Saltar ao contido

Post-punk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Post punk»)
Post-punk
e
Orixe musicalpunk rock, glam rock, krautrock, dub, funk, reggae, movementos artísticos avant-garde, música experimental, world music
Orixe culturalfinais dos 70 no Reino Unido e Estados Unidos
Instrumentos típicosbatería, guitarra, baixo, sintetizadores, teclados, caixas de ritmos
Derivadosrock alternativo - deathrock - rock gótico - indie rock - post-punk revival - música industrial

O post-punk foi un popular movemento musical iniciado a finais dos anos 70, despois do éxito do punk rock a mediados da década. O xénero ten as súas raíces no movemento punk pero é máis introvertido, complexo e experimental. O post-punk sentou as bases para o rock alternativo ao ampliar os límites do punk e da música underground, incorporando elementos do Krautrock (particularmente o uso de sintetizadores e de repeticións frecuentes), da música dub xamaicana (especificamente no baixo), ou do funk estadounidense.

Orixe do termo

[editar | editar a fonte]

O termo "post-punk" foi usado por primeira vez no ano 1980. O crítico Greil Marcus referiuse ao "Britain's postpunk pop avant-garde" nun artigo da Rolling Stone do 24 de xullo de 1980. El aplicou a frase a bandas coma Gang of Four, The Raincoats e Essential Logic, que describiu coma "sparked by a tension, humour, and sense of paradox plainly unique in present-day pop music" (estimuladas por unha tensión, un humor, e un sentido do paradoxo claramente singular na actual música pop).

Durante a primeira época do punk, entre 1974 e 1978, artistas coma Sex Pistols, The Clash, The Ramones, Patti Smith e The Damned comezaron a desafiar aos estilos existentes e ás convencións da música rock, despoxando á estrutura musical de complexidade e quedándose só cun feixe de acordes e progresións básicas, enfatizando a velocidade. Aínda así, coma o punk rock mesmo comezaba a ter un son característico, unhas poucas bandas comezaron a experimentar con estruturas máis difíciles, temas líricos, e unha imaxe baseada conscientemente no punk pero sen perder a postura iconoclasta inicial. As bandas de punk rock buscaban crear unha revolución, os grupos de post-punk querían crear arte.

Exemplos clásicos de grupos post-punk son Public Image Limited, The Fall, Joy Division, New Order, New Model Army, Sad Lovers and Giants, Talking Heads, Gang of Four, The Chameleons, Magazine, Wire, Echo & the Bunnymen, The Birthday Party, Orange Juice, The Psychedelic Furs, Adam and the Ants, The Sound, Siouxsie and the Banshees, Lords of the New Church, The Monochrome Set, Section 25, Killing Joke, The Cure, Bauhaus, Devo, The Jesus and Mary Chain e Tubeway Army. Bandas como Crass tamén podía considerarse dentro da escena post-punk, ao igual que varios grupos formados na estela de grupos tradicionalmente punk rock: Magazine foi creada por Howard Devoto, un exmembro de The Buzzcocks, e Public Image Ltd deriva dos Sex Pistols. Entre os predecesores do xénero post-punk inclúese a Television, co seu álbum Marquee Moon, que aínda que foi lanzado en 1977, estilisticamente é considerado post-punk. Outros grupos coma The Clash, sendo predominantemente punk estiveron inspirados polo experimentalismo do movemento post-punk, algo que se pode apreciar sobre todo no seu álbum Sandinista!.

A influencia deste novo son foi moi significativa en todo o mundo. Aínda que moitas bandas non británicas e norteamericanas non acadarían o recoñecemento no resto do mundo, existen excepcións destacables coma Pere Ubu, Suicide, Mission of Burma, The Birthday Party, The Church, U2 e The Virgin Prunes.

Ao redor de 1977 no movemento neoiorquino do No Wave estivo tamén vinculado ao auxe do post-punk. Neste movemento incluense artistas coma Teenage Jesus and the Jerks, Glenn Branca, Rhys Chatham, Mars, James Chance and the Contortions, DNA, Bush Tetras, Theoretical Girls, Swans e Sonic Youth. O No Wave centrouse máis na parte artística que nunha estrutura musical coherente. O recompilatorio producido por Brian Eno No New York considérase o testamento por excelencia da historia do No Wave.

O movemento orixinal do post-punk rematou cando as bandas asociadas ao mesmo abandonaron a súa estética, ao igual que as bandas do xénero abandonaran inicialmente o punk rock en favor de novos sons. Moitas destas bandas, entre as que destacan The Cure e Siouxsie and the Banshees, evuluíron cara ao rock gótico e se identificaron coa subcultura gótica. Outros desprazáronse cara ao máis comercial New Wave (coma Gang of Four), mentres que parte das banda comezaron a soar nas radios universitarias estadounidense e foron os primeiros exemplos do rock alternativo.

Post-punk revival

[editar | editar a fonte]

A chegada do século XXI viu un renacemento do post-punk dentro do rock alternativo británico e estadounidense, que en pouco tempo estendeuse a outros países. O primeiro signo deste renacemento foron a aparición de varias bandas underground a mediados dos 90. Porén, os primeiros grupos que acadaron o éxito comercial, Elastica, Interpol, The Killers e The Strokes, fixéronse notar a finais da década e a principios da seguinte, ao igual que varias bandas orientadas cara ao dance como The Rapture, Radio 4 e LCD Soundsystem. Ademais, algúns grupos post-punk máis escuros comezaron a aparecer na escena da música independente da década do 2010, incluídos Cold Cave, She Wants Revenge, Eagulls, The Soft Moon, She Past Away ou Light Asylum, que tamén estiveron relacionados co rexurdimento do darkwave, ademais de A Place to Bury Strangers, que combinaba o primeiro post-punk co shoegaze. Esas bandas facían música con influencias claramente post-punk, e cunha estética copiada do movemento orixinal. O post-punk revival é comercialmente máis exitoso que o dos anos 70 e 80 e ten un número de seareiros considerablemente maior.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]