Rabilongo das canaveiras
Rabilongo das canaveiras | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Macho adulto en Gelderland, Países Baixos
| |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
![]() Área de distribución do rabilongo das canaveiras (a distribución continua en vez de localizada en Asia é debida a que os datos de monitorización son menos detallados)[2]
Residentes Visitantes non reprodutores
| |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
O rabilongo das canaveiras[3] (Panurus biarmicus) é un pequeno paseriforme de cola longa atopado en zonas acuáticas con canaveiras e xunqueiras na zona temperada de Eurasia. Historicamente considerábase que estaba relacionado cos páridos, mais hoxe sábese que carece de parentes próximos vivos e é a única especie do xénero Panurus e da familia dos panúridos (Panuridae).[4]
Son aves cun forte dimorfismo sexual e forman parellas para toda a vida. Son moi produtivos na reprodución e poden criar varias veces nunha mesma estación. Aliméntanse principalmente de pequenos invertebrados en verán e de sementes de plantas en inverno.[5]
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]O rabilongo das canaveiras foi descrito cientificamente en 1758 polo naturalista sueco Carl Linné na 10ª edición da súa obra Systema Naturae. Linné situouno, xunto cos ferreiriños, no xénero Parus e deulle o nome binomial de Parus biarmicus.[6] Linné baseou a súa descrición na especie "beardmanica or bearded tit-mouse" que fora descrita e ilustrada en 1731 polo naturalista inglés Eleazar Albin e no "least butcher-bird" que fora descrito e ilusrado en 1747 por George Edwards.[7][8] O rabilongo das canaveiras foi despois retirado da familia dos páridos e situado na familia Paradoxornithidae. Autores posteriores clasificárono de diversas maneiras como membro dos Muscicapidae, Sylviidae ou Timaliidae.[4] Os estudos de filoxenética molecular mostran que é un paseriforme único, que non forma parte de ningunha destas familias.[9] Agora é situado na súa propia familia Panuridae, que foi creada en 1860 (como subfamilia Panurinae) por Marc Athanase Parfait Œillet Des Murs.[10][4] Carece de especies emparentadas próximas, pero é un silvioideo e a familia máis próxima é a das lavercas, Alaudidae. Panuridae e Alaudidae separáronse no Mioceno temperán.[11]
O actual nome do xénero, Panurus, foi introducido por Carl Ludwig Koch en 1816.[12] procede do grego antigo panu, "extremadamente", e ουρά, "cola, rabo". O adxectivo de especie, biarmicus, vén de "Biarmia", unha forma latinizada do nome da rexión de Bjarmalandia, hoxe parte de Rusia dentro do oblast de Arkhangelsk e da península de Kola (como resultado dunha confusión cando se describiu a especie, porque o rabilongo das canaveiras non vive nesas áreas).[4][13]
Subespecies
[editar | editar a fonte]Recoñécense tres subespecies:[14][15]
- P. b. biarmicus (Linné, 1758), de cor medianamente escura e atopado no norte e sur de Europa, tamén en Turquía e Azerbaixán.
- P. b. russicus (Brehm, CL, 1831), claro e atopado no leste de Europa, desde o sur de Rusia e Asia Central a Mongolia e norte da China.
- P. b. kosswigi Kumerloeve, 1959, escuro e atopado na provincia de Hatay do sur de Turquía e moi probablemente tamén na lindante Siria.
Nalgunhas partes de Europa central e do leste non hai total certeza de se están presentes P. b. biarmicus, P. b. russicus ou intermedios. As tres subespecies son bastante similares; algunhas autoridades suxeriron que a especie debería considerarse monotípica (é dicir, sen subespecies) debido á cantidade de variación individual e a variación clinal xeral.[5][16]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/ed/Panurus_biarmicus_flock.jpg/220px-Panurus_biarmicus_flock.jpg)
É unha especie nativa da Eurasia temperada, atopándose desde España, Francia e as Illas Británicas ata Manchuria, pero a súa distribución tende a ser bastante localizada (non continua) debido aos hábitats que prefire.[1][5] Os mapas adoitan mostrar a súa área de distribución asiática como unha sección grande e continua (en vez de localizada nos puntos onde hai xunqueiras), pero isto débese a que os datos de monitorización ofrecen detalles limitados desta área comparados cos da parte occidental da súa distribución.[2] En Europa adoitaba estar limitado a altitudes medias ou baixas, incluíndo tamén Gran Bretaña, mais na segunda metade do século XX espandiuse cara ao norte a Escandinavia, Finlandia e o norte dos países bálticos.[4][17][18]
É un visitante non reprodutor ocasional de Chipre e Irán, e en raros casos foi rexistrado como ave vagante no oeste, sur e leste da súa distribución normal en Portugal, norte de África, Israel, Kuwait, Paquistán, Xapón e Corea.[1][5][14] A especie xeralmente é residente e non se coñece ningunha poboación que siga un padrón migratorio claro e consistente. Porén, algunhas poboacións europeas tenden a pasar o período non reprodutor (inverno) no sur e suroeste da súa área de reprodución (verán), facendo o que como moito se podería decribir como unha migración a curta distancia, a uns poucos centos de quilómetros. Isto obsérvase principalmente na metade norte do continente, pero en ningunha rexión parece intervir toda a poboación, e algunhas das aves toman parte neses desprazamentos e outras esencialmente permanecen no mesmo lugar todo o ano.[2][19] Adultos e xoves poden facer dispersións eruptivas fóra da tempada reprodutora e en períodos con alimento limitado ou tempo frío os rabilongos das canaveiras poden realizar outros movementos, maiormente locais.[5][14]
É unha ave especialista de hábitat que se atopa en zonas de canaveiras, principalmente con Phragmites australis, en lagos de auga doce ou salobre, pantanos ou ríos, pero tamén nas zonas de vexetación próximas con herbáceas altas como Typha e Carex.[4][5] Especialmente durante o período de reprodución a especie evita claramente as partes non inundables ou secas das zonas húmidas,[20] pero noutros momentos pode vagar máis libremente.[5] Aínda que normalmen se atopa pousado ou gabeando polas canaveiras ou outra vexetación similar, facilmente pode choutar ao chan, especialmente en sitios pantanosos ou na beira da auga.[5] Ten un amplo rango altitudinal, atopándose principalmente desde o nivel do mar a altitudes medias, pero foi rexistrado ata os 3050 m sobre o nivel do mar na China.[14]
Descrición e vocalizacións
[editar | editar a fonte]É un paxaro pequeno de 14,5-17 cm de lonxitude, cun longo rabo ou cola e un voo ondulante.[5] A plumaxe é principalmente marrón alaranxada, cunha gorxa e peito abrancazados, algunhas partes contrastantes negras e brancas nas ás, e beiras brancas nas plumas da cola. O macho adulto ten cabeza gris, "bigotes" negros e cobertoiras de debaixo da cola negras. As femias adultas son xeralmente máis claras, cunha cabeza máis amarronada e sen bigotes negros nin cobertoiras negras de debaixo da cola, pero ás veces con puntos/manchas negras na coroa e dorso.[5][21] Mentres que eses puntos/manchas varían deste estar ausentes a fortemente marcados no rango occidental da especie, están ausentes ou feblemente marcados no leste.[5][15] Informouse dun só caso dun exemplar xinandromorfo de rabilongo das canaveiras no que un lado do animal semellaba principalmente á plumaxe e características do macho e o outro lado as características da femia.[22] O bico da femia adulta é algo máis claro que o bico amarelo-alaranxado intenso do macho.[5][21] Os adultos sofen unha soa muda completa a finais do verán-outono, xeralmene empezando en agosto (xusto despois da estación reprodutora) e acabando uns 50 días despois.[2][21]
Os xoves de ambos os sexos lembran a femia adulta, pero son en conxunto máis beixes, teñen unha área negra aproximadamente rectangular nas costas (bastante maior que as manchas/puntos nas costas que teñen incluso as femias adultas máis marcadas) e o negro esténdese ata as plumas da cola. O macho xove ten unha mancha loreal negra relativamente grande e contrastante e un bico amarelo-alaranxado intenso, mentres que as femias xoves teñen unha área loreal gris escura máis pequena e un bico anegrado, amarronado ou amarelo escuro.[5][21][23] Estas diferenzas relacionadas co sexo na cor do bico dos xoves son xa evidentes ao final do período que pasan as crías no niño.[4] A diferenza da maioría das aves, os rabilongos das canaveiras sofren unha muda post-xuvenil completa, que comeza a finais de xullo ou inicios de setembro e acaba coa plumaxe xa adulta en outubro. Isto significa que unha destas aves que fixo eclosión uns poucos meses antes é indistinguible dos adultos máis vellos polo outono.[2][21] Cando empluman por primeira vez, os xoves teñen ollos marróns escuros, que despois se converten en grises e posteriormente en amarelos agrisados ou amarelos. Unha vez que mudaron á plumaxe de adulto xeralmene tamén teñan a cor de ollos amarela ou alaranxada de adulto; porén, en ocasións poden atoparse rabilongos das canaveiras en plumaxe adulta con ollos grises ou marróns xuvenís.[24]
Debido á súa plumaxe tan boa para a camuflaxe e ao seu denso hábitat de canaveiras e carrizas, pasan facilmente desapercibidos, pero a súa presenza adoita revelarse pola súa característica chamada metálica "ping", que utilizan para manter o contacto con outros individuos da súa especie.[25][26] A canción do macho foi descrita como un melodioso "tschin-schik-schra".[25] Durante o voo as súas curtas ás orixinan un son rumbante.[26]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Ciclo vital
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e7/Panurus_biarmicus_biarmicus_MHNT.ZOO.2010.11.180.10.jpg/220px-Panurus_biarmicus_biarmicus_MHNT.ZOO.2010.11.180.10.jpg)
O rabilongo das canaveiras é unha ave social e durante a estación non reprodutora adoita verse en grupos de ata 10 individuos, excepcionalmente de douscentos. Durante a estación reprodutora o máis normal é velos en parellas, grupos familiares ou grupos de individuos novos independentes.[5]
Os xoves xa forman parellas cando son aínda novos, só unhas poucas semanas despois de emplumaren.[4][23] Unha vez formada a parella, esta xeralmente dura toda a vida e permanecen xuntos todo o ano, durmindo ademais moi preto.[23][26] Se un membro da parella morre, o sobrevivente pode unirse a grupos de xoves para encontrar unha nova parella.[4] A parella é monógama, aínda que o apareamento con outro individuo (infidelidade) non raro en ningún dos sexos.[2][5][27] A lonxitude dos "bigotes" negros (marcas na face) do macho é un sinal honesto que indica a súa dominancia (en competicións polo alimento con outros machos o que ten os "bigotes" máis longos adoita ser o vencedor) e as femias prefiren os machos que teñen o "bigote" máis longo.[2][27] Ambos os sexos, pero especialmente as femias, tamén prefiren compañeiros coas colas máis longas e a lonxitude da cola xoga un papel na axilidade de movementos dunha ave.[23] Nos xoves de ambos os sexos o tamaño da área loreal é un sinal honesto das condicións do corpo, pero non se sabe se isto ten algún papel na elección de parella cando esta inicialmente se establece.[23]
A reprodución prodúcese en primavera e verán, desde finais de marzo a inicios de setembro, pero o momento en que empeza e termina depende das condicións ambientais e da dispoñibilidade de alimento, e o período máis común é de abril a xullo.[4][5][16] Normalmente crían dúas ou tres veces por tempada, menos frecuentemente catro e moi raramente cinco.[4][16][28] En catividade, onde non teñen as mesmas limitacións que na natureza, poden xa comezar a reproducirse a finais de febreiro e excepcionalmente poden intentar criar ata sete roladas de polos nunha tempada, aínda que é dubidoso que todas elas cheguen a criarse con éxito.[26] Unha parella pode nidificar soa ou formando parte dunha pequena colonia que como media consta de seis parellas con niños separados a poucos metros de distancia.[27] A infidelidade non é común nestas colonias de nidificación pouco densas e é rara nas parellas que nidifican soas. Ocorre frecuentemente que cando unha femia realiza o comportamento de "píllame se podes", iniciada cando ela fai unha chamada específica que atrae os machos, entón sae voando cos machos perseguíndoa, finalmente pousa nunhas canaveiras e permite que o macho máis rápido se aparee con ela.[4][27] O gañador pode ser o macho da súa propia parella xa establecida, ou pode ser un macho emparellado con outra femia, pero os machos non emparellados é improbable que sexan os que se apareen.[27][29] O apareamento é moi infrecuente, e para incrementar as posibilidades de ser pai dunha rolada de polos, o macho ten unha protuberancia cloacal relativamente grande e muscular que funciona como órgano copulatorio, que é único entre os paseriformes.[29] Os rabilongos das canaveiras silvestres son animais non territoriais,[4][16] pero os que viven nun espazo máis restrinxido en catividade poden mostrar algunhas tendencias territoriais, aínda que dúas parellas poden habitar e reproducirse nun aviario que teña un par de metros cadrados.[26]
Ambos os sexos participan na construción do seu niño cupuliforme, que ten un diámetro de entre 7,5 e 17 cm. Está adherido ás canaveiras ou xuncos ou vexetación similar e pode estar situado case a nivel do chan o da auga ou ata unha altura duns 0,7 m.[2][5] Tamén aceptan niños artificiais.[5][26] Ambos os sexos participan na incubación de ata dúas semanas dos 3 a 11 (normalmente de 4 a 8) ovos que poñen, ao cal segue un período de crianza das crías que xa eclosionaron dunhas dúas semanas máis. Unha vez que abandonan o niño, o que adoita producirse antes de seren capaces de voar, os xoves seguen dependendo dos pais unhas dúas semanas, raramente máis.[5] Cun período típico de construción do niño de cinco días, o tempo medio desde o comezo da construción do niño ata que os xoves son completamente independentes é duns corenta días.[28] Especialmente nos anos cunha densidade de poboación baixa, unha parella pode empezar unha nova crianza de polos nun niño novo adicional feito nas proximidades mesmo antes de que os polos anteriores abandonasen o primeiro niño.[4][16][28] Cando existen roladas solapadas, a femia dedica o seu tempo á rolada nova e o macho reparte o seu tempo entre a vella e a nova.[28] Durante os anos afortunados, unha parella destas aves probablemente ten máis fillos nunha tempada que calquera outro paseriforme europeo.[16] Os xoves acadan rapidamente a madureza sexual e os que fan eclosión antes no inicio da tempada poderían xa reproducirse ao final da mesma tempada, pero isto é excepcional (e non foi confirmado en exemplares que viven na natureza) e o normal é que a primeira reprodución ocorra o ano seguinte.[4]
Como media, o rabilongo das canaveiras chega a unha idade máxima de dous ou tres anos, pero o maior rexistro é de sete anos e tres meses.[25][30]
Alimentación
[editar | editar a fonte]No verán, o rabilongo das canaveiras come principalmene insectos, as súas larvas e pupas, e outros pequenos invertebrados (colémbolos, arañas, caracois, etc), normalmente capturando especies que se moven de vagariño. Esta é tamén a comida que a parella proporciona ás crías antes e despois de emplumaren.[5][16] O común é que o sitio do niño estea a varios centos de metros das principais zonas de busca de alimentos.[16]
A finais de outono e en inverno, o rabilongo das canaveiras aliméntase principalmente de sementes de Phragmites australis, xuncáceas, estruga maior, Epilobium hirsutum e outras plantas herbosas ou de tipo xunco, ás veces formando bandadas mixtas con outras pequenas aves como os liñaceiros de queixo negro.[5][16] Collen as sementes directamente da planta ou do chan, escaravellando na superficie, dándolle volta ás follas caídas ou mesmo sondando na neve.[5] Porén, durante os invernos duros ou húmidos, o acceso a esta importante fonte de comida pode quedar grandemente reducida debido aos extensos mantos de neve, de xeo ou ás inundacións, o que lles fai pasar moita fame ou morren.[4][31] Para poderen dixerir as dietas tan diferentes do verán e do inverno, ocorren cambios significativos no seu sistema dixestivo.[16] A cuberta interna do estómago é reforzada, e desde aproximadamente setembro a decembro, tragan pequenas pedriñas de grava ou area grosa, que lles axudan a triturar as sementes duras.[17][32]
Conservación
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/32/Panurus_biarmicus_Males.jpg/220px-Panurus_biarmicus_Males.jpg)
En conxunto, o rabilongo das canaveiras está moi estendido, ten grandes poboacións e non se considera ameazado. Estímase que tan só en Europa hai uns 500.000 ou máis adultos e a gran maioría da área de distribución da especie está en Asia, o que significa que o total da poboación adulta podería ser de polo menos 3.000.000.[1] Aínda así, debido ao seu estilo de vida, é difícil facer estimacións exactas da súa poboación, incluso para as que viven nas partes ben estudadas do mundo.[2]
As poboacións locais flutúan moito de ano a ano dependendo da dispoñibilidade de comida e hábitat. É unha especie vulnerable aos invernos duros durante os cales moitas aves morren; incluso despois dunha completa exterminación nunha rexión, a alta capacidade reprodutiva da especie e o seu comportamento de dispersión eruptiva permítelle recolonizar estas áreas desde outras rexións.[4] En certos lugares a perda de hábitat causou a caída das poboacións ou mesmo a súa completa desaparición.[1][5] A subespecie P. b. kosswigi, que só se coñece definitivamente pola poboación do lago Amik, o cal hoxe está completamente drenado (aínda que pode tamén aparecer noutros lugares desta parte de Turquía e na veciña Siria), non foi rexistrada desde 1962 e podería estar extinta.[4][5]
O comportamento de dispersión eruptiva desta ave permitiulles expandir o seu rango a novas rexións. Por exemplo, estableceuse primeiro como reprodutor en Dinamarca e Suecia a finais da década de 1960 e é agora bastante común localmente en ambos os países (pero sometido a grandes variacións anuais dependendo do rigor dos invernos).[33][34] Isto foi parte dunha expansión global no noroeste de Europa durante a década de 1960, que parece que principalmente impulsou dipersións eruptivas desde a gran poboación dos Países Baixos.[4] Nas décadas seguintes, a especie expandiuse polo norte de Europa, co primeiro rexistro en Estonia en 1978 e verificouse a reprodución pouco despois,[17] e acabou por establecerse como reprodutor en Finlandia a finais da década de 1980.[18] Co quecemento global, é probable que ocorran maiores expansións en rexións onde os invernos están facéndose máis suaves.[5] Inversamente, o incremento predito de fenómenos climáticos extremos, especialmente secas ou inundacións invernais, é probable que teña un efecto negativo nalgunhas poboacións de rabilongo das canaveiras.[20][31]
-
Niño cos ovos da obra Pictures of Bird Life publicada en 1903. O autor R.B. Lodge sinalou o declive da especie no Reino Unido.[35]
-
Femia adulta en Oare Marshes, Kent, Inglaterra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 BirdLife International. (2024). "Panurus biarmicus" 2024: e.T22716776A264585405.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Malzer, I. (2017). "Patterns in the space use of the Bearded Reedling, Panurus biarmicus, on the Tay Reedbeds, Scotland" (PDF). University of Glasgow. Consultado o 19 de novembro de 2023.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 4,16 4,17 4,18 Lendvai, A.Z. (2023). "Bearded Reedling (Panurus biarmicus): the biology of a remarkable bird – a review of the recent literature". Ornis Hungarica 31 (1): 1. doi:10.2478/orhu-2023-0001.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 5,17 5,18 5,19 5,20 5,21 5,22 5,23 5,24 Robson, Craig (2007). "Family Paradoxornithidae (Parrotbill)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Christie, David. Handbook of the Birds of the World. 12: Picathartes to Tits and Chickadees. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 292–320. ISBN 978-84-96553-42-2.
- ↑ Linnaeus, Carl (1758). Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín) 1 (10th ed.). Holmiae (Stockholm): Laurentii Salvii. p. 190.
- ↑ Albin, Eleazar; Derham, William (1731). A Natural History of Birds : Illustrated with a Hundred and One Copper Plates, Curiously Engraven from the Life 3. Londres: Printed for the author and sold by William Innys. p. 46, Plate 48.
- ↑ Edwards, George (1747). A Natural History of Uncommon Birds 2. Londres: Printed for the author at the College of Physicians. p. 55, Plate 55.
- ↑ Johansson, Ulf S.; Fjeldså, Jon; Bowie, Rauri CK (2008). "Phylogenetic relationships within Passerida (Aves: Passeriformes): a review and a new molecular phylogeny based on three nuclear intron markers". Molecular Phylogenetics and Evolution 48 (3): 858–876. PMID 18619860. doi:10.1016/j.ympev.2008.05.029.
- ↑ Des Murs, Marc Athanase Parfait Oeillet (1860). Traité général d'oologie ornithologique au point de vue de la classification. París: F. Klincksieck. p. 508.
- ↑ Oliveros, C.H.; et al. (2019). "Earth history and the passerine superradiation". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 116 (16): 7916–7925. Bibcode:2019PNAS..116.7916O. PMC 6475423. PMID 30936315. doi:10.1073/pnas.1813206116.
- ↑ Koch, C.L. (1816). System der baierischen Zoologie (en alemán). 1: Die Säugthiere und Vögel Baierns. Nürnberg: Stein. p. 201.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 71, 291. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Robson, Craig. "Bearded Tit". Birds of the World. doi:10.2173/bow.bearee1.01. Consultado o 2 de decembro de 2022.
- ↑ 15,0 15,1 Sluys, R. (1983). "Geographical variation and distribution of the Bearded Tit Panurus biarmicus (Linnaeus, 1758) (Aves)". Bijdragen tot de Dierkunde 53 (1): 13–32. doi:10.1163/26660644-05301002.
- ↑ 16,00 16,01 16,02 16,03 16,04 16,05 16,06 16,07 16,08 16,09 Bibby, C.J. (1983). "Studies of west Palearctic birds - 186. Bearded Tit". British Birds 76 (12): 549–563.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 "Little known non-migrant birds". Looduskalender.ee. 5 de novembro de 2011. Consultado o 19 de novembro de 2023.
- ↑ 18,0 18,1 "Bearded Tit". LuontoPortti. Consultado o 18 de novembro de 2023.
- ↑ Surmacki, A.; Stępniewski, J. (2007). "Do weather conditions affect the dynamics of bearded tit Panurus biarmicus populations throughout the year? A case study from western Poland". Annales Zoologici Fennici 44 (1): 35–42. doi:10.2478/orhu-2023-0001.
- ↑ 20,0 20,1 Alambiaga, I.; Carrasco, M.; Ruiz, C.; Mesquita-Joanes, F.; Monrós, J.S. (2021). "Population trends and habitat selection of threatened marsh passerines in a protected Mediterranean wetland". Avian Conservation and Ecology 16 (2): 23. doi:10.5751/ACE-01953-160223.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 "Ageing and sexing" de Javier Blasco-Zumeta & Gerd-Michael Heinze.
- ↑ Stępniewski, J.; Surmacki, A. (2023). "The first case of bilateral gynandromorphic plumage type in the bearded reedling Panurus biarmicus". The European Zoological Journal 90 (2): 643–647. doi:10.1080/24750263.2023.2231000.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Surmacki, A.; Stępniewski, J.; Stępniewska, M. (2015). "Juvenile sexual dimorphism, dichromatism and condition-dependent signaling in a bird species with early pair bonds". Journal of Ornithology 156: 65–73. doi:10.1007/s10336-014-1108-y.
- ↑ Wilson, J.; Hartley, I.R. (2007). "Changes in eye colour of juvenile Bearded Tits Panurus biarmicus and its use in determining breeding productivity". Ibis 149 (2): 407–411. doi:10.1111/j.1474-919X.2006.00630.x.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 "Bearded Tit". Birdfact. Consultado o 18 de novembro de 2023.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 Flamion, F. (1999). "Bearded Reedling – Natural and Captive". AFA Watchbird 26 (4): 17–22.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 Hoi, H.; Hoi-Lehner, M. (1997). "An alternative route to coloniality in the bearded tit: females pursue extra-pair fertilizations". Behavioral Ecology 8 (2): 113–119. doi:10.1093/beheco/8.2.113.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 28,3 Stępniewski, J.; Halupka, L. (2018). "Overlapping breeding attempts in the Bearded Tit (Panurus biarmicus)". Avian Research 9: 22. doi:10.1186/s40657-018-0115-8.
- ↑ 29,0 29,1 Sax, A.; Hoi, H. (1998). "Individual and temporal variation in cloacal protuberance size of male bearded tits (Panurus biarmicus)". The Auk 115 (4): 964–969. JSTOR 4089514. doi:10.2307/4089514.
- ↑ "Bearded Tit". BTO. 7 de abril de 2015. Consultado o 19 de novembro de 2023.
- ↑ 31,0 31,1 Wilson, J.; Peach, W. (2006). "Impact of an exceptional winter flood on the population dynamics of bearded tits (Panurus biarmicus)". Animal Conservation 9 (4): 463–473. Bibcode:2006AnCon...9..463W. doi:10.1111/j.1469-1795.2006.00063.x.
- ↑ Wilson, J. (2014). "The gritting behaviour of Bearded Tits Panurus biarmicus". Ringing & Migration 29 (1): 37–40. doi:10.1080/03078698.2013.869910.
- ↑ "Skægmejse". Dansk Ornitologisk Forening. Consultado o 18 de novembro de 2023.
- ↑ "Skäggmes". Artdatabanken (Swedish University of Agricultural Sciences). Consultado o 18 de novembro de 2023.
- ↑ Lodge, R.B. (1903). Pictures of Bird Life: On Woodland Meadow, Mountain and Marsh. Londres: S.H. Bousfield. pp. 208–216.