Saltar ao contido

Xarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Scomber scombrus»)

A xarda[1] (Scomber scombrus), tamén denominada cabala, correolo, escombro[2] ou rincha,[3] é un peixe azul (graxo), moi apreciado, pertencente á familia dos escómbridos, a mesma cos túnidos, pero ten un tamaño moito máis pequeno que estes.

Características

[editar | editar a fonte]

O seu corpo é fusiforme, alongado e relativamente estreito, de cor azul verdosa escura no lombo, con numerosas barras ou liñas sinuosas verticais mouras que non superan a liña lateral; e de cor branca prateada no ventre, sen marcas; parte superior da cabeza negruzca. As escamas son diminutas, case inapreciables. A cabeza é afiada, coa boca e ollos relativamente grandes. Pode acada-los 60 cm de lonxitude e pesos de ata 3,4 kg [4], pero normalmente mide entre 25 e 45 cm, con pesos duns 250-500 gramos. Carece de vexiga natatoria.

Posúe dúas aletas dorsais separadas e a aleta ventral á mesma altura cá dorsal posterior. Presenta, como tódalas especies desta familia, unha serie de pequenas aletas ou pínnulas, por detrás da segunda aleta dorsal e da ventral, así como unha crista a cada lado da zona caudal. A aleta caudal é marcadamente escotada.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Xarda.

Alcanza a madurez sexual ós 2-3 anos e a época de reprodución é entre maio e xullo. A femia pode chegar a poñer ata 200.000 a 400.000 ovos. Alcanza idades de ata 17-20 anos.

Aliméntase doutros peixes de menor tamaño (sardiñas, bocartes), pero tamén de pequenos crustáceos e moluscos. Á súa vez, é presa de cetáceos e atúns, así como obxecto de pesca industrial.

A xarda é abundante no océano Atlántico (desde a península escandinava ata o norte de África) e o mar Mediterráneo, e tamén está presente no Pacífico. É unha especie migratoria, que vive normalmente en augas profundas, ata os 200 metros de profundidade, pero a finais da primavera entra nas rías formando bancos moi numerosos e nada a medias augas, para regresar no inverno á zonas profundas. Péscase con artes de cerco e, ás veces, con redes de arrastre ou con liña (corricán). O talle mínimo é de 20 cm.

Lata de conserva de filetes de xarda en salsa de tomate

É un peixe azul, é dicir, rico en graxa: achega de 120 a 180 kcal por 100 g, segundo a época do ano. A súa carne é consistente e de cor arrubiada, e consómese tanto en fresco como, sobre todo, en conserva, pola similitude da súa carne coa do atún. Tamén resulta frecuente preparala afumada.

Cómpre sinala-la súa riqueza en vitaminas A e B12 e ácidos graxos omega-3, que axudan a regula-lo colesterol.

A xarda resulta moito máis apreciada nos países do norte de Europa que en España (agás en Galicia), onde o seu sabor forte faina pouco agradable para moitos consumidores, e de aí os baixos prezos que alcanza no mercado. No Xapón forma parte frecuentemente do suxi. En calquera caso, a sobreexplotación á que é sometida está reducindo as poboacións europeas, sobre todo as do mar do Norte; aínda así, a IUCN non a considera en perigo.

No momento da compra, recoméndase escolle-los exemplares pequenos, considerados de maior calidade. Igualmente, aconséllase consumilos coa maior brevidade posible xa que a descomposición comeza ás poucas horas da captura. En fresco admite as mesmas preparacións que a sardiña: fritida, á prancha, asada ou en escabeche.

Outras especies similares

[editar | editar a fonte]

Baixo o nome común de xarda ou cabala comercialízanse tamén outras especies semellantes do mesmo xénero:

  • cabalón (Scomber japonicus ou, antes, S. colias): de aspecto similar á xarda común pero máis grande (ata 1 kg). Presenta unhas manchas puntiformes escuras ó longo da liña lateral, por baixo das franxas verticais típicas. Entre os pescadores corre a crenza de que esta especie é o macho e a cabala común a femia (a mesma diferenza que noutros sitios queren establecer entre rincha –a femia- e rinchón –o macho-. En castelán recibe o nome de estornino; en inglés, Chub mackerel.
  • cabala pinta (Scomber australasicus): de menor valor comercial.

Galería de imaxes da xarda e outras especies semellantes

[editar | editar a fonte]

Sinonimia

[editar | editar a fonte]
Lombos de xarda listos para cociñar.

Ademais das denominacións citadas anteriormente, en Galicia tamén se denomina carriolo, correolo, curriolo, macareu (probablemente relacionado coas formas inglesa e francesa) e perrilla. O nome de rincha (e ás veces, pífana ou torno, por probable contaminación do castelán estornino) aplícase ós exemplares xuvenís, de menor tamaño, pero hai portos nos que este nome se usa como sinónimo de xarda, reservando o de rinchón para os exemplares grandes.

  • Castelán: caballa, verdel (para algunhas fontes, verdel é o nome vasco) [5]
  • Catalán: verat
  • Portugués: cavala
  • Inglés: Atlantic Mackerel (tamén Boston Mackerel)
  • Francés: Maquereau, Maquereau bleu

En Andalucía existe desde o 2003 a denominación de orixe Caballa de Andalucía, que ampara as conservas de filetes de xarda da especie Scomber japonicus. Na costa norte, tamén existe o proxecto de establecer unha denominación Pescados del Cantábrico para diferentes especies de peixes, entre elas a xarda, capturados en Cantabria, Asturias e no País Vasco.

Para rematar, cómpre lembrar que a xilbarbeira ou xilbarda (Ruscus aculeatus) tamén designa unha planta arbustiva de falsas follas espiñentas, que recibe os nomes comúns de xarda e cabala (Eladio Rodríguez, Sarmiento).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xarda.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escombro.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rincha.
  4. Datos quitados de Fishbase.org.
  5. Cómpre advertir que co nome de caballa tamén se designan outras especies semellantes nos países de fala hispana. Ver http://www.fishbase.org/ComNames/CommonNameSearchList.php

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]