Gaivota tridáctila
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Garrucho | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Rissa tridactyla (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Distribución Rissa tridactyla
|
A gaivota tridáctila,[1][2][3][4][5][6][7][8] ou garrucho,[9] (Rissa tridactyla) é unha ave da familia das gaivotas (Laridae).
Descrición
[editar | editar a fonte]Unha ave adulta desta especie mide uns 40 cm e ten unha envergadura de ás de entre 90 a 100 cm. O seu aspecto é moi semellante ó da variedade parente, a Rissa brevirostris e á gaivota cana (Larus canus). A cabeza, o pescozo e a parte inferior son brancos. O lombo e as ás son de cor agrisada. As puntas das ás e as patas son negras e o bico amarelo. As gaivotas novas teñen bandas negras nas ás e pescozo negro. Chegan á madurez ós tres anos.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Reprodúcese nas costas dos océanos Atlántico e Pacífico. É máis abundante en Europa e Norteamérica. Entre agosto e abril, fóra da época de cría, vive en mar aberto, sendo a ave máis frecuente no océano Atlántico. Os exemplares das zonas máis nórdicas buscan áreas máis quentes no inverno.
Na época de cría adoita estar en rochedos mariños, xeralmente en cantís inaccesibles, aproveitando gretas nos cantís entre Armeria sp. e Crithmum sp. Nas tempadas de migración e invernada, pasa a maior parte do tempo en mar aberto e nas costas; tamén en augas litorais, algunhas veces incluso en augas interiores, aínda que semella estar medrando a frecuencia destas excursións no interior.
Poboación en Galiza
[editar | editar a fonte]O garrucho colonizou a Península a comezos dos anos 70, como consecuencia do grande aumento e expansión das súas colonias setentrionais, aniñando por primeira vez nas Illas Sisargas en 1974. Máis tarde descubríronse colonias no cabo Vilán en 1987 e nas Illas Berlengas de Portugal, desaparecendo destas en 1983. Estas colonias marcan o límite sur da súa distribución no Atlántico. En 1992 a súa poboación aniñante estimouse en 235 parellas, cunhas 185 parellas na colonia das Illas Sisargas, considerándose como estabilizada e cunhas 50 parellas no Vilán de Fora. Até finais dos 90 a evolución das colonias semella confirmar a súa estabilidade ou un lixeiro crecemento. Durante o inverno, pasan polas costas galegas miles de aves, sendo máis escaso o seu número no Mediterráneo.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Comen peixes pequenos, moluscos e crustáceos. No verán cazan tamén insectos.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Son estritamente monógamas. Crían, entre maio e xullo, en grandes e ruidosas colonias nos acantilados. Son capaces de utilizar os acantilados máis escarpados. Poñen dun a tres ovos, duns 6 cm de lonxitude, da cor do ante e con pencas, nun niño feito de terra, brión e algas. Macho e femia chocan os ovos entre 24 e 30 días. Os polos son brancos, porque non precisan camuflaxe perante os predadores, que non acceden ós lugares de cría de garrucho. Non saen de seguida do niño coma outros pitos do xénero Larus para evitar accidentes.
Son aptos para o voo as cinco semanas. Só 24 de cada 100 xoves chegan a acadar os cinco anos, cando se produce a maduración sexual da especie. As causas máis frecuentes de morte son as tormentas e a contaminación mariña producida polo petróleo.
Sistemática
[editar | editar a fonte]Hai dúas subespecies:
- Rissa tridactyla tridactyla, do Atlántico norte, con dedo posterior moi pequeno ou ausente.
- Rissa tridactyla pollicaris, do norte do océano Pacífico, teñen o dedo posterior desenvolvido.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nomes galegos das aves de Galicia e de España. Real Academia Galega. gaivota tridáctila
- ↑ Dicionario Digalego gaivota Arquivado 16 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Tridáctilo.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Miguel A. Conde Teira. Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada Arquivado 08 de novembro de 2017 en Wayback Machine.. Chioglossa. I 121-I3X. A Coruña, 1999.
- ↑ Lista das aves de Galicia
- ↑ Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 2002. Tomo 9. Páxina 350. ISBN 84-7680-297-8 (do tomo).
- ↑ De Souza, J.A., Martínez Lago, M., Monteagudo, A., Pérez Villa, G. y Sandoval, A. (eds.) (1998). IV Anuario das Aves de Galicia 1996 Arquivado 03 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Grupo Naturalista Hábitat, A Coruña. Páxina 96.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para garrucho. Garrucho e variantes son formas recollidas por Ríos Panisse (Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia II. Mamíferos, aves y algas. Anexo 19 de Verba. Santiago de Compostela: Universidade, 1983, páx. 37) unicamente en tres portos de Galicia, localizados na comarca do Ortegal: gharrucho en Espasante (Ortigueira) e Cedeira, gherrucho tamén en Cedeira, e ghurrucho en Cariño; tamén recolleu a forma ghurriña en Rianxo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gaivota tridáctila |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- DOCAMPO, F. e J.M. ALLER (1991): Evolución da colonia nidificante de gaivota tridáctila nas I. Sisargas. En
- Fernández-Cordeiro & J. Domínguez (eds.): Actas do Primeiro Congreso Galego de Ortitoloxía, pp. 117–121. Univ. S. de Compostela.
- LLOYD, C., M.L. TASKER e K. PARTRIDGE (1991): The status of seabirds in Britain and Ireland. T e AD. Poyser.Londres.
- MUNILLA, I. e J. GUITIÁN (eds.) (1994): Primeiro Anuario das aves de Galicia. Anos 1992-93. S. de Compostela.
- RODRÍGUEZ SILVAR, J. e A. BERMEJO (1975): Primera nidificación de gaivota tridáctila no SW de Europa.
- S.G.H.N. (eds.) (1995): Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo II: Aves. Consello da Cultura Galega. S. de Compostela.
- TEIXEIRA, A.M. (1983): Seabirds breeding at the Berlengas, forty-two years after Lockley´s visit. Ibis, 125: 417-420.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Runde, a illa das aves, en alemán.