Saltar ao contido

Sema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na análise sémica, o sema é a unidade mínima do significado. Non ten unha realización independente e polo tanto realízase sempre no interior dunha configuración semántica ou semema.

Os lexemas poden ser segmentados en unidades ou trazos semánticos mínimos chamados semas. O termo sema utilízase na análise sémica e é sinónimo de trazo semántico ou compoñente semántico.

Os semas poden ser:

  • Semas denotativos: Son os que determinan, dun xeito estábel e cun amplo consenso social, o significado dun lexema.
  • Semas específicos: Son os semas denotativos que entran en oposición co semema de lexemas veciños dentro dun mesmo campo semántico. Ao conxunto dos semas denotativos específicos chámaselle semantema.
  • Semas xenéricos:
  • Son os que adscriben un lexema a unha clase máis xeral e permiten definir as posibilidades combinatorias dos lexemas.
  • Son comúns a lexemas que funcionan en distintos campos léxicos.
  • Son trazos distintivos que funcionan en toda unha clase de palabras.
Ó conxunto de semas xenéricos que funcionan en toda unha clase de palabras denominámolo clasema. Por exemplo: 'animado' / 'inanimado', 'masculino' / 'feminino', 'transitivo' / 'intransitivo', 'positivo' / 'negativo'.
  • Semas connotativos: Son aqueles que caracterizan dunha forma inestable e variable, a miúdo con valor individual, o significado dos lexemas. Ó conxunto dos semas virtuais ou connotativos chamámolo virtuema.

O conxunto de semas comúns aos sememas ("lexemas") dun campo semántico chámase arquisemema. O arquisemema pode estar formalizado ou non nunha lingua, é dicir, pode ter ou non un significante e, en consecuencia, un arquilexema que o exprese.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]