Saltar ao contido

Casa da Moeda de Popayán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa da Moeda
de Popayán

Edificio, hoxe derruído, da antiga
Casa da Moeda de Popayán

Tipo Casa de moeda do Reino de España.
Fundación31 de xaneiro de 1758.
Disolución26 de decembro de 1821
LocalizaciónPopayán, Cauca
Colombia.
FundadorPedro Agustín de Valencia.
Persoas claveArquitecto: Antonio García.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas.
Notas
Marcas de ceca: P, P.N e PN.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Popayán, denominada orixinalmente como Casa do Tesouro Real de Popayán, foi unha casa de moeda da monarquía española en América establecida a mediados do século XVIII en Popayán polo aristócrata español Pedro Agustín de Valencia, pai do primeiro Conde de Valencia.

Desde o seu establecemento e ata o seu pechamento en 1821, foi a entidade que regulou a cuñaxe e a exportación de moedas de diversos metais en gran parte das Reais Audiencias de Quito e Santafé, e as moedas producidas nela amosaban as marcas de ceca P, P.N e PN.

As instalacións non se dedicaron en exclusiva á cuñaxe de moeda, senón que ao ser unha fundidora con recoñecida sona en toda a rexión, foi a responsable tamén de obxectos como reixas, varandas para balcóns e adobíos relixiosos para a imaxinaría da Semana Santa en Popayán. Así mesmo, foi a sede do obradoiro de ourivaría da Escola Payanesa de Arte.

En 1956, a República de Colombia conmemorou o 200 aniversario da Casa da Moeda de Popayán coa emisión dunha moeda de prata co valor facial dun peso, que reproduce no seu reverso a porta principal do edificio da antiga ceca.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Logo da apertura do porto de Buenaventura e a construción do Camino Real Español, que viña desde San Francisco de Quito e se dirixía cara a Santafé de Bogotá, Popayán puido expandir tanto a súa poboación como a súa infraestrutura, necesaria para o novo papel de centro económico de comercio que estaba a tomar a cidade, sobre todo coas primeiras escavacións en minas próximas como as do Chocó, Barbacoas, Raposo, Caloto e Almaguer, que inundaron a urbe de ouro, prata e pedras preciosas. O único problema que xurdiu con esta bonanza foi que cumpría render contas e enviar o recadado á Casa da Moeda en Bogotá, a máis de 500 quilómetros de distancia, dado que era a máis próxima e a única en toda a rexión. Por tal motivo, a provincia de Popayán non tiña un control real dos seus recursos mineiros e tampouco se beneficiaba moito deles.[2]

Consecuentemente, desde os inicios do século XVII xa se viñan xestando ideas de lle solicitar ao rei de España o permiso para establecer a súa propia casa de moeda. No entanto, estes plans nunca chegarían a florecer, tendo en conta, por unha banda, o gran risco de sismicidade da cidade, que afectaba as técnicas de construción utilizadas adoito na rexión, e por outra a Guerra de Sucesión Española, que ao cambiar de dinastía deixou cambaleando politicamente o Imperio Español.

Século XVIII: fundación[editar | editar a fonte]

Pedro Agustín de Valencia, fundador e tesoureiro da Real Casa da Moeda de Popayán. Óleo (1780). Museo Nacional Guillermo Valencia.

Así e todo, a comezos do século XVIII retomouse aínda con máis forza a idea de lle conceder autonomía a Popayán no manexo dos seus recursos, e nesta época tamén tomou máis relevancia a dinastía da Casa de Valencia, orixinaria desa cidade española​ e descendente da antiga nobreza castelá do século XIII.[3][4]

Un dos membros máis destacados desta familia foi Pedro Agustín de Valencia y Fernández del Castillo, o terceiro dos catorce fillos de Pedro de Valencia y Aranda, oriúndo de Málaga, e a popayanesa María Josefa Fernández del Castillo.[5] O pai de Pedro Agustín chegara ás Indias Occidentais en 1695 e establecérase ese mesmo ano en Popayán, cidade da cal chegou a ser alcalde ordinario en dúas ocasións e na que contraeu matrimonio o 30 de xullo de 1703. E foi precisamente o pai quen, en 1725, enviara diversas misivas a Filipe V para conseguir a súa aprobación co pretexto de "evitar a extracción clandestina que se facía en pasta e po de ouro que producen aquelas provincias con motivo da distancia de Santafé".[6]

En 1726, algunhas personalidades de Popayán, sinaladamente comerciantes e mineiros, insistiron na solicitude ao rei de España da apertura dunha casa de moeda na cidade, e tamén a Audiencia da Cidade de Quito informou o rei en 1728, para lle facer ver o útil e conveniente que resultaría a creación da devandita casa de moeda en Popayán.[7]

Mediante a Real cédula do 29 de xuño de 1729, o monarca autorizaba a solicitude de Popayán e daba luz verde á erección dunha casa de moeda nesa cidade, mais a boa nova non se puido levar a termo como o estipulaba a Coroa, por diversos motivos. Por unha parte había insuficiencia de fondos nas arcas locais;[6] por outra, a pugna existente entre Valencia e o tesoureiro de Santafé,[8] Juan José Prieto, polo bloqueo por parte deste para a continuación do proxecto, temendo unha perda na hexemonía de Bogotá en detrimento de Popayán; e a maiores destas trabas, o 2 de febreiro de 1736 ocorreu un devastador terremoto que case borrou a cidade do mapa. Así e todo, o rei Fernando VI nomeou a Pedro Agustín como tesoureiro propietario da Casa da Moeda de Popayán o 15 de agosto de 1749, polo que se retomaron de inmediato as obras para a construción das instalacións da nova institución, que chegaran a comezar previamente en 1729. Este proxecto sería financiado polo propio Valencia, que destinou boa parte da súa fortuna para iso, e con planos do arquitecto español Antonio García.[9]

Pasados algúns anos, o 26 de novembro de 1746 constiuíuse unha representación para expor a necesidade de erixir a casa da moeda, e mediante a Real Cédula do 15 de agosto de 1749 concedéuselle a pertinente licenza a Pedro Agustín de Valencia y Fernández del Castillo para construír e abrir ás súas expensas a devandita institución, da que el mesmo foi nomeado para o cargo de tesoureiro, con carácter hereditario, e autorizado para nomear o resto dos postos da ceca.[8]

Debuxo do edificio da ceca de Popayán.

Para a localización da futura casa de moeda, Pedro Agustín Valencia comprou aos franciscanos uns terreos contiguos á derruída igrexa dos Frades Menores, que xa tiñan desde o século XVI o Mosteiro de Nuestra Señora de las Gracias (actual Hotel Dann Mosteiro), mentres que a parte occidental na zona da esquina contigua á saída de Popayán cara a El Tambo, coñecida daquela como Portazgo Real de Occidente, foi disposta para a construción do edificio, cuxas obras se retomaron cara a maio de 1752, para o que se levaron desde Europa os máis modernos instrumentos que se podían dispor na época para un establecemento de cuñaxe, entre eles cuños, prensas de volante grandes e pequenas, e cerámica. En primeira instancia terminouse un edificio amplo de dúas plantas conforme as habituais técnicas construtivas daquela na rexión, cunha porta en cantaría para enmarcar o portón principal; contaba tamén con varandas nos balcóns do segundo andar e un frontón triangular sobre a entrada. No seu interior tiña salas dedicadas á fundición dos metais valiosos, e no exterior posuía tamén varios patios empedrados que eran flanqueados por pilastras en todos os seus lados.

Durante as obras viuse a necesidade de suplir a falta de recursos de auga para todas as actividades de fundición e cotiás das instalacións. Ata entón, o principal sustento acuífero para a poboación eran os ríos Molino e Ejido, polo que Pedro Agustín Valencia financiou a construción dun acueduto privado que levaría a auga desde o Cerro de la Eme ou das Tres Cruces ata a ceca, o primeiro dunha serie coa que se ampliaron as redes de abastecemento para toda a cidade.

Escudo de 1759 a nome de Fernando VI (marca de ceca P·N no exergo do reverso).

Finalmente, logo de ultimarse todos os detalles da súa instalación, a ceca entrou en funcionamento o 31 de xaneiro de 1758,[10] e realizou a súa primeira cuñaxe de moeda o 8 de febreiro dese mesmo ano; tratouse dunha peza de dous escudos de ouro do rei Fernando VI. Pola súa banda, a primeira onza (oito escudos) foi expedida o 6 de abril, a primeira media onza (catro escudos) o 8 de ese mesmo mes e, finalmente, o 24 cuñouse un escudo.[9]

A finais do século XVIII, a continuidade da Real Casa de Moeda en Popayán foi suxeito dunha gran polémica por mor do interese de Santafé de Bogotá por manter a hexemonía en todo o Vicerreinado de nova Granada, tanto no ámbito político como no económico, Temíase que a ceca de Popayán afectase dalgún xeito a Real Facenda, e iso motivou que o rei Carlos III ditase unha real cédula o 16 de novembro de 1761 pola que ordenaba que a ceca cesase indefinidamente as súas funcións. Así e todo, as queixas e as reclamacións non só por parte da cidade de Quito senón por toda a Real Audiencia fixéronse escoitar, pedindo a súa reapertura, dado que a Real Audiencia era suplida pola Ceca de Popayán debido á súa proximidade. Consecuentemente, promulgouse unha nova real cédula, o 23 de agosto de 1766, pola que se determinaba o reinicio das actividades a partir do ano seguinte.[9][10]

Uns anos despois, o Consello de Indias, mediante unha resolución tomada o 11 de maio de 1770 e feita pública o 16 de xuño dese mesmo ano, cumpría unha real orde pola que pasaba a incorporarse á titularidade da Coroa española a Casa da Moeda de Popayán,[9] que ata o momento fora explotada desde a súa fundación por Pedro Agustín Valencia, para quen se estableceu unha indemnización polos gastos que este asumira de construción e posta en funcionamento da entidade, e para quen se reservaría vitaliciamente o posto de tesoureiro no novo status da entidade, cun soldo asignado de 2.050 pesos anuais. O cambio de titularidade deuse formalmente o 12 de setembro de 1770, e o 25 de setembro de 1772 nomeouse como superintendente da ceca real o gobernador de Popayán, o coronel Juan Antonio de Zelaya y Vergara.[11]

Século XIX[editar | editar a fonte]

Nos derradeiros anos do século XVIII e nos inicios do XIX, a produción de moedas era constante e mesmo se abriu unha escola para o ensino dos oficios relacionados coa cuñaxe e tamén un obradoiro de ourivaría no que se confeccionaron varias pezas de xoiaría e complementos para os pasos das procesións de Semana Santa. Varias das varandas e outros elementos de ferro que forman hoxe parte das fachadas coloniais do centro da cidade foron elaboradas tamén na casa da moeda, como encarga das familias aristocráticas. Este efémero período de esplendor económico comezou a esvaecerse logo da invasión napoleónica de España e o exilio da familia real borbónica, cando nas colonias americanas comezaron distintas sublevacións contra o non recoñecido reinado de Xosé I Bonaparte.

Cuarto de real cuñado en 1816 polos realistas (marca de ceca PN á esquerda do castelo).

O 20 de xullo de 1811 proclamouse a independencia de Nova Granada do Imperio Español, en Bogotá, aínda que a cidade de Popayán continuou a ser un fiel bastión realista. Con todo, malia estar en contra da emancipación, a rexión foi incluída dentro das Provincias Unidas da Nova Granada. A cidade chegou a proclamar finalmente a súa independencia o 24 de marzo de 1814,[12] aínda que de facto estaba xa baixo a xurisdición dunha confederación das cidades controladas polos soberanistas desde 1811, e  continuou en poder dos sublevados patriotas ata que o 13 de maio de 1816 as tropas españolas ao mando do vicerrei Juan de Sámano retomaron definitivamente a cidade. Durante eses anos de xurisdición revolucionaria, a ceca continuou co seu labor de cuñaxe e en 1813 emitiu pezas de 2 reais e de 8 reais en cobre, aínda que estas tiñan a peculiaridade de non contar nin coa face nin co escudo do rei Fernando VII, senón coa inscrición NUEVO REINO DE GRANADA nuna das súas faces e PROVINCIA DE POPAYAN.[13][14]

As instalacións continuaron en funcións ao servizo da Coroa española ata que as tropas realistas foron expulsadas definitivamente o 10 de xullo de 1820. Logo desta derrota, o presidente da Real Audiencia de Quito, Juan da Cruz Mourgeon, ordenou o 26 de decembro de 1821 o desmantelamento da casa de moeda e o traslado dos seus equipamentos e utensilios a Quito para evitar a súa caída en mans dos insurrectos, deixando só na cidade os volantes grandes, as fraguas e os muíños de vento. Isto deu inicio a un rápido declive, que culminou co abandono do edificio e a fin da Real Casa da Moeda.[14]

Xa na época da Gran Colombia, Francisco de Paula Santander intentou reactivar a actividade casa de moeda o 22 de xullo de 1822 coa fabricación de matrices e cuños para a cuñaxe de novas moedas, mais a inmediata quebra da casa da moeda provocou o cesamento definitivo das súas actividades.[14]

Operacións da ceca[editar | editar a fonte]

Ao longo do seu período de funcionamento, a Casa da Moeda de Popayán chegou a ser moi produtiva, cunha ampla variedade de recursos mineiros dispoñibles que chegaban á cidade. Porén, a ceca tivo que enfrontar moitas vicisitudes, xa que co paso do tempo a cidade perdería relevancia coa fin do período borbónico e o inicio da era republicana, ao que se sumou a flutuación da dispoñibilidade do material para a cuñaxe. Na seguinte táboa compáranse os monarcas españois reinantes co tipo de metal utilizado para a cuñaxe de moedas.

Rei de España Período Moedas
Ouro Prata Cobre
Fernando VI 1746 - 1759 Si Non Non
Carlos III 1759 - 1788 Si Si Non
Carlos IV 1788 - 1808 Si Non Non
Fernando VII 1808 - 1833 Si Si Si

Reais tesoureiros da ceca[editar | editar a fonte]

O título de Real Tesoureiro foi conferido polo rei Fernando VI de España por medio da Real Cédula do 15 de agosto de 1749 a favor do filántropo, mineiro, principal propulsor e fundador da Casa da Moeda de Popayán, o aristócrata Pedro Agustín de Valencia y Fernández del Castillo, e de aí pasou aos seus descendentes da dinastía Valencia.

Reais tesoureiros Período Rei de España
Pedro Agustín de Valencia y Fernández del Castillo 1749-1788 Fernando VI, Carlos III
Francisco de Valencia y Sáenz del Pontón 1788-1814 Carlos III, Carlos IV, Xosé I, Fernando VII
Pedro Felipe de Valencia y Codallos 1814-1816 Fernando VII
María Teresa de Valencia y Junco Pimentel 1816-1820 Fernando VII

Mestres de ceca e ensaiadores[editar | editar a fonte]

Esta é unha relación dos mestres de ceca e dos ensaiadores da Casa da Moeda de Popayán durante o seu período de actividade, así como as marcas de estes inscribían nas moedas producidas durante o seu período de responsabilidade:[15]

Mestres e ensaiadores Período Marca Rei de España
Juan Corchero 1758-1771 J Fernando VI, Carlos III
Juan Corchero - Estanislao Delgado 1772-1776 JS Carlos III
Estanislao Delgado; Francisco Fernando de las Caxigas 1776 - 1791 SF Carlos III, Carlos IV
Juan Camilo Delgado; Francisco Fernando de las Caxigas 1792-1804 JF Carlos IV
Juan Camilo Delgado; Tomás de la Rada 1804-1805 JT Carlos IV
Juan Camilo Delgado; Francisco Mariano de Rada 1805-1816 JF Carlos IV, Xosé I, Fernando VII
Francisco Mariano de Rada 1816 F Fernando VII
Francisco Mariano de Rada; Manuel María Quijano 1816-1820 FM Fernando VII
Manuel María Quijano; Francisco Mariano de Rada 1819 - 1820 MF Fernando VII
Francisco Mariano de Rada; Mariano Álvarez Ramírez 1820 FR República da Gran Colombia

Usos posteriores do edificio e dos terreos[editar | editar a fonte]

Centro militar e policial[editar | editar a fonte]

Adestramento do batallón Junín nas instalacións da antiga casa da moeda.

Logo do pechamento da casa de moeda, o edificio ficou practicamente abandonado e sen ningún uso durante a maior parte do século XIX, e varias das súas seccións chegaron a estar en ruínas pola falta de mantemento. Xa nos derradeiros anos do século, foi utilizado como cuartel xeral do batallón Junín, do Exército Nacional de Colombia, durante o mandato do presidente Tomás de Mosquera, natural de Popayán. Por mor da avanzada deterioración das instalacións, cumpriu facer numerosas modificacións na estrutura orixinal do edificio e mesmo a demolición dos patios do norte e parte da zona central, para deixar grandes espazos para o adestramento militar.

No entanto, xa na década de 1930, logo de que varios terremotos deteriorasen aínda máis o edificio, tomouse a decisión de remodelalo completamente, o que provocou a súa demolición case total en 1932 e o levantando dunha fachada nova, que foi planificada na arquitectura republicana con toques eclécticos doutros estilos, sobre a base dun plano do arquitecto orixinal do século XVIII, o español Antonio García.[16] Ademais, engadíronse dúas características torres de vixilancia en cada un dos extremos que daban á rúa 4, con ameas nas súas cúspides á maneira dos castelos europeos medievais.

Foto aérea coa casa da moeda na parte inferior, tomada en 1936.

Logo destas profundas remodelacións, continuou o seu uso militar ata que en 1950 foi desaloxado polo batallón Junín e se dispuxo o lugar como posto da Policía Nacional de Colombia, un uso que se estendeu ata principios da década de 1980 e que levou consigo diversas modificacións arquitectónicas, como a construción de canchas deportivas e novos patios.

O 30 de decembro de 1959, o Centro Histórico de Popayán (incluída a Casa da Moeda) foron declarados como Monumento Nacional de Colombia, por medio da Lei 163 30-xii-1959.[17]

Terremoto de 1983[editar | editar a fonte]

Ruínas da Casa da Moeda de Popayán logo do terremoto de 1983.

O 31 de marzo de 1983, ás 08:15 da mañá, rexistrouse unha das peores catástrofes de todo o país, cando en 18 segundos a cidade foi sacudida ata os seus cimentos por un sismo de 5,5 grados de intensidade, que destruíu case todo o centro histórico, e o edificio da antiga Casa da Moeda non foi a excepción: viñéronse abaixo o segundo piso e as torres, e sobreviviu só parte da parede do primeiro piso e da esquina. As ruínas ficaron a mercé dos saqueadores e o paso do tempo fixo que, finalmente, se determinase a súa demolición total e a nivelación da pendente dos terreos, sen tomar en consideración o seu status como Monumento Nacional.[14]

Cara a 1994, o predio pasou a ser propiedade da Corporación de Turismo do Cauca (Caucatur), que pasou a utilizalo como aparcadoiro público e, esporadicamente, para as tradicionais exposicións de artesanía durante a Semana Santa de Popayán.[14][18]

Exploracións arqueolóxicas[editar | editar a fonte]

Prensa de volante da Casa da Moeda de Popayán (mediados do século XVIII), conservado na Facultade de Dereito da Universidade do Cauca.

En 2007, a propiedade dos terreos pasou á Gobernación do Cauca, que destinou a parte norte á construción do Centro de Convencións Casa da Moeda de Popayán. Esta decisión resultou moi polémica daquela, sobre todo entre os arqueólogos, dado que comprometía a metade norte dos vestixios do edificio orixinal. Nesta conxuntura, o departamento de Antropoloxía da Universidade do Cauca, en colaboración coas autoridades gobernamentais, iniciou escavacións co fin de recompilar, documentar e salvagardar calquera achado que puidese producirse.[14][19]

Logo de varios meses de escavacións saíron á luz restos das fachadas ecléctica do século XX e colonial do século XVIII, así como o piso orixinal de varias habitacións, bases dos grosos muros de ladrillo de adobe, corredores con xambas de portas, arredor de cinco patios, dous deles aínda empedrados con desaugadoiros, parte do basamento do segundo andar, os fornos de fundición, os depósitos de carbón, e vestixios do primeiro acueduto da cidade, da cociña, das áreas de traballo e da área doméstica. Ademais, entre os entullos rescatáronse varios obxectos cotiáns das diversas épocas do edificio, entre eles cerámicas e moedas do inicio da era republicana e do século XX.[19]

Muro que pecha os terreos da antiga casa da moeda.

Malia todos estas descubertas, deuse continuación ao proxecto de construción do novo centro de convencións, que se finalizou e se inaugurou o 23 de decembro de 2015,[20] edificado sobre os restos da ala norte da antiga casa de moeda, que no seu día se destinaba ao coidado dos animais de carga e era parte da área doméstica. O resto dos terreos ficou abandonado e sen uso, pechado por un muro de ladrillo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1 Peso Casa de la Moneda Popayán". Numista.com
  2. Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxinas 103-108.
  3. Quintero Guzmán, M. W. (2006). Linajes del Cauca Grande: fuentes para la historia. Tomo II. Universidad de los Andes. Bogotá. Páxina 784-786.
  4. Arboleda Valencia, H. (1981). Familia Valencia en Descendencia española de algunas familias colombianas. Editorial de la Universidad del Cauca, Popayán. Páxinas 41-73.
  5. Arboleda, G. (1962). Diccionario Biográfico y Genealógico del Antiguo Departamento del Cauca. Bogotá. Páxina 449.
  6. 6,0 6,1 Real Cédula dada en El Pardo a 17 de enero de 1788 por el Rey de España al Sr. Gobernador y Capitán General del Nuevo Reino de Granada y Presidente de la Real Audiencia de Santafé. Centro de Investigaciones Históricas José María Arboleda Llorente Universidad del Cauca, Popayán.
  7. Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxinas 103-105.
  8. 8,0 8,1 Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxina 105.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 "La Ceca de Popayán". Enumismatic.com
  10. 10,0 10,1 Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxina 106.
  11. Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxina 107.
  12. Guerrero García, A. L. (2017). "Tradición y cambio político en Provincia: Popayán, Nueva Granada y la redacción de la Constitución de 1814". En Precedente. Revista Jurídica. N° 12. Universidad ICESI, Cali. Páxina 72
  13. "2 reales Popayán" e "8 reales Popayán". Numista.com
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 Rodríguez Soage, J. D. (2021). "La Ceca de Popayán". Enumismatic.com
  15. Pérez Sindreu, F. de P. (1999). Páxinas 108-114.
  16. Sebastían, S. (1965). Arquitectura Colonial en Popayán y Valle del Cauca. Universidad del Valle, Cali.
  17. "Lei 163 dse 1959". Funcionpublica.gov.co
  18. Patiño, D.; Hernández, M. (2010). Páxinas 92-99.
  19. 19,0 19,1 Patiño, D.; Hernández, M. (2010).
  20. "Inauguran oficialmente el Centro de Convenciones Casa de la Moneda en Popayán". En Proclama. Cauca y Valle. 23 de decembro de 2015.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]