Sitta przewalskii
Sitta przewalskii | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Sitta przewlskii (Berezowski & Bianchi, 1891) |
Sitta przewalskii (agatuñadeira de Przewalsky), chamada orixinalmente co nomen nudum "Sitta eckloni", é unha especie de ave da familia Sittidae, as agatuñadeiras. Durante moito tempo foi considerada unha subespecie de Sitta leucopsis, pero difire dela significativamente na súa morfoloxía e vocalizacións. Tanto S. przewalskii coma S. leucopsis foron consideradas especies moi próximas a Sitta carolinensis. É unha agstuñdeira de tamaño medio, duns 13 cm de lonxitude. A parte superior do seu corpo é de cor azul agrisado escuro, que se fai negro azulado escuro no píleo. A cara e gorxa son de cor laranxa-beige, que se fai cor canela intensa nas partes inferiores, intensificando a cor nas partes laterais do peito. As vocalizacións consisten en series alternantes de asubíos ascendentes e notas curtas.
A ave é endémica de áreas do sueste do Tíbet e o oeste da China central, incluíndo o leste de Qinghai, Gansu ed Sichuan, onde habita en bosques de montaña de coníferas, como píceas e abetos. A altitude á que aniña varía segundo a localidade, pero normalmente é de 2 250 a 4 500 m de altura. A especie describiuse primeiramente en 1891 a partir dun espécime recollido na perfectura chinesa de Haidong. O seu nome científico conmemora o explorador ruso Nikolay Przhevalsky, que descubriu a especie en 1884. Sábese pouco sobre a súa ecoloxía, que probablemente é comparable á de S. leucopsis.
Déuselle o rango de especie (separándoa de S. leucopsis) en 2005 na obra de Pamela C. Rasmussen Birds of South Asia. The Ripley Guide. Outras autoridades aceptaron seguidamente isto, pero en 2014, o status como especie ameazada de S. przewalskii aínda non fora avaliado pola BirdLife International nin pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Un estudo filoxenético de 2014 atopou que a especie é basal na árbore evolutiva das agstuñdeiras entre un conxunto de 21 especies examinadas, o que desbota a hipótese de que S. przewalskii puidese ser a mesma especie que S. carolinensis.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]As agatuñadeiras constitúen o xénero Sitta de paseriformes que pertencen á familia Sittidae.[1] O xénero pode dividirse en sete subxéneros,[a] e S. przewalskii pertence ao subxénero Leptositta, xunto coa súa subespecie nomeada Sitta leucopsis e Sitta carolinensis.[2] As agatuñadeiras caracterízanse pola súa única meneira de baixar boca abaixo polos troncos das árbores. A maioría teñen partes superiores grises ou azuladas e unha liña ocular negra,[3][4] aínda que a agatuñadeira de Przevalski carece de liña ocular.[5]
Sitta przewalskii foi descrita cientificamente en 1891 polos rusos Mikhail Mikhailovich Berezovsky e Valentin Bianchi[6] baseándose nun só espécime obtido na China na prefectura de Haidong, no leste de Qinghai.[7] O nome científico da especie honra ao explorador ruso Nikolay Przewalsky,[8] que decubriu a especie no Tíbet en 1884 e denominouna Sitta eckloni sen dar dela unha descrición adecuada, converténdose este nun nomen nudum.[9][10] Aínda que áres de distribución principais de S. przewalskii e de S. leucopsis están separados case 1 500 km,[11] a agatuñadeira de Przevalski foi descrito como unha especie estreitamente relcionada con S. leucopsis, e foron desde entón consideradas como conespecíficas, tratándose S. przewalskii como unha subespecie de S. leucopsis.[12][b]
En 2005, Pamela C. Rasmussen deulle ao taxon o status de especie separada no seu libro Birds of South Asia. The Ripley Guide.[13] A clasificación foi utilizada polos ornitólogos Nigel J. Collar e John D. Pilgrim en 2007,[14] e apoiada no Congreso Ornitolóxico Internacional por Alan P. Peterson no seu coñecido Zoological Nomenclature Resource (Zoonomen),[15] e pola Internet Bird Collection (IBC), patrocinada poloHandbook of the Birds of the World.[16] Non se identificaron subespecies dentro de S. przewalskii.[17]
Ao explicar esta separación de especies, Rasmussen sinalou as diverxencias en morfoloxía e diferenzas significativas nas vocalizacións entre elas.[13] O ornitólogo Edward C. Dickinson indicou nun artigo de 2006 que, aída que se delinearan as diferenzas morfolóxicas e vocais entre S. przewalskii e S. leucopsis, había poucos informes publicados que presentasen detalles morfolóxicos comparativos, e que sería interesante estudar como respondía cada taxón ás chamadas do outro.[18]
A especie S.leucopsis con S. przewalskii incluída nela, foi considerada como estreitamente relacionada con Sitta carolinensis, que ten unha chamada de contacto similar (aínda que a de S. carolinensiss é algo máis alta en ton), e ás veces foron tratadas como conespecíficas. Á súa vez, propúxose que o triunvirato formado por S. przewalskii, S. leucopsis e S. carolinensis podía estar relacionado con Sitta canadensis, grupo monofilético, correspondente ao subxénero Micrositta, que inclúe seis especies de agatuñadeiras de tamaño medio.[c] As relacións entre elas seguen sendo pouco claras.[2][20][21] Un estudo molecular feito por Eric Pasquet en 2014 proporcionou algunha claridade.[4]
En 2014, Eric Pasquet, et al. publicaron unha filoxenia baseada no exame do ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de agatuñadeirs. Aínda que S. leucopsis non estaba incluída no estudo, encontrou que dentro do grupo de agatuñadeiras estudadas,[d] S. przewalskii é basal ("un antepasado na base (ou raíz)") na árbore evolutiva da familia das agatuñadeiras, e así un "grupo irmán de todas as outras agatuñadeiras, sen ningún parente próximo".[4] Estes descubrimentos resultaron de análises filoxenéticas (nas que se empregaron inferencias bayesianas e métodos de máxima verosimilitude). Despois realizouse unha análise bioxeográfica (usando o modelo de dispersión-extinción-cladoxénese). O cladograma que se debuxou a partir das evidencias indica que o primeiro clado e os descendentes máis próximos da agatuñadeira de Przevalski son S. carolinensis e S. magna, o que desbota a hipótese de que S. przewalskii pertence á mesma especie que S. carolinensis.[4]
Descrición
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/44/Sitta_przewalskii_Keulemans.jpg/220px-Sitta_przewalskii_Keulemans.jpg)
Como Sitta przewalskii foi durante longo tempo considerada unha subespecie de S. leucopsis, a súa descrición fíxose con frecuencia en comparación con ela.[12] Aínda que ambas as especies carecen da típica liña ocular das agatuñadeiras, a súa coloración é distinta, xa que S. leucopsis é máis branca ou beige crema na súa gorxa, cara, peito, flancos e ventre, onde S. przewalskii ten diversos tons e concentracións de cor canela. S. przewalskii é tamén o máis pequeno dos dous, e o seu peteiro é claramente máis delgado.[13][22] Os machos e femias da especie son case idénticos en aspecto,[23] excepto polas cores canela máis vivas do macho.[13]
As áreas sobre os ollos, incluíndo a fronte, píleo e caluga, son dun negro azulado intenso. O propio manto é dunha cor azul agrisada escura a medio escura como tamén as remeiras terciarias e as coberteiras da parte superior da á, que se fan grises escuras nas coberteiras medias, grandes e nas primarias, así como na álula. As secundarias e primarias internas están beireadas de azul agrisado. As rectrices centrais son azul agrisadas e as rectrices externas son dun gris anegrado, facéndose máis claras cara ás puntas.[3]
A cara e áreas próximas, incluíndo o loro, zona superciliar, coberteiras, meixelas e gorxa son dun beige-laranxa branco.[3][24] Na zona ventral, a barriga e o peito son dunha cor canela viva, que se escurece a laranxa-canela nos laterais do peito. Os flancos posteriores e plumas coberteiras de debaixo da cola son avermellados.[3][25] Na plumaxe gastada, a cor pode ser desigual nas partes inferiores e de tons máis claros. A mandíbula superior do peteiro é negra, e a inferior é gris cunha punta negra. O iris e patas son marróns escuras.[12] Os xuvenís da especie lembran o adulto pero a base do seu peteiro é amarela, proporcionadamente máis curta, e a súa cor global é menos viva.[3]
A agatuñadeira de Przevalski é unha ave de medio tamaño, que mide de 12,5 a 13 cm de lonxitude.[5][12] A á pregada do macho é de 72 a 77 mm de longo e a da femia de 69 a 74 mm; uns 4 mm máis curta como media que a de S. leucopsis. A envergadura das ás é duns 22,5 cm. O peteiro mide de 17 a 17,6 mm, e é máis delgado e curto que o de S. leucopsis, no cal o peteiro é de aproximadamente 21 mm de longo.[20] O tarso é de 18 mm, e a cola de 43 mm de lonxitude.[12]
Vocalizacións e comportamento
[editar | editar a fonte]As chamadas territoriais de S. przewalskii difiren significativamente das de S. leucopsis, cuxas notas son máis nasais, mentres que o canto de S. przewalskii consta de longos versos compostos de asubíos de ton ascendednte, intercalados con notas curtas.[11] De acordo co Handbook of the Birds of the World, as súas vocalizacións inclúen un "suave e amortecido 'chip' repetido en series irregulares..; un alto e enfático, 'duip' ou 'duip-ip' asubiado; un lixeiramente nasal e queixumento 'que', xeralmente repetido de 3 a 5 veces...; e unha notas máis febles 'pi-pi-pi-pi...' ou 'sit-sit-sit-sit...' no mesmo ton pero lentamente cara ao final da frase."[3]
En 1950, o naturalista inglés Frank Ludlow informou dunha descrición da ave, que fora feita por Ernst Schäfer, que estudou un macho adulto preto de Litang en 1934. Caracterizouna como: "un dos máis tímidos e raros habitantes dos bosques de coníferas",[26] que leva unha vida solitaria, moi similar ás poboacións próximas do peto de tres dedos (Picoides tridactylus funebris). En contraste, Ludlow observou a especie no sueste do Tíbet, probablemente durante o inverno, e non atopou que fose especialmente reservada. Informou que cazara un espécime nun salgueiro, afastado dos terreos usuais de nidificación de coníferas.[26] O espécime foi capturado na periferia dun bosque, nunha elevación entre dous vales, onde estaba pousado sobre unha rama morta desde a cal se lanzaba en persecución de insectos en voo, como faría un muscicápido.[6][12]
Poden escoitarse as súas vocalizacións en xeno-canto.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2b/Sitta_leucopsis_%26_S._przewalskii_distribution.svg/230px-Sitta_leucopsis_%26_S._przewalskii_distribution.svg.png)
A especie é endémica dunha área da China central e sueste do Tíbet.[17] Na China encóntranse no leste de Qinghai, desde as montañas Daba ata polo norte ao Condado autónomo de Menyuan Hui e polo sur ata a meseta de Amdo (35° N 101° E), e na parte sur de Qinghai no Condado de Nangqên; na área do río Amarelo no condado de Xinghai; en Gansu, suroeste de Xiahe e Min; en Sichuan, onde foi observada ao norte, centro e oeste da provincia, incluíndo algúns avistamentos no condado de Songpan na reserva natural do val de Jiuzhaigou, nas montañas Qionglai no distrito de Wolong, na rexión do condado de Barkam, e na área de Litang. A especie foi tamén observada en Kunming, Yunnan, na parte máis meridional da China, a onde migra probablemente para pasar o inverno.[5]
No Tíbet, a especie atopouse no nordeste, na prefectura de Chamdo; e na zona sueste nas rexións de Tse (en decembro) e Dzeng (en abril), ambos na rexión do val do río Yarlung Tsangpo. Os avistamentos no val do Tsangpo poden ser anómalos, indicando só unha visita invernal. A ave observada en Dzeng estaba nun ambiente alleo ao hábitat de bosque de coníferas normal da especie, e tanto os individuos vistos en Dzeng coma en Tse teñen atipicamente partes inferiores claras, o que indica que poderían ser S. leucopsis, pero con trazos de introgresións xenéticas da agatuñadeira de Przewalski.[3]
S. przewalskii habita bosques de montaña de coníferas de píceas ou abetos. O seu rango altitudinal xeralmente aproxímase á liña de árbores do bosque. Na China foi observada a alturas de 4 270 m (en Sichuan durante agosto) e en Qinghai entre os 2 590 e 2 895 m de altura e a aproximadamente 2 250 m (durante xuño). No oeste do Nepal o seu intervalo altitudinal é de 2 745 a 4 575 m de altura. No Tíbet foron rexistrados a alturas de 3 500 a 4 500 m no noroeste, e de 2 895 a 3 050 m no sueste.[26][27]
Ameazas e protección
[editar | editar a fonte]S. przewalskii aínda non é tratada como unha especie independente por BirdLife International nin pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), e o nivel de ameaza que soporta non foi avaliado. Malia que foi descrita como rara na China e sueste do Tíbet,[27] dado que o taxon é tratado como unha subespecie de S. leucopsis, a avaliación da súa poboación incorpora a abundancia relativa da súa especie parental.[e] Adopta a categoría da súa especie parental de "menos preocupante".[28][29] Como S. przewalskii non foi estudada estensamente de forma independente de S. leucopsis, non se lle podería aplicar unha clasificación de "deficiente en datos", porén, a rareza de avistamentos desta ave indica que debería haber preocupación polo seu status; polo que pode garantirse que lle correspondería unha clasificación de "case ameazada" ou mesmo "vulnerable".[3][f]
Notas e referencias
[editar | editar a fonte]- Notas
- ↑ Sendo estas Callisitta, Poecilositta, Oenositta, Sitta, Mesositta, Micrositta e Leptositta.[2]
- ↑ Cando traducía do ruso ao inglés en 1899, despois de examinar un espécime en 1884 ou 1885, Berezovski describiu a ave como "moi próxima a Sitta leucopsis, diferindo, ao parecer, só en ser máis pequena e ter case todas as partes inferiores fortemente avermelladas."[12]
- ↑ Sendo estas Sitta canadensis, Sitta villosa, Sitta yunnanensis, Sitta krueperi, Sitta ledanti e Sitta whiteheadi.[19]
- ↑ As 21 especies foron tomadas das 24 especies recoñecidas no xénero por Harrap e Quinn en 1996. Destas, o estudo omitiu Sitta castanea, Sitta solangiae e Sitta victoriae. Tratouse S. przewalskii como unha subespecie de S. leucopsis. Porén, o Congreso Ornitolóxico Internacional recoñeceu 28 especies en 2012, baseándose na elevación de catro taxóns do status de subespecie a especie plena, incluíndo a agatuñadeira de Przewalski e tres especies do grupo europaea.[4]
- ↑ Segundo BirdLife International, a poboación de S. leucopsis en conxunto (é dicir, incluíndo a agatuñadeira de Przewalski como unha subespecie), "sospéitase que está en declive debido á destrución e fragmentación de hábitat que está producíndose".[28] Porén, como (en conxunto) teñen unha ampla área de distribución e son bastante abondosos en partes da India e Paquistán, non traspasan o limiar necesario para clasificalos como vulnerables.[28]
- ↑ A IUCN recomenda que se debe evitar clasificar unha especie como con datos deficientes cando a ausencia de rexistros pode en realidade indicar unha abundancia perigosamente baixa: "Se a área de distribución dun taxon se sospeita que está relativamente circunscrita, se pasou un período considerable de tempo desde o último rexistro do taxon, ou se hai probabilidades razoables de existencia de exames dos que non se informou nos cales o taxon non se atopou, ou que a peda de hábitat tivo un impacto desfavorable, o status de ameazada pode estar ben xustificado".[30]
- Referencias
- ↑ Sibley, David; Elphick, Chris; Dunning, John Barnard (2001). Sibley guide to bird life and behavior. Alfred A. Knopf. p. 434. ISBN 978-0-679-45123-5.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Matthysen 2010, p. 269–270.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Hoyo, Josep del; Elliott, Andrew; Christie, David A. (2008). "Sittidae (Nuthatches): Systematics". Handbook of the Birds of the World: Penduline-tits to Shrikes 13. Lynx Edicions (HBW Alive for online version).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Pasquet, Eric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (April 2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology. doi:10.1007/s10336-014-1063-7.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Harrap 1996, p. 148.
- ↑ 6,0 6,1 Berezovski, Mikhaïl Mikhaïlovitch; Bianchi, Valentin (1891). Ptitsy gansuiskago puteshestviia G. N. Potanina 1884-1887 (en Russian). Tip. I. Akademii nauk. p. 119. ISBN 978-1-245-17354-4.
- ↑ Peters, James Lee (1967). Raymond A. Paynter Jr., ed. Check-List of Birds of the World XII. Museum of Comparative Zoology. p. 137. OCLC 605148103.
- ↑ Beolens, Bo; Watkins, Michael (2003). Whose Bird? Men and Women Commemorated in the Common Names of Birds. Christopher Helm. p. 276. ISBN 978-0-7136-6647-2.
- ↑ Sharpe, R. Bowdler (1903). A Hand-list of the Genera and Species of Birds IV. The Trustees of the British Museum. p. 349. OCLC 1988804.
- ↑ Sclater, Philip Lutley; Saunders, Howard (1885). "Recently published ornithological works – 'Przewalski's Journey in Tibet'". The Ibis (British Ornithologists' Union) III (fifth series): 110. OCLC 1377260.
- ↑ 11,0 11,1 Martens, Jochen; Tietze, Dieter Thomas; Päckert, Martin (February 2011). "Phylogeny, biodiversity, and species limits of passerine birds in the Sino-Himalayan region—a critical review". Ornithological Monographs 70: 64–94. doi:10.1525/om.2011.70.1.64. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2014. Consultado o 10 de decembro de 2017.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Dresser, Henry Eeles; Morgan, Edward Delmar (April 1899). "On new species of birds obtained in Kan-su by M. Berezovsky". Ibis 41 (2): 270–276. doi:10.1111/j.1474-919X.1899.tb05554.x.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 Rasmussen, Pamela C. (2005). Birds of South Asia. The Ripley Guide 2. Illustrated by John C. Anderton. Smithsonian Institution and Lynx Edicions. p. 537. ISBN 84-87334-66-0.
- ↑ Collar, Nigel J.; Pilgrim, John D. (2007). "Species-level changes proposed for Asian birds, 2005–2006" (PDF). Oriental Bird Club (BirdingASIA) 8: 14–30.
- ↑ Peterson, Alan P. "World Birds Taxonomic List – 'Passeriformes: Sittidae Lesson 1828'". Zoonomen – Zoological Nomenclature Resource. Consultado o April 10, 2014.
- ↑ "Przewalski's Nuthatch ('Sitta przewalskii')". The Internet Bird Collection (IBC). Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2016. Consultado o April 12, 2014.
- ↑ 17,0 17,1 "Nuthatches, Wallcreeper, treecreepers, mockingbirds, starlings & oxpeckers". Version 6.4. International Ornithological Congress (IOC) World Bird List. October 22, 2016. Family Sittidae. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2017. Consultado o 10 de decembro de 2017.
- ↑ Dickinson, Edward C. (2006). "Systematic notes on Asian birds. 62. A preliminary review of the Sittidae". Zoologische Verhandelingen, Leiden (Rijksmuseum) 80 (5): 225–240. ISSN 0024-0672.
- ↑ Matthysen 2010, p. 270.
- ↑ 20,0 20,1 Harrap 1996, p. 150.
- ↑ Pasquet, Eric (January 1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x.
- ↑ Harrap 1996, p. 148-150.
- ↑ Thayer, John E.; Bangs, Outram (1915). "Aves: Sittidae, Sitta Przewalkii, Berezowski & Bianchi". Memoirs of the Museum of Comparative Zoölogy at Harvard College 40. University Press. p. 186. OCLC 1642017.
- ↑ Harrap 1996, p. 16-17.
- ↑ Harrap 1996, p. 149-150.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 Ludlow, Frank (October 1951). "The birds of Kongbo and Pome, South-East Tibet". Ibis 93 (4): 547–578. doi:10.1111/j.1474-919X.1951.tb05458.x.
- ↑ 27,0 27,1 Harrap 1996, p. 149.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Ekstrom, Jonathan; Butchart, Stuart. "White-cheeked Nuthatch - BirdLife Species Factsheet". BirdLife International. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o April 11, 2014.
- ↑ "Sitta leucopsis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o April 11, 2014.
- ↑ Sutherland, William J. (2008). "Definition of IUCN Categories (dada pola IUCN en 1994)". The Conservation Handbook: Research, Management and Policy. John Wiley & Sons. p. 23. ISBN 978-0-470-99934-9.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sitta przewalskii |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sitta przewalskii |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Harrap, Simon (1996). Christopher Helm, ed. Tits, Nuthatches and Treecreepers. Illustrated by David Quinn. ISBN 978-0-7136-3964-3.
- Matthysen, Erik (2010). The Nuthatches. Illustrated by David Quinn. A & C Black. ISBN 978-1-4081-2870-1.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fotografía con plumaxe gastada
- Fotografía con plumaxe nova Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.