Saltar ao contido

Rabiteso rubio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rabiteso rubio
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Muscicapidae
Xénero: Cercotrichas
Especie: Cercotrichas galactotes
(Temminck, 1820)
mapa de distribución :      visitante reprodutor :      área na que pasa o inverno :      área como ave residente
mapa de distribución :      visitante reprodutor :      área na que pasa o inverno :      área como ave residente

mapa de distribución
     visitante reprodutor
     área na que pasa o inverno
     área como ave residente
Sinonimia[2]
  • Agrobates galactotes
  • Cercotrichas galactotes galactotes
  • Erythropygia galactotes

O rabiteso rubio[3] (Cercotrichas galactotes) é un membro de tamaño medio da familia dos muscicápidos.[2][4] Reprodúcese na rexión mediterránea e cara ao leste ata Paquistán. Tamén se reproduce ao sur do Sáhara desde a rexión do Sahel cara ao leste ata Somalia; estes exemplares africanos son ás veces considerados unha especie separada (C. minor). É unha ave parcialmente migratoria, que pasa o inverno en África (Kenya, Sudán do Sur, Etiopía, Somalia) e India. É un visitante moi raro do norte de Europa.

O seu nome científico procede do grego antigo, de kerkos, 'cola' e trikhas, 'túrdido', e galactotes, que significa que lembra o leite.[5]

É unha ave de rexións abertas secas con arbustos. Constrúe un niño nun arbusto a pouca altura, onde pon de tres a cinco ovos.

É unha especie de maior tamaño que o paporrubio. Ten as partes superiores de cor marrón, as inferiores brancas e un prominente supercilio abrancazado e unha liña escura na zona do ollo. A raza do oeste ten unhas costas de cor marrón máis claro que os espécimes do sueste de Europa e Asia. A longa cola marrón avermellada téñena frecuentemente aberta en abano, mostrando as puntas negras e brancas das plumas da cola. O macho e femia adultos teñen unha plumaxe similar e os inmaturos lembran os adultos pero son máis claros. Estas aves aliméntanse de insectos que capturan principalmente no chan. A súa canción é similar á dos túrdidos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O macho e femia adultos son similares e miden uns 15 cm de longo e teñen patas relativamente longas e unha longa cola redondeada. As partes superiores son castañas amarronadas, co sobrecú e parte superior da cola bastante de cor marrón máis avermellado. Teñen unha liña ancha branca crema curvada que vai desde os orificios nasais ao ollo e unha liña marrón escura que atravesa o ollo. A área baixo o ollo é abrncazada as plumas cobertoiras da zona do oído son marróns claras. O ollo e o bico son ambos marróns, mais a mandíbula inferior do bico ten unha base máis agrisada. As partes inferiores son brancas tirando a beixes, co queixo, parte central da barriga e cobertoiras de debaixo da cola máis claras que o resto do corpo. As plumas das ás son marróns escuras, beireadas no bordo de ataque de beixe e no bordo posterior da á de castaño claro e coas rémixes secundarias coas puntas brancas. O par de plumas centrais da cola son de cor marrón avermellado brillante con puntas negras estreitas e o resto é de cor similar con puntas brancas e bandas negras anchas adxacentes. As patas e pés son marróns claras. Os inmaturos son similares en aspecto pero xeralmente son máis claros e de cor marrón area. Mudan a plumaxe en outono e antes diso, as puntas brancas das plumas da cola poden reducirse ou desaparecer.[4]

A súa canción é parecida á dunha laverca pero adoita constar de series de notas desarticuladas, ás veces claras e altas e outras veces suaves, e cántana desde unha posición elevada preto da copa dunha árbore, nun poste ou arame.[4]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

É unha ave parcialmente migratoria. A súa área de reprodución abrangue desde Portugal, sur de España e Península Balcánica, segue polo Próximo Oriente ata Iraq, Casaquistán e Paquistán. En África reprodúcese desde Marrocos a Exipto e ao sur do Sáhara ata Somalia. É unha ave vagante pouo común no norte de Europa. Pasa o inverno no norte de África e cara ao leste ata a India. O seu hábitt son as áreas de arbustos abertas e secas con manchas de arbustos máis densos en terras baixas ou aos pés das montañas; alí onde é numeroso pode atoparse tamén en parques, viñedos e xardíns grandes.[4]

O rabiteso rubio ten unha ampla área de distribución, estimada en 4,3 millóns de quilómetros cadrados, e unha gran poboación, que inclúe uns de 96.000 a 288.000 individuos en Europa. Como a súa área de distribución está entre un cuarto e a metade da súa área global, a poboación en todo o mundo pode ser de 196.000 a 1.150.000 individuos. O tamaño de poboación parecía ser estable en 2013 e non se pensa que se achegue ao limiar dos criterios de declive dunha poboación da Lista Vermella de Especies Ameazadas da IUCN (é dicir, un declive de máis do 30 % en dez anos ou tres xeracións), e foi despois avaliada como especie en situación "pouco preocupante".[6]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

O rabiteso rubio atópase voando entre sitios nas árbores con cuberta densa, pero tamén en posicións máis abertas nas árbores, as copas dos arbustos e postes. Vese frecuentemente no chan choutando e abrindo a cola e movéndooa de arriba para abaixo. Cando está colgado nas árbores tamén exhibe a súa cola desta maneira e tamén ás veces baixa as ás antes de darlles un pequeno movemento rápido cara a adiante. Aliméntase principalmente no chan de insectos, como escaravellos, saltóns e larvas de boloboretas e avelaíñas, e de miñocas de terra, dándolle volta ás follas caídas para atopar as súas presas.[4]

O macho fai unha exhibición en voo pouco común na que fai baixadas en picado coas ás levantadas e pode cantar mentres o fai. O niño constrúese a pouca altura nun arbusto, unha sebe de Opuntia, no toco dunha árbore ou outro lugar agochado. Xeralmente está ben agochado e constrúeno desordenadamente con herbas, ramiñas, raíces doutas fibras. O interior ten unha forma de copa ben formada e está forrado con raíces finas, pelos e a miúdo cachos de camisas de cobras.[4] Poñen de catro a cinco ovos (en ocasións menos). Os ovos miden como media 22 x 16 mm e son de cor verdosa ou branca agrisada con manchas marróns agrisadas.[4]

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Ás veces esta ave atópase en asociación co picanzo de cabeza rubia (Lanius senator), quizais nidificando nunha árbore veciña. O picanzo pousa preto da copa dunha árbore, sempre alerta á presenza de gabiáns, buxatos e outros predadores aéreos, mentres que o rabiteso rubio está pousado nun arbusto ou póla baixa, vixiando o chan por se se achegan serpes, gatos, mustélidos, raposas, xenetas, lagartos arnais e outros predadores. Ambas as aves adoitan espantar os predadores voando cara a eles para atraer a súa atención e despois voando lonxe do niño cara á maleza. O rabiteso rubio pode recoñecer as chamadas de advertencia doutras especies de aves e reacciona de forma apropiada.[7]

  1. BirdLife International (2019). "Cercotrichas galactotes". p. e.T22709936A155484275. doi:10.2305/IUCN.UK.2019-3.RLTS.T22709936A155484275.en. Consultado o 12 de novembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Lepage, Dennis. "Rufous-tailed Scrub-Robin (Cercotrichas galactotes) (Temminck, 1820)". Avibase. Consultado o 2013-08-16. 
  3. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 101–103. 
  5. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres, Reino Unido: Christopher Helm. pp. 97, 169. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Butchart, S.; Ekstrom, J. "Rufous-tailed Scrub-robin Erythropygia galactotes". Birdlife International. Consultado o 2013-08-17. 
  7. Daly, Stephen (2011-07-13). "Rufous Bush Robin (Cercotrichas galactotes)". Consultado o 2013-08-17.