Vicente de la Mata
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 15 de xaneiro de 1918 Rosario, Arxentina | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 4 de agosto de 1980 (62 anos) Rosario (Arxentina) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 172 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1936 - 1952 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1946 | Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1946 (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1945 | Campeonato Sul-Americano de Futebol de 1945 (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Fillos | Vicente de la Mata (1944) |
Vicente de la Mata, alcumado Gallego e Capote, nado en Rosario o 15 de xaneiro de 1918 e finado na mesma cidade o 4 de agosto de 1980, foi un futbolista arxentino de orixe galega que destacou nas décadas de 1930 e 1940. Xogaba de dianteiro, tanto de interior como de extremo dereito, e foi un dos maiores ídolos do Club Atlético Independiente, no que formou xunto con Antonio Sastre e Arsenio Erico un tridente ofensivo co que o club gañou os campionatos arxentinos en 1938 e 1939. Gañou ademais o campionato de 1948 e foi internacional coa selección arxentina, coa que conquistou tres Copas América nos anos 1937, 1945 e 1946.
O seu irmán Francisco tamén destacou no fútbol arxentino, sendo campión con San Lorenzo, e o seu fillo, Vicente de la Mata, xogou tanto en Independiente como na selección arxentina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezos en Rosario
[editar | editar a fonte]Naceu no barrio República de la Sexta, da cidade arxentina de Rosario, sendo fillo de dous emigrantes galegos, Vicente de la Mata e Elena García.[1]
Comezou a destacar como un gran dianteiro nos seus primeiros tempos no club da súa cidade natal, o Central Córdoba, no que ingresou aos 12 anos.[1] Debutou co primeiro equipo o 12 de maio de 1935 no estadio de Belgrano, nun partido que foi suspendido, e no que marcou o seu primeiro gol tras retomarse o encontro uns días despois. Anotou 13 goles en 17 encontros esa tempada e na seguinte conquistou a Primeira División de Rosario.[1]
Carreira en Independiente
[editar | editar a fonte]Despois da súa actuación na Copa América de 1937, o Gallego, como era coñecido, converteuse nunha das figuras incipientes do continente, o que fixo que os clubs importantes da Arxentina se interesasen polo novo dianteiro. Ese mesmo ano foi contratado por Independiente, onde militou durante case toda a súa carreira, ata o Campionato de 1950. Marcou con este club 151 goles en 362 partidos e obtivo tres títulos (1938, 1939 e 1948).
Formou parte dunha das dianteiras máis lendarias do fútbol arxentino, xunto con Antonio Sastre e Arsenio Erico (máximo goleador da historia do fútbol arxentino). Esta dianteira anotou 218 goles en 66 partidos disputados (unha media de 3,3 goles por partido) durante os campionatos de 1938 e 1939.
O 12 de outubro de 1939, nun partido disputado no estadio Monumental contra River Plate, e que concluíu coa vitoria de Independiente por 3-2, marcou un dos goles máis famosos da historia do fútbol arxentino, polo que recibiu o alcume de "Capote". De la Mata recibiu o balón do porteiro Fernando Bello no medio do campo, e a partir de aí comezou a driblar xogadores rivais: José Manuel Moreno, o centrocampista José María Minella e, un a un, os defensas Luis Vassini, Carlos Santamaría e Alberto Cuello. De moi preto, enfrontouse á portería do gardameta Sebastián Sirni e, mentres Arsenio Erico o agardaba no medio da área, De La Mata colocou o balón entre o pau e o porteiro.[2] Dise que o seu compañeiro de equipo Antonio Sastre alcumouno "Capote" por este movemento, en referencia a un lance do xogo de cartas do tute cabrón.[3][4]
Newell's Old Boys e retirada
[editar | editar a fonte]A finta, o amague e o caneo foron as súas características máis recoñecidas, que soubo amosar en diferentes ocasións coa selección arxentina. Recoñecido fan do club Newell's Old Boys de Rosario, optou por retirarse nesa institución, xogando 23 partidos entre as tempadas 1951 e 1952 e marcando un gol.
Despois de retirarse en 1952, foi adestrador, sentando nos bancos de Independiente, Deportivo Morón, Dock Sud e Córdoba Central. De volta en Rosario rexentou o seu propio bar.[5] Morreu o 4 de agosto de 1980.
Selección nacional
[editar | editar a fonte]En 1937, con só 19 anos, recibiu a chamada de Manuel Seoane, adestrador da selección arxentina, para participar na Copa América que se disputaría no propio país suramericano. Nese torneo os arxentinos empataron no primeiro posto co equipo brasileiro, polo que ambos equipos tiveron que xogar un partido de desempate. No tempo regulamentario o partido rematou igualado, polo que foi necesario ir ao tempo extra, no cal o adestrador Seoane fixo debutar ao mozo De La Mata, quen marcou dous goles, dándolle a vitoria e a Copa América ao equipo arxentino.[6]
Na seguinte década gañou outros outras dúas Copas América: a de 1945 en Chile e a de 1946 na Arxentina. Xogou un total de 13 partidos coa camiseta do seu país e marcou 6 goles.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Foi pai do tamén futbolista Vicente de la Mata, que xogou tamén en Independiente, durante nove tempadas, e máis tarde en México e Chile.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Aira, Carlos (12 xaneiro de 2018). "¿A dónde va la gente? ¡A ver a Don Vicente!" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2021. Consultado o 16 de abril de 2021.
- ↑ "Vicente de la Mata: 100 años de leyenda". Asociación do Fútbol Arxentino (en castelán). 15 de xaneiro de 2018. Consultado o 16 de abril de 2021.
- ↑ "Hace 69 años. De la Mata hacía capote". La Nación. 12 de outubro de 2008. Consultado o 16 de abril de 2021.[Ligazón morta]
- ↑ "Un "Capote"". monarquiaroja.com. 4 de agosto de 2013. Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2014. Consultado o 16 de abril de 2021.
- ↑ "Eterno Capote: Vicente De La Mata, leyenda rosarina". El Ciudadano Web (en castelán). 15 de xaneiro de 2018. Consultado o 16 de abril de 2021.
- ↑ "Copa América 1997". rsssf.com (en inglés). Consultado o 16 de abril de 2021.