Saltar ao contido

Tesouro do val de York

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro do val de York

Tipo 682 obxectos (617 deles moedas)
Data c. 927 - 928
Cultura Viquinga e carolinxia
Descuberta
Localización Yorkshire Norte, Reino Unido Reino Unido
Conservación
Localización Museo de Yorkshire e Museo Británico

O tesouro do val de York, tamén coñecido como Tesouro de Harrogate, é un tesouro viquingo do século X composto por 617 moedas de prata e outros 65 obxectos, atopado sen alteracións en 2007 preto da localidade de Harrogate no condado inglés de Yorkshire Norte.

Trátase do maior tesouro viquingo descuberto en Gran Bretaña desde 1840, cando se achou o tesouro de Cuerdale en Lancashire.

O 6 de xaneiro de 2007, David Whelan, un empresario semirretirado de Leeds, e o seu fillo Andrew, topógrafo, descubriron o tesouro nas proximidades de Harrogate, utilizando un detector de metais.[1][2] Logo do achado, os seus descubridores declararon á BBC que levaban arredor de cinco anos utilizando o detector de metais como afeccionados.[3]

O tesouro apareceu nunha campaza baleira, que aínda non fora arada para a sementeira de primavera, e logo da súa aparición revisouse toda a súa extensión, aínda que non se achou ningún rastro de asentamento nin de estrutura.[2] A uns 30 centímetros de profundidade, logo de extraer fragmentos dun cofre de chumbo, apareceu unha cunca de prata en cuxo interior se apreciaba a presenza de moedas e fragmentos de diversos obxectos, tamén de prata.[4][5] O pai e o fillo tomaron nota do lugar exacto, taparon novamente o furado e David e David Whelan informaron do achado a Amy Cooper, encargada de achados de tesouros do Portable Antiquities Scheme.[6][5] A localización exacta resultou moi valiosa, dado que a chuvia borrara as marcas da escavación cando se achegaron alí os arqueólogos, catro días despois do achado. Os descubridores recibiron moitos eloxios por amosar un "comportamento exemplar ao non extarer os obxectos da cunca e manter o achado intacto".[7]

O tesouro foi trasladado ao Museo Británico para ser analizado polo seu persoal especialista, mantendo a "información contextual" do achado.[8] Finalmente, o 19 de xullo de 2007 levouse a cabo o anuncio oficial do descubrimento. Gareth Williams, un dos expertos do Museo Británico que examinou os obxectos atopados, declarou que se trataba dun "achado fascinante, o maior deste tipo desde hai máis de 150 anos".[1]

Nunha vista xudicial que tivo lugar en Harrogate o 19 de xullo de 2007, o xuíz de instrución de Yorkshire Norte Geoff Fell,[3] clasificou o tesouro en virtude da Lei do Tesouro (Treasure Act) de 1966, que esixe que o achado se ofreza en venda aos museos e que os beneficios se repartan de común acordo entre os descubridores e o propietario do terreo.[9] O tesouro foi valorado polo Comité Independente de Valoración de Tesouros do Ministerio de Cultura británico.[2]

Contido do tesouro

[editar | editar a fonte]
A cunca do tesouro do val de York.

O tesouro estaba composto por 617 moedas de prata e outros 65 obxectos, como adornos, fragmentos diversos e pequenos lingotes de metais preciosos.[3][10] Todos estes obxectos estaban agochados nunha cunca de prata dourada.[11] Esta cunca podería ter a súa orixe no norte de Francia, para uso litúrxico,[12] e chegaría ao lugar do achado entregada como tributo ou como resultado dun saqueo.[5] No seu exterior está decorada con pólas de vide, follas e seis animais correndo, dous leóns e o resto animais de rapina.[13] Esta cunca é tan semellante á aparecida en Halton Moor, Yorkshire Oeste, conservada no Museo Británico,[14] que se estima que ambas deben estar feitas a mediados do século IX no mesmo obradoiro carolinxio.[7] A cunca apareceu soterrada nun cofre de chumbo.[3][5]

Tamén se atopou dentro da cunca un raro aro de ouro, probablemente proveniente de Irlanda,[5] e diversos fragmentos de prata utilizados ás veces como moeda. Consonte os informes dos espertos que as analizaron, entre as moedas hainas con simboloxía cristiá e musulmá, e tamén hai moedas viquingas con alusións pagás nórdicas precristiás; algunhas delas mesturan a imaxinaría cristiá coa pagá, o que achega luz sobre as crenzas dos viquingos acabados ao pouco de cristianizarse".[1][3]

As moedas do tesouro datan de finais do século IX e de principios do século X, o que achega un terminus post quem para a datación do propio tesouro. Unha probable teoría acerca do motivo dun soterramento tan coidadoso no século X foi a de que pertencera a un rico líder viquingo durante os disturbios que seguiron á conquista do reino viquingo de Northumbria en 927 polo rei anglosaxón dunha Inglaterra unificada, Athelstan (924-939).[8] Logo do falecemento deste monarca produciuse outro breve período de dominio viquingo en Northumbria, que durou ata a expulsión e o asasinato do rei viquingo de Jórvík (o actual York), Eric Bloodaxe, en 954.

A procedencia dos obxectos do tesouro era moi variada, desde Samarcanda, no actual Uzbekistán, ata o Norte de Áfica, Afganistán, Rusia, Irlanda, Escandinavia e a Europa continental, o que ilustra a amplitude das viaxes e das conexións comerciais do pobo viquingo.[5]

Peniques de prata procedentes do tesouro do Val de York (British Museum).

Adquisición e exposición

[editar | editar a fonte]

O Comité Independente de Valoración do Tesouro valorouno en 1.082.000 libras esterlinas.[15][16] Todo o achado foi adquirido conxuntamente polo York Museums Trust e polo Museo Británico, que contaron co financiamento de institucións como o National Heritage Memorial Fund, o The Art Fund e a asociación The British Museum Friends.[15][17]

A partir do 17 de setembro de 2009, o contido do tesouro foi exposto no Yorkshire Museum, en York, durante un período de seis semanas, antes de que o museo pechase as súas portas por mor dunhas reformas en 2009.[18] A continuación, o tesouro trasladouse ao Museo Británico, en Londres, para realizar diversos traballos de conservación, e despois volveu ao Museo de Yorkshire cando este reabriu, logo dunha importante remodelación, o 1 de agosto de 2010 (o Yorkshire Day).[13][15][19]

En 2012 formou parte dunha exposición temporal na Mercer Gallery, en Harrogate, e posteriormente viaxou a Copenhague, Berlín e Londres. Nesta última cidade formou parte dunha exposición sobre o pobo viquingo no Museo Británico entre o 6 de marzo e o 22 de xuño de 2014,[20] a primeira que se celebraba neste museo en tres décadas.[21]

En 2015, a colección regresou ao Museo de Yorkshire para ser exposta nel.[22][23]

A partir de 2017, o tesouro entrou a formar parte dunha exposición itinerante titulada "Viquingos: redescubre a lenda", xunto co tesouro de Bedale e o tesouro de Cuerdale. Esta xira comezou no propio Museo de Yorkshire e posteriormente continuou na Atkinson Art Gallery and Library de Southport, Merseyside, na Aberdeen Art Gallery, no Norwich Castle Museum e na Universidade de Nottingham.[24][25][26]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Viking treasure unearthed on English farm". NBC News. 10 de xullo de 2007.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Treasure hunters share £1m Viking hoard looted from round the world". En The Guardian. 20 de xullo de 2007.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Viking treasure hoard uncovered". En BBC News. 19 de xullo de 2007.
  4. "A History of the World in 100 Objects. Episode 66: Vale of York Hoard". BBC. 22 de xuño de 2010.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 "British treasure hunters unearth Viking hoard". En CBC. 20 de xullo de 2007.
  6. O Portable Antiquities Scheme (PAS) é un programa xestionado polo Goberno do Reino Unido para rexistrar pequenos achados de interese arqueolóxico atopados por particulares.
  7. 7,0 7,1 "The Harrogate Hoard". En Current Achaeology. 11 de outubro de 2007.
  8. 8,0 8,1 "Most important Viking Treasure in 150 years found by metal detectorists in North Yorkshire". Portable Antiquities Scheme. British Museum.
  9. "Treasure Act 1996". Legislation.gov.uk
  10. "HOARD. Unique ID: SWYOR-AECB53". Portable Antiquities Scheme. British Museum.
  11. "Object: Object: The Vale of York Cup". The British Museum.
  12. Reynolds, N. (2007). "Viking find could net pair £500,000". En The Telegraph. 23 de xullo.
  13. 13,0 13,1 "Vale of York Viking Hoard: 927AD - 928AD". History of York. York Museum Trust.
  14. "Object: Object: Halton Moor Cup". The British Museum".
  15. 15,0 15,1 15,2 "Most Important Viking Treasure in 150 Years is Jointly Acquired by Two British Museums". Artdaily.cc.
  16. "Viking hoard saved for the nation". En BBC News. 27 de agosto de 2009.
  17. "Viking treasure sells for nearly $2 million". Reuters. 27 de agosto de 2009.
  18. "Getting the most out of treasure". En BBC News. 17 de setembro de 2009.
  19. "Historic treasures return to the Yorkshire Museum". BBC News. 30 de xullo de 2010.
  20. "British Museum to show Viking treasures from North Yorkshire". En The York Press. 28 de setembro de 2013.
  21. "The BP exhibition: Vikings life and legend. 6 March - 22 June 2014". The British Museum.
  22. "Once in a lifetime’ Viking hoard back on display". En Yorkshire Post. 2 de xullo de 2015.
  23. "The Vale of York Viking Hoard returns to York". York Museums Trust. 24 de xuño de 2015.
  24. "Face to face with the Vikings". En The York Press. 12 de maio de 2017.
  25. Krakowka, K. (2019). "Viking: rediscover the legend". En Current Archaeology, 349.
  26. "Viking: rediscover the legend. 19 May - 5 November 2017". Yorkshire Museum.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]