Saltar ao contido

Raymond Joly

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRaymond Joly
Biografía
NacementoRaymond Joly-Clare
4 de febreiro de 1911.
París.
Morte18 de xuño de 2006 (95 anos)
Laboissière-en-Thelle, Altos de Francia
Cargos
Gravador Xeral de Moedas
de Francia
Período1958 – 1974
AntecesorLucien Bazor
SucesorÉmile Rousseau
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Francés.
Formación profesionalEscola de Artes de París.
EducaciónEscola Nacional Superior de Belas Artes Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónEscultor, medallista e deseñador de moedas.
EmpregadorMonnaie de Paris.
Premios
Cabaleiro da Lexión de Honra.
Oficial da Orde Nacional do Mérito.
Oficial das Artes e as Letras.
Cruz de Combatente.

Sitio webhttp://www.raymond-joly.fr/
WikiTree: Joly-694

Raymond Joly-Clare, nado no distrito 18 de París o 4 de febreiro de 1911 e finado o 18 de xuño de 2006 en Laboissière-en-Thelle, foi un escultor, medallista, gravador e deseñador de moeda francés, que ocupou o cargo de Gravador Xeral de Moedas de Francia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Raymond Joly-Clare naceu o 4 de febreiro de 1911, no barrio parisiense de Montmartre, o menor de cinco irmáns. En 1918, poucos días antes da fin da guerra e cando tiña sete anos, ficou orfo de nai e sen presenza paterna, e foi coidado polas súas irmás.[1]

Aos nove anos comezou a súa primeira formación na escola local, onde de camiño comezou a destacar en debuxo. En 1924, por mor da anemia que padecía, foi enviado a unha escola ao aire libre, onde cursou o bacharelato.[1]

En 1926, con 15 anos, formouse durante un curso na escola da Cámara de Comercio de París como aprendiz de cicelador de bronce. Nos anos seguintes continuou a súa aprendizaxe no ámbito da ourivaría e da prataría, entre outros co cicelador Courcault (1927) e co cicelador ourive Delsinne (1928). En 1929 foi contratado no obradoiro de Debemy-Peignot, no que se formou no gravado calcográfico, traballo que compaxinou para seguir formándose en Artes Aplicadas.[1][2]

Traxectoria artística e profesional

[editar | editar a fonte]
Estatua da igrexa de Saint-Remi de Ponchon.

Logo do cumprimento do servizo militar en 1932, continuou desenvolvendo o seu traballo como gravador, e en 1937 foi nomeado decorador do Pavillón da URSS na Exposición Internacional de París, un traballo que o fixo merecedor de recoñecemento e notoriedade.[1]

Entre 1939 e 1942 foi alumno de Henry Dropsy na Escola de Belas Artes de París, coa interrupción dun ano no que foi chamado a filas durante a segunda guerra mundial.[2]

Medalla a Maurice Ehlinger (1970).

En 1939, Prost, un dos seus antigos profesores, propúxolle entrar na Monnaie de Paris como gravador, e nos anos seguintes simultaneou este traballo cunha produción artística variada, que abrangue, entre outras, esculturas, insignias e medallas. En recoñecemento a esta actividade artística, en 1942 acadou o Gran Premio de Roma de gravado,[3] coa obra Athéna terrassant le géant Encelade ("Atenea abatendo o xigante Encélado"), o que lle propiciou a posibilidade de marchar a Roma e residir en Villa Medici durante catro meses, onde se relacionou con artistas de diversos ámbitos.[1] Tamén foi artista residente en Villa Paradisio, Niza.[2]

Á súa volta a París en 1946 tivo numerosas encargas de medallas para a Monnaie de Paris e outros traballos como vasos de cerámica para a Manufacture de Sèvres, esculturas para a cidade de Innsbruck, vidreiras para unha capela en Roubaix, ou a decoración interior da casa do Concello de Belfort ou da igrexa de Saint-Remi de Ponchon.[1]

A partir de 1948 comezou a exercer a docencia na Escola de Oficios de Arte de París.[3]

Ao longo da súa carreira artística, Raymond Joly foi un prolífico creador de medallas, sobre unha ampla variedade de temas. O seu traballo medallístico comezou en 1943 a título privado e en 1948 como medallista da Casa da Moeda de París, e continuou ata os derradeiros anos da súa vida.[4]

Moeda brasileira de 300 cruzeiros de 1972, conmemorativa do sesquicentenario do país, deseñada por Joly.[5]
Afars e Issas: 100 francos (1970).[6]
100 francos das Novas Hébridas (1966), deseñada por Joly.[8]
50 francos da Polinesia francesa (2005).[9]

Gravador Xeral de Moedas de Francia

[editar | editar a fonte]

En outubro de 1958 foi designado para ocupar o cargo de 24º Gravador Xeral de Moedas de Francia, logo da xubilación do seu antecesor, Lucien Bazor. Ocupou este posto ata abril de 1974,[3] cando se xubilou, e foi substituído por Émile Rousseau.[1] Durante o seu período como gravador xeral escolleu como marca persoal un bufo, que aparece gravado en todas as moedas francesas cuñadas durante o seu período.[10] Joly explicou así a elección da súa marca:[11]

Desde Marc Béchot en 1547, todos os gravadores xerais levan o que se coñece como «différent», un signo simbólico utilizado para recoñecer a autenticidade das moedas. Este signo colócase xeralmente á dereita do ano da moeda. Á esquerda aparece sempre unha cornucopia, o signo da Casa da Moeda.
Pola miña banda, elixín o bufo; ao ser Atenea loitando contra o xigante Encélado o tema do meu Premio de Roma, pensei que o uso do seu símbolo era obvio. Ademais, este emblema é tamén o da sabedoría e a capacidade de ver con claridade na escuridade. Así que decidín gravar o símbolo no aceiro, o que me permitiu «cravar» pequenos punzóns de man con diversos motivos decorativos na á do bufo. Malia a enorme redución (de 33 mm a 2 mm), o resultado é un modelo difícil de reproducir
.

Durante o exercicio do seu cargo, Joly foi o responsable da cuñaxe das emisións monetarias francesas, aínda que sen achegar ningún deseño propio. No entanto, foi o creador de deseños para as moedas doutros países, como o Brasil ou Mónaco, e sinaladamente para un bo número de territorios ou ben de soberanía francesa ou ben con diversos graos de vinculación política e institucional con Francia (colonias, protectorados etc.), así como territorios que tiñan como unidade monetaria o franco CFA ou o franco CFP: África Central Francesa, Alxeria, Afars e Issas, Djibouti, Gabón, Madagascar, Mali, Marrocos, Nova Caledonia, Novas Hébridas e a Polinesia francesa.[12]

Logo da súa xubilación en 1974, Joly trasladouse ao departamento de Oise, onde residiu cunha das súas irmás. Alí continuou aceptado encargas como medallas, decoracións de diversos establecementos, gravados en lousa, pinturas sobre vidro, etc.

Raymond Joly faleceu a tarde do 18 de xuño de 2006, aos 95 anos. Entre os recoñecementos acadados por Raymond Joly ao longo da súa traxectoria están os de Cabaleiro da Lexión de Honra, Oficial da Orde Nacional do Mérito, Oficial das Artes e as Letras e a Cruz de Combatente.[1][3]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Raymond joly, un medailleur d' aujourd' hui. exposition de janvier a mars 1967 [catálogo de exposisión]. Monnaie de Paris, París. 1967.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Lucien Bazor
Francia
Gravador xeral de moedas de Francia

1958 - 1974
Sucesor:
Émile Rousseau