Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles
O Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles ou Servicio de Emigración de los Republicanos Españoles (SERE) foi o primeiro organismo de auxilio aos republicanos exiliados logo da derrota na Guerra Civil Española, creado en París en febreiro de 1939 e adscrito á dirección de Juan Negrín (en xullo de 1939 creouse a Junta de Auxilio a los Republicanos Españoles, na órbita de Indalecio Prieto). O seu presidente foi Pablo de Azcárate, que fora embaixador de España en Londres durante a guerra, aínda que o verdadeiro control estivo nas mans do ministro de Facenda no exilio, Francisco Méndez Aspe.
Ante a presión das autoridades francesas, encirradas polo goberno franquista, o SERE desapareceu a comezos de 1940, sendo disolto oficialmente o 16 de maio de 1940, apenas un mes antes da caída de París ante os nazis.
Historia
[editar | editar a fonte]Francisco Méndez Aspe foi o principal responsable do SERE, debido ao seu control das "finanzas" do exilio.[1] En abril de 1939 o presidente do Goberno, Juan Negrín, designou a Alejandro Viana Esperón xefe da Sección de Emigración do SERE. Debido ao control das finanzas por Méndez Aspe, os postos de presidente, que ocupaba Pablo de Azcárate, e ata certo punto do director, ocupado por Bibiano Fernández Osorio-Tafall, eran superfluos, razón pola cal Azcárate, que xa presentara por primeira vez a súa dimisión ao constituírse a JARE, e Osorio-Tafall presentaron a súa dimisión en outubro de 1939. O posto de presidente suprimiuse.[2] No caso de Osorio-Tafall a súa dimisión tivo tamén unha dimensión política polas súas diferenzas con Negrín, posto que non volveu participar en actividades políticas. Non así no caso de Azcárate.[3] Méndez Aspe encargouse da reorganización do servizo.[4]
En representación do SERE creouse en México o Comité Técnico de Ayuda a los Refugiados Españoles (CTARE) encabezado polo doutor José Puche Álvarez e cuxo obxectivo foi recibir, aloxar, proporcionar auxilio e distribuír aos inmigrantes polo territorio mexicano. O SERE foi o responsable dalgunhas das expedicións de refuxiados cara América máis coñecidas: a bordo do buque Sinaia (Sète 25/05/1939-Veracruz 13/06/1939; 1599 refuxiados), o Ipanema e o Mexique. Calcúlanse nus 6000 os refuxiados chegados aos Estados Unidos Mexicanos da man do SERE.
En xullo de 1939 o SERE suspendeu as axudas sen dar máis explicacións, presuntamente esgotados os seus recursos. O CTARE pediu auxilio económico á delegación (mexicana) da JARE, presidida por Prieto, para atender as necesidades económicas requiridas para o desembarque dos aproximadamente 600 pasaxeiros do buque Cuba.[5] O CTARE tamén suspendeu o servizo de comedores e albergues en México en xullo de 1940. Todas as xestións da JARE encamiñadas a facer posibles embarques colectivos de refuxiados españois, en Francia ou no norte de África, resultaron infrutuosas, se ben en 1941 conseguiu facer efectiva a viaxe do buque portugués Quanza desde Casablanca con case 400 refuxiados, e en marzo de 1942 o do buque Nyassa con outros 800.
A todos estes buques cabe engadir a viaxe do Winnipeg, xestionada por Pablo Neruda, que entrou no porto de Valparaíso (Chile) o 3 de setembro de 1939 con arredor de 2200 pasaxeiros.[6][7]
Co obxectivo de escolarizar aos fillos dos refuxiados, o SERE creou en México o Instituto Luis Vives (agosto de 1939), aínda hoxe en funcionamento. Ademais, en 1940 creáronse noutras localidades (Veracruz, Córdoba, Torreón, Tampico e Tapachula así como os que funcionaron en Xalapa e en Cuernavaca) os colegios Cervantes.[Cómpre referencia]
A xestión do SERE recibiu duras críticas do historiador libertario Francisco Olaya Morales, que considera probado documentalmente que os seus fondos procedían do espolio, foron administrados sen ningún control, e en beneficio único de altos cargos republicanos afíns a Negrín.[8]
Legado documental
[editar | editar a fonte]Os arquivos do CTARE están dende 1981 no Arquivo Histórico do Instituto Nacional de Antropología e Historia de México. Os arquivos de Juan Negrín están depositados na Fundación Juan Negrín, As Palmas de Gran Canaria, cedidos pola súa neta Carmen Negrín.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mateos 2009, pp. 68.
- ↑ Mateos 2009, pp. 68-69.
- ↑ Mateos 2009, pp. 69-70.
- ↑ Mateos 2009, pp. 80.
- ↑ Acta 89 de la Delegación mexicana de la JARE de 05-07-1940, entre outras. Véxase Portal del Archivo Carlos Esplá Arquivado 05 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine.
- ↑ Sánchez Cuervo, Antolín; Hernández Toledo, Sebastián (2014). "La estancia de María Zambrano en Chile". Universum (Talca) 29 (1): 125–137. ISSN 0718-2376. doi:10.4067/S0718-23762014000100007. Consultado o 27 de maio de 2020.
- ↑ "Winnipeg: 80 años de la misión de amor de Neruda".
- ↑ Olaya Morales (2004: 81-18),
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mateos, Abdón (2009). La batalla de México. Final de la Guerra Civil y la ayuda a los refugiados, 1939-1945. Madrid: Alianza. ISBN 9788420682679.
- Mateos, Abdón (22 de marzo de 2007). "La guerra continúa. Ayuda a los refugiados de la guerra civil y acción política republicana" (PDF). Seminario de Historia Contemporánea (Universidad Complutense de Madrid).
- Olaya Morales, Francisco (2004). La gran estafa de la guerra Civil. La historia del latrocinio socialista del patrimonio nacional y el abandono de los españoles en el exilio. Barcelona: Belacqua. ISBN 84-96326-09-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Junta de Auxilio a los Republicanos Españoles (JARE) - Outra organización de axuda
- Exilio español en México
- Barcos do exilio republicano español