República de Siena
Repubblica di Siena (it) ![]() | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Capital | Siena ![]() | |||
Poboación | ||||
Poboación | 200.000 (1494) ![]() | |||
Lingua usada | lingua italiana ![]() | |||
Relixión | catolicismo ![]() | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 6.000 km² ![]() | |||
Datos históricos | ||||
Creación | 1125 ![]() | |||
Disolución | 1555 (Gregoriano) ![]() | |||
Organización política | ||||
Forma de goberno | república ![]() | |||
Moeda | Denario ![]() | |||
A República de Siena (en italiano: Repubblica di Siena; en latín: Respublica Senensis) foi unha república formada pola cidade de Siena e o seu territorio circundante na Toscana, no centro da Península Itálica. Existiu durante máis de 400 anos, dende 1125 ata 1555. Durante a súa existencia, expandiuse gradualmente polo sur da Toscana e converteuse nunha das principais potencias económicas da Idade Media. Foi un dos centros comerciais, financeiros e artísticos máis importantes de Europa.[1]
De 1287 a 1355, durante o Goberno dos Nove, a república viviu un período de grande esplendor político e económico: encargáronse novos edificios, entre eles a Catedral de Siena, o Palazzo Pubblico e unha parte substancial das murallas da cidade. Este goberno é de feito definido polos historiadores como o "bo goberno".[2][3]
Unha combinación de declive económico, provocado pola Peste Negra, e a inestabilidade política levou á súa absorción polo Ducado de Florencia durante a Guerra de Italia de 1551 - 1559. A pesar de resistir durante 18 meses, rendéronse finalmente o 21 de abril de 1555, marcando o fin da república.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]A fundación da república de Siena adoita datarse no ano 1125, cando se destituíu ao derradeiro representante do Goberno de Bispos, que era o xefe da cidade e dos territorios circundantes. Nese momento, estableceuse un goberno consular xa que, como a meirande parte das cidades medievais da rexión, Siena contaba cun cónsul para exercer a xudicatura. En 1125, concedéuselle o título de Consul Sænensis a Manco.[2][5]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Siena prosperou como cidade-estado, converténdose nun importante centro de empréstitos e do comercio de la. Malia estar gobernada directamente polo seu bispo, co declive do poder episcopal durante o século XII, este tivo que cederlle gran parte do control executivo á nobreza a cambio de axuda durante unha disputa territorial con Arezzo. Este proceso culminou en 1167, cando a comuna de Siena declarou a súa independencia do dominio episcopal. Contra 1179, tiña xa redactada unha constitución.
En 1286, fundouse o goberno dos Nove co apoio do Noveschi, un partido político formado por familias de mercadores que manexaban o concello da cidade. Co tempo, o Noveschi incluíu tamén a outras familias nobres. Baixo a guía dos Nove, Siena medrou en termos económicos e de poder militar.
A batalla de Montaperti
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Batalla de Montaperti.

No século XIII, en Siena predominaban os xibelinos, namentres en Florencia os güelfos eran a facción preponderante. Este conflito político conforma o fondo da Divina Comedia (1320) de Dante Alighieri (1265-1321).
O 4 de setembro de 1260 os xibelinos sieneses, apoiados polas tropas do rei Manfredo de Sicilia (1232-1266), derrotaron aos florentinos na batalla de Montaperti. O exército de Siena (cuns 20,000 soldados) enfrontouse a unha forza de 33,000 florentinos. Antes da loita, a cidade foi dedicada á Virxe María (isto fíxose moitas veces durante a súa historia, a máis recente en 1944, para protexela dos bombardeos aliados). O home que liderou o bando de Siena durante a guerra, Bonaguida Lucari, camiñou descalzo e coa cabeza ao descuberto, cun cabestro arredor do pescozo, até a catedral de Siena. Dirixindo a procesión dos residentes da cidade, reuniuse co clero e abrazou ao bispo, sinalando a unidade de Igrexa e estado. Despois, Lucari ofreceulle formalmente a cidade e a rexión á Virxe. Segundo a lenda, unha densa nube branca descendeu sobre o campo de batalla, ocultando as tropas sienesas e axudando no seu ataque. En realidade, os florentinos realizaran varios ataques sen éxito ao longo do día e, cando os sieneses responderon á ofensiva, varios traidores asasinaron ao abandeirado; no caos subseguinte, as forzas florentinas separáronse e fuxiron. Case a metade dos seus homes (uns 15,000) perderon a vida como resultado.
O período entre 1260 e 1355 foi caracterizado como a "idade de ouro" de Siena.[6]
Os portos da república
[editar | editar a fonte]A república de Siena, durante a súa progresiva expansión territorial, ampliou as súas fronteiras especialmente cara o sur da Toscana, na actual provincia de Grosseto. O acceso ao mar era, xa que logo, unha continuación natural da súa política expansionista e comercial; así, na Maremma, tomaron os portos de Talamone, Porto Ercole e Porto Santo Stefano.
Xa no século XIII, co gallo de garantir o comercio marítimo, Siena asegurou o porto fluvial de Grosseto. Porén, este foi destruído durante as inundacións do século XIV, que cambiaron o curso do río Ombrone.
Declive
[editar | editar a fonte]
Siena foi devastada pola Peste Negra de 1348,[7] así como por unha serie de fracasos comerciais. En 1355, coa chegada de Carlos IV de Luxemburgo (1316-1378) á cidade, aumentou a poboación e eliminouse o goberno dos Nove coa expulsión das familias asociadas ao partido Noveschi. Estableceuse así un goberno Dodici (un consello de 12 nobres), asistido por outro consello con maioría popular. Esta forma de xestión durou pouco tempo, e foi substituída polas reformas dos Quindici ("os Quince") en 1385, dos Dieci ("os Dez") entre 1386 e 1387, dos Undici ("os Once") entre 1388 e 1398 e dos Doce Priores entre 1398 e 1399. Ao final, a cidade acabou nas mans de Gian Galeazzo Visconti (1351-1402), o duque de Milán, co obxectivo de defendela do expansionismo florentino.
Porén, en 1404 a Casa de Visconti foi expulsada polo novo goberno dos chamados Dez Priores, aliados con Florencia contra o rei Ladislao I de Nápoles (1376-1414). Coa elección do sienés Enea Silvio Piccolomini, da prominente familia Piccolomini, como papa Pío II en 1458, os nobres exiliados pola súa relación co partido Noveschi puideron regresar á cidade.
En 1472, os maxistrados de Siena fundaron un "monte de piedade", a Banca Monte dei Paschi di Siena, que sobreviviu até o século XXI como o banco máis antigo do mundo.
Era dos Petrucci
[editar | editar a fonte]O Noveschi volveu a Siena en 1487, baixo o liderado de Pandolfo Petrucci (1452-1512). Este foi acumulando cargos políticos e aumentando a súa influencia até 1500 cando, coa execución do seu padrastro Niccolò Borghese por conspiración contra a súa vida e co apoio de Florencia e de Afonso de Calabria (1448-1495), logrou facerse co control total da cidade. Malia a súa tiranía, Pandolfo logrou grande prosperidade para Siena, favorecendo as artes e as ciencias, e mellorando a súa economía. Foi sucedido polo seu fillo, Borghese Petrucci quen, tras só catro anos de mandato, foi substituído polo seu curmán, o cardeal Rafaello Petrucci (1472-1522), que contaba coa axuda do papa León X (1475-1521). Secasí, debido ás súas crecentes responsabilidades na Igrexa, Rafaello tivo que ceder a cidade ao seu sobriño, Francesco Petrucci, que tras un ano foi expulsado polo seu fillo máis novo, Fabio. O propio Fabio foi obrigado a exiliarse en 1525 polo pobo sienés, marcando o fin da era dos Petrucci.
Final da república
[editar | editar a fonte]Tras a fin do goberno dos Petrucci, a cidade continuou coas disputas internas, coa facción popular expulsando ao partido Noveschi, apoiado polo papa Clemente VII (1478-1534). Este último enviou un exército a Siena, mais foi derrotado en Camollia en 1526. O emperador Carlos V aproveitou a situación para instalar unha guarnición española en Siena. Entre 1529 e 1541, a república foi gobernada por Afonso II Piccolomini (1499-1559). En 1552, os cidadáns expulsárono da cidade, aliados con Francia. Este apoio era inaceptable para Carlos V, quen enviou ao seu xeneral Gian Giacomo Medici (1498-1555) para asediar a cidade cun exército conformado por tropas imperiais e florentinas.
O goberno sienés encomendou a defensa a Piero Strozzi (c. 1510-1558), que foi derrotado na batalla de Marciano en agosto de 1554. Tras unha resistencia de 18 meses, Siena rendeuse ante Carlos V o 21 de abril de 1555, poñendo fin á república. O novo rei Filipe II (1527-1598), que debía grandes sumas aos Medici, cedeu todo o territorio sienés ao ducado de Florencia, conformando en 1569 o Gran Ducado de Toscana. Un goberno sienés no exilio, composto por unhas 700 familias, estableceuse en Montalcino e negouse a aceptar a derrota da batalla de Marciano, resistindo o dominio toscano até 1559.
Territorio
[editar | editar a fonte]
A república de Siena dominaba a meirande parte das actuais provincias de Grosseto e Siena, na rexión italiana da Toscana, incluíndo a costa do mar Tirreno. Destaca como excepción a vila de Montepulciano, situada nun outeiro a 70km ao sueste de Siena, que pertencía á veciña Florencia; esta localidade foi unha constante fonte de hostilidades entre ambas cidades-estado.
A mediados do século XVI a república ocupaba un territorio duns 8,000km2, cunha poboación de 80,000 habitantes, dos cales uns 15,000 vivían na propia cidade de Siena.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ascheri, Mario (2013). Storia di Siena dalle origini ai giorni nostri (en italiano). Biblioteca dell'Immagine. ISBN 978-88-6391-138-1. OCLC 866579920.
- Ascheri, Mario; Franco, Bradley (2019). A History of Siena (en inglés). Routledge. ISBN 9781315232010. doi:10.4324/9781315232010.
- Bowsky, William M. (1986). Un comune italiano nel Medioevo. Siena sotto il regime dei Nove (1287-1355) (en italiano). Il Mulino. ISBN 8815012214.
- Fochesato, Mattia (2021). "Plagues, wars, political change, and fiscal capacity: late medieval Renaissance Siena, 1337-1556". The Economic History Review (en inglés) 74 (4): 1031–1061. ISSN 1468-0289. doi:10.1111/ehr.13069.
- Fusai, Luca (1987). La storia di Siena dalle origini al 1559, volume 1 (en italiano). Il Leccio. ISBN 8886507771.
- Hook, Judith (1973). "The Fall of Siena". History Today (en inglés) 23 (2).
- Istituto della Enciclopedia Italiana (2021). "Siena". Enciclopedia Treccani (en italiano). Consultado o 2021.