Pedro Solabarria
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xaneiro de 1930 ![]() Portugalete, España ![]() |
Morte | 24 de xuño de 2015 ![]() Bilbao, España ![]() |
![]() | |
11 de novembro de 1982 – 23 de abril de 1986 Lexislatura: II lexislatura de España Circunscrición electoral: Biscaia Electo en: Eleccións Xerais 1982 en España | |
![]() | |
17 de marzo de 1979 – 31 de agosto de 1982 Lexislatura: I lexislatura de España Circunscrición electoral: Biscaia Electo en: Eleccións Xerais 1979 en España ![]() | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo ![]() |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid ![]() |
Ocupación | sacerdote católico, político, traballador ![]() |
Partido político | Euskadiko Ezkerra Herri Batasuna ![]() |
Membro de | |
![]() |
Pedro María Solabarría Bilbao, coñecido como Periko Solabarria, nado en Portugalete o 27 de xaneiro de 1930, e finado en Bilbao o 24 de xuño de 2015, foi un sacerdote, obreiro da construción e político vasco pertencente á esquerda abertzale.[1]
Biografía
[editar | editar a fonte]Infancia e formación
[editar | editar a fonte]
Naceu na rúa Santa María de Portugalete o 27 de xaneiro de 1930. Fillo dun mineiro de Triano e unha serventa de Bakio, pasou a guerra civil en Portugalete, nunha casa que quedou seriamente danada por un bombardeo da aviación franquista.
Ós once anos, ingresou no seminario menor en Gordexola, para proseguir os seus estudos nos de Bergara, Artea e Vitoria, onde os concluíu ós 24 anos, sendo ordenado sacerdote católico. Destinado polo Bispado á parroquia da localidade mineira de Zugaztieta, exerceu o sacerdocio no barrio de Triano durante nove anos, para ser logo trasladado á parroquia de Santa Teresa, en Barakaldo.[2] Este labor pastoral en zonas de forte tradición obreira e gran conflitividade política e social fixeron que Solabarria desenvolvese unha gran conciencia política e social, e ampliase os seus contactos co movemento obreiro existente na comarca da Marxe Esquerda.
Cura obreiro
[editar | editar a fonte]Solabarria era considerado un dos pioneiros do movemento de curas obreiros en España, xunto co xesuíta David Armentia, traballador da Fábrica de Bandas de Etxebarri e participante activo na súa famosa folga do ano 1967.[3] Solabarria obtivo permiso da diocese para traballar como obreiro a xornada completa en 1954.[2] Traballou como tal en contratas de construción, participando na obra do tren de laminación de Altos Fornos de Biscaia, na do campus da Universidade do País Vasco e na da ponte de Róntegui.[1] Debido á súa dedicación a traballos moi duros ó aire libre contraeu unha enfermidade respiratoria crónica.
Durante a ditadura franquista o seu contacto co mundo obreiro e laboral fíxolle participar en numerosas organizacións sindicais e políticas, como a Mocidade Obreira Cristiá, a Irmandade Obreira de Acción Católica, e outras fóra da legalidade como USO, as primeiras Comisións Obreiras e a Fronte Obreira de ETA, aínda que non chegase a militar en ningunha delas. Tamén colaborou con militantes comunistas e socialistas.
En maio de 1969 foi detido por primeira vez por denunciar a ditadura dende o púlpito da igrexa de Santa Teresa, en Barakaldo. A súa actividade política valeulle ser encarcerado no cárcere concordataria de Zamora (especial para curas) e catro veces na de Basauri.[4] Posteriormente perdeu o seu emprego como sacerdote e acabou traballando exclusivamente como peón da construción.[2] Casou e tivo tres fillos.[1]
Actividade política
[editar | editar a fonte]En 1975, ingresou no sindicato abertzale LAB. A súa entrada na política produciuse como candidato de Euskadiko Ezkerra ó Parlamento español nas eleccións xerais españolas de 1977. Abandonaría esta coalición para integrarse en 1978 en Herri Batasuna, chegando a formar parte da súa Mesa Nacional.[1]
Como membro de Herri Batasuna foi candidato ó Congreso dos Deputados por Biscaia nas eleccións xerais españolas de 1979 e 1982, sendo elixido deputado en ambas as ocasións. Foi por tanto deputado na I e II lexislaturas, aínda que ó boicotear a súa coalición as institucións políticas españolas, non participou en ningunha sesión do Congreso.[2]
Tamén foi candidato de Herri Batasuna ó Parlamento Vasco, sendo elixido nas eleccións de 1980, aínda que renunciou á súa acta de parlamentario vasco. Sería tamén elixido concelleiro en Barakaldo en 1979, repetindo en varias lexislaturas, e juntero das Xuntas Xerais de Biscaia en 1983 e en 1987.[2]
Durante os seus últimos anos de vida continuou a súa actividade política e social en Barakaldo, onde tamén residía, colaborando coa Plataforma Contra a Exclusión Social Berri Otxoak e coa Asemblea de Parados da localidade, entre outras.[5] Nas eleccións ao Parlamento Vasco de 2012 figurou no último posto da lista por Biscaia de Euskal Herria Bildu.[6]
En 2013 foi elixido pregoeiro pola Comisión de Festas da Carmen de Baracaldo, a pesar de que o Partido Popular reclamou que se lle impedise por pertencer ó partido político Herri Batasuna, que fora ilegalizado.[5]
Ese mesmo ano sumouse a unha querela contra os crimes franquistas, xunto con outro dezaseis relixiosos vascos que tamén foron encarcerados e torturados en represalia por oporse á ditadura militar.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Muere Periko Solabarria, histórico militante de la izquierda abertzale".
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Pedro Solabarria Bilbao".
- ↑ "La huelga obrera que desafió a Franco durante seis meses".
- ↑ "La imborrable huella del fundador de la universidad de la trinchera".
- ↑ 5,0 5,1 "Periko Solabarria, pregonero de fiestas del Carmen 2013: "Creo que no se deben de mezclar fiestas con ideología"".
- ↑ "Dirigentes de HB, ANV y condenados por ETA, en las listas de EH Bildu".
- ↑ "Los curas obreros querellados contra el franquismo".
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: País Vasco |
- Nados en 1930
- Nados en Portugalete
- Concelleiros do País Vasco
- Finados en 2015
- Políticos de Euskadiko Ezkerra
- Políticos de EH Bildu
- Políticos de Herri Batasuna
- Personalidades da política do País Vasco
- Sacerdotes católicos de España
- Sacerdotes da Igrexa católica latina
- Deputados no Congreso dos Deputados (I Lexislatura)
- Deputados no Congreso dos Deputados (II Lexislatura)