Torre de Toquio
Torre de Toquio | |
---|---|
A Torre de Toquio, o símbolo da capital do Xapón. | |
Presentación | |
Nome local | 東京タワー (Tōkyō Tawā) |
Localización | Toquio () |
Dirección | Minato-ku |
Estrutura | Ferro |
Tipo | Torre de ferro forxado |
Propietario | Tv Tokyo NHK e TBS |
Uso(s) | Torre de observación e radiodifusión |
Construción | |
Data da construción | 1957 |
Remate | 1958 |
Dimensións | |
Altura | 332,6 metros |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Tachū Naitō |
A Torre de Toquio ou Tokyo Tower (en xaponés: 東京タワー, Tōkyō Tawā) é unha torre que se atopa en Minato-ku (Toquio, Xapón). O seu deseño baséase no da Torre Eiffel de París. Está pintada en branco e vermello de acordo a regulacións de aviación. A súa construción rematou o 14 de outubro de 1958 (ano 33 da era Shōwa) e abriuse ao público o 7 de decembro do mesmo ano.
A torre mide 332,6 metros de altura, 8,6 máis ca a Torre Eiffel, aínda que non é tan coñecida como a torre francesa. A Torre de Toquio pesa unhas 4.000 toneladas, a diferenza das 10.100 toneladas métricas da Torre Eiffel. A súa función principal é como antena de transmisión de sinais analóxicas, e dende 2003 transmite en dixital para a área de Kanto. É unha das principais atraccións turísticas de Toquio.
Orixinalmente ideárase para a transmisión de televisión, aínda que en 1961 instaláronse antenas de radio, de xeito que a torre se utiliza actualmente para ambos os dous tipos de sinais e coma soporte para canles como NHK, TBS e Fuji TV. Porén, o cambio de televisión analóxica a dixital para todas as transmisións de televisión planificado para xullo de 2011 presentouse problemático. A altura da Torre de Toquio non era de abondo para aturar completamente a emisión do sinal terrestre dixital a toda a zona. Por ese motivo, foi ideada outra torre para ese fin, a chamada Tokyo Skytree, que foi inaugurada en 2012, converténdose na maior estrutura do Xapón, superando a Torre de Toquio.
Historia e construción
[editar | editar a fonte]Despois de que comezaran as retransmisións da NHK, a televisión pública do Xapón en 1953, necesitábase unha gran torre que abarcase toda a rexión de Kantō. As cadeas privadas comezaron a emitir a través da propia torre da NHK. Esta escalada no uso das comunicacións fixo crer ao goberno xaponés que as torres de retransmisións logo comezarían a proliferar e consecuentemente invadirían toda a cidade. A solución proposta foi crear unha gran torre quen de retransmitir por toda a rexión. Ademais, tralo rexurdimento da economía xaponesa nos anos 1950, Xapón estaba a procurar un monumento que simbolizase o ascenso do poder da nación.
Hisakichi Maeda, fundador e presidente de Nippon Denpatō, dona e xestora da torre, planeou orixinalmente que a torre fose máis alta ca o Empire State de Nova York, porén o plan non prosperou pois non se dispuñan dos materiais nin fondos de abondo. A altura da torre foi determinada finalmente pola distancia que as diferentes televisións necesitaba cubrir a través da rexión de Kantō, unha distancia de case 150 km. Tachū Naitō, renomeado deseñador de grandes edificios no Xapón, foi o elixido para deseñar a torre. Ollando o mundo occidental como inspiración, baseu o seu deseño no da Torre Eiffel de París. Coa axuda da compañía de enxeñaría Nikken Sekkei Ltd. asegurou que o seu deseño podería resistir sismos co dobre de intensidade ca o Gran tremor de terra de Kantō de 1923 ou tifóns que superasen os 220 quilómetros por hora.
A nova construción atraeu centos de tobi, traballadores tradicionais que se especializaron na construción de grandes estruturas. A Corporación Takenaka comezou os traballos en xuño de 1957 e cada día, polo menos 400 obreiros traballaron na torre. Foi construída en aceiro, unha terceira parte da cal era ferralla tomada dos tanques estadounidenses que foron danados na Guerra de Corea. Cando a antena de 90 metros se colocou o 14 de outubro de 1958, a Torre de Toquio converteuse na torre autosoportada máis alta do mundo, arrebatándolle o título á Torre Eiffel. Ademais de ser máis alta que esta, a Torre de Toquio pesa arredor de 4.000 toneladas, 3.300 menos que a Torre Eiffel. Foi aberta ao público o 23 de decembro de 1958, costando finalmente 2.800 millóns de iens (8.400 millóns de dólares en 1958). A Torre de Toquio foi hipotecada por 10.000 millóns de iens en 2000.
Durante o forte tremor de terra e o tsunami do Xapón de 2011, a antena analóxica da parte superior da torre dobrouse por mor da forza do sismo. O 14 de xullo de 2012 esta antena foi retirada xa que na actualidade todo Xapón pasou á emisión en dixital, facendo que a torre pasase de 333 metros a 315. De todos os xeitos a torre volvería a ter a súa altura orixinal xa que unha nova antena foi colocada aínda que polo de agora non ten utilidade.
Usos
[editar | editar a fonte]As dúas principais fontes de ingresos da Torre de Toquio son o empréstito das antenas e o turismo. Funciona coma unha estrutura que dá soporte á transmisión de sinais de televisión e radio, e tamén coma destino turístico albergando diferentes atraccións. Dende que se inaugurou a finais de 1958, téñena visitado máis de 150 millóns de persoas. O número de visitantes foi baixando até acadar o ano 2000 con 2,3 millóns de visitantes ese mesmo ano, porén a partir de aí comezou a subir a cifra de visitantes até acadar os 3 millóns anuais.
A primeira zona que os visitantes deben visitar ao chegaren á torre é FootTown, un edificio de 4 plantas situado directamente baixo a torre. Aquí, os visitantes poden comer, comprar e visitar varios museos e galerías. Os elevadores que parten desde FootTown poden usarse para chegar ao primeiro dos dous observatorios, un de dous andares chamado Observatorio Principal. Polo prezo doutra entrada, os visitantes poden montarse noutros elevadores que saen do segundo andar do Observatorio Principal para acadar o segundo e último observatorio: o observatorio especial.
Antenas
[editar | editar a fonte]A Torre de Toquio, un membro da Federación Mundial de Grandes Torres, é usada por diversas organizacións para retransmitir as súas emisións. A estrutura foi ideada en principio para emitir sinal de televisión, mais en 1961 instaláronse antenas de radio xa que a estrutura era axeitada para isto tamén. Actualmente úsana para emitir sinais de televisión analóxica, televisión dixital, radio e radio dixital.
Actualmente, Xapón usa tanto televisión dixital terrestre coma analóxica, dende 2011 todas as emisións son dixitais. A Torre de Toquio non é apta para a emisión do sinal dixital por mor da súa baixa altura para este tipo de sinais de altas frecuencias a lugares arrodeados por bosques ou edificios moi altos. Como alternativa, unha nova torre de 610 metros chamada a Tokyo Sky Tree foi inaugurada o 22 de maio de 2012. Converténdose na estrutura máis alta do Xapón e na segunda estrutura máis alta do mundo despois do Burj Khalifa en Dubai.
Para evitar a fuga de clientes como a NHK e outras 5 empresas á nova torre, os oficiais de Nihon Denpatō están considerando engadir unha antena de alcance dixital de 80 a 100 metros. Incrementar a altura da antena estes 100 metros suporía ampliar a estrutura uns 20 metros, que custarían 4 mil millóns de iens. Ademais de cubrir este custo, a compañía tería que desembolsar outros 3,5 mil millóns de iens en reformar a zona de retransmisións, ofrecendo a cada cliente 4 veces máis espazo do que usan actualmente. As normas de aviación de Toquio actuais, limitan a altura da Torre de Toquio, mais o presidente de Nihon Denpatō planea discutir este feito cos ministros e axencias relacionados. Se estes plans non se levan a cabo, agárdase que a Torre de Toquio deixe de emitir sinal analóxico de radio agás coa Universidade Aberta do Xapón, que continuará emitindo a través da torre. As emisoras de radio FM tamén continuarán usándoa para emitir pola zona de Toquio. Masahiro Kawada, o director de planificación da torre, tamén sinalou a posibilidade de usar a Torre de Toquio como apoio da Tokyo Sky Tree, en caso de eventuais problemas, dependendo das necesidades ou requisitos das emisoras de televisión.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torre de Toquio |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio oficial (en xaponés)
- Webcam en directo dende a Torre de Toquio