Ragnar Hult
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de marzo de 1857 Pohja |
Morte | 25 de setembro de 1899 Helsinqui |
País de nacionalidade | Gran Ducado de Finlandia (Imperio Ruso) |
Educación | Universidade de Helsinqui |
Actividade | |
Lugar de traballo | Condado de Blekinge |
Ocupación | Profesor Universitario.
Botánico Xeógrafo |
Empregador | Universidade de Helsinki |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | Hult |
Familia | |
Cónxuxe | Fanny Hult |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok |
Ragnar Hult, nado en Pohja (Finlandia) o 4 de marzo de 1857 e finado en Helsinqui o 25 de setembro de 1899, foi un naturalista finlandés. Especializado en botánica, xeografía e xeoloxía foi precursor na identificación da sucesión ecolóxica e un dos primeiros en estudar a xeomorfoloxía de Galicia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era fillo dun sueco de Finlandia e morou en Helsinqui dende os catro anos. Alí cursou estudos universitarios de Botánica, que rematou en 1878. Centrando o seu interese na distribución espacial das plantas, a fitoxeografía, en 1881, tras unha breve estada en Suecia, publicou a tese de doutoramento Försök till analytisk behandling af växtformationerna (estudo analítico das comunidades vexetais). Este traballo converteuno nun dos primeiros en estudar a sucesión ecolóxica.[1]
Profesor de Fitoxeografía da Universidade de Helsinqui dende 1886, foino tamén de Xeografía no mesmo centro dende 1890. Defendeu a independencia da xeografía e o seu vencello coas Ciencias Naturais.[2] Fomentou a divulgación do coñecemento xeográfico e fundou a Asociación Xeográfica Finlandesa (1887) e o Departamento de Xeografía da Universidade de Helsinqui, e buscou a inclusión da Xeografía como materia escolar.[3]
Adentrouse no estudo do relevo de Finlandia, concluíndo que no período entre as antigas oroxenias e o Cuaternario foi cando naceron as principais formas xeomorfolóxicas, aínda que logo foron modificadas polo glaciarismo. Buscando confirmar esta hipótese, fixo unha viaxe á Península Ibérica no ano 1898. Entre xaneiro e o verán de 1899 investigou en Galicia.[4] En Pontevedra, o 13 de febreiro, asina o artigo “Granitens vittring i malicien”, que aparecería na Meddelanden af Geografiska Foreningen i Finland correspondente aos anos 1899 e 1900, e no que analizaba o proceso de disgregación do granito galego e que presenta a primeira descrición coñecida dunha “cachola” ou “tafone” feita en Galicia, e a terceira a nivel mundial.[5] Aínda que neste artigo nega que Galicia se vise afectada polo glaciarismo, a viaxe posterior por Ramilo, Viana do Bolo, faino cambiar de opinión como rexistrou no artigo “Fjallvandringar i Galicien och Zamora" (1899), que supón a primeira descrición do glaciarismo galego.[6]
Durante a súa estadía coñeceu a varios científicos galegos como Antonio García Varela, Baltasar Merino e Ernesto Caballero; máis estreita foi a súa relación con Víctor López Seoane, en cuxa casa da Coruña parou entre o 15 de marzo e o 6 de abril de 1899.[7] Ademais, o finlandés revisou as listaxes de narcisos e toxos, así como as criptógamas, de López Seoane, a quen, tamén, agasallou coa colección de briófitas e liques que recollera por Galicia.[1]
Caeu doente no verán de 1899, non podendo trasladarse a América, como agardaba inicialmente, regresou a Finlandia. O seu pasamento tivo lugar en Helsinqui o 25 de setembro dese ano.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Ragnar Hult no Álbum da ciencia". consellodacultura.org. Consultado o 2023-08-21.
- ↑ Rikkinen, Kalevi (1988-01-01). "Ragnar Hult and the emergence of geography in Finland, 1880-1900". Fennia - International Journal of Geography (en inglés) 166 (1): 3–192. ISSN 1798-5617.
- ↑ "Geographers Biobibliographical Studies". www.bloomsburycollections.com (en inglés). Consultado o 2023-08-21.
- ↑ Fraga Vázquez, Xosé Antón; Rikkinen, Kalevi; Vidal Romaní, Juan Ramón (1994). "The visit of the geographer and botanist Ragnar Hult to Galiza in 1899". Ingenium: cadernos de história das ciéncias e das técnicas do Grupo Interdisciplinar de Traballo "R.M. Aller" do Seminario de Estudos Galegos (4): 7–67. ISSN 1133-7486.
- ↑ Uña Álvarez, Elena de; Vidal Romaní, Juan Ramón (2005). "Los "Misteriosos caminos" de la alteración en las rocas graníticas: descripciones de Ragnar Hult (1899) y nuevos datos en Monte Alegre (Ourense, Galicia)". Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía (13): 343–354. ISSN 1131-5989.
- ↑ "A viaxe invisible do científico Ragnar Hult por Galicia en 1899". Praza Pública. 2016-02-01. Consultado o 2023-08-21.
- ↑ Fraga Vázquez, Xosé Antón (1994). "Ragnar Hult: as excursións dun científico finlandés en 1899 pola Galiza" (PDF). Cerna: Revista galega de ecoloxía e medio ambiente (12-13): 40–41. ISSN 1136-2677.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fraga, Xosé Antón: Ragnar Hult. Publicado o 23/12/2012 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega)
- Rikkinen, K. (1988). Ragnar Hult and the emergence of geography in Finland, 1880-1900. Fennia - International Journal of Geography, 166(1), 3–192.