Reino da Baixa Borgoña
Regnum Provinciae (la) | |||
Localización | |||
---|---|---|---|
Datos históricos | |||
Creación | 19 de setembro de 855 | ||
Disolución | 933 | ||
Sucedido por | Reino de Arles (pt) | ||
As denominacións reino da Baixa Borgoña, reino da Provenza, reino de Arlés, reino da Borgoña Cisxurana, Cisxurania e reino das Dúas Borgoñas, son nomes historiográficos para un reino formado por Bosón no territorio suroriental da actual Francia durante a descomposición do Imperio carolinxio, no ano 879, á morte do rei Lois o Tatexo.
Estes nomes débanse a que o territorio se asenta na parte inferior do val do Ródano ao sur da Alta Borgoña.
Os seus límites eran o mar Mediterráneo ao sur, Septimania ao sueste, Aquitania ao oeste, o reino da Alta Borgoña ao norte e o reino de Italia ao leste.
Historia
[editar | editar a fonte]O rei de Francia Occidental Lois II, o Tatexo, morreu o 10 de abril de 879. Tras conseguir a neutralidade do reino da Francia Oriental no Tratado de Ribemont, os seus dous fillos adultos, Lois III e Carlomán, dividiron entre eles o reino do seu pai.
O nobre Bosón, conde de Arlés, renunciou á lealdade a ambos os irmáns e, en xullo, reclamou a independencia do reino da Provenza. O 15 de outubro de 879, os bispos e os nobres da rexión ao redor dos ríos Ródano e Saona reuníronse no Sínodo de Mantaille e elixiron a Bosón como rei sucesor de Lois o Tatexo, polo que foi o primeiro rei non carolinxio na Europa occidental.[1] Foi o primeiro rei franco "elixido libremente", sen ter en conta a descendencia real, aínda que cómpre sinalar que a súa nai era carolinxia. O reino da Provenza estaba composto polas provincias eclesiásticas dos arcebispos de Arlés, Aix, Vienne, Lión (sen Langres) e probabelmente Besançon, así como as dioceses de Tarentaise, Uzès e Viviers.
Ambos os irmáns atacaron a Bosón e, en 882, o seu territorio integrouse no reino de Carlomán. Á morte deste, en 884, pasou ao seu fillo Carlos o Gordo, que morreu en 888. En 890, tras a revolta de Arnulfo de Carintia, Lois o Cego, fillo de Bosón, foi coroado rei da Baixa Borgoña.
Lois o Cego foi chamado a Italia por Adalberto II de Toscana, que desexaba evitar o control que Berengario de Friuli estaba obtendo na península. Lois derrotou a Berengario e foi coroado emperador xermánico polo papa Bieito IV. Berengario derrotou a Lois o ano seguinte, expulsándoo de Italia e facéndolle prometer que non volvería. Porén, volveu a intentalo en 905, sendo de novo derrotado. Nesta ocasión, como castigo polo incumprimento da súa promesa, fi cegado. Os títulos de rei de Italia e emperador pasaron a ser ostentados por Berengario.
Incapacitado para exercer os seus deberes como rei, Lois nomeou como o seu rexente a Hugo de Arlés, conde da Provenza. Durante unha nova guerra civil italiana, Hugo foi elixido rei de Italia en 924, e pasou os dous anos seguintes intentando expulsar da península ao seu rival Rodolfo II (rei da Alta Borgoña). Lois o Cego morreu en 928, e Hugo sucedeuno no trono. Pero non conseguiu afianzar o seu poder mediante un matrimonio con Marozia (a efectiva gobernante de Roma). Os seguintes cinco anos Hugo tivo que combater contra as invasións maxiares e as incursións de piratas andalusís. En 933, Hugo asinou a paz con Rodolfo da Alta Borgoña, a cambio de concederlle o reino da Baixa Borgoña. Ambas as Borgoñas fusionáronse no chamado reino de Arlés.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bouchard, Constance Brittain (primavera de 1988). The Bosonids or Rising to Power in the Late Carolingian Age. French Historical Studies 15 (3 ed.). Society for French Historical Studies. pp. 407–431.