Saltar ao contido

Tesouro de Grouville

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Grouville

Bloque de moedas e xoias do tesouro de Grouville.

Tipo Tesouro numismático (ca. 70.000 moedas) e algunhas xoias.
Data Soterrado ca. 50-30 a.C.
Cultura Idade de Ferro e Imperio Romano).
Características
Materiais Bronce, prata e ouro.
Descuberta
Localización Grouville.

Xersei Illa de Jersey

Coordenadas 49°11′24″N 2°3′0″O / 49.19000, -2.05000
Descubridor/a Reg Mead e Richard Miles.
Data Xuño de 2012
Conservación
Localización Museo de La Hougue Bie.


O tesouro de Grouville é un depósito composto por arredor de 70.000 moedas celtas británicas de finais da Idade do Ferro e imperiais romanas, así como diversas xoias de ouro e de prata, achado en xuño de 2012 por Reg Mead e Richard Miles en Grouville, no leste de Jersey, nas Illas da Canle.

Crese que o tesouro pertencía a unha tribo de Coriosolites que fuxía dos exércitos de Xulio César entre os anos 50 e 30 a.C.

Este atesouramento tamén é coñecido como Le Câtillon II, en referencia a un achado anterior coñecido como Le Câtillon, descuberto nas proximidades en 1957 e que contiña unhas 2.500 moedas celtas.[1]

O tesouro formou parte dunha exposición no Museo de Jersey do 26 de maio ao 31 de decembro de 2014,[2] e desde 2015 exponse no Museo de La Hougue Bie.[3][4] En novembro de 2021 foi obxecto dun programa de Radio 4 da BBC.[5]

Descuberta

[editar | editar a fonte]

O tesouro de Grouville foi descuberto mediante detectores de metais por dous buscadores, Reg Mead e Richard Miles, nun lugar concreto que non foi revelado, aínda que se coñece que foi un campo da parroquia de Grouville, na parte oriental de Jersey. Trátase do maior tesouro achado en Jersey e segue a ser o primeiro gran achado arqueolóxico realizado por buscadores de metais nas Illas da Canle, e o segundo de moedas antigas nestas illas, logo doutro descuberto en 1935 na parroquia de St. Brelade.[6]

Mead e Miles comezaran xa a operar cos seus detectores de metais na década de 1980, logo de oíren falar dun granxeiro que uns anos antes descubrira varias moedas de prata nunha vasilla de barro en tanto que arrincaba un arbusto dunha sebe.[6][7] Con todo, como non coñecían a localización exacta daquel achado e o actual propietario da granxa só lles permitía utilizar os seus detectores unha vez ao ano durante unhas horas despois da colleita, pasaron arredor de 30 anos ata que finalmente conseguiron localizar o tesouro.[8][9]

A principios de 2012, Mead e Miles atoparon inicialmente 60 moedas celtas de prata e unha de ouro.[6] A detección posterior na zona do achado inicial levounos a descubrir unha enorme masa de moedas da Idade de Ferro e romanas incrustadas en arxila. Daquela, Mead e Miles notificaron o achado a Jersey Heritage ("Patrimonio de Jersey") e, en xuño de 2012, arqueólogos desta institución e da Société Jersiaise, xunto co historiador e numismático experto en moeda celta Philip de Jersey, da veciña illa de Guernesey, traballaron para extraer a masa arxilosa de moedas, de 140 × 80 × 20 cm e un peso duns 750 quilogramos, que posteriormente foi trasladada ao Arquivo de Jersey para a súa limpeza e conservación.[10][8] Ao estar tan corroído, a extracción das moedas do tesouro ten que ser un proceso gradual; inicialmente identificáronse entre as moedas unha ducia de torques de ouro e bronce, un anel, unha probable machada puída, un broche de prata e varios brazaletes.[11]

Por outra banda, a escavación do foxo que contiña o gran tesouro revelou indicios de postes de madeira, probablemente procedentes dunha cabana, así como grandes cantidades de barro queimado e cerámica de finais da Idade do Ferro e principios da romana. A presenza de escoura e revestimentos de forno, xunto con algunhas moedas cortadas pola metade, podería suxerir que as moedas estaban a ser fundidas e mesmo que se cuñasen alí novas moedas.[12]

Análise do depósito

[editar | editar a fonte]
Vista en detalle do bloque, na que se aprecia a presenza de dous torques de ouro.

O tesouro foi estudado a partir de 2014 por un equipo dirixido polo conservador Neil Mahrer —de Jersey Heritage— e o numismático Philip de Jersey —da Universidade de Oxford—, e no que tamén participaron Karl Harrison e Andrew Shortland, investigadores da Universidade de Cranfield, e as arqueólogas, Viki Le Quelenec e Georgia Kelly.[1]

Segundo estes investigadores, o tesouro pertencía á tribo gala dos Coriosolites, que vivía na rexión de Saint-Malo e Dinan, na fronteira entre as actuais Normandía e Bretaña, en torno ao val do río Rance. Defenden a hipótese de que, na súa fuxida ante a chegada das tropas de Xulio César, os Coriosolites levasen con eles o seu tesouro á veciña illa de Jersey, onde o agocharon entre os anos 50 e 30 a.C.[4][13]

A finais de 2017, Robert Waterhouse, da Société Jersiaise, publicou unha primeira serie de artigos sobre o contexto, a extracción e a análise do depósito, complementada con informes de análises máis detalladas sobre os tipos de moedas atopadas que foron publicados por Philip de Jersey en Academia. Entre as moedas identificadas figura unha vintena de "glóbulos con cruz" de ouro —un tipo raro atribuído aos Senóns o Carnutes, en forma de bóla moldeada de pouco máis de 7 gramos, estampada cunha cruz—, así como potíns dos Durocasses e estateros de prata atribuídas aos Durotriges, entre outras.[14][15]

A finalización do inventario en 2017 revelou que, ademais dos cuartos de estatero dos Coriosolites, o depósito tamén contiña moedas doutras tribos armoricanas (Osismos, Riedóns, Vénetos, Baiocasses), así como moedas dos celtas de Gran Bretaña (dos Durotriges). Estas descubertas permitiron datar con maior precisión o soterramento do tesouro de Grouville, cuxo período se sitúa entre o 50 e o 30 a.C., logo da conquista das Galias.[14]

Ademais das moedas e das xoias, o tesouro contén tamén diversas láminas de ouro, arame de prata fina e unha serie de doas de vidro.[16][11]

Aspectos xurídicos e valoración

[editar | editar a fonte]

A situación xurídica do achado non estaba ben definida, xa que a Lei do Tesouro que foi aprobada polo Reino Unido en 1996 non era aplicable en Jersey, e Jersey non dispuña dun marco xurídico para xestionar os achados de tesouros. Finalmente, os dous descubridores e o propietario dos terreos chegaron a un acordo para compartiren os beneficios do tesouro logo da súa valoración económica, en tanto que as moedas e o resto dos obxectos atopados fican en propiedade das institucións públicas.[8][9]

Philip de Jersey estimou que as moedas poderían estar valoradas entre 100 e 200 libras esterlinas cada unha, en cuxo caso todo o tesouro podería valer entre sete e catorce millóns de libras.[8]

  1. 1,0 1,1 "Le Câtillon II. Conserving Britain’s biggest Iron Age hoard". En Current Archaeology. 5 de marzo de 2021.
  2. "Exhibition. Sponsored by Yoyds Bank". Jerseyheritage.org
  3. "The Coin Hoard comes home". Jerseyheritage.org
  4. 4,0 4,1 "Jersey coin hoard left by Celtic tribe in flight from Caesar army". En BBC News. 13 de setembro de 2012.
  5. "Life Changing, The metal detectorist, the tip-off and the 30-year quest". En BBC Radio 4. 10 de novembro de 2021.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Jersey pair find more than 60 Iron Age coins". En BBC News. 6 de febreiro de 2012.
  7. "How I found the Jersey hoard". En BBC Radio 5. 27 de xuño de 2012.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 "Roman and Celtic coin hoard worth up to £10m found in Jersey". En BBC News. 26 de xuño de 2012.
  9. 9,0 9,1 "Jersey pair in 30-year search for Iron Age coins". En BBC News. 26 de xuño de 2012.
  10. "Record hoard of Celtic coins found in Jersey". JesrseyHeritage.org. Xuño de 2012.
  11. 11,0 11,1 "Gold and silver traces 'may be in Jersey coin hoard'". En BBC News. 5 de xullo de 2012.
  12. "Excavating Jersey's record-breaking Celtic coin hoard". En Current Archaeology. 28 de xuño de 2012.
  13. "Celtic Tribe Fleeing Caesar Army Left Behind Thousands of Coins". SBWire.com
  14. 14,0 14,1 De Jersey, P. (2017). "Highlights from Le Catillon II: coins from beyond Armorica". Academia.edu
  15. Waterhouse, R. (2017). Two Iron Age & Roman Coin Hoards from Le Câtillon, Grouville, Jersey. Société Jersiaise.
  16. Mahrer, N. et al. (2019).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]