Virxe do Cristal
Virxe do Cristal | |
---|---|
Advocación da Virxe María | |
Historia | |
Veneración | |
Venerada en | Igrexa católica |
A Virxe do Cristal, tamén é coñecida como A Pequeniña ó tratarse dunha talla de reducidas dimensións, do século XVII, e estivo situada no Santuario da Virxe do Cristal, en Celanova, até 2015, ano en que foi roubada, permanecendo en paradoiro descoñecido desde entón.
Descrición
[editar | editar a fonte]A Virxe do Cristal, moi ligada ás tradicións da bisbarra de Celanova e á cal se lle atribúen varios milagres, componse dunha cápsula de cristal macizo de catro centímetros, o cal posúe o efecto dunha lupa, que á súa vez permite apreciar o que hai gardado no seu interior: unha lámina de vidro policromado de apenas dous centímetros, na que por unha banda vese unha efixie da Dolorosa, e por o outro unha imaxe da Virxe María co manto azul típico da Inmaculada Concepción, realizadas ambas as dúas con detalle e precisión e enmarcado todo iso nun baldaquino rematado por unha coroa dourada. Debido ao coidado con que a peza está realizada e o feito de que se atopa dentro dun bloque sólido de cristal, considerouse desde o seu achado como obra de poderes sobrenaturais, sendo a súa festividade celebrada o 15 de setembro.[1][2]
A Virxe do Cristal é a imaxe máis pequena dedicada á devoción mariana no mundo despois da das Letanías (Viacha, Bolivia), que desposuída do seu ouropel e roupaxes non acada os vinte milímetros.
Lenda
[editar | editar a fonte]A lenda sostén que a imaxe foi achada en Vilanova dos Infantes no século XVII por un labrego que se atopaba traballando a terra. O labrego gardouna inicialmente na súa faltriqueira mais, debido a que a peza non lle permitía moverse e ao non considerala valiosa, devolveuna ao chan, onde ao día seguinte foi atopada por unha moza labrega que levou a imaxe ante o cura de Vilanova.[3][4]
A súa fama chegou á corte de Felipe IV pouco despois da súa aparición. O rei mandou levar a imaxe onda el para que fose estudada polos sabios do palacio, quen chegaron á conclusión de que non era obra humana posto que non era posible introducir a imaxe naquel cilindro de cristal sen xuntas nin marca algunha.
A fama da Virxe do Cristal aumentou considerablemente no século XIX grazas a Manuel Curros Enríquez, quen publicou en 1880 unha longa composición, de máis de mil versos, a cal narra unha historia de amor na que a Virxe intercede entre os dous namorados, Martiño e Rosa, para repor a honra desta última, calumniada por outro pretendente.
Desaparición
[editar | editar a fonte]A Virxe do Cristal desapareceu en marzo do 2015 ó ser roubada da casa reitoral na que estaba gardada. O párroco que a custodiaba, Adolfo Enríquez Méndez, de 77 anos, morreu asasinado durante o roubo, e o seu cadáver foi atopado por un dos seus irmáns na palleira da casa reitoral estirado boca abaixo cun forte traumatismo no cranio. O cura vivía coa única compañía dun can, o cal foi atopado pechado baixo chave na casa, cuxas dependencias estaban desordenadas, o que desde o principio expuxo a hipótese do roubo como o principal móbil do crime. Segundo as testemuñas solicitados polos investigadores, a talla só ocupaba o seu lugar na igrexa cando se celebraba algunha cerimonia relixiosa, sendo custodiada o resto do tempo polo párroco, quen adoitaba levala enriba como medida de seguridade aínda que ocasionalmente tamén a deixaba nun moble da casa reitoral envolta na funda dunha cámara fotográfica.[5]
Descoñécese se os autores do crime tiñan conciencia do escaso valor material da talla, a cal fora taxada en 200 euros. O delegado de Patrimonio da Diocese de Ourense, Miguel Ángel González, declarou que a súa valoración como obra artística é testemuñal: «Non é unha obra de arte de primeira orde, mais ten un enorme valor emocional e histórico». Entre os obxectos que había na casa reitoral atopábanse pezas de maior valor e con máis saída no mercado negro que a imaxe da Virxe, moi difícil de vender dada a súa fama e peculiaridade.[6][7]
A pesar das detencións practicadas, segue sen coñecerse a identidade dos responsables do crime e o paradoiro da imaxe.[8][9]
Réplicas
[editar | editar a fonte]Pouco despois da súa desaparición, o restaurador de arte e pintor granadino Manuel Granai Luna elaborou unha réplica da Virxe do Cristal. Tras catro meses de investigación e traballo, Granai fabricou un relicario de sesenta pezas ensambladas, o 80% de metal, con madeira e material sintético dourado con pan de ouro e, no seu interior, o diminuto cristal sintético, a diferenza do orixinal de cristal, coas dúas imaxes da Virxe.[10]
Segundo Granai, calquera detalle e peza do relicario tardou días, mesmo semanas en atoparse. Algunhas pezas, como o pequeno anxo e o dragón, foron enviadas desde Estados Unidos e Francia respectivamente. A maior dificultade para facer a réplica radicaba na realización da cápsula de vidro coa imaxe da Virxe no seu interior, e foi preciso facer un grande número de probas así como calcular as proporcións mediante o uso dun ordenador para que a imaxe non se estragase o metela no cilindro.
Aínda que a réplica de Granai foi utilizada no 2015 durante a procesión, no 2016 esta imaxe foi substituída por outra pagada polo novo párroco que se asemella máis á orixinal. O proceso de construción da pequena bóla que acolle a imaxe policromada desta nova réplica foi laborioso ao precisar múltiples debuxos e probas para facer unha reprodución exacta. Aínda que o traballo foi feito a man, houbo que renunciar ao material que deu nome á Virxe xa que a pesar dos numerosos intentos, non foi posible inserir a imaxe nun vaso como na talla orixinal sen queimar a policromía, polo que tiña que ser de resina. No que respecta ao camarín bañado en ouro que alberga a imaxe, o actual é de prata no canto do bronce como o orixinal.[11][12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Vilanova dos Infantes e a Virxe do Cristal". Turismo de Galicia. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "El enigma de la Virgen que se esfumó con un crimen". El País. 19/01/2026. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "La irrepetible Virgen del Cristal". Vía Lethes. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "Vilanova dos Infantes e a Virxe do Cristal". Turismo de Galicia. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "El enigma de la Virgen del Cristal". 19/03/2015. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "El crimen de la Virgen de Cristal". El Mundo. 05/04/2015. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "El enigma del paradero de la segunda Virgen más pequeña del mundo que costó la vida al cura que la custodiaba". 13/05/2024. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "Archivado el crimen del cura de Vilanova dos Infantes y el robo de la virgen diminuta". Faro de Vigo. 28/06/2018. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "Unha exposición amosa a visión de máis de 30 artistas galegos da roubada imaxe da virxe do Cristal de Vilanova dos Infantes". 15/09/2023. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "Galidanzantes- Elas protagonizan a danza en homenaxe á diminuta Virxe do Cristal de Vilanova dos Infantes". 03/08/2024. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "Vilanova dos Infantes xa coñece á nova Virxe do Cristal". La Voz de Galicia. 29/08/20216. Consultado o 07/12/2024.
- ↑ "Vilanova dos Infantes se rinde al gran fervor que suscita la Virxe do Cristal". La Región. 15/09/2024. Consultado o 07/12/2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Virxe do Cristal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Virxe do Cristal, santuario da". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.