Saltar ao contido

Teatro San Carlo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Teatro San Carlo
CidadeNápoles
PaísItalia
Inauguración4 de novembro de 1737
Na rede
http://www.teatrosancarlo.it
editar datos en Wikidata ]

O Real Teatro de San Carlo (máis coñecido como Teatro San Carlo) é un dos teatros de ópera máis famosos do mundo e está situado na cidade de Nápoles (Italia). Inaugurado o 4 de novembro de 1737, é o teatro de ópera activo máis antigo do mundo. Polas súas dimensións e estrutura, foi o modelo dos seguintes teatros de Europa.

Foi deseñado polos arquitectos Giovanni Antonio Medrano e Angelo Carasale para o rei Borbón Carlos III de Nápoles (Carlo III en italiano). Carlos quixo dotar a Nápoles dun novo e grande teatro para substituír o antigo e deteriorado Teatro San Bartolomeo, do ano 1621.

Fiu inaugurado o 4 de novembro de 1737 -día da onomástica do rei- coa representación da ópera Achille in Sciro, de Domenico Sarro, baseada na obra teatral do famoso poeta e dramaturgo coñecido como Metastasio. O mesmo Sarro dirixiu á orquestra en dous ballets a modo de intermezzi, obra de Grossatesta. No seu tempo foi o teatro de ópera máis grande do mundo, con 3.300 localidades. O novo teatro foi moi admirado pola súa arquitectura, as decoracións douradas e a suntuosa tapicería de cor azul (azul e dourado eran as cores oficiais dos Borbóns).

O Teatro San Carlo foi destruído por un lume o 12 de febreiro de 1816, sendo redeseñado polo arquitecto Antonio Niccolini e reconstruído en 10 meses por orde do rei Fernando IV, tamén Borbón. O 12 de xaneiro de 1817, o teatro reconstruído foi inaugurado coa ópera Il sogno di Partenope, de Simon Mayr.

O seu novo deseño, na forma tradicional de ferradura, foi dotado con 1.444 localidades e cun proscenio de 33,5 metros de ancho e 30 metros de altura. O escenario conta cunha profundidade de 34,5 metros.

En 1845 leváronse a cabo reformas adicionais e, contra 1854, mudou a aparencia interior do teatro cunha decoración vermella e dourada, que perdura ata agora. A parte da creación do foxo para a orquestra, por consello de Verdi en 1872, a instalación de electricidade en 1890, a eliminación da araña central e a construción dun novo vestíbulo e unha nova ala para os camerinos dos artistas, o teatro non sufriu trocos substanciais ata os bombardeos da segunda guerra mundial, no ano 1943. Non obstante, o teatro foi rapidamente reparado polas forzas aliadas de ocupación, e reabriu ao cabo de seis meses, o 16 de decembro de 1943.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]