Provincia de Vigo
A provincia de Vigo foi unha provincia galega que tivo vixencia en dous períodos do século XIX.
Precedentes
[editar | editar a fonte]En 1810, o goberno de Xosé Bonaparte intentou ordenar o territorio español, dividíndoo en 38 prefecturas, ao estilo das establecidas en Francia, e 111 subprefecturas, segundo o proxecto do clérigo Llorente.[1] As prefecturas, coma na Francia actual, recibirían nomes relativos a accidentes xeográficos, fundamentalmente ríos e cabos. Esta división nunca chegou a entrar en vigor.
En Galiza facía unha división, onde aparece a capitalidade da cidade de Vigo nunha prefectura supostamente chamada Miño Baixo. As outras prefecturas galegas serían: Tambre, capital A Coruña; Miño Alto, capital Lugo; e Sil capital Ourense. As de Miño Baixo e Tambre coincidían coas actuais provincias de Pontevedra e da Coruña respectivamente. A de Sil comprendía o sur da actual Provincia de Lugo.[2]
1822-1823
[editar | editar a fonte]Na división territorial de 1822, realizada no trienio liberal no mes de xaneiro, establécese que en Galiza hai catro provincias, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo,[3] ademais da provincia de Vilafranca do Bierzo, á que pertencía a Comarca de Valdeorras, que estaba situada na rexión de León. Vigo foi capital da provincia entre o 13 de xullo de 1821 e o ano 1823.[4]
Esta división deu lugar a problemas polos límites e capitalidades, e en 1823 co retorno do Antigo Réxime, quedou sen validez.
En 1833 co decreto de Javier de Burgos establecíase a actual división de provincias, onde Pontevedra tomaba a capitalidade.
1836-1840
[editar | editar a fonte]Trala división de Javier de Burgos, a cidade de Vigo reclamou a capitalidade, e foille concedida por unha Real Orde do 26 de maio de 1836, que non foi cumprida.[5]
En setembro de 1840, tivo lugar un levantamento liberal na cidade de Vigo e proclamouse capital.[6] Dende o 21 de outubro dese ano publicouse o Boletín Oficial de la provincia de Vigo, do que saíron nove números.[5] Un Real Decreto do 6 de novembro do goberno de Espartero decidiu que mentres non se resolvese outra cousa, a capitalidade da provincia seguise en Pontevedra.[4][5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cebreiro Núñez, José Ignacio. "Las prefecturas de José Bonaparte".
- ↑ "Prefecturas de 1810". Organización territorial española. 17 de maio de 2007. Consultado o 21 de outubro de 2015.
- ↑ "División territorial de 1822". Organización territorial española. 18 de maio de 2007. Consultado o 21 de outubro de 2015.
- ↑ 4,0 4,1 de Santiago y Gómez, José. Historia de Vigo y su comarca. Consultado o 21 de outubro de 2015.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Carré Aldao, Eugenio. "La imprenta y el periodismo en Vigo". Boletín da Real Academia Galega (129). Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 21 de outubro de 2015.
- ↑ "Vigo asalta y toma Pontevedra". Del Berbés hacia arriba. Historias de Vigo. Consultado o 21 de outubro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Blázquez, José M.ª; "Vigo en el siglo XIX" en Vigo en su historia, pp. 378–389. Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1980. ISBN 84-7231-494-4.
- Cegarra, Basilio; Vigo na historia, pp. 38–39. Edicións A Nosa Terra, 1998. ISBN 84-89976-42-2.
- Vázquez Xil, Lalo: Historia de Vigo nos seus documentos, pp. 177–180. Concello de Vigo, 1999, ISBN 84-87637-73-6.