Saltar ao contido

Serra do Laboreiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Serra de Laboreiro»)
Modelo:Xeografía físicaSerra do Laboreiro
Imaxe
Laboreiro dende Redemuíños.
Tiposerra Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaDistrito de Viana do Castelo, Portugal e provincia de Ourense, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 41°58′39″N 8°09′46″O / 41.97749832, -8.16272385

A serra do Laboreiro[1] é un macizo montañoso de perfís suaves situado entre Galiza e Portugal na denominada Raia Seca, que se eleva dende o val do río Deva para formar un amplo altiplano duns 1200 m de altitude media que se estende pola freguesía portuguesa de Castro Laboreiro. Dos seus cumios nacen ríos que van ao Miño (Deva e Troncoso), ao Arnoia (Tuño e Ourille), e ao Limia (Cadós, Grou e Casal na vertente galega e Castro Laboreiro na portuguesa).

Extensión

[editar | editar a fonte]

Esta serra describe un arco cunha orientación NO-S que comeza no val do río Troncoso, dirixíndose cara ao leste entre os concellos galegos de Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Lobeira e Entrimo e o concello portugués de Melgaço. Prolóngase ao nordeste cara ás Lombas da Pena da Edra. Extreman co Laboreiro a serra da Peneda, a serra de Queguas, o pequeno macizo do Coto de Fonte Santa e a Serra da Moura.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

O principal trazo a destacar desta serra son as súas pendentes suaves orixinadas por unha prolongada erosión. Esta erosión foi desgastando os materiais que cubrían ás masas graníticas, as cales se formaron no interior da codia terrestre durante a oroxénese herciniana, deixándoas ao descuberto en forma de grandes bloques, bolos ou penedos como o penedo de Penagache ou o penedo de Anamán. Esta composta por granodioritas na parte occidental, granitos de dúas micas na central e xistos na oriental.

Penagache

Seguindo a orientación desta serra dende o nacemento do río Troncoso, preto da aldea de Portelinha, destacan os seguintes cumios pola súa altitude ou morfoloxía:

  • Arrazís (Melgaço), 1.175 m.
  • Cabeço das Cuatro Fontes (Melgaço), 1.170 m.
  • Alto de Gontim (Melgaço), 1.203 m.
  • Pena Rubia (Padrenda), 1.232 m.
  • Alto da Basteira (Padrenda), 1.217 m.
  • Alto da Portela do Pao (Melgaço), 1.232 m.
  • Alto do Buscal (Melgaço), 1.255 m.
  • Alto da Mansao do Guerreiro (Melgaço), 1.234 m.
  • Penedo do Penagache (Quintela de Leirado-Verea), 1.226 m.
  • Outeiro de Ferro (Verea-Melgaço), 1.268 m.
  • Froufe (Verea), 1.245 m.
  • Alto da Pregiça (Melgaço),1287 m.
  • Gestoso (Melgaço), 1.336 m.
  • O Codesal (Lobeira), 1.334 m.
  • Pedroso (Melgaço), 1.301 m.
  • Penedo de Anamán (Melgaço), 1.276 m.

Historia etnográfica

[editar | editar a fonte]

Os altos do Laboreiro estiveron habitados dende a prehistoria. As primeiras probas da súa humanización datan da etapa do megalitismo en Galicia a partir dos anos 4000-3500 a.C. Nesta zona rexístrase unha ampla densidade de monumentos funerarios, chamados mámoas ou localmente motas. En conxunto forman unha gran necrópole que acada a cifra de 130 túmulos, que na súa maioría permanecen tapados debido á falta dun proxecto común entre os ambos lados da Raia. Algúns deles son:

  • A Mota Grande, na contorna de Penagache-Outeiro de Ferro, preto do marco 19, con 24 m de diámetro maior e uns 2 m de altura.
  • Mota de Meda, situada na Serra das Motas, preto do marco 31, un conxunto duns 11 monumentos situados a 1300 m de altitude entre os concellos de Verea e Lobeira. O monumento foi escavado por Florentino López Cuevillas e ten un tamaño considerable que supera os 30 m de radio e acada uns 2 m de altura.
  • Mota da Cabreira, situada na penichán de A Lagoa a 1330 m. de altitude, preto do marco 34, ten un diámetro duns 23 m e unha altura de metro e medio, aínda que non se observa a súa anta dende a superficie debido a que se construíu na cima unha garita de vixilancia.

Estas terras non entenderon de fronteiras ata que Portugal se independizou de Galiza e comezouse a trazar a fronteira entre os dous lados, fortificáronse as comarcas fronteirizas con castelos como os de Castro Laboreiro ou o Alcázar de Milmanda nas Terras de Celanova. Durante a guerra civil converteuse nunha ruta de paso para os contrabandistas que traian produtos de Portugal e se querían saltar a alfándega de Pontebarxas.

O Monte Penagache ademais do seu atractivo destaca historicamente por ser onde tivo lugar a primeira ascensión deportiva do montañismo en Galicia.

Biodiversidade

[editar | editar a fonte]

A vexetación distribúese en dúas zonas diferenciadas:

  • A zona boscosa situada nos vales dos ríos e corgas, formada por carballos (Quercus robur), bidueiros etc.
  • A zona de matogueira e pastos situada nas lombas e nos altiplanos da serra, formada por xesteiras, piorneiras, codesais, toxeiras, carqueixas, uces e pasteiros de gramíneas.

A fauna salvaxe esta composta por aves de rapina coma o miñato (Buteo buteo); mamíferos coma o xabarín, o raposo ou incluso o lobo que se refuxian dos rigores do inverno nos bosques das partes baixas; réptiles coma lagartos , víboras ou cobras e unha gran variedade de insectos. Esta fauna convive con outras especies domesticadas como vacas cachenas e mandas cabalos en semiliberdade.

Tamén cómpre destacar a presenza dun can endémico desta serra o chamado Can de Castro Laboreiro.

Acceso ao Laboreiro dende o Outeiro de Augas

Podemos dividir os accesos máis directos aos distintos lugares da serra:

  • Accesos a Pena Rubia, dende Melgaço por Portelinha ou Rodeiro e dende Padrenda por Lapela.
  • Acceso ás serras do Caúño, Castelo, Aguillón e Basteira, dende Padrenda por Gorgua e dende Quintela de Leirado por Mociños.
  • Acceso a Penagache e Outeiro de Ferro, dende Quintela de Leirado por Xacebáns e dende Verea polo Outeiro de Augas.
  • Acceso ao Codesal e ao Gestoso, dende Verea polo Outeiro de Augas, dende Lobeira por Fraga ou dende Melgaço por Seara.
  • Acceso ao penedo de Anamán e a Pedroso, dende Melgaço por Cainheiras.

Aproveitamento da Serra

[editar | editar a fonte]

Usos agrarios

[editar | editar a fonte]

Os amplos pastos dos cumios serven de alimento para explotacións gandeiras de vacas cachenas e cabalos, dos bosques baixos aprovéitase a madeira, principalmente de piñeiro.

Usos turísticos

[editar | editar a fonte]

Ademais dos usos cinexéticos existentes, tamén destaca o seu potencial para realizar actividades turísticas coma o sendeirismo.

  1. "Pena Rubia, serra do Laboreiro e montes do Quinxo". Turgalicia. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2016. Consultado o 10 de setembro de 2015.