Pinealocito
Os pinealocitos son células principais da glándula pineal ou epífise encargadas da produción de melatonina orixinadas a partir do neuroepitelio. Están acompañados na glándula por células intersticiais pineais. Os pinealocitos posúen un orgánulo chamado fita sináptica, considerado como un marcador específico para este tipo celular. Nos pinealocitos encóntranse os encimas serotonina N-acetiltransferase e acetilserotonina O-metiltransferase, que converten a serotonina en melatonina.
A melotonina libérase á circulación sanguínea por medio de prolongacións citoplasmáticas longas que fan contacto cos capilares e se asemellan aos axóns das neuronas. A secreción de serotonina é estimulada pola innervación simpática do ganglio cervical superior. Tamén posúen procesos citoplasmáticos curtos que se conectan a outros pinealocitos adxacentes por medio de desmosomas e unións comunicantes.
Características
[editar | editar a fonte]Os pinealocitos teñen un núcleo grande e irregular cun nucléolo prominente. O citoplasma é moderadamente basófilo e contén algunhas pinguiñas de lípido, lipocromo e moitos microtúbulos e microfilamentos desordenados (agás nas prolongacións celulares, que son paralelos). No citoplasma hai retículo endoplasmático rugoso non moi extenso e un retículo endoplasmático liso maior. Hai moitos polirribosomas. O aparato de Golgi non está moi desenvolvido.[1]
O orgánulo máis característico da célula é a fita sináptica constituída por láminas ou bastóns densos rodeados de pequenas vesículas. Nalgúns órganos sensoriais (fotorreceptores, órgano de Corti) hai orgánulos que se asemellan algo a estas fitas, pero son menos numerosos e frman parte do complexo presináptico. Nos pinealocitos as fitas non parecen ter función sináptica, e aínda que a súa función non está clara, poderían intervir na liberación de mediadores químicos. Hai unha correlación entre o número destas fitas e a actividade da glándula pineal. Durante os períodos de escuridade aumenta substancialmente o número e tamaño das fitas sinápticas, que se agrupan formando campos de fitas sinápticas.[1]
Os pinealocitos teñen prolongacións celulares moi longas que se estenden cara aos tabiques de tecido conxuntivo, onde rematan en terminacións bulbosas preto dos capilares sanguíneos ou das células ependimarias do revestimento da glándula. As prolongacións conteñen vesículas cargadas de substancias (hormonas, proteína neuroepifisinas). Outras prolongacións máis curtas rematan en extremos cegos entre as células veciñas.[1]
Nos pinealocitos obsérvanse unións comunicantes ou de fisura, que permiten a conexión eléctrica e metabólica das células veciñas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 541-543. ISBN 84-7605-361-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Boston University 144. Endocrine System pineal gland, pinealocytes and glial cells