Tomás Francisco Prieto
Gravado de Tomás Francisco Prieto por Manuel Salvador Carmona. [1] | |
Nome orixinal | Tomás Francisco Prieto Martín |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1716 Salamanca. |
Morte | 19 de decembro de 1782. Madrid. |
Cargos | |
Gravador Xeral das Casas de Moeda Director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | Gravador e medallista. |
Membro de | |
Influencias | Lorenzo de Montemán. |
Familia | |
Cónxuxe | |
Fillos | María Loreto Prieto. Félix Prieto. |
Pais | Pedro Prieto e Juana Martín de Rueda. |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Tomás Francisco Prieto Martín, nado en Salamanca en 1716 e finado en Madrid o 19 de decembro de 1782, foi un gravador, medallista e deseñador de moeda español, impulsor da medallística española do período ilustrado.
Prieto foi director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e Gravador Xeral das Casas de Moeda do Reino durante o reinado de Carlos III, a partir de 1761.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Tomás Francisco Prieto naceu en 1716 en Salamanca, fillo de Juana Martín de Rueda e do artesán do calzado Pedro Prieto. Con quince anos, o 24 de outubro de 1731 comezou un período de seis anos como aprendiz de gravado ao buril nun obradoiro no que se producían artigos de metal gravado como caixas de metais preciosos, adobíos para templos, adornos de armas etc., que establecera en Salamanca un artesán de orixe siciliana chamado Lorenzo de Montemán y Cuséns, de quen se considera o seu discípulo,[2][3][4] e con quen aprendeu non só gravado, senón tamén debuxo e modelaxe, e coñeceu a historia da medalla francesa e da medalla italiana.[5]
Primeira época como gravador
[editar | editar a fonte]Concluída esa etapa de formación, Prieto estableceu o seu propio obradoiro en Salamanca cara a 1737, no que creou as súas primeiras obras, de estilo Barroco e ambientación moi Rococó, como as estampas devocionais dedicadas á virxe do Viso de Bamba, Zamora, e da Nosa Señora das Angustias de Arévalo, Ávila, entre outros traballos. O éxito deste primeiro obradoiro levou a Prieto a se dotar dos seus propios aprendices de gravado.[4][5]
En 1747, cando tiña 31 anos, trasladouse a Madrid para optar á praza de gravador principal na Casa da Moeda de Madrid, sita daquela na rúa Segovia.[5] O exame de acceso consistiu na realización dun retrato en cera de Fernando VI e o seu posterior gravado en aceiro.[6] Prieto superou a proba e, consecuentemente, foi nomeado por Fernando VI como o seu gravador principal en 1748.[2][4]
Na capital do Reino, Prieto comezou a moverse no ambiente da Ilustración de mediados do século XVIII, entre outros da man do académico e intelectual Ignacio de Luzán, que era superintendente da Casa da Moeda durante os seus primeiros anos en Madrid. A popularidade de Prieto na capital estaba en ascenso e en 1752 foi nomeado director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, de recente creación. Nesa institución encargouse, entre outras, da creación das medallas de premio da Academia, que comezaron a concederse o ano seguinte,[2][5] e doutras conmemorativas de acontecementos diversos,[4] en ocasións sobre deseños doutros autores.[7]
A produción medallística de Prieto estivo vinculada tamén a outras institucións, como a Real Academia Militar de Matemáticas de Barcelona, as Escolas de Artillaría de Barcelona e de Cádiz, e as Reais Sociedades Económicas, especialmente as de Madrid, Sevilla e as Vascongadas. A súa obra medallística fíxoo merecedor de gran sona como un dos máis recoñecidos gravadores de medallas da historia da arte española.[7] A modo de marca de gravador, Prieto adoitaba inserir nas súas medallas a inscrición PRIETO T.[8]
-
Reverso da anterior.
-
Medalla co busto de Carlos III (1759).
Gravador xeral das Casas da Moeda
[editar | editar a fonte]En 1754, Tomás Francisco Prieto foi nomeado gravador de selos de Fernando VI —o que incluía o gravado de moeda—, e en 1761, xa no reinado de Carlos III, recibiu o título de "gravador xeral de todas as casas de moeda de España e Indias",[2] así como de "gravador da súa maxestade e da súa real casa", un posto que levaba consigo encargarse da realización dos cuños de todas as moedas e as medallas do reino.[4][5][12]
O monarca encomendoulle a Prieto a mellora da calidade das moedas que se estaban a cuñar nas cecas españolas en América,[8] para o que estableceu unha reforma monetaria mediante a Pragmática do 29 de maio de 1772.[14] Xa antes da reforma, Prieto elaborara en 1767 un novo xogo de matrices para os cuños da Casa da Moeda de Lima, que tivo moi bo acollemento e foi ampliado ao resto dos obradoiros de moeda, tanto peninsulares como americanos, unha operación que se completou a principios de 1771. Deste xeito, as matrices para os cuños das novas moedas de 1772 das cecas de Madrid, Sevilla, Segovia, México, Guatemala, Santa Fe, Potosí, Lima, Popayán e Santiago de Chile foron xa creadas por Tomás Francisco Prieto.[2][4][12]
Outra das encargas que Carlos III lle encomendou a Prieto foi a creación da Escola de Gravado da Casa da Moeda de Madrid en 1772,[5] que complementase a formación teórica que os aprendices podían adquirir na Academia de Belas Artes de San Fernando co manexo das prensas de volante da ceca, de xeito que estes alumnos se convertían, ao mesmo tempo, en empregados da Casa da Moeda. Algúns dos primeiros discípulos desta escola foron Pedro González de Sepúlveda e Jerónimo Antonio Gil, outros dos grandes gravadores da súa época, vinculados tamén ás casas de moeda do reino.[2][4]
O 1 de maio de 1768, Prieto foi elixido académico de mérito da Academia de San Carlos de Valencia, que acababa de crearse.[5]
Biblioteca e coleccións
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa traxectoria, Tomás Francisco Prieto foi confeccionando unha notable colección numismática e tamén bibliográfica relacionada coa súa profesión. Logo do seu pasamento en 1782, a súa biblioteca, baseada en tratados de numismática franceses, italianos e españois, e en obras sobre os grandes gravadores de medalla francesa e, sinaladamente, da medalla italiana dos séculos XVI e XVII, foi taxada en case 24.000 reais. Pola súa banda, as súas moedas, medallas e outros artigos relacionados superaban os 1.000 reais, e a súa colección de estampas e debuxos taxouse en 10.000 reais.[4]
Unha gran parte deste legado pasou aos fondos da Escola de Gravado, que os adquiriu por 40.000 reais, e co tempo constituíu o xerme do actual Museo Casa de la Moneda; en tanto que unha pequena parte da colección monetaria —unhas 120 moedas— pasou a formar parte dos fondos do gabinete da Real Academia da Historia en outubro de 1784.[4]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Tomás Francisco Prieto contraeu matrimonio tres veces. O 19 de setembro de 1740 casou en Salamanca con María Teresa González, con quen tivo un fillo chamado Luis. María Teresa finou o 6 de febreiro de 1744, e pouco despois faleceu tamén o seu fillo.[16]
Un ano despois casou en segundas nupcias con Antonia Bernanrda García de Gracia, e o 2 de outubro de 1766, casou novamente en Salamanca, en terceiras nupcias, con Ignacia Fernández Bustamante y Villar.[16] De entre os fillos habidos nestes dous matrimonios destacan María Loreto (1753-1772), gravadora e académica de San Fernando,[3] e o tamén gravador Félix Prieto, finado en 1802.[17]
Tomás Francisco Prieto faleceu en Madrid o 19 de decembro de 1782,[5] e foi soterrado na igrexa de Santo André.
Premio Tomás Francisco Prieto
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Premio Tomás Francisco Prieto.
En 1990, a Fundación Casa de la Moneda asumiu o Premio Tomás Francisco Prieto, xa existente anteriormente, co obxectivo de fomentar a arte da medalla entre os grandes nomes do panorama artístico. O premio ten carácter anual; está aberto a calquera artista español, dos estados da Comunidade Iberoamericana de Nacións e da Unión Europea. Concédese en recoñecemento de toda unha carreira artística e leva implícito o compromiso por parte do artista galardoado do deseño dunha medalla de tema libre.[18][19]
Entre os artistas receptores do premio Tomás Francisco Prieto están personalidades tan relevantes como Eduardo Chillida (1990),[20] Antoni Tapies (1991)[21] ou Antonio López (1993).[22][23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Retrato de Tomás Francisco Prieto". Biblioteca Digital Hispánica.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Ceán Bermúdez, J. A. (1800). Páxina 125.
- ↑ 3,0 3,1 Bryan, M. (1889).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Rodríguez Casanova, I. (2011-a-).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 "Prieto, Tomás Francisco. Salamanca, 1716 - Madrid, 1782". Museo del Prado (Museodelprado.es).
- ↑ Ceán Bermúdez, J. A. (1800).
- ↑ 7,0 7,1 Rodríguez Casanova, I. (2011-b-).
- ↑ 8,0 8,1 Forrer, L. (1909).
- ↑ "spanish Carles III Indial Peace Medal". Missouri Historical Society (Mohistory.org).
- ↑ Villena, E. (2000). "The First Spanish Military Decorations: Tomás Francisco Prieto's al mérito Medals". En The Medal. 36. Páxinas 25-32.
- ↑ "2 Escudos - Fernando VI". Numista.com
- ↑ 12,0 12,1 "Tomás Francisco Prieto". Numista.com
- ↑ "4 Maravedis - Carlos III". Numista.com
- ↑ Serrera, R. M. (2015). "La introducción de la “moneda de busto” en España e Indias: la real pragmática de 29 de mayo de 1772". En Revista de Estudios Extremeños. Tomo LXXI. Nº III. Páxinas 1.973-1.990
- ↑ "Rosa Fernanda Prieto con las cenizas de su hermana Maria". Biblioteca Digital Hispánica (BDH.BNE.es).
- ↑ 16,0 16,1 Rupérez Almajano, M. (1997).
- ↑ "Prieto, Félix". En Carrete Parrondo, J. Diccionario de grabadores y litógrafos que trabajaron en España. Siglos XV a XIX.
- ↑ "Bases premio Tomás Francisco Prieto 2023". Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT.es).
- ↑ Premios Tomás Francisco Prieto. Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, Madrid. 2013 Páxinas 6-8.
- ↑ "Premio a Eduardo Chillida". En El País. 21 de setembro de 1990.
- ↑ "Tápies recibió el premio de la Casa de la Moneda de manos de la Reina". En El País. 29 de novembro de 1991.
- ↑ "Antonio López recibe el Premio Tomás Francisco Prieto". En El País. 3 de decembro de 1991.
- ↑ Premios Tomás Francisco Prieto. Real Casa de la Moneda - Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, Madrid. 2013 Páxina 9.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tomás Francisco Prieto |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bedat. C. (1960). “El grabador general Tomás Francisco Prieto (1716-1782). Su influencia artística en la Casa de Moneda de Madrid”. En Numisma. Nº 42-47. Páxinas 107-136.
- Bryan, M. (1889). "Prieto, Thomas Francisco". En Dictionary of Painters and Engravers, Biographical and Critical. Vol. II L-Z. George Bell and Sons, Londres. Páxina 322.
- Ceán Bermúdez, J. A. (1800). "Prieto (D. Tomas Francisco)". En Diccionario histórico de los más ilustres profesores de las bellas artes en España. Tomo IV. Real Academia de San Fernando, Madrid. Páxinas 125-128.
- Forrer, L. (1909). "Prieto, Tomás Francisco". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol IV. Spink & Son, Londres. Páxina 690.
- Rodríguez Casanova, I. (2011-a-). "Tomas Francisco Prieto, grabador y coleccionista". En PanoramaNumismatico.com. Asociación Española de Numismáticos Profesionales. 24 de novembro.
- Rodríguez Casanova, I. (2011-b-). "Tomas Francisco Prieto (y II). Las Academias y la produción Artística". En PanoramaNumismatico.com. Asociación Española de Numismáticos Profesionales. 7 de Decembro.
- Rupérez Almajano, M. (1997). "Tomás Francisco Prieto y la enseñanza del grabado en hueco en Salamanca durante la primera mitad del siglo XVIII". En Boletín de la Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Nº 85. Páxinas 413-441.
- Torres Lázaro, J. (1991). “Tomás Francisco Prieto. Su vida y su obra”. En Libros de un grabador del XVIII. Museo Casa de la Moneda, Madrid. Páxinas 15-37.