Umberto Saba
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
(1950) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (it) Umberto Poli 9 de marzo de 1883 Trieste, Italia |
Morte | 25 de agosto de 1957 (74 anos) Gorizia, Italia |
Educación | Universidade de Pisa |
Actividade | |
Ocupación | poeta, ensaísta, escritor, xornalista |
Período de actividade | 1900 - |
Xénero artístico | Canzone (pt) , soneto, Terceira (pt) , ensaio e novela |
Pseudónimo literario | Umberto Saba Giuseppe Carimandrei Umberto Chopin Poli Umberto da Montereale |
Familia | |
Fillos | Linuccia Saba |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Dizionario degli scrittori italiani contemporanei pseudonimi: 1900-1975 (en) , (p.232-233) >>>:Saba Umberto (Umberto Poli) |
Umberto Poli, nado en Trieste (Imperio Austro-Húngaro) o 9 de marzo de 1883 e finado en Gorizia o 25 de agosto de 1957, foi un poeta e novelista italiano, coñecido como Umberto Saba.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os seus pais foron Rachele Cohen, unha xudía de Trieste, e o veneciano Edoardo Poli, que abandonou a muller antes de nacer Umberto. Este feito atormentou o escritor durante toda a vida e fixo que asinase as súas obras cun pseudónimo, rexeitando o apelido paterno.
Pola situación familiar, encárgase del ata os tres anos a ama de cría eslovena Peppa Sabaz, a quen quería coma a unha nai. A relación entre eles foi, de feito, tan forte que moitos estudosos relacionan o pseudónimo Saba co apelido desta muller. Para outros sería unha homenaxe á súa familia materna, porque "saba" en hebreo significa "avó" ou "vello". En calquera caso, a separación da ama de cría cando a nai o reclama supón o primeiro trauma da súa vida, que lembrará nas poesías do libro Il piccolo Berto de 1926.[1][2][3]
A súa infancia transcorre chea de melancolía rodeado de mulleres: a nai e dúas tías, unha viúva e outra solteira, que tiñan unha tenda de mobles e obxectos usados.
Estuda con pouco proveito no Ginnasio Dante Alighieri de Trieste e despois matricúlase na Academia Imperial de Comercio e Nautica. Sen rematar o curso enrólase nun barco como grumete.
A vocación literaria é precoz. No 1903, aos 20 anos asiste na Universidade de Pisa a varios cursos de literatura italiana, pero axiña os deixa para facer outros de arqueoloxía, alemán e latín. No verán do ano seguinte, despois dunha discusión cun amigo, volta a Trieste cunha forte depresión que manterá toda a vida. Neste período comeza a escribir poemas e artigos para varios xornais locais.
Nos anos seguintes viaxa moito: a Montenegro, que percorre a pé no 1905; un ano despois, a Florencia, onde leva unha intensa vida cultural. No 1907, en Salerno, xa como cidadán italiano, fai o servizo militar, unha experiencia da que nacerán os seus Versi militari.
Nun dos permisos, de volta a Trieste, coñece a Carolina Wölfler, a Lina das súas poesías, a súa futura muller e compañeira da vida, coa que casa polo rito xudeu no 1909. Terán unha filla, Linuccia. Nesta cidade, xestiona co seu cuñado dúas tendas de artigos eléctricos.
No ano 1911 autopublica co pseudónimo Saba o seu primeiro libro, Poesie, seguido pouco despois pola escolma Coi miei occhi. Do mesmo período é Il mio secondo libro di versi, coñecido posteriormente como Trieste e una donna.
Para superar un período de crise matrimonial pola infidelidade da muller, en maio de 1903 a familia múdase a Boloña, onde colabora no xornal Il Resto del Carlino, e nove meses despois, a Milán. Nesta cidade dirixe o café do teatro Edén. As súas vivencias móveno a escribir La serena disperazione.
Ás portas da Primeira Guerra Mundial Saba estaba fortemente comprometido coa intervención de Italia no conflito, dada a súa orixe triestina. Isto lévao mesmo a colaborar no xornal Il Popolo d'Italia, dirixido por Benito Mussolini e a participar na guerra, durante a cal le as obras de Nietzsche. Durante esta, aínda que se limita a facer tarefas administrativas na retagarda, sofre unha crise nerviosa e psicolóxica tan forte que ten que ser ingresado no hospital militar de Milán no 1918.[1]
Rematada a guerra, volta a Trieste coa familia. Traballa uns meses como director dun cinema e como escritor de textos publicitarios para a Leoni Films. Despois faise cargo da librería anticuaria Mayländer, que rebautiza co nome de "Libreria antica e moderna".
No 1922 publícase a primeira edición da súa obra máis importante: Il Canzoniere, concibida coma unha autobiografía en versos. A esta seguirán outras edicións cada vez máis extensas ata a versión definitiva do 1961, trala morte do escritor. De todos os xeitos, o recoñecemento oficial por parte da crítica e dos novos escritores non chegará ata 1928, cando a revista Solaria lle adica un monográfico.
Como xudeu, Saba é vítima das leis raciais fascistas e así no 1938 vese obrigado a ceder a librería a un empregado e a emigrar a París. Cando comeza a Segunda Guerra Mundial volta a Italia, primeiro a Roma e despois a Florencia, onde se esconde e sobrevive en condicións precarias, axudado polo seu amigo o poeta Eugenio Montale.
Rematada a guerra trasládase a Milán onde colabora durante uns dez anos no xornal Il Corriere della Sera. Neste tempo publica novas edicións do Canzoniere, así como a obra en prosa Scorciatoie e raccontini. É xa un escritor famoso e recibe numerosos premios e recoñecementos como o Premio Viareggio no 1946.
Os seus problemas nerviosos van a máis, polo que no 1955 decide internarse nunha clínica en Gorizia, onde morre o 25 de agosto de 1957, cando estaba traballando na súa novela Ernesto. Esta obra inconclusa, de carácter autobiográfico, narra a iniciación ao amor homosexual dun mozo triestino e será publicada no 1975, por vontade da súa filla.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Moleta, Vincent (2004) Umberto Saba – Poetry and Prose. Bridgetown, Western Australia: Æolian Press
- ↑ "Saba" en Jewish Encyclopedia
- ↑ Joseph Cary, Three Modern Italian Poets: Saba, Ungaretti, Montale (Chicago: University of Chicago Press, 1992) p. 35.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Umberto Saba |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ottavio Cecchi, L'aspro vino di Saba, Editori Riuniti, Roma 1988.
- Alessandro Cinquegrani, Solitudine di Umberto Saba. Da "Ernesto" al "Canzoniere", Marsilio, Venecia 2007.
- Giacomo Debenedetti, Saba, en Poesia italiana del Novecento. Quaderni inediti (1958-1959), Garzanti, Milán, 1974.
- Elvira Favretti, La prosa di Umberto Saba. Dai racconti giovanili a "Ernesto", Bonacci, Roma 1982.
- Massimiliano Jattoni Dall'Asén, Gli umani amori. La tematica omoerotica nell'opera di Umberto Saba, en The Italianist, n.1, University of Reading 2004.
- Mario Lavagetto (editor), Per conoscere Saba, Mondadori, Milán, 1981.
- Piero Raimondi, Invito alla lettura di Saba, Mursia, Milán, 1974.
- Elena Bizjak Vinci, Stelio Vinci, La libreria del poeta, Hammerle Editori, Trieste 2008.
- Antonello Perli, La calda vita e la poesia onesta. Etica e poetica in Saba, en "Esperienze Letterarie", a. XXXVII, 2012, n. 3, pp. 23–42.