Pazo de Ximonde
Pazo de Ximonde | |
---|---|
Concello | Vedra |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°45′05″N 8°27′27″O / 42.751401, -8.457446 |
Estilo arquitectónico | |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Pazo de Ximonde é un pazo situado na parroquia de San Miguel de Sarandón, Vedra, construído a finais do século XVIII en forma de escadra nun extenso predio amurallado de doce hectáreas. Foi residencia dos Condes de Ximonde e xogou un importante papel durante o Carlismo. Foi propiedade da familia Puga durante varias xeracións, e en 2009 a empresaria María Barallobre adquiriuno nunha poxa.[1][2]
Características
[editar | editar a fonte]A construción do pazo remóntase ao século XVI e reconstruíuse no XVIII, en estilo barroco, da man dos condes de Ximonde, descendentes dos Cisneros que alcanzaran en 1766 o título de Condes de Carlos II. Unha vez dentro dos xardíns do pazo atópase a fachada en forma de «L» (antigamente a pranta tiña forma de «U» pero parte do edificio derrumbouse) cun balcón sobre a porta principal e sobre este un escudo coa coroa e os brasóns dos Cisneros que mostra a imaxe dun cisne, símbolo da familia. No outro lado atópanse unhas escaleiras que dan paso ó interior cunha galería construída sobre arcadas, un patio con dúas fontes, unha delas encaixada no edificio e no interior unha bodega cun lagar de pedra destinado á produción de viño. Preto do pazo hai unha pequena vivenda con seis cuartos, utilizada polos caseiros. Preto do muro da finca había unha capela na que se fixeron comuñóns, levantada por Agustín de Cisneros. Mantívose en pé canto menos ata 1935, logo a pedra foise vendendo ata a súa total desaparición.[3]
O predio, de doce hectáreas de extensión, posúe zonas boscosas con sobreiras, carballos, oliveiras e cedros, entre outros, e amplas zonas axardinadas con varias fontes e canais de auga como principal protagonista. Tamén conta con viñedos, considerados dos máis antigos de Galicia. O pazo ademáis contou no seu día coa xurisdición dun couto salmoneiro.
Historia
[editar | editar a fonte]O pazo foi propiedade dos Condes de Ximonde, e lugar de nacemento dos mesmos. Trala morte da terceira e última condesa de Ximonde o pazo pasou a mans da familia Puga.
- Xoán Antonio Cisneros de Castro e da Barrera (1725-1798) foi un nobre, Cabaleiro da Real Maestranza de Granada, vizconde de Soar e primeiro conde Ximonde. Foi tamén rexedor perpetuo e alcalde de Santiago de Compostela.
- Pedro María de Cisneros (1770-1824), segundo conde de Ximonde, foi un nobre, mecenas da cultura galega e membro da Xunta Suprema Central que gobernou España durante a Guerra da Independencia.[4]
- Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga (1813-1860), terceira condesa, foi aristócrata, mecenas das artes e letras en Santiago de Compostela no segundo terzo do século XIX. Tanto ela coma o seu marido José María Bermúdez Acevedo utilizaron o pazo para a causa carlista onde chegaron a esconder armas e milicianos.[4]
Tras a morte de Xacoba sen descendentes, deixou como herdeiro universal ó seu curmán segundo Manuel María Puga Feijoo, que recibiu xunto coas propiedades gran parte do poder político que os condes ostentaban. Tivo cinco fillos, o único home Luciano Puga Blanco, que foi profesor da Universidade de Santiago, alcalde, decano do Colexio de Avogados da Coruña, deputado, senador, gobernador do Banco de España en Cuba e Fiscal do Tribunal Supremo. Con todo, o pazo era unha propiedade vinculada e foi herdada por un curmán da condesa Manuel Puga Sarmiento. O título quedou vacante e non reposto. A familia Puga foi propietaria do pazo ata finais do século XX:
- Santiago Puga Sarmiento, médico e fillo de Manuel Puga Sarmiento.
- Santiago Puga Carrasco, fillo de Santiago Puga Sarmiento.
No 2001 considerouse o pazo como futura residencia do presidente da Xunta de Galicia, pero descartouse por pertencer a unha congregación relixiosa. O proxecto resultante foi a Residencia oficial de Monte Pío.
Dende 2003 foi xestionada por unha sociedade privada, formada por tres socios que decidiron rehabilitalo e crear un hotel con un proxecto enolóxico para o que buscaron socios. Díxose que o cantante Julio Iglesias estivo interesado nel así como unha empresa noruega. No 2009 tanto o pazo coma os terreos foron adquiridos nunha poxa pola empresaria María Barallobre, dona de varios restaurantes, «por menos de seis millóns de euros» para uso nun proxecto enolóxico, para o que se prantaron máis de dez hectáres de novos viñedos e uva albariña para a comercialización baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas, dentro da subzona Ribeira do Ulla. En 2017 sacou ó mercado un viño producido no propio pazo.[5]
Entre 2019 e 2020 o pazo apareceu nos medios de comunicación pola polémica que naceu ao redor dunhas esculturas feitas polo Mestre Mateu que pertenceron ós condes de Ximonde e que foron sustraídas pola familia de Francisco Franco e trasladadas ao pazo de Meirás. Estas esculturas atopábanse no pazo de Ximonde e no ano 1948 Santiago Puga Sarmiento quixo venderllas ao Concello de Santiago, pero acabaron nas mans dos Franco en contra da súa vontade.[6]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]Ditos populares relacionados co pazo de Ximonde. A nena mencionada no segundo dito trátase da condesa de Ximonde:[7]
Guimaráns é linda cousa,
mais Ximonde sin disputa;
e máis que entrambas aínda
Santa Crús de Ribadulla.
No palacio de Ximonde
unha nena toma o fresco.
Millor lle fora tomalo
naquel soutiño de cedros.
Galería
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pazo de Ximonde". www.guiarepsol.com. Consultado o 28-01-2025.
- ↑ Formoso, Susana (11 de setembro de 2009). "El pazo de Ximonde ya tiene dueña". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 28-01-2025.
- ↑ "Parroquia a parroquia: San Miguel de Sarandón". www.concellodevedra.es. Consultado o 28-01-2025.
- ↑ 4,0 4,1 Blanco rey, Manuel (1999). "D. Luciano Mª Puga Blanco (1842–1899): un personaje rescatado del olvido" (PDF). anuariobrigantino.betanzos.net (en castelán). Anuario Brigantino. Consultado o 28-01-2025.
- ↑ Manso, Ángel (02 abr 2017). La Voz de Galicia, ed. "La tradición vinícola de Ximonde". 02 abr 2017 (en castelán). Consultado o 28-01-2025.
- ↑ Prado-Vilar, Fransico (6 de decembro de 2020). "Del pazo de Ximonde a Meirás: la apropiación de los profetas del maestro Mateo". www.lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 28-01-2025.
- ↑ Picallo Fuentes, Héitor. "Maíndo (A Estrada Pontevedra): Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do Condado de Ximonde" (PDF). pp. 173, 196. Consultado o 28-01-2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pazo de Ximonde |