Saltar ao contido

Valedora do Pobo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Valedor do Pobo»)
Valedor do Pobo

Sede do Valedor do Pobo en Santiago de Compostela.

En exercicioDolores Fernández Galiño
ÁmbitoGalicia Galicia
Designado porParlamento de Galicia
DuraciónCinco anos
Creación1981/1984
Primeiro titularXosé Cora Rodríguez

O Valedor do Pobo ou Valedora do Pobo é o comisionado ou a comisionada do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades dos galegos, de acordo co establecido no título I da Constitución española e no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

A figura do Valedor do Pobo, semellante ao Defensor do Pobo e institucións similares doutras comunidades autónomas e estados, aparece recollida no artigo 14 do Estatuto de Autonomía de 1981.

O Valedor é elixido polo Parlamento de Galicia por un período de cinco anos. A elección faise por maioría cualificada de tres quintos dos membros da Cámara. Cada ano, o alto comisionado presenta a súa memoria anual diante dos parlamentarios galegos.

O Valedor ten autonomía respecto aos demais poderes. Pode actuar tanto de oficio como previa queixa dalgún cidadán. A súa capacidade de supervisión abrangue dende "a Administración da comunidade autónoma galega e dos seus entes e empresas públicas ou dependentes" ata a da "Administración local naquelas materias que sexan competencia da comunidade", como se recolle na páxina web da institución. Non ten capacidade coercitiva, nin potestade sancionadora, "senón unicamente de persuasión", aínda que si pode chegar a declarar "non colaboradora" ou "hostil" a algunha persoa ou institución. A lei tamén establece que os poderes públicos galegos están obrigados a prestar axuda e colaboración ao alto comisionado en todo aquilo que este demande.

Aínda que a Lei do Valedor establece que poderá ocupar o cargo calquera cidadán "que goce da condición política de galego", os seus ocupantes son habitualmente persoas extraídas do mundo xudicial. A norma establece que o Valedor ten que ter un carácter independente e imparcial, polo que non pode estar afiliado a ningún partido ou manter unha ocupación á marxe da de alto comisionado.

O Valedor ten sede propia, inaugurada o 14 de maio de 1993 e que está situada a carón da do Parlamento.

Funcións

[editar | editar a fonte]

A lei recoñécelle tres funcións esenciais ao Valedor do Pobo:

  • A investigadora, sobre as actuacións ou resolucións da Administración pública galega. Os poderes públicos teñen a obriga de colaborar co comisionado, que, en caso de atopar atrancos, ten a posibilidade de declarar "hostil" ou "entorpecedora" á administración en cuestión.
  • A mediadora ou de conciliación entre Administración e administrado, para solucionar as controversias suscitadas.
  • A de propoñer modificacións legais, "cando se chega á convicción de que a súa rigorosa aplicación podería levar a situacións inxustas ou prexudiciais para os administrados".[1]

Para o seu traballo, o comisionado pode contar con varios vicevaledores.

A cobertura do cargo

[editar | editar a fonte]

Aínda que o Valedor é definido no Estatuto do 1981, ata tres anos despois non se fai oficial esta figura, coa Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo de Galicia[2], e ata 1990 non é designado o primeiro ocupante do cargo.

O requirimento da maioría cualificada e a falta de acordo entre as forzas políticas ten provocado que algúns ocupantes do cargo estiveran máis tempo do que lles correspondía por lei. Foi xa o caso do primeiro, Xosé Cora Rodríguez, quen estivo 20 meses máis do que lle tocaba, e do segundo, que prorrogou o seu mandato un ano.

Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo desde o ano 2019.

O Valedor é elixido polo Parlamento, previa proposta da comisión de Peticións da Cámara galega. Aínda que o candidato adoita chegar consensuado entre todos os partidos, non ocorreu así co primeiro. O 8 de maio de 1990, cando a comisión de Peticións debatía quen ía propoñer como candidato, o BNG formulou a candidatura de Isaac Díaz Pardo, rexeitada polos demais partidos. Pero uns días despois, presentou unha impugnación, logo rexeitada tamén, pero que atrasou a elección do primeiro Valedor ata a sesión plenaria de 1 de xuño de 1990.

As longas negociacións entre partidos fixeron que tamén se atrasaran as eleccións dos dous seguintes valedores.

Persoeiros que ocuparon o cargo

[editar | editar a fonte]
  1. Recollido da web do Valedor.
  2. A figura sufriu varias modificacións, debidas ás leis 3/1994, do 18 de xullo; 1/2002, do 26 de marzo, e 8/2008, do 10 de xullo
  3. A data refírese á de toma de posesión, que adoita ser uns días despois da elección polo Parlamento
  4. Entrevista a José Julio Fernández, valedor do pobo Arquivado 02 de novembro de 2014 en Wayback Machine., na CRTVG o 17 de xullo de 2014.
  5. Milagros Otero toma posesión como valedora do pobo co reto de normalizar a institución Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine., nova en La Voz de Galicia o 2 de setembro de 2015.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lei do Valedor do Pobo
  • Fernández Rodríguez, José Julio, Defensorías del pueblo en España: una visión prospectiva, Universidad de Alcalá, Alcalá de Henares, 2014
  • González Ares, José Agustín, El Valedor do Pobo. Del ombudsman sueco al comisionado parlamentario gallego, Tirant lo blanch, Valencia, 2005

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]