Santiago Montero Díaz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xaneiro de 1911 Ferrol, España |
Morte | 24 de xullo de 1985 (74 anos) Madrid, España |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade Central - doutoramento (–1934) Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | profesor universitario, historiador, escritor |
Empregador | Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Madrid Universidade de Murcia Universidade de Concepción |
Partido político | Partido Comunista de España (1931–) Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista |
Membro de | |
Alumnos | Francisco José Presedo Velo |
Obra | |
Doutorando | Juan José Carreras Ares, Gustavo Bueno, Rafael Calvo Serer, Emilio Lledó, Manuel Espadas Burgos e Ricardo Carballo Calero |
Descrito pola fonte | Diccionario Akal de Historiadores españoles contemporáneos (2002) (en) , (sec:Montero Díaz, Santiago, p.422-424) |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Santiago Montero Díaz, nado en Ferrol o 21 de xaneiro de 1911 e finado o 24 de xullo de 1985, foi un profesor e ideólogo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Nado en Ferrol pero de familia natural do Seixo (Mugardos), trasladouse sendo un neno cos seus pais a Cuba, onde cursou o primeiro ensino no colexio dos Irmáns Maristas de Cienfuegos, na daquela provincia de Santa Clara. Regresou a Galiza en 1922, para estudar o segundo ensino na Coruña, no colexio dos Irmáns Maristas, e en Ferrol, cos Pais Mercedarios, acadando o título de bacharel en outubro de 1926. Cursou Filosofía e Letras (sección de Historia) entre 1926 e 1929, obtendo na Universidade de Santiago de Compostela o título de Licenciado en outubro de 1929. Ese mesmo ano foi nomeado profesor axudante de clases prácticas da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela. Máis tarde cursou en Madrid o Doutoramento e as materias complementarias do Corpo de Arquiveiros, ingresando mediante oposición en agosto de 1931 no Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, sendo destinado á Biblioteca Nacional, da que pasou, a petición propia, á mesma dependencia da Universidade de Santiago. Foi Vicepresidente da Sección de Ciencias Historias do Ateneo de Madrid entre 1931 e 1932. Comezou a publicar algúns artigos sobre diversos autores españois, como Feijoo e Huarte de San Juan.
Xornalista precoz durante os seus anos de estudante en Compostela, onde foi ademais bo amigo de Luís Seoane, Ricardo Carballo Calero e Álvaro Cunqueiro, foi igualmente membro do Seminario de Estudos Galegos –sen chegar a asumir o nacionalismo galego–, pasou primeiro por unha etapa afín a un socialismo republicano, moi influído polo crego ferrolán secularizado Matías Usero, para despois afiliarse ao Partido Comunista de España en Madrid. As súas grandes preocupacións foron o nacionalismo español e a revolución social, razón pola que contactou co grupo fascista liderado por Ramiro Ledesma Ramos cunha carta dirixida a La Conquista del Estado o 27 de xuño de 1931. Logo de se enfrontar, cun grupo de mozos comunistas, aos dirixentes do PCE e a José Bullejos no congreso do PCE de Sevilla (marzo de 1932), en abril dese ano foi expulsado do PCE. Pouco tempo despois, xa desprazado a Compostela, colaborou na comisión redactora do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza, mais as súas desavinzas no relativo á cooficialidade do galego e á interpretación gradualista da autonomía como primeiro paso cara á autodeterminación, que sostiñan os galeguistas, levouno a afastarse do autonomismo e, por ese vieiro, a achegarse ao fascismo.[1] Logo dunha estadía de estudos na Universidade de Berlín (febreiro-xuño de 1933), á volta afiliouse ás JONS, converténdose no seu líder en Galiza e tentando gañar adeptos entre ambientes anarcosindicalistas e mediante unha radical campaña antiestatutista. Foi un dos promotores do periódico fascista Unidad de Santiago de Compostela.[2] Porén, logo da fusión das JONS con Falange Española en marzo de 1934, deuse de baixa no partido, xa que consideraba que FE era un partido dereitista.
Guerra Civil
[editar | editar a fonte]Ao estalar a guerra civil achábase en Madrid. Logo duns meses refuxiándose en diversos domicilios, grazas ao apoio do seu conterráneo e amigo republicano Xosé Rubia Barcia achou acubillo nun piso da legación salvadoreña, e despois ingresou na Quinta Columna traballando como falsificador de documentos e afiliándose á CNT. No marzo de 1938 pasouse á zona franquista, onde logo de ser interrogado deu varias palestras en Galiza (abril de 1938) defendendo os postulados revolucionarios do nacionalsindicalismo. O Servicio Nacional de Propaganda, comandado por Dionisio Ridruejo, fichouno e foi delegado de propaganda coas tropas da fronte de Aragón. Porén, dimitiu do seu cargo a comezos de xullo de 1938, por desavinzas co gobernador civil de Castellón relativas ao control último da propaganda, que segundo Montero había recaer en Falanxe. Incorporouse a unha unidade da fronte e tomou parte en varias operacións da batalla do Ebro e na campaña de Cataluña.
Posguerra
[editar | editar a fonte]Rematada a guerra, reincorporouse á cátedra de Historia Medieval da Universidade de Murcia que gañara en marzo de 1936, e foi nomeado decano da Facultade de Filosofía e Letras. En agosto de 1941 gañou por oposición unha cátedra de Historia Antiga na Universidade de Madrid. Se ao comezo da segunda guerra mundial era crítico coa Alemaña, a partir da derrota alemá na Batalla de Stalingrado pasou a defender o aliñamento radical co III Reich, o que expresou en varias palestras, a última en febreiro de 1945, amais de ter contactos fuxidíos cos servizos de espionaxe alemáns. Como consecuencia, foi confinado en Almagro até finais de maio de 1945.
Logo da derrota dos fascismos refuxiouse na súa cátedra universitaria en Madrid. Mergullouse na Historia Antiga, no estudo dos imperios do pasado, na procura da gran personalidade que non atopaba no presente e que encarnase os grandes valores dos fascismos. Apoiou os exiliados fascistas da Europa Oriental que atopaban refuxio en Madrid, mais tamén apoiou alumnos seus, como Nicolás Sánchez Albornoz ou Manuel de Rivacoba, que foron presos por actividades antifranquistas. Nos anos cincuenta casou con Carmen Herrero Albiñana, coa que tivo dous fillos, e de xeito progresivo foise reencontrando con Galiza e cos círculos do galeguismo cultural supervivente, dunha banda, mentres pola outra achegouse paseniño aos postulados da reconciliación nacional e entendemento cos vencidos, colaborando con Enrique Tierno Galván ou José Luis López Aranguren. En 1965 participou nos incidentes universitarios que levaron á suspensión de cátedra de Aranguren e Tierno Galván, e a el valéronlle unha suspensión temporal de emprego e soldo. A comezos de 1966 incorporouse á Universidade de Concepción, en Chile, onde ficou até comezos de 1967, cando se reincorporou á súa cátedra da Universidade Complutense, logo da presión de amigos e colegas perante o Ministerio de Educación -sen atopar apoio, porén, do seu paisano e antigo amigo Manuel Fraga Iribarne, a quen axudara a preparar a oposición a cátedras e sobre quen adoitaba afirmar que era un memorioso sen gran talento-. Retornou do breve exilio considerado unha referencia intelectual e moral para varias xeracións de estudantes durante a última fase do franquismo e a Transición democrática, retirouse a un discreto segundo plano, refuxiándose na docencia, se ben dende a súa cátedra non deixou de facer xestións discretas para protexer da Policía alumnos seus comprometidos en angueiras antifranquistas, como por exemplo Agustín Díaz Yanes.
En 1981 xubilouse definitivamente da docencia e foi honrado polo mundo académico coa imposición da Medalla de Ouro da Complutense. Morreu en abril de 1984 dunha embolia cerebral.
Obras
[editar | editar a fonte]- La política social en la zona marxista, 1938.
- Historia universal antigua y media. Conceptos destacados, 1943.
- Alejandro Magno, 1944.
- De Caliclés a Trajano, 1948.
- Las ideas político-sociales de Guillermo de Ockam, 1949.
- Cervantes, compañero eterno, 1957.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Núñez Seixas, Xosé M. (2012). La sombra del César: Santiago Montero Díaz, una biografía entre la nación y la revolución. Granada: Comares. ISBN 9788498369489.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biobibliografía en Proyecto Filosofía (en castelán)
- Antonio Fontán (26 de xullo de 1985). "Necrológicas: Santiago Montero Díaz, historiador y maestro". El País (en castelán).