Concilio de Éfeso
O Concilio de Éfeso celebrouse entre o 22 de xuño e o 16 de xullo do ano 431, en Éfeso, antigo porto grego fronte á illa de Samos, na actual Turquía. Daquela, Éfeso era capital metropolitana de toda Asia Menor.[1]
Está aceptado pola Igrexa Católica, pola Igrexa Ortodoxa e polas igrexas ortodoxas orientais como o III Concilio Ecuménico.
Motivación do concilio
[editar | editar a fonte]A Escola de Antioquía, reaccionando fronte o apolinarismo (Apolinar de Laodicea 310-390) que propugnaba que o Verbo se encarnaría tomando só corpo pero non alma humana, comezou a propor que as naturezas humana e divina en Cristo eran completas a tal grao que formaban dúas substancias independentes, dúas persoas en definitiva. Teorías desta índole foron propostas por Diodoro de Tarso e Teodoro de Mopsuestia que empregaban imaxes como a presenza dunha persoa (persoa divina) nun templo (persoa humana) ou o vestido (persoa divina) que se pon alguén (persoa humana) para explicar a unión das dúas naturezas. Xa que a terminoloxía non era clara e única, os exemplos e explicacións variaban.
Doutra banda, as teorías explicadas na escola de Antioquía non tiñan moita difusión e puideron pasar desapercibidas ata que Nestorio as deu a coñecer con motivo da denominación da Virxe como «Nai de Deus». Nestorio fixérase monxe e acadou gran fama en Antioquía polos seus dotes de predicador. Foi elixido patriarca de Constantinopla en 428. Pedíuselle que interviñese nun tumulto causado por un monxe que afirmaba que María non era nai de Deus. Explicou o patriarca que María era «nai» da natureza humana de Cristo e que, polo tanto, se lle podía chamar Nai de Cristo pero que era un erro chamala «nai de Deus».
A resposta do patriarca causou estupor. Non tardaron en saír os defensores da maternidade divina de María. Así, por exemplo, Eusebio de Dorilea e Proclo de Constantinopla. Nestorio acudiu ás autoridades civís para acalar os monxes que se lle opuñan e escribiu ao papa Celestino I (429) para pedirlle a súa opinión sobre esta doutrina que ensinaba. Enviáballe para iso unha serie de sermóns que o papa puxo a consideración de Xoán Casiano.
Pero Cirilo de Alexandría tomou con forza a loita contra Nestorio, movido tamén polas rivalidades entre as escolas de Alexandría e a de Antioquía. Cirilo enviou a Roma a Posidonio con escritos e argumentacións que demostraban a heterodoxia de Nestorio. Neses días, Casiano tamén deu o seu parecer desfavorábel sobre os escritos do patriarca de Constantinopla. A resposta de Celestino (430), tras pedir novamente consello nun sínodo celebrado en Roma,[2] foi dar plenos poderes, a xeito de delegado seu, a Cirilo e escribir a Nestorio para que se sometese á doutrina que Cirilo lle había presentar como ortodoxa.
Ese mesmo ano celebrouse outro sínodo, esta vez en Alexandría, que Cirilo presidiu e que deu como froito os famosos Doce anatematismos que expresaban a doutrina considerada ortodoxa. Este texto foi enviado a Nestorio para que, como indicara a igrexa de Roma, fose subscrita polo patriarca. Porén, as expresións empregadas polos anatematismos non eran exactas e logo foron empregadas polos monofisitas. O mesmo Nestorio informouse da ambigüidade dos textos e respondeu con seus Doce antianatematismos intentando refutar as posicións de san Cirilo.
Neste momento outros personaxes interveñen tratando de aplacar os ánimos e sobre todo aclarando que as afirmacións de Cirilo tampouco resultaban ortodoxas xa que parecían soster unha soa natureza en Cristo. Así pronunciáronse o patriarca de Antioquía, Xoán e Teodoreto de Ciro (ambos os dous formados tamén na escola de Antioquía).
Nestorio acudiu tamén ao emperador, Teodosio II quen, para evitar conflitos maiores, decidiu convocar un concilio. Escribiu ao papa para lle comentar a súa idea e este prometeulle que enviaría os seus legados ao concilio. Hai que dicir que a situación era complexa pois a posición de Nestorio fora xa condenada por Celestino e, polo tanto, o concilio – se quería evitar un cisma – debía facer outro tanto. O emperador fixou o 431 para a celebración do concilio e indicou que se realizaría en Éfeso. Alí Celestino enviou aos seus legados: os bispos Arcadio e Proxecto e o presbítero Filipo. Por outra banda, o papa escribiu a Cirilo para que non se condenase a Nestorio sen o oír antes.
Ao contrario dos anteriores concilios cuxas cuestións teolóxicas se referían principalmente á unicidade de Deus, o concilio de Éfeso supuxo un cambio de dirección, pois debateuse sobre a natureza de Cristo dada a negación dos nestorianos á unicidade da natureza de Cristo e considerar que as súas naturezas, divina e humana,se encontraban separadas, prevalecendo a natureza humana sobre a divina, polo que María non debía ser considerada Nai de Deus (Theotókos), senón só "Nai de Cristo" (Khristotokos, xa que dera a luz a un home en que a divindade fora habitar).
Desenvolvemento do concilio
[editar | editar a fonte]Teodosio II (emperador romano de Oriente) co seu co-emperador Valentiniano III (emperador romano de Occidente) e co consentimento do papa de Roma, convocouno para o 7 de xuño[3]. Mais, faltando os legados papais e os bispos orientais baixo o liderado de Xoán de Antioquía, Cirilo de Alexandría comezou a primeira sesión o día 22 de xuño, e aproveitando a ausencia de Nestorio que se negaba a comparecer ata que non chegase a Éfeso o seu amigo o patriarca Xoán de Antioquía, procedeuse a condenar a doutrina nestoriana como errónea (Canons 2 a 5), decretando que Cristo era unha soa persoa coas súas dúas naturezas inseparábeis. Así mesmo decretou a maternidade divina de María. Cirilo logrou ademais que se aprobase un decreto redactado por el que depuña e excomungaba a Nestorio.
O 27 de xuño chegou a Éfeso Xoán de Antioquía, celebrando inmediatamente unha asemblea paralela na que acusa a Cirilo de herexía ariana, polo que se procedeu á súa condena e deposición.
O 10 de xullo chegaron os legados papais (os bispos Arcadio e Proxecto e o representante persoal do papa Celestino I, Filipe), que aproban a sesión celebrada o 22 de xuño e con iso a condena de Nestorio.
A solución non satisfixo a ninguén e ambos os dous comezaron a facer presión sobre o emperador. Consta que Cirilo subornou a autoridades imperiais. Teodosio finalmente mandou publicar as decisións do concilio, confirmando a condena de Nestorio, enviándoo ao mosteiro de Eutropio e nomeouse un novo patriarca de Constantinopla, Maximiano. Xa que Nestorio continuou publicando obras e difundindo as súas ideas foi trasladado a diversas prisións ata chegar a Exipto. Alí publicou aínda o Libro de Heráclides.
O nestorianismo propagouse desde Edesa e logo, perseguido en todo o imperio, en Persia e de aí a India e Turquía.
Outras decisións
[editar | editar a fonte]O concilio de Éfeso, ademais de condenar a doutrina de Nestorio, condenou tamén como herética a doutrina do Pelaxianismo, excomungando ao seu principal valedor, Celestio (Canon 1).
Decretou así mesmo a excomuñón para todos os que non se ativesen ao decretado no propio concilio (Canon 6), e estableceu así mesmo o anatema para quen non respectase os canons xurdidos do concilio de Nicea, especificando que o texto do Credo xurdido no devandito concilio non debería sufrir adición ou subtracción algunha (Canon 7).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xavier, Adro (1959). Los concilios ecuménicos. Col. Libros de hoy Nº 1. Barcelona: Rafael Borrás, editor. p. 40.
- ↑ O libro de Llorca di 340 (cf. páxina 526) pero é un evidente erro ao escribir.
- ↑ "Creer". Arquivado dende o orixinal o 29-07-2017. Consultado o 20-06-2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concilio de Éfeso |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bernardino Llorca, Historia de la Iglesia católica, vol. I: Edad Antigua: La Iglesia en el mundo grecorromano, BAC, Madrid 2001 (8a reimpresión), ISBN 84-7914-228-6, p. 522-534
- Denzinger: Concilio de Éfeso (contra os nestorianos).