Alejandro Viana Esperón
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de maio de 1877 ![]() Ponteareas, España ![]() |
Morte | 30 de abril de 1952 ![]() Cidade de México ![]() |
![]() | |
Representa: Izquierda Republicana 24 de febreiro de 1936 – 2 de febreiro de 1939 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Pontevedra ![]() | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid ![]() |
Ocupación | político, industrial ![]() |
Partido político | Acción Republicana Izquierda Republicana ![]() |
![]() |
Alejandro Viana Esperón,[1] nado en Ponteareas o 16 de maio de 1877[2] e finado en Cidade de México o 30 de abril de 1952,[3] foi un industrial e político republicano galego. Ocupou ademais o cargo de Director Xeral do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles en Francia entre 1939 e 1940.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Da Restauración á ditadura de Primo de Rivera (1877-1923)
[editar | editar a fonte]
En 1891 mudouse a Vigo[4] para traballar como dependente nos negocios do comerciante Ramón Arbones. Alí fundou a Asociación de Dependientes de Comercio de Vigo.[5] A comezos do século XX converteuse en apoderado da empresa Gimeno y Cía,[6] dedicada á exportación de ovos, con implantación no sur de Galicia e norte de Portugal, e delegacións en varias cidades españolas. Pouco despois adquiriu a condición de socio da empresa, e ampliou a súa actividade á conserva de peixe.
En 1909 foi elixido Secretario da Unión de Fabricantes de Conservas de Vigo, e en 1911, vogal.[7] Ademais, entre 1910 e 1912 actuou en Madrid perante o goberno do Estado como representante dos exportadores do porto de Vigo.[8] En 1913 e 1914 figurou como directivo do Círculo Mercantil de Vigo.[9]
En 1913 foi candidato a concelleiro nas eleccións municipais pola Agrupación Republicana de Vigo, pero non resultou elixido.[10] En 1914 asumiu o cargo de depositario na Agrupación.[11] En 1915 repetiu como candidato a concelleiro na lista republicana-socialista-agraria e tampouco foi elixido.[12] Foi detido na folga xeral de 1917 e encarcerado na prisión do Castro, onde permaneceu durante case dous meses.[13] En 1921 participou na fundación da Liga de Defensores de Vigo, da que foi directivo,[14] e do Ateneo da cidade.[15]
En 1923 participou como socio fundador do xornal El Pueblo Gallego, do que foi o seu primeiro Conselleiro Delegado.[16] Ese mesmo ano foi designado concelleiro-síndico da Corporación Municipal de Vigo no goberno de Gregorio Espino.[17] Converteuse en 1924 en tenente de alcalde e responsábel de Facenda do goberno local, e ocupouse no seu mandato do saneamento da quebrada facenda municipal.[18]
En 1925 ocupou o cargo de vogal da Caixa de Aforros de Vigo[19] e converteuse en membro da Comisión de Accionistas do Banco de Vigo, designado para o proceso de liquidación da entidade tras a súa quebra.[20] Logo da dimisión de Gregorio Espino, o 5 de decembro de 1926, Alejandro Viana converteuse en alcalde, pero renunciou ao cargo mes e medio despois.[21] Continuou ligado ao Concello durante 1927 como vogal da Xunta de Goberno do Servizo de Augas no goberno de Mauro Alonso Cuenca, e dimitiu en 1929.[22] Ademais foi vogal da Unión de Entidades Viguesas.[23] Foi tamén accionista e Vicepresidente do Consello de Administración do Estadio Municipal de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928.[24] En 1929 ocupou o posto de concelleiro suplente da Corporación en representación do Círculo Mercantil,[25] o cal presidiu en 1930.[26]
Segunda República (1931-1936)
[editar | editar a fonte]En 1931 Viana sumouse á Agrupación al Servicio de la República xunto a outros 34 vigueses.[27] En 1932 foi o anfitrión do expresidente da República Portuguesa Bernardino Machado, exiliado na Guarda. Nas circunstancias políticas do país luso, actuou como enlace con políticos portugueses e apoiou economicamente os exiliados en Galicia até 1935.[28]
En 1932 formou parte da presidencia do Xantar da Barxa en Vigo, xunto a Daniel Castelao, Valentín Paz-Andrade e Enrique Peinador, na conmemoración do Día da Patria Galega.[29] Un ano despois asumiu o cargo de presidente da Acción Republicana de Manuel Azaña na provincia de Pontevedra.[30] Ese mesmo ano foi candidato a deputado na plataforma electoral Izquierda Republicana xunto a Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Castelao, Paz Andrade e Antón Alonso Ríos.[31]
En 1934 foi fundador e presidente da Sociedad Aseguradora Mutua Automovilística de Vigo[32] e vogal da Caixa de Aforros de Vigo.[33] Un ano despois converteuse en presidente de Izquierda Republicana na provincia de Pontevedra.[34] Ese ano asinou, xunto con 70 personalidades políticas e intelectuais do Estado, o manifesto de apoio e recoñecemento á figura de Castelao tralo remate do seu desterro.[35] O 25 de xullo interveu no acto galeguista do Banquete das Cabañas xunto a Manuel Gómez Román e Paz Andrade[36] e visitou o Presidente da Generalitat Lluís Companys no cárcere Modelo de Madrid, onde cumpría condena por rebelión.[37]
En 1935 Viana foi designado presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo e reelixido o ano seguinte.[38] Tamén ese ano converteuse en vogal da Liga de Inquilinos y Vecinos de Vigo.[39] En 1936 interveu nas negociacións[40] na provincia de Pontevedra, como representante de Izquierda Republicana, co fin de formar a Fronte Popular para as eleccións de febreiro, nas que foi candidato.[41] Obtivo a acta de deputado e tomou posesión o 3 de abril.
O 28 de xuño viaxou a Vigo para votar no referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. Esa foi a derradeira vez na súa vida que pisou terra galega.[42] O 15 e 17 de xullo participou, xunto a Castelao e outros deputados, alcaldes e presidentes de deputacións galegas, na entrega do Estatuto de Autonomía refrendado ao Presidente das Cortes e da República.[43]
Guerra Civil (1936-1939)
[editar | editar a fonte]O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeu a Viana en Madrid. Entre xullo e novembro de 1936 formou parte, con Castelao, Ramón Suárez Picallo e varios xenerais, da directiva das Milicias Populares Galegas.[44] En setembro o seu sobriño Javier, a quen acollera na súa infancia, foi asasinado en Ponteareas. Uns días despois o seu irmán Manuel, tamén acollido por Viana, morreu en combate en Casar de Escalona. Era Tenente-Médico do exército republicano, ao que se alistara tras o golpe de Estado.[45] Aínda en 1936, o Ministro de Facenda Juan Negrín designou a Viana vogal do consello de administración do Banco de Crédito Industrial.[46] En Vigo, foi destituído como presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo.[47]
O 1 de outubro asistiu á derradeira sesión das Cortes en Madrid. Trasladouse en novembro a Valencia xunto co goberno, onde participou nas sesións de Cortes de decembro e nas de xaneiro e outubro de 1937. Ese ano foi elixido membro do Secretariado de Solidariedade Galega Antifascista, organización de axuda aos galegos afectados pola guerra.[48] Tamén en 1937 a Garda Civil de Vigo iniciou unha investigación para procesar a Viana por un delito de pertenza á masonaría.[49]
O 31 de outubro trasladouse a Barcelona xunto co goberno republicano. Participou en 1938 na sesión de Cortes de Montserrat, en que asinou dúas declaracións institucionais.[50] Foi designado membro do grupo español da Unión Interparlamentaria[51] e presidiu en Barcelona asembleas de Izquierda Republicana de Pontevedra[52] e de Solidariedade Galega Antifascista.[53] Participou nunha nova sesión de Cortes en Sant Cugat del Vallès, ao tempo que se iniciaba contra el o expediente de responsabilidades políticas promovido polas autoridades golpistas en Galicia.[54] A noite do 1 de febreiro de 1939 asistiu á derradeira sesión das Cortes en territorio español, nos sotos do castelo de Figueres e á que asistiron tan só 52 deputados.

Exilio en Europa (1939-1941)
[editar | editar a fonte]Alejandro Viana trasladouse a Bordeos nos primeiros días de febreiro,[55] e instalouse en París unhas semanas despois. En abril o Presidente do Goberno, Juan Negrín, designouno Xefe da Sección de Emigración do SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles). Dende este cargo ocupouse de organizar a evacuación de refuxiados en barcos cara a América. Entre abril e xullo de 1939 organizou o frete de 17 expedicións con case 8.000 refuxiados a México, entre eles, os buques Sinaia, Ipanema e Méxique.
En agosto compartiu con Pablo Neruda, cónsul especial de Chile en París, a organización da expedición do Winnipeg. Viana ademais foi Delegado en París das Sociedades Hispanas Confederadas (SHC) de Nova York, organización de axuda aos refuxiados españois constituída nos Estados Unidos, e da Federación de Sociedades Gallegas de Argentina. Cos seus fondos xestionou a saída en barco de centos de refuxiados escollidos por estas organizacións. A mediados de agosto presentou a súa dimisión por discrepancias co Secretario Xeral do SERE, Ignacio Mantecón. Foi substituído polo seu amigo, tamén ponteareán, Pastor Candeira.
Eses días ditouse en Galicia unha sentenza do Tribunal de Responsabilidades Políticas. Condenábao a 8 anos de desterro, multa de 200.000 pesetas e 15 anos de inhabilitación.[56] Malia dimitir, Viana participou na organización de novas expedicións a finais de 1939 á República Dominicana. O 5 de decembro, cando Negrín o nomeara Director Xeral do SERE, a policía francesa interveu as oficinas do SERE. Detivo persoal, incautouse de arquivos e diñeiro e rexistrou o domicilio de Viana. Aínda así, o 20 de decembro de 1939 e o 30 de xaneiro de 1940 organizou dúas novas expedicións cara a República Dominicana. Ese 30 de xaneiro houbo unha segunda intervención por orde xudicial das oficinas do SERE e paralizáronse os embarques colectivos. Viana prestou declaración no xulgado en París e, en declaracións aos medios de comunicación, defendeu a actuación do goberno francés e restoulle importancia ás intervencións.[57]
Durante as semanas seguintes mantivo a axuda humanitaria mediante a entrega de subsidios aos refuxiados. Xunto co Presidente do SERE, Pablo de Azcárate, negociou coas autoridades francesas para continuaren a actividade, e mais co goberno dominicano para retomaren os embarques. As discrepancias internas levaron en marzo a Negrín a suprimir os cargos de Director Xeral e Secretario Xeral, co que Viana e Mantecón cesaron nas súas funcións. Aínda así, Viana organizou en abril a saída de máis dun cento de refuxiados apoiados polas SHC cara á República Dominicana.
Xa en maio, coa ocupación alemá de Francia, a policía realizou unha redada no SERE e clausurou o organismo. Viana evitou a detención ao ocultarse e, con Pastor Candeira, continuou organizando novos embarques na clandestinidade, como o do vapor Cuba. O 12 de xuño Viana abandonou París con Pastor Candeira e Isabel Napal cara a Bordeos.[58] O día 14 o exército nazi entrou en París. En Bordeos Viana, ademais de xestionar o aloxamento do Goberno republicano, atendeu aos refuxiados na sede do SERE e entregou pasaxes e visados para o vapor Cuba, que conseguiu partir o 20 de xuño. O día 21 o Presidente Negrín e outros altos dirixentes republicanos abandonaron Bordeos cara a Inglaterra. Viana decidiu quedar na cidade unha vez ocupada, ao considerar que a súa obriga era seguir atendendo os refuxiados.
O 17 de xullo a Gestapo, xunto con grupos falanxistas, tentou secuestrar a Alejandro Viana, quen logrou fuxir con Pastor Candeira e varios republicanos máis. Tras cinco días agochados nos arredores de Bordeos, atravesaron Francia até La Louvesc, preto da fronteira con Suíza. Os meses seguintes o goberno de Franco requiriu a extradición de numerosos republicanos, entre eles a de Viana, quen solicitou á embaixada de México en Francia a súa evacuación. O 15 de xaneiro de 1941, logrou, xunto con Pastor Candeira e Isabel Napal e logo de moitas dificultades, embarcar en Marsella no barco Alsina. Nel tamén viaxaban outros 200 republicanos e centos de exiliados europeos, especialmente xudeus.
Tras faceren escala aos poucos días en Casablanca, chegaron a Dakar o 27 de xaneiro. A viaxe suspendeuse pola ausencia de autorización británica para cruzar o Atlántico. Os refuxiados víronse obrigados a vivir no barco durante case cinco meses. Nese tempo, Viana repartiu entre a pasaxe 100.000 francos, transferidos por Portela Valladares e Negrín.[59] O 3 de xuño o Alsina regresou a Casablanca e os refuxiados foron internados en dous campos de concentración. Tras varios días recobraron a liberdade e Viana instalouse en Casablanca, dende onde realizou xestións para tentar embarcar a América. Contactou co goberno no exilio e coas SHC, ademais de colaborar co consulado mexicano en Marsella na expedición de visados para os refuxiados.[60] Finalmente, o 31 de outubro, Viana e varios centos de refuxiados embarcaron no Quanza con destino a México. O barco arribou a Veracruz o 18 de novembro.
Exilio en México (1941-1952)
[editar | editar a fonte]
Viana instalouse na Cidade de México, onde mercou unha farmacia no centro da cidade. En 1942, xunto a outros membros de Izquierda Republicana, fundou e foi dirixente de Unidad Republicana Española (URE). Posteriormente esta integrouse na Unión Democrática Española (UDE), a cal se uniu ao PCE e aos socialistas negrinistas.
En xaneiro de 1945 celebrouse unha sesión das Cortes en México. Viana non asistiu, seguindo a estratexia dos negrinistas de boicotear as sesións que non recoñecesen a Negrín como Presidente. Ese mesmo ano, os chamados "disidentes" de Izquierda Republicana, entre eles Viana, constituíron a Agrupación de Izquierda Republicana en México. Viana foi membro do seu Consello Político. En agosto celebrouse unha nova sesión das Cortes á que, desta volta, Viana asistiu. Negrín dimitiu e José Giral converteuse no novo Presidente, sen o apoio dos negrinistas. En novembro celebrouse a última sesión das Cortes na que participou tamén Viana e se debateu sobre o Estatuto galego.
Tamén en 1945 o réxime franquista incoou o procedemento xudicial contra Viana ao consideralo masón. O expediente acabou sendo sobresido por falta de probas.[61] Tras once anos de separación, en 1947 a dona de Viana, Josefina Dotras, chegou a México. O ano seguinte produciuse a reunificación de Izquierda Republicana en México e Viana reintegrouse na súa disciplina. En 1951 asinou un manifesto de apoio á folga en Cataluña, a súa derradeira actuación política coñecida.[62] O 30 de abril finou no Sanatorio Español a carón da súa dona e foi enterrado no Panteón Español da Cidade de México onde os seus restos foron exhumados en 1964 pola súa muller e trasladados ao cemiterio de Pereiró en Vigo.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]En 1908 casou en Vigo con Josefina Dotras Fábregas, natural de Marín. Non tiveron descendencia, mais acolleron seis sobriños seus que se atopaban en situación de desamparo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Alejandro Viana Esperó". Alejandro Viana Esperó. Consultado o 2021-11-21.
- ↑ Rexistro Civil de Ponteareas
- ↑ Necrolóxica en El Pueblo Gallego, 6-5-1952, p. 6.
- ↑ Arquivo Municipal de Vigo. Padrón de habitantes de Vigo. 1903.
- ↑ González Martín, Gerardo. Faro de Vigo. 22.09.1997. Crónica sentimental.
- ↑ Libros de Sociedades do Rexistro de Comercio e do Rexistro Mercantil de Pontevedra ano 1901. Tomo 3, folio 130, folla 19. ano 1910. Tomo 7 folio 113 e tomo 8 folio 70. Ano 1912. Tomo 10 folio 87, folla 22
- ↑ Arquivo ANFACO. Libro de actas das Asembleas Xerais 1904-1913.
- ↑ El Noticiero de Vigo, 2.1.1911, 27.3.1911 e 31.5.1911. Faro de Vigo 16.12.1910, 26.3.1911 e 3.7.1912
- ↑ Faro de Vigo 13.1.1913. El Noticiero de Vigo 14.1.1913.
- ↑ El Noticiero de Vigo. 2.11.1913
- ↑ Faro de Vigo 10.2.1914
- ↑ Faro de Vigo 25.10.1915
- ↑ Faro de Vigo 16.10.1992 (sección postal del año 1917) de Manuel de la Fuente. Referencia ao Faro de Vigo de 15.10.1917
- ↑ Bernárdez, Bernardo. Tratado de Viguismo. 1932. Editorial Roel. Vigo Vol.2: 73
- ↑ Faro de Vigo 9.2.1921
- ↑ Libros de Sociedades do Rexistro de Comercio e do Rexistro Mercantil de Pontevedra ano 1923
- ↑ Galicia, 6.12.1923
- ↑ Faro de Vigo, 9.4.1924
- ↑ Bernárdez, Bernardo. Tratado de Viguismo. 1932. Editorial Roel. Vigo. Vol.2: 56-57
- ↑ Faro de Vigo. 13.3.1925
- ↑ Arquivo Municipal de Vigo. Acta do Pleno 18.1.1927
- ↑ Arquivo Municipal de Vigo. Acta do pleno 12.2.1927. Tomo 7. PLE.155. El Pueblo Gallego 24.4.1927, 2.9.1927. Faro de Vigo 15.2.1927.
- ↑ Faro de Vigo 15.6.1927
- ↑ El Pueblo Gallego 31.1.1929
- ↑ El Pueblo Gallego 21.5.1929
- ↑ Faro de Vigo 7.1.1930
- ↑ Fernández González, Manuel (2005). La dinámica sociopolítica en Vigo durante la Segunda República (PDF) (Tese) (en lingua castelá). USC..
- ↑ Arquivo Bernardino Machado - Fundación Mario Soares e Museu Bernardino Machado. Cartas de Alejandro Viana a Bernardino Machado.
- ↑ El Pueblo Gallego 27.7.1932
- ↑ El País, 4.8.1933. Tribuna 6.8.1933 nº20. Faro de Vigo 4.8.1933
- ↑ El Pueblo Gallego, 5.11.1933
- ↑ El Pueblo Gallego 6.10.1935
- ↑ Arquivo Municipal de Vigo. Acta da reunión da Xunta de Goberno da Caixa de Aforros de 8.11.1934
- ↑ El Pueblo Gallego 20.1.1935
- ↑ A Nosa Terra, 15.11.1935. El Heraldo de Madrid. 5.11.1935
- ↑ A Nosa Terra, 3.8.1935
- ↑ La Libertad. [18.6.1935: 2]
- ↑ El Pueblo Gallego 26.2.1935. El País 26.2.1935.
- ↑ Faro de Vigo 23.8.1935. El Tea, 4.5.1936.
- ↑ El País 27.1.1936
- ↑ El Pueblo Gallego 7.2.1936
- ↑ Centro Documental de la Memoria Histórica (Salamanca). Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo. expediente 14221.
- ↑ Política, 16.7.1936. El Pueblo Gallego 16.7.1936. Política 18.7.1936
- ↑ Álvarez, Santiago. “Las Milicias populares gallegas: un símbolo de la Galicia antifranquista". Ediciós do Castro. A Coruña. 1989
- ↑ Centro Documental da Memoria Histórica (Salamanca). SM C-0305. Exp. 19883
- ↑ Gaceta de Madrid [14.10.1936: nº288: 326]
- ↑ Arquivo Municipal de Vigo. Memoria de Tranvías Eléctricos de Vigo. [1936: 9-10]
- ↑ Centro Documental de la Memoria Histórica (Salamanca). Fondo Negrín. Carta de Pedro Longueira ao secretario de Juan Negrín. 14.12.1937
- ↑ Centro Documental de la Memoria Histórica (Salamanca). Expediente 653-45 contra Alejandro Viana Esperón por delicto de masonería. Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo,14221
- ↑ Diario de Sesións das Cortes Españolas. Nº 66 de 1.2.1938: 22-23
- ↑ La Vanguardia, 10.2.1938
- ↑ La Vanguardia, 3.3.1938
- ↑ Nueva Galicia, 25.4.1938
- ↑ Faro de Vigo 30.9.1938
- ↑ Xornal Galicia. Nº621, Ano XVII, p.1. 6-5-1939. “Relación de galegos que se atopan refuxiados en Francia e dirección dos mesmos”.
- ↑ B.O.E 30.8.1939.
- ↑ Boletín al Servicio de la Emigración Española, México D.F., 22 de febreiro de 1940, Ano II, Núm.26. P.12
- ↑ Segovia, Rafael e Serrano, Fernando; “Misión de Luís I. Rodríguez en Francia. La protección de los refugiados españoles de julio a diciembre de 1940”. México D.F. El Colegio de México, 1999. P 226- 227. Carta de Alejandro Viana a Luís I. Rodríguez
- ↑ Portela Valladares, Manuel. Dietario de dos guerras (1936-1950) : notas, polémicas y correspondencia de un centrista español / Manuel Portela Valladares; edición de José Antonio Durán. Ediciós do Castro. A Coruña 1988. P.197
- ↑ Malgat, Gerard. Gilberto Bosques. La diplomacia al servicio de la libertad. París-Marsella (1939-1942). Vanilla Planifolia. Ciudad de México. 2013. P.274
- ↑ Centro Documental de la Memoria Histórica. Sumario 653-45 contra Alejandro Viana Esperón por delito de masonería. Tribunal Especial de Represión de la Masonería y el Comunismo, expediente 14221
- ↑ Arquivo Municipal de Betanzos. Declaración política 14/4/1951: “En el Destierro...” Fondo Alvajar, 6106, nº26
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alejandro Viana Esperón ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mera Covas, Roberto (2002). "Alejandro Viana Esperón, un achegamento á súa biografía". Pregón. Revista Divulgadora de las Fiestas del Stmo. Corpus Christi (Concello de Ponteareas) (12): 54–57.
- Mera Covas, Roberto (2021). Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos. Vigo: Belagua Ediciones. ISBN 978-84-121433-8-6. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2022. Consultado o 27 de novembro de 2021.
- Mera Covas, Roberto (2016). "Alejandro Viana Esperón, un galego á fronte da evacuación dos republicanos en Francia (1939-1941)". Grial 54 (Extra 212): 139–145. ISSN 0017-4181.