República Socialista Soviética de Lituania
Lietuvos Tarybų Socialistinė Respublika (lt) | |||||
Himno | Hino da República Socialista Soviética da Lituânia (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Proletarios de todos os países» | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado desaparecido | Unión Soviética | ||||
Capital | Vilnius | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.689.779 (1989) (56,59 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua lituana lingua rusa | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 65.200 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 3 de agosto de 1940 | ||||
Disolución | 11 de marzo de 1990 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república soviética | ||||
Moeda | Rublo soviético | ||||
República Socialista Soviética de Lituania (en lituano: Lietuvos tarybu socialistine respublika) foi o nome dado a Lituania entre o 21 de xullo de 1940, data en que foi invadida pola Unión Soviética e o 1 de marzo de 1990, cando o país recuperou a independencia.
Historia
[editar | editar a fonte]Trala primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: República Socialista Soviética de Lituania (1918-1919).
Houbo un intento frustrado de establecer un goberno soviético en Lituania por parte do Exército Vermello bolxevique entre 1918 e 1919. A RSS de Lituania proclamouse o 16 de decembro de 1918, polo goberno revolucionario provisional, formado completamente por membros do Partido Comunista de Lituania. A RSS de Lituania estivo apoiada polo Exército Vermello, pero non logrou crear un goberno de facto con apoio popular, como fixera pouco antes o Consello de Lituania. Dous meses despois, o 27 de febreiro de 1919, uniuse á República Socialista Soviética de Belarús e proclamouse a República Socialista Soviética Lituano-Belarusa, que existiu durante seis meses, ata o 25 de agosto de 1919.
A República Socialista Soviética Federativa de Rusia recoñeceu oficialmente á República de Lituania polo asinamento do tratado de paz soviético-lituano o 12 de xullo de 1920, poñendo así fin á existencia da RSS Lituana. Suxeriuse que o fracaso na conquista de Polonia durante a guerra polaco-soviética previu aos soviéticos de invadir Lituania e restablecer unha república soviética nese momento.[1][2]
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Pacto Molotov–Ribbentrop e Ocupación dos estados Bálticos.
O Pacto Molotov-Ribbentrop de agosto de 1939, entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética, estableceu que Lituania quedaba incluída na esfera de influencia alemá. Porén, a segunda guerra mundial comezou en setembro de 1939, e o pacto foi modificado para transferir a Lituania á esfera soviética.[3] Isto garantiuse co intercambio de Lublin e partes da Provincia de Varsovia en Polonia, que orixinalmente estaban adscritas á Unión Soviética, pero que naquel momento xa foran ocupadas pola Wehrmacht.
Seguindo o ultimato soviético a Lituania de 1940 e a subsecuente invasión o 15 de xuño de 1940, o presidente Antanas Smetona escapou do país. Antes de facelo e de acordo coa constitución lituana, cedeu as súas funcións ao Primeiro Ministro Antanas Merkys. O día que seguiu á partida de Smetona, Merkys anunciou que depuxera a Smetona e que chegara á presidencia polo seu propio pé. O 17 de xuño, a instancias dos soviéticos, Merkys nomeou a un periodista de esquerdas, Justas Paleckis, como Primeiro Ministro. Merkys renunciou tamén, de xeito que Paleckis, pasou a ser o presidente en funcións. Para todos os efectos, Lituania perdera a súa independencia.
Paleckis nomeou a un goberno popular dominado polos comunistas, con Vincas Krėvė-Mickevičius como Primeiro Ministro. Este goberno disolveu o Cuarto Parlamento (Seimas) e anunciou as eleccións para elixir un Parlamento Popular o 14 de xullo. Os votantes foron elixidos dunha lista única proporcionada pola Unión de Traballadores de Lituania, que non era máis que unha fachada do recentemente reaparecido Partido Comunista de Lituania. A nova Seimas Popular reuniuse o 21 de xullo e o único punto da orde do día era converter a Lituania nunha república Soviética, xurdindo así de novo a República Socialista Soviética de Lituania, que solicitou ao goberno da URSS que a admitira como unha república constituínte. A resolución tomouse de xeito unánime. O 3 de agosto, o Soviet Supremo da URSS aceptou a petición e admitiu á RSS de Lituania como a 14º República da Unión Soviética. Lituania mantén que xa que Smetona nunca rexeitou o cargo, a toma do poder de Merkys foi ilegal, e todas as accións que levaron á anexión por parte da URSS foron ilegais.
Lituania foi ocupada pola Alemaña nazi en xuño de 1941. Coa Ocupación dos estados Bálticos levada a cabo en 1944, restableceuse o poder Soviético. Logo das dúas ocupacións, levouse a cabo unha sovietización do país mediante unha deportación en masa de lituanos a gulags e outros campos de internamento da Unión Soviética.
Durante a segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Os Estados Unidos de América, o Reino Unido e outros países consideraron que a ocupación de Lituania pola Unión Soviética foi ilegal, citando a Doutrina Stimson, en 1940, pero acordaron non violar as fronteiras soviéticas despois das conferencias de paz que seguiron á segunda guerra mundial. Os Estados Unidos rexeitaron recoñecer a anexión de Lituania e o resto dos Estados Bálticos, pola URSS, durante toda a existencia da Unión.
Independencia
[editar | editar a fonte]Lituania declarou a súa independencia da Unión Soviética o 11 de marzo de 1990, e foi a primeira república soviética en facelo. Todos os nós legais da soberanía soviética sobre a república foron cortados cando Lituania declarou a restitución da súa independencia. A Unión Soviética non recoñeceu esta declaración e considerouna ilegal, xa que Lituania tiña que seguir un procedemento concreto, segundo mandaba a Constitución da Unión Soviética se quería abandonar a Unión.
Lituania alegou que todo o proceso polo cal o país foi anexionado á URSS foi ilegal e violaba tanto as leis lituanas e internacionais, de xeito que o único que estaban facendo era reafirmar unha independencia que existía previamente. A URSS tratou de invadir o país, pero a República Socialista Soviética Federativa de Rusia na súa Declaración da Soberanía do Estado, do 12 de xuño freou os intentos da URSS de manter a Lituania dentro da Unión.
Islandia recoñeceu de xeito inmediato a independencia de Lituania. O resto dos estados fixérono a partir do Intento de Golpe de Estado na URSS de 1991, no que o que quedaba do goberno soviético recoñecía a independencia do país o 6 de setembro de 1991.
Economía
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Economías do Bloque do Leste.
A colectivización na República Socialista Soviética de Lituania tivo lugar entre 1947 e 1952.[4]
A renda per cápita de 1990 da RSS de Lituania era de 8.591$, estando por riba da media dos 6.871$ do resto da Unión Soviética.[5] Aínda así era menos da metade da renda per cápita dos países adxacentes como Noruega (18.470$), Suecia (17.680$) ou Finlandia (16,868$).[5] Polo xeral, no Bloque do Leste a ineficacia dos sistemas sen competencia ou de equilibrio do mercado dos prezos converteuse custoso e insostible, especialmente coa crecente complexidade da economía mundial.[6] Estes sistemas, que requirían a planificación do estado en todos os niveis, acabou colapsando baixo o peso das indeficacis económicas acumuladas, con varios intentos de reforma que simplemente contribuíron á aceleración das tendencias á crise de xeración.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Snyder, Timothy (2004). The Reconstruction of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus, 1569–1999. Yale University Press. pp. 62–63. ISBN 0-300-10586-X.
- ↑ Senn, Alfred Erich (setembro de 1962). "The Formation of the Lithuanian Foreign Office, 1918–1921". Slavic Review 3 (21): 500–507. ISSN 0037-6779. doi:10.2307/3000451.
- ↑ Christie, Kenneth, Historical Injustice and Democratic Transition in Eastern Asia and Northern Europe: Ghosts at the Table of Democracy, RoutledgeCurzon, 2002, ISBN 0-7007-1599-1
- ↑ O'Connor 2003, p. xx–xxi
- ↑ 5,0 5,1 Madison 2006, p. 185
- ↑ Hardt & Kaufman 1995, p. 1
- ↑ Hardt & Kaufman 1995, p. 10
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |