Saltar ao contido

Veloso Salgado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaVeloso Salgado

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(pt) José Maria Veloso Salgado Editar o valor en Wikidata
2 de abril de 1864 Editar o valor en Wikidata
Melón, España Editar o valor en Wikidata
Morte22 de xullo de 1945 Editar o valor en Wikidata (81 anos)
Lisboa, Portugal Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Nacional Superior de Belas Artes Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1949 Editar o valor en Wikidata - 2014 Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoPintura de historia Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteMalerwerke des neunzehnten Jahrhunderts: Beitrag zur Kunstgeschichte (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Find a Grave: 245594071 Editar o valor en Wikidata

Xosé María Veloso Salgado, nado en Melón o 2 de abril de 1864  e finado en Lisboa o 22 de xullo de 1945, foi un pintor galego-portugués. Considerado un dos mellores expoñentes do Naturalismo na pintura portuguesa, na súa obra sobresaen exemplos de pintura histórica, paisaxes, e retratos.

Biografía

[editar | editar a fonte]

Xosé María Veloso Salgado naceu en Melón (un concello da provincia de Ourense, preto da Raia), onde viviu até os 10 anos de idade. Era fillo dos labregos José Pérez e Dolores Veloso Rodrigues Salgado. En 1874, os seus pais enviárono canda o seu tío materno, Miguel Veloso Rodrigues Salgado, que rexentaba un obradoiro de litografía (Litografia Lemos) en Lisboa, Portugal, no que Veloso Salgado comezou a traballar como aprendiz.

Entre 1878 e 1880 asistiu ás clases que a Escola da Academia de Belas Artes de Lisboa ofrecía á noitiña especialmente para traballadores e aprobounas con éxito. Animado polos seus bos resultados, pasouse ás clases vespertinas normais en 1881 e ao final do seu primeiro ano gañou un premio de vinte mil reais. Foi alumno de José Simões de Almeida e de José Ferreira Chaves, que lle aprenderon debuxo e pintura respectivamente, e conseguiu notas excelentes en ambas as dúas disciplinas.

En 1884 presentou dous traballos na XIII exposición da Sociedade Promotora de Belas Artes polos que levou unha mención honorable. En 1887, amais de participar na XIV exposición, Veloso Salgado rematou os seus estudos cunha nota final de 17 sobre 20. Ese mesmo ano adquiriu a cidadanía portuguesa.[1] Todos estes méritos valéronlle unha bolsa estatal para seguir os seus estudos en París.

Amor e Psyche (1891), Museu Nacional de Arte Contemporânea do Chiado, Lisboa.

En 1888, Veloso Salgado alugou un atelier en París (na Rue Denfert-Rochereau), que compartiu con Artur Melo. Aquí tamén trabou amizade co escultor António Teixeira Lopes, que tiña o seu estudio no mesmo edificio. Veloso Salgado foi aceptado na École des beaux-arts, onde foi alumno de Alexandre Cabanel, Benjamin-Constante, Jules-Élie Delaunay, Jean-Paul Laurens e Fernand Cormon. Ao redor deste tempo contactou co pintor Jules Breton e a súa filla e aprendiz Virginie Demont-Breton, así como co marido dela, Adrien Demont, co que a relación deveu nunha fonda amizade.

Debutou no Salón de París en 1889. Alí gañou o terceiro premio co seu Amor e Psyche (1891), o primeiro dos seus traballos importantes, que actualmente se conserva no Museu Nacional de Arte Contemporânea do Chiado. Entrementres, tamén gañou un concurso de pintura convocado pola Cámara Municipal de Lisboa (1890), e participou na I Exposición do Gremio Artístico de Lisboa.

Despois da súa estadía en París, Veloso Salgado viaxou a Italia antes de regresar a Portugal, deténdose en Florencia para estudar os pintores do Renacemento, copiar as súas obras e pintar ao aire libre. Estando en Italia, pintou un dos seus traballos máis celebrados, Jesus. Este cadro expúxose con grande éxito no Salón de 1892 e perdeuse en 1900 no desgraciado afundimento do barco que o traía de volta da Exposición Universal de 1900. Na última década do século, Veloso Salgado tamén partillou na Exposición de Arte de Múnic, e na Exposición Internacional de Antuerpen. A Academia Portuense de Belas Artes nomeuno Académico de mérito en 1907.

A Coroación de Xoán IV (1908), mural no Museo Militar de Lisboa

Regresou a Lisboa en 1895 e en decembro dese ano entrou como profesor interino de pintura histórica na Escola de Belas Artes; dous anos máis tarde foi escollido sobre Columbano Bordalo Pinheiro para o posto de profesor permanente. Desde entón, participou regularmente en grandes exposicións artísticas nacionais e internacionais, pintou por encarga para moitas institucións e grandes persoeiros, e obtivo varios premios e distincións (Oficial da Ordem Militar de Sant'Iago da Espada en 1896, Cabaleiro da Lexión de Honra francesa en 1902, membro da Academia das Ciências de Lisboa en 1907). Á parte de pintar en cabalete, decorou varios edificios públicos e residencias privadas, como a Sala do Tribunal do Palacio da Bolsa do Porto, a Cámara de Deputados no Palácio de São Bento en Lisboa, o Museo Militar de Lisboa, a Escola Médica de Lisboa e a Facultade de Ciencias da Universidade do Porto. Xunto co arquitecto Miguel Ventura Terra, tamén traballou na decoración do Teatro Politeama e na Sinagoga Shaaré Tikva.[2]

En 1901, consonte a reforma de educación artística, compartiu con Columbano a docencia da materia de pintura histórica.

En 1896 casou con Vitorina de Silva Mello, afillada do pintor José Ferreira Chaves. Deste matrimonio naceron José Miguel Veloso Salgado (nado en 1896), e Maria Adelina Veloso Salgado (nada en 1899). Cando a viúva de Ferreira Chaves pasou en 1903, Veloso Salgado herdou a maioría dos seus bens.

Veloso Salgado retirouse da pintura en 1940, aos 76 anos, e morreu cinco anos máis tarde, en 1945.

  1. "Veloso Salgado (José)". Portugal - Dicionário Histórico (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 03/03/2016. Consultado o 16/10/2017. 
  2. "Salgado, José Maria Veloso". MatrizNet (en portugués). Direcção-Geral do Património Cultural. Arquivado dende o orixinal o 24/06/2016. Consultado o 16/10/2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]