Saltar ao contido

Portal:Colombia/Lugar de interese/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ciudad Perdida, Buritaca-200 ou Teyuna é un antigo poboado indíxena e sitio arqueolóxico. Foi construído arredor do século VII ou VIII, uns 650 anos antes que Machu Picchu. Hoxe forma parte dos máis de 250 poboados antigos dos catro grupos indíxenas da cara norte e suroeste da Serra Nevada de Santa Marta, no departamento de Magdalena de Colombia.

Foi descuberta en 1976 por un equipo de arqueólogos do Instituto Colombiano de Antropoloxía dirixido por Alvaro Soto e encabezado por Gilberto Cadavid e Luisa Fernanda Herrera e restaurada case na súa totalidade. Os membros dos pobos locais, os arhuacos, os koguis e os wiwas, declararon que visitaron o sitio con regularidade antes de que fose amplamente descuberto, pero gardaran silencio ó respecto. Chaman a Ciudad Perdida "Teyuna" e cren que foi o corazón dunha rede de aldeas habitadas polos seus devanceiros, os tayrona.

Ciudad Perdida foi probablemente o centro político e manufactureiro da rexión a beiras do río Buritaca e puido ter albergado entre 2.000 e 8.000 persoas. Aparentemente foi abandonada durante a conquista española.