Serafín Ferro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Serafín Fernández Ferro 12 de agosto de 1914 A Coruña, España |
Morte | 9 de agosto de 1954 (39 anos) Cidade de México |
Actividade | |
Ocupación | actor |
Carreira militar | |
Rama militar | Exército Popular da República |
Rango militar | Tenente |
Conflito | guerra civil española |
Familia | |
Parella | Luis Cernuda (1931–1932) |
Serafín Fernández Ferro, coñecido como Serafín Ferro, nado no barrio de Monelos da Coruña o 12 de agosto de 1914 e morto en Cidade de México o 9 de agosto de 1954, foi un actor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Electricista. Chegou a Madrid a comezos dos anos 1930 onde vivían os seus irmáns Amadeo e José, militantes da CNT e da FAI. Traballou de vendedor de pólizas de seguro e tamén de libros, facía publicidade, e investigacións hemerográficas. Pouco se sabe da súa vida, agás por citas indirectas en obras e estudos sobre a Xeración do 27 da literatura española. En Madrid coñeceu a Federico García Lorca e despois a Luis Cernuda, co que mantivo unha relación amorosa ao longo de 1931 e ata a primavera de 1932.[1] Desta época, e dos seus vencellos co grupo da Residencia de Estudiantes, quedarán testemuños gráficos como retratos e debuxos de Moreno Villa ou Ramón Gaya. A relación con Cernuda e a separación posterior inspirou, segundo Vicente Aleixandre, o libro de poemas Donde habite el olvido, publicado en 1934. Coñeceu tamén a Ernesto Guerra da Cal. Traballou de linotipista na imprenta de Manuel Altolaguirre e Concha Méndez e contactou co mundo teatral, ata o punto de volver á Coruña e dirixir o grupo Keltya para representar obras de Yeats e Álvaro de las Casas. Naquel tempo tamén coñeceu a Eduardo Blanco Amor.
Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 residía na Coruña e ante a eventualidade de ser chamado a filas, alistouse na Lexión Española e logo desertou para unirse ao bando leal. Loitou nas frontes de Madrid, Toledo, Guadalaxara e Aragón e polos montes de Asturias. Foi ferido nun bombardeo e despois da súa recuperación ingresou no corpo de Carabineiros. Chegou a Barcelona co grao de tenente, onde escribiu artigos en Nova Galiza, a revista dos escritores galegos do bando republicano, e en Hora de España. Despois da guerra, o seu nome apareceu por erro nunha listaxe de asasinados.
En 1939 o escritor comunista francés André Malraux seleccionouno para o elenco de L'espoir, un filme político de preguerra baseado no conflito civil español. Cando os nacionais ocuparon Barcelona marchou a Francia onde foi internado no campo de refuxiados de Argelès-su-Mer. Exiliouse en México, viaxou no Ipanema e chegou a Veracruz o 7 de xullo de 1939. Esquecido polo mundo e na indixencia, morreu de tuberculose no Sanatorio Español de Cidade de México o 9 de agosto de 1954.
Publicou dous poemas en galego, "Noite" na revista Nós en 1935 e "Nouturno de Lembranza" en Nova Galiza.[2]
Filmografía
[editar | editar a fonte]- L'espoir (1939), adaptación de André Malraux, dirixida por Boris Peskin.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Romero, Santiago. Los placeres, La Opinión, 9/12/2007
- ↑ "García Lorca e Serafín Ferro", Xesús Alonso Montero. La Voz de Galicia, 17-7-1998, p. 16.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Vida de Serafín. El alevín gallego de la Generación del 27". Clarín. Consultado o 30 de abril de 2020.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha no Departamento de Migración de México
- Retratos de Serafín Ferro realizados por Ramón Gaya e por Moreno Villa