Saltar ao contido

Postulados moleculares de Koch

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os postulados moleculares de Koch son un conxunto de criterios experimentais que se deben satisfacer para demostrar que un xene atopado nun microorganismo patóxeno codifica un produto que contribúe á enfermidade causada polo patóxeno. Os xenes que satisfán os postulados moleculares de Koch adoitan denominarse factores de virulencia. Estes postulados foron formulados polo microbiólogo Stanley Falkow en 1988 e están baseados nos postulados de Koch.[1]

Postulados

[editar | editar a fonte]

Segundo as descricións orixinais de Falkow, os tres postulados son:[1]

  1. "O fenotipo ou propiedade baixo investigación debería ser asociado cos membros patóxenos dun xénero ou cepas patóxenas dunha especie.
  2. A inactivación específica dos xene(s) asociados co trazo de virulencia sospeitado debería orixinar unha perda medible de patoxenicidade ou virulencia.
  3. A reversión ou substitución alélica do xene mutado debería levar á restauración da patoxenicidade."

Para aplicar os postulados moleculares de Koch a doenzas humanas, os investigadores deben identificar cales xenes microbianos son potencialmente responsables de síntomas de patoxenicidade, a miúdo secuenciando o xenoma completo para comparar que nucleótidos son homólogos de xenes codificantes de proteínas doutras especies. Alternativamente, os científicos poden identificar que transcritos de ARNm están presentes a niveis elevados nos organismos enfermos ou hóspedes infectados. Ademais, o testador debe identificar e verificar os métodos para inactivar e reactivar o xene que se está a estudar.[2]

En 1996, Fredricks e Relman propuxeron sete directrices moleculares para establecer a causa dunha doenza microbiana:[3]

  1. "Unha secuencia de ácido nucleico pertencente a un posible patóxeno debería estar presente na maioría dos casos dunha enfermidade infecciosa. Os ácidos nucleicos microbianos deberían encontrarse preferentemente naqueles órganos ou sitios anatómicos macroscópicos que se sabe enferman (é dicir, con evidencias anatómicas, histolóxicas, químicas ou clínicas de patoloxía) e non naqueles órganos que carecen de patoloxía.
  2. Poucas ou ningunha copia de secuencias de ácidos nucleicos asociados deberían aparecer no hóspede ou tecidos sen enfermidade.
  3. Coa resolución da doenza (por exemplo, cun tratamento clinicamente efectivo), o número de copias de secuencias de ácido nucleico asociadas ao patóxeno deberían diminuír ou ser indetectables. Cunha recaída, debería ocorrer o oposto.
  4. Cando a detección de secuencia precede á enfermidade, ou o número de copias da secuencia correlaciónase coa gravidade da enfermidade ou patoloxía, a asociación secuencia-enfermidade é mais probable que sexa unha relación causal.
  5. A natureza do microorganismo que se infire da secuencia dispoñible debería ser consistente coas características biolóxicas coñecidas dese grupo de organismos. Cando os fenotipos (por exemplo, patoloxía, morfoloxía microbiana e características clínicas) se predín por relacións filoxenéticas baseadas na secuencia, a significatividade da secuencia aumenta.
  6. Os correlatos tecido-secuencia deberían buscarse a nivel celular: deberían facerse esforzos para demostrar a hibridación in situ específica da secuencia microbiana en áreas de patoloxía do tecido e en microorganismos visibles ou en áreas onde se supón que están localizados os microorganismos.
  7. Estas formas de evidencias baseadas na secuencia da causa microbiana deberían ser reproducibles."
  1. 1,0 1,1 Falkow, Stanley (1988). "Molecular Koch's Postulates Applied to Microbial Pathogenicity". Reviews of Infectious Diseases 10 (Supplement 2): S274–S276. ISSN 0162-0886. JSTOR 4454582. PMID 3055197. doi:10.1093/cid/10.supplement_2.s274 – vía JSTOR. 
  2. Slonczewski, Joan; Foster, John; Zinser, Erik (26 de xuño de 2020). Microbiology: An Evolving Science (5ª ed.). Nova York, N.Y.: W. W. Norton & Company. pp. 1012–1020. ISBN 978-0-393-93447-2. 
  3. Fredricks, David; Relman, David (xaneiro de 1996). "Sequence-Based Identification of Microbial Pathogens: a Reconsideration of Koch's Postulates". Clinical Microbiology Reviews 9 (1): 18–33. PMC 172879. PMID 8665474. doi:10.1128/CMR.9.1.18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]