en que di que “a revista Palavra Comum afirma-se como um espaço de arte e criação, e de divulgação da cultura galega em convívio fraterno com o universo lusófono.”

A revista é unha das numerosas iniciativas que partillan o obxectivo de pór en contacto as manifestacións artísticas, culturais e humanas de Galiza e da Lusofonía. Traballan na mesma dirección o Projecto Ponte nas Ondas ou o grupo Galabra; editoras que publican libros en galego internacional como Através Editora, Axóuxere Editora; librarías que traballan con materiais galego-portugueses como Suévia, Ciranda, Couceiro, Pedreira, Andel ou Biblos, e tamén escritores e escritoras cuxa produción en galego-portugués nutre o fondo cultural partillado (Ramiro Torres: 2017).

Traballan de xeito habitual con Através Editora e están asociados ao Portal Galego da Lingua, ambas as entidades pertencentes á AGAL. A relación entre a revista e o Portal Galego da Lingua explícase nesta publicación da páxina do PGL e queda demostrada na sección “Parceiros” da páxina web da revista, en que aparecen ligazóns á AELG e ao PGL, alén de ao portal de novas portugués Visão Sapo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]